Mostrar mensagens com a etiqueta Dereitos humanos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dereitos humanos. Mostrar todas as mensagens

29/06/2009

Interdependencia e xustiza universal

Benjamin Barber é un avogoso teórico da strong democracy e un dos promotores dunha sonada Declaración de Interdependencia que se fixo pública en Filadelfia o 12 de setembro de 2003. Na Declaración pode lerse:
Nós, cidadáns do mundo, declaramos a nosa interdependencia como individuos e membros de comunidades e nacións distintas. Comprometémonos a ser cidadáns dunha única cidade-mundo, cívica, civil e civilizada. Sen prexuízo dos bens e intereses da nosa identidade nacional e rexional, recoñecemos a nosa responsabilidade para cos bens comúns e as liberdades da humanidade no seu conxunto.
Ironías do almanaque, o pasado 25 de xuño Benjamin Barber ocupaba a «Contra» de La Vanguardia e os xornais do día facíanse eco de dúas iniciativas lexislativas situadas nas antípodas do seu pensamento. Dunha tirada o Parlamento do Estado chapodaba a xustiza universal e aprobaba unha tímida Lei de Asilo.

Hai xa un bo tempo Noam Chomsky escribiu:
O principio de xustiza universal ten que ser o principio que regule as relacións entre os seres humanos no novo século que comezamos. De feito, a única posibilidade real e efectiva de xulgar os horrendos crimes contra a humanidade e evitar a impunidade dos máis grandes criminais da historia, é acudir ao principio de persecución universal dos delitos.
Cando nos encamiñamos cara á fin da primeira década do século XXI, neste curruncho da humanidade alguén decidiu iniciar a marcha no sentido contrario. En Disparando aos reloxos reflexiono sobre o malfadado convite á impunidade que representa o rebaixamento das competencias dos xuíces do Estado para perseguir as violacións dos dereitos humanos.

As pexas da nosa política de asilo xa foron anotadas con intelixencia por Javier de Lucas, presidente do Comité Español de Axuda aos Refuxiados. A nova Lei de Asilo e Protección Subsidiaria é bastantemente menos avanzada que as existentes noutros países da nosa contorna, Francia sen ir máis lonxe. Máis que unha porta aberta consagra unha porta entornada.

Os monstros que xestionan a máquina do horror e o terror bailarán de ledicia: grazas ás nosas leis as vítimas non só estarán máis desprotexidas fronte aos seus desmandos senón que ademais terán menos facilidades de escapatoria. Todo apunta a que se achegan malos tempos para a política da liberdade nos países economicamente máis desfavorecidos.

21/11/2008

O mozo do pixama de raias e outras crónicas

O mozo do pixama de raias azuis e brancas estaba sentado na cama, soprando burbullas. Non coa boca, senón a través do pescozo Estabamos na sala número oito do hospital de Natalspruit, en Katlehong, onde xacía xunto a outros 34 doentes, todos apuñalados ou tiroteados co sorte de haber sobrevivido a peor noite de violencia política que se viu este ano en todos os distritos negros de Sudáfrica [...] O mozo do pixama de raias azuis e brancas tiña un tubo e 7,5 centrímetros inserido na gorxa, xunto enriba da noce. O orificio polo que entraba un tubo fíxollo unha bala. Respiraba, gurgullaba, polo tubo. De aí as burbullas. Unhas burbullas de cor rosa claro, polo sangue.

O retallo é dunha peza xornalística que John Carlín escribiu en xullo de 1993. Carlín, que foi correspondente de diversos medios europeos en Sudáfrica entre 1989 e 1995, reuniu en Heroica tierra cruel (2004) unha escolma dos seus artigos, reportaxes e entrevistas sobre a fin do apartheid e sobre a Ruanda que sobreviviu ao xenocidio. No limiar Nelson Mandela lembra as arriscadas denuncias que facía nas súas crónicas sobre a existencia dunha «Terceira Forza», en complicidade cos poderes fácticos brancos de Pretoria, dedicada a desestabilizar o país, provocar a guerra civil entre os partidarios do Congreso Nacional Africano e Inkatha, e asegurar así a continuidade do apartheid.

Un magnífico libro. A miña lectura fica no seu ecuador pero estou ansioso por chegar ás páxinas que dedica a Ruanda, onde anuncia a súa admiración por Paul Kagame, un controvertido e fascinante personaxe que volve estar no ollo do furacán por causa da terceira guerra do Congo. Veremos se o xuízo de Carlin resiste a evolución do personaxe e a súa implicación na convulsa historia do país do corazón das tebras. As entregadas páxinas que dedica a Mandela, todo hai que dicilo, lense coa frescura do orballo outonizo e renovan a confianza na humanidade de Madiba.

19/06/2008

Decisións infames

Malos tempos para a lírica comunitaria europea. Pouco crédito fica das promesas maximalistas para a construción da Europa Social. Encánanse iniciativas que nos abanean entre o abraio e o noxo. Ampliación das xornadas laborais ás 65 horas; fiscalización rexistral dos blogs e a xa bautizada como a Directiva da Vergoña que vén consagrar unha infame vulneración dos dereitos dos inmigrantes.

Europa enrócase cunha norma que permite aos Estados membros reter aos inmigrantes á espera de expulsión, incluídos os menores, en centros de internamento até un máximo de 18 meses e que, tamén, prohibe volver á UE durante cinco anos a calquera inmigrante que sexa expulsado dun Estado membro. Como ben evidenciaron Delors e Rocard non deixa de resultar preocupante que «o primeiro proceso de codecisión sobre inmigración sexa un proxecto ligado á represión, antes de que as condicións de acollemento e de integración dos estranxeiros non comunitarios». A proposta chega cando aínda está quente o estrepitoso fracaso do Cumio da FAO sobre a fame no mundo, un dos catalizadores fundamentais das ondas migratorias desde o Sur Global.

Os eurodeputados do Partido Socialista (agás excepcións: Borrel, Obiols e Grau) aplaudiron da Directiva, bendicida tamén polo Goberno de España, aínda que esta é unha emenda á totalidade dos valores e dos novos dereitos cos que se adornan electoralmente. Triste de asombrar que se entenda que hai que apoiar a Directiva por ser «un avance na creación dunha política de inmigración común». É unha mala política común e tamén unha brutal recuada no respecto aos dereitos fundamentais das persoas inmigrantes ademais de ser unha vítoria dos peores postulados da máis resesa dereita. Semellante xiro copernicano respecto das políticas inmigratorias rebaixa a credibilidade do proxecto Zapatero 2.0 e a confiabilidade na súa política de valores.

Avaliando as enquisas sobre a mantenza de valores racistas e sexistas realizadas por WorldPublicOpinion.org, Peter Singer deixou unha achega sobre a asunción falsaria de certos novos valores: «Isto pode significar que as enquisas [...] indican non unha igualdade xeneralizada senón unha hipocrisía xeneralizada. No entanto, a hipocrisía é o tributo que rende o vicio á virtude, e o feito de que os racistas e os sexistas deban pagar este tributo é sinal de que algo se avanzou moralmente. As palabras teñen consecuencias, e é probable que o que unha xeración diga pero non crea verdadeiramente, a próxima si o crea e mesmo actúe en consecuencia. A aceptación pública das ideas é en si mesma un tipo de progreso, pero o que realmente importa é que xera presión que se pode utilizar para obter avances concretos.»

A Directiva da Vergoña evidencia, malfadadamente, un cambio de rumbo: nesta Europa sen proxecto social xa non hai lugar nin para a igualdade xeneralizada nin para a hipocrisía xeneralizada. Acabaremos tendo señardade daquela Europa de dobre rexistro moral xa que a que agora se nos anuncia é simplemente infame.

30/05/2008

Distopía: o e-Leviathan

Internet crea redes que dan liberdade pero tamén pode armar un tramado para abafarnos. Na enxeñaría da seguridade nacional e na xestión dos medos cidadáns todo o que cae na rede é peixe, é dicir, un pretexto (s)útil para fanar liberdades.

Mike Davis reflexiona sobre os novos vixiantes virtuais: «O control real sobre os movementos da xente non precisa tanto de muros, canto de tecnoloxía. É esa unha esfera na que creo que os EEUU están máis avanzados a punto a crear unha sociedade de vixilancia total. Perry, o gobernador de Texas, autorizou a instalación de cámaras en áreas fronteirizas de tránsito habitual, as súas filmacións poden verse en directo desde Internet. Así, creou vixiantes virtuais. [...] Internet convértese nunha ameaza para a liberdade, porque pode contribuír a que todos nos convertamos en vixiantes, en opresores, en cárcere dos outros: todos somos agora carceleiros que ollan os movementos dos demais.»

Un mundo de malpocados irmanciños controlados polo Grande Irmán é terríbel. Un mundo de irmanciños que gastan a súa liberdade vixiando a liberdade doutros irmanciños en substitución do Gran Irmán é dobremente aterrador. A vella sentenza «Homo homini lupus» reeditada por un ameazante e-Leviatán é a máxima desta renovada distopía.

20/07/2007

1.573, regreso ao pasado

Unha cousa é a liberdade de expresión e outra a libertinaxe. O xuíz da Audiencia Nacional, Juan del Olmo, ao ordenar o secuestro do número 1.573 da revista El jueves acaba de obrigarnos a dar un chimpo de carneiro cara ao pasado. Entende o maxistrado que a estampa coa que abre a súa portada é constitutiva do delito de inxurias aos Príncipes de Asturias e de menoscabo do prestixio (?) da Coroa e subliña que a caricatura na que aparecen é «claramente denigrante e obxectivamente infamante».

Denigrante e infamante é a trastempada acción censorial e o suposto prestixio da Coroa vai tardar moitísimo tempo en ser restaurado. A decisión que, de certo, será aplaudida polo coro constitucional é un insulto á intelixencia. A miña solidariedade coa revista que na súa primeira etapa ironizaba poñendo o lema «by appointment of the King» na súa capa. Houbo un tempo, en que en presenza dos Reis, os únicos que tiñan dereito a dicir as verdades incómodas e a trasgredir o (políticamente) correcto eran os bufóns. Hoxe en día nin iso. Porca miseria.

10/07/2007

A solución Schäuble e o medo gasoso

A Eduard Berstein, pai do reformismo socialdemócrata, un grandehome do SPD, Ignaz Auer, deulle un consello para que se coidase dos seus excesos declarativos: «Eduard es un asno; esas cousas fanse, pero non se din». Unha das bestas negras dos demócrata-cristiáns de Alemaña e actual ministro de Interior, Wolfgang Schäuble, tampouco é moi dado a refrear a súa acendida retórica. Coa súa última proclama fixo estourar un grande balbordo mediático que deixa en mal lugar a Angela Merkel e avergoña á Gran Coalición.

Schäuble queixouse a Der Spiegel das pexas xurídicas que impiden ao Estado alemán responder acaidamente á amenaza yihadista. Entende que é precisa a redución do garantismo legal e avoga por novas licenzas represivas como «a eliminación controlada de terroristas e sospeitosos», o establecemento do «delito de conspiración» ou a institucionalización de campos de internamento especiais. Con este novo repertorio, segundo o ministro alemán, o Estado de Dereito estará en condicións de facer fronte ás novas amenazas do fundamentalismo islamita.

Schäuble non propón nada que outrora non se teña levado á práctica na Europa democrática. O asasinato selectivo de elementos «subversivos» conta cun triste historial (cando menos) en Irlanda do Norte, Alemaña, Francia e no Reino de España. A idea de que a democracia se salvagarda nos sumidoiros do Estado serviu para enriquecerse con fondos de reptís e para xustificar algúns dos desmandos maiores contra os dereitos humanos.

A alarma global

Cambian os tempos e Schäble trata de verificar se mudaron tamén as vontades democráticas. A vaga de medo arrincou co 11-S e engordou cos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid e o 7 de xullo de 2005 en Londres axudando a erguer non só unha industria do medo senón tamén unha cultura do medo. Como subliña Mike Davis en As cidades mortas, «os estudos do medo [ou a chamada «sociofobia»] xurdiron como o novo nicho quente da academia». Desde aquela a bibliografía dos temores medrou que dá medo. Neste novo clima emocional a tensión entre liberdades e seguridade é especialmente adversa aos avances libertarios. A sociedade do risco lévase mal coa ampliación e protección de dereitos e liberdades.

O procedemento de alerta cidadán non é novo. Todo o século XX, desde a revolución de 1917, está asulagado por vagas de terror: primeiro o Terror Vermello, despois o pánico na posguerra mundial, a seguir o arrepío pola inminencia dunha guerra nuclear de destrución mutua asegurada, e nos oitenta as vellas/novas paranoias da chamada Segunda Guerra Fría. Leva toda a razón Davis: «o medo converteuse no principal contrapeso para o xiro á dereita desde 1980».

Medo sempre, medo en todas partes

Zygmunt Bauman escribiu en Medo líquido serias advertencias sobre as novas formas do terror e da súa xestión gobernamental, industrial e cultural. A partir do 11-S (antes quizais co pánico tecnolóxico ao efecto 2000) o centro de gravidade da civilización occidental é inequivocamente o medo. A Bauman gústalle enfatizar a situación paradoxal na que vivimos: «Foi precisamente nesa parte na que se goza dunha seguridade e unha comodidade sen precendentes [...] onde a adicción ao medo e a obsesión "securitaria" realizaron progresos máis espectaculares nos últimos anos. Contra toda proba obxectiva, as persoas que vive na maior comodidade rexistada na historia síntense máis ameazadas, inseguras e atemorizadas, máis inclinadas ao pánico e máis apaixonadas por todo o relacionado coa seguridade e a protección...»

Bauman recupera a sentenza coa que Lucien Febvre resumiu a experiencia de vida no século XVI: «Peur toujours, peur partout.» O novo eslogan da industria do medo e seguridade autoritaria.

O enfoque descartado

Longa cita de Bauman. «Á vista das probas que dispoñemos até o momento poderiamos aventurarnos a afirmar que cando (ou se) os actos terroristas acaben perdendo intensidade, será malia (e non grazas) á crúa e esmagadora violencia das tropas militares, que só serve para fertilizar o terreo no que o terrorismo florece e impedir a resolución dos problemas sociais e políticos previos, que son os únicos que poderían cortalo de raíz. O terrorismo debilitarase e finará só cando (ou se) se corten e arrinquen as súas raíces sociopolíticas. E, iso por desgraza, precisará de moito máis tempo e esforzo que unha simple serie de operacións militares de castigo e, mesmo, que un conxunto de accións policiais por moi exhaustivamente preparadas que estexan» [Medo liquido, Paidós, Barcelona, 2007, páx. 142]

O enfoque adevecido

Outro extenso parrafeo de Bauman. «Os perigos que máis tememos son inmediatos; comprensibelmente, tamén desexamos que os remedios sexan inminentes, "solucións rápidas" que proporcionen alivio ao momento, como analxésicos listos para levar. Aínda que as raiceiras do perigo poidan ser entreveradas e complicadas, desexamos que as nosas defensas sexan simples e estean preparadas para ser usadas aquí e agora. Amólanos calquera solución que non prometa efectos rápidos e fáciles de acadar, e que, en cambio, precise de moito tempo antes de que poidan apreciarse os seus resultados. Máis aínda moléstannos as solucións que requiren que prestemos atención aos nosos propios defectos e faltas, e que nos instan —ao xeito socrático— a "coñecernos a nós mesmos". E aborrecemos por completo a idea de que, neste senso, son poucas ou nulas as diferenzas entre nós, os fillos da luz, e eles, a camada da escuridade [idem, pp. 148-149]

A solución Schäuble

Non por ir advertidos, imos abraiarnos menos. Wolfgang Schäuble unicamente puxo altavoz ao que algúns colegas queren facer en silencio. Unha solución express, directa, ruda e de alivio inmediato: a eliminación controlada de terroristas e sospeitosos. Vítima dun atentado que o atou de por vida a unha cadeira de rodas, Schäuble séntese lexitimado para exercer como o profeta armado da nova seguridade europea e faino sen medo a que se lle recorde que tivo que demitir da xefatura do CDU por ter aceptado en 1994 unha doazón ilegal dun traficante de armas ou que as súas reiteradas proclamas racistas son un chamado a violencia.

Para o triunfo da reedición autoritaria das nosas democracias, Schäble, e outros como el, saben que o medo ten que deixar ser líquido para pasar a ser gasoso. Un medo líquido, con todo, é repreixábel e conducíbel democraticamente. O verdadeiramente incontrolábel é o medo gasoso, ese que se mestura e confunde co aire que respiramos e que finalmente nos abafará. Canto máis nos encore, máis decididos estaremos a sacrificar as nosas liberdades a cambio da nosa sobrevivencia.

05/12/2006

RG # 4: Pinochet

Pinochet na súa condición de doente imaxinario ocupa as primeiras horas da mañá. Comparte protagonismo co esmagador triunfo petroelectoral de Chavez e o quero-pero-non-podo da suba do recibo da luz.

Os terminais devalos aos que está sometida a saúde do matachín e ditador chileno causan abraio entre demócratas e galenos; cada que vez que o idoso terrorista pisa a liña da morte recibe unha mellora xudicial que lle devolve á vida. Agora coa extremaunción dáselle tamén a liberdade baixo fianza; un xeneroso beneficio do Estado de Dereito que el combatiu asañadamente.

Dicir que Pinochet é merecente de ocupar unha das páxinas máis sórdidas da historia da infamia do século XX non é dicir demasiado pero case que o di todo. Pinochet fixo realidade con toda a súa crueza aquela sentenza coa que nos amenazaba Leon Tolstoi: «Sen hipocrisía, mentiras, castigos, cárceres, fortalezas e crimes non pode xurdir ningún novo poder nin sosterse o que existe.» Agás a democracia habería que matizar.

Augusto Pinochet decidiu brutalmente sobre vidas e facendas, violou todos dereitos e corruptamente amasou unha inmensa fortuna; na súa soberbia tentou ademais que o seu mandato de terror fose dalgún modo plebiscitado favorabelmente e, para ben, foi democraticamente derrotado. Pasa os últimos anos da súa vida asediado pola memoria das súas vítimas e sería de xustiza que un tribunal penase os seus crimes, aínda que só sexa para que non se converta na icona dunha brutal impunidade.

Actualización 10/12/2006: A historia gasta en crueis ironías. Finou o Día Internacional dos Dereitos Humanos. O vademecum da liberdade e a dignidade e o seu contrario absoluto na mesma folla do calendario.