Mostrar mensagens com a etiqueta Gürtel. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Gürtel. Mostrar todas as mensagens

15/10/2009

Ese líder chamado Rajoy

Tras as tirapuxas, as declaracións solemnes, os desmentidos, os compromisos e os trasacordos do martes 13 e da amencida dun tristeiro mércores 14, nada volverá ser como antes na relación de Rajoy con Camps e viceversa. Na estelar rolda de prensa de hoxe Rajoy insistiu en que a vida segue igual; pode enganarse canto queira pero atrás quedan definitivamente os tempos felices nos que afirmaba de Camps: «Somos parecidos, temos vidas paralelas.»

O espectáculo que nos regalou o Partido Popular é un híbrido da derradeira noite do Titatic e do camarote do irmáns Marx. Drama e disparate. O seu balance provisorio pode resumirse no retrouso da canción de Rubén Blades: «Yo que pensaba 'hoy no es mi día estoy salá', pero Pedro Navaja tu estas peor, no estás en na'». Aínda que resulte ben difícil determinar se é Camps ou Rajoy quen protagoniza a escea terminal de Pedro Navajas.

Entre o imposíbel e o inevitábel


Francesc Cambó deixou dito que «hai dúas maneiras certas de chegar ao desastre: unha, pedir o imposíbel; outra, atrasar o inevitábel». Des que se fixo público a entrega primeira do sumario de Gürtel, os dirixentes populares teiman en pedir o imposíbel e en adiar o inevitábel. Con este guión compareceu hoxe Rajoy diante dos medios de comunicación. Por máis empeño que lle poña é imposíbel que as revelacións sobre a trama de financiamento ilegal dos conservadores non teña efectos políticos de calado, e é inevitábel que han de ter que tomar de decisións contundentes se se quere rexenerar a credibilidade do Partido Popular.

Á marxe de todas as reservas sobre posíbeis efectos electorais negativos do escándalo da economía en negro do Partido Popular, a exposición pública dos trapos sucios da casa Gürtel e o desencontro con Camps esnaquizan de vez a coalición de intereses que callou no Congreso de Valencia no que se renovou o liderado de Mariano Rajoy tras a derrota electoral de 2008. Nestes momentos, continuidade ou refundación é unha dicotomía enganosa, non hai posibilidade ningunha de continuidade, pode haber refundación con Rajoy ou sen Rajoy, pero os tempos de Rajoy como continuísta sen complexos pertencen ao pasado. Toca liderar unha refundación non gatopardiana do Partido Popular.


Liderado pasivo

Unha lectura de El Mundo, xornal amigo, dá boa conta da malleira que está levando o presidente do Partido Popular. El Mundo esixe un duce ou, se non queda outra, un condottiero, Rajoy ofrécese como un xestor de rendas pasivas: falto de capacidade de iniciativa e anticipación, sen autoridade e desposuído de calquera dos atributos que se lle piden a un líder en situacións de crise.

A listaxe de atributos desexábeis para un líder é inmensa, Isaac Berlin anotou algúns dos requirimentos básicos:
Damos confianza a determinadas persoas non polas súas calidades intelectuais, senón porque lles atribuímos bo ollo, sentido e olfacto político, porque cremos que non nos defraudarán cando veñan os momentos de tensión e conflito, porque confiamos no seu sentido de ponderación e equilibrio necesarios para manter as coalicións necesarias e non xerar antagonismos innecesarios.
A tradución que Mariano Rajoy fai destas palabras é: «Din unha resposta política axustada a cada caso concreto», o que quere dicir exactamente é que se entregou ao wait and see, ao quietismo decisional e, sobre todo, á innovadora estratexia de indiferenza. Aqueixado da síndrome de Bartleby, diante de calquera encomenda de liderado, Rajoy sempre prefire non facelo.

Está dispoñíbel na rede Líderes para el cambio social, un magnífico traballo colectivo de Ignasi Carreras, Amy Leaverton e María Sureda. Nin ten que dicir que Rajoy non encaixa con modelo positivo de liderado de cambio ningún. Nas súas páxinas Carreras debulla diferenzas entre xestores e líderes que ben resume nunha frase: «Os líderes xeran cambios. Os xestores conseguen resultados predicíbeis.»


O plus de resistencia

Rajoy quere sobrevivir como xestor previsíbel das boas expectativas electorais que as sondaxes de opinión dan ao Partido Popular. A súa principal baza é o temor das familias conservadoras a ofrecer unha imaxe de desunión, factor de desconto electoral que é, sempre, de moita maior virulencia que os casos de corrupción, máis fáciles de contrabandear no sabido «son todos iguais». Para que complicar aínda máis unha situación xa de por si desfavorábel, preguntaralle enchoupado de sentido común Rajoy á dirixencia das bandeirías «populares».

Rajoy segue confiando en que ninguén se arrisque a moverlle a cadeira aínda que só sexa porque no soto da súa conciencia comparte a definición que Elbert Hubbard deu dun conservador: «Un home demasiado covarde para loitar e demasiado gordo para fuxir.» O presidente do Partido Popular confía no peso dos intereses compartidos por todas as tribos conservadoras e na covardía dos presuntos sucesores que ían ter que estrearse cunha problemática rendición de contas ante os cidadáns por causa das retesías internas, do Gürtel e da perda de iniciativa política que representaría, a estas alturas, remudar o liderado partidario.


A segunda fortaleza de Rajoy radica no substrato resistencialista da súa concepción política e que parece tomado directamente do nacionalismo galego. Poucos terían sobrevivido a episodios como os «hilillos de plastilina» do Prestige, á mentira
institucionalizada da intervención militar en Iraq ou ao infame teatro do 11-M, á perda do poder en 2004 e á súa segunda derrota electoral ante Zapatero en 2008. As únicas alegrías políticas de Rajoy son o triunfo en Galiza o 1-M e a vitoria nas pasadas eleccións europeas. Ración mínima.

É posíbel que nestes atribulados tempos Rajoy repita como un mantra unha sentenza que lle debe a Fraga Iribarne: «En política todas as vitorias son efémeras, e todas as derrotas provisorias.» Filosofía que explica a lonxevidade política de don Manuel e que nestes días ha de ser un dos poucos consolos espirituais que lle quedan a don Mariano.

12/10/2009

Unha política máis esixente


12-O, un día revirado para José Luís Rodríguez Zapatero. No desfile rigorosos apupos, no pequeno almorzo unha desesperanzadora sondaxe de El Público. Unha folla do almanaque para arrincar antes de que remate o día. O resumo do inquérito é esmagador: os conservadores conseguen unha avantaxe de 5 puntos na estimación de voto (PP: 43%, PSOE 38%), a valoración de Rodríguez Zapatero esbarróase, o PSOE perde 2,5 millóns de votos (5,6 puntos menos que en 2008) e as fugas de votos socialistas camiñan en todas as direccións (PP, IU, UPyD), Rajoy obtén mellor valoración que Zapatero en Andalucía, o rexeitamento do Partido Popular redúcese en todo o Estado, as preferencias dos electores máis novos asinan un empate... Anuncio de desastres maiores.


O factor de desconto electoral fundamental do PSOE son as súas políticas económicas. O Partido Popular perde apoios pola multiplicación dos casos de corrupción pero a trabada é moito menor. A enquisa é anterior a primeira gran traca do gürtelazo, haberá que agardar para contabilizar os seus efectos, pero a orballada previa de corrupcións corruptelas fai perder ao Partido Popular (tan só) o 6% dos votos. O acantoamento dos votantes socialistas na abstención como consecuencia do desencanto do programa económico é o que engorda o saldo positivo do Partido de Gürtel.


Na súa análise, José Luís de Zarraga, faise a pregunta de todas as preguntas: É posíbel que a corrupción non afecte ao voto do PP? A súa resposta:
Aínda que na conxuntura pola que está a pasar o Goberno non se note, o PP está a perder votos por mor da corrupción, aínda que por agora en moita menor proporción que os perdeu fai 15 anos o PSOE.

Hai que advertir, con todo, que o efecto dos escándalos de corrupción política sobre o voto aos partidos afectados como proban as experiencias anteriores en España é retardado e indirecto. É retardado sempre porque as imaxes dos partidos e a adhesión afectiva dos seus votantes que son factores moi determinantes do voto cambian lentamente. A corrupción produce unha deterioración segura da imaxe do partido e debilita a disposición a votarlle. Pasa factura sempre, pero esta adoita abonarse a medio prazo.


Por outra banda, o efecto electoral desa deterioración adoita ser indirecto, porque máis que a cambiar o voto induce á abstención. É certo que nos partidos principais hai un núcleo maioritario de votantes que se identifican con eles e vótanlles en calquera circunstancia aínda que sexa a desgusto, pero con eses votos sostense o solo electoral do partido, non se gañan as eleccións.
Estas contas explican a estratexia da indiferenza de Mariano Rajoy; a pegada negativa chegará pero, segundo os seus cálculos, farase notar nos minutos de lixo cando o partido electoral estea xa decidido. Non é difícil prever as liñas grosas da súa estratexia, aguantar e tirar para adiante, intensificar o acoso ao goberno a través da presión mediática e de accións de barra brava no Parlamento, coordinar coas megacorporacións (CEOE, CECA...) a fronte de rexeitamento das políticas sociais e laborais do Goberno, e manter na rúa unha guerra de baixa intensidade ao abeiro do malestar xerado pola recuada económica como parte das manobras de contención dos electores progresistas na abstención xa que desargumentadas as posicións de esquerda ninguén vai dar a cara nos bares por un goberno indeciso, desnortado e cun líder que perde vagarosamente forza.

Se os estrategos de Génova non fallan, Zapatero seguirá caendo como un peso morto, será incapaz de aprobar os orzamento de 2011 (por abandono dos seus actuais socios parlamentarios que non van querer pagar a factura electoral do seu seguidismo) e non quedará outra que convocar elección xerais coincidindo coas eleccións municipais. Unha convocatoria de todo ou nada. É entendíbel que Ferraz non queira pensar en semellante cita e de aí que se confíe cegamente en que Gürtel crebe o espiñazo do Partido Popular e xubile anticipadamente a Mariano Rajoy. Unicamente iso adiantaría os efectos electorais negativos, forzaría unha crise de sucesión no Partido Popular e deixaría ao PSOE como única alternativa de goberno.


Lajos Kossuth, o líder da revolución húngara de 1848, dicía que a política é a ciencia das esixencias, non lle faltaba razón; por iso os electores vanlle esixir ao PSOE moito máis que unha desesperada política-do-mal-menor, canto máis tarden en transformar a súa estratexia de medo á dereita nunha política de confianza na esquerda máis peor lles vai ir. Faríanse un ben se deixasen de pensar no afundimento apocalíptico da Casa Gürtel e comezasen a traballar nunha nova estratexia coa que recuperar algo de engado cidadán. Unha estratexia de cambios sociais, económicos e político esixentes e de calidade, sen enxeñosas improvisacións, xestos baldeiros e paus de cego.

10/10/2009

Casa Gürtel

Gürtel comeza a pasar factura tamén en Galiza. Seguindo a estratexia da indiferenza ditada polo sempre iluminado Mariano Rajoy, Núñez Feijóo prefire (aparentemente) ollar para outro lado, neste caso para o prezo do leite. A extensión da enxurrada de corrupción fai conveniente que deixemos de falar do Caso Gürtel para chamarlle xa Casa Gürtel, o asunto da corrupción e financiamento ilegal non é un anomalía puntual, é a norma, o xeito normalizado de manexar os asuntos do diñeiro e o poder en todo goberno no que o Partido Popular suma, con continuidade, maiorías absolutas. A irregularidade é a marca da Casa.

En Casa Gürtel goberna a caixa B, a dobre contabilidade e a dobre moral, o desbaldo dos servizos pagados pero nunca realizados, a confusión do público co privado, a repartición do orzamento público como botín, o nepotismo e, durante moito tempo, a soberbia fachenda da impunidade. O esterco da Casa Gürtel abonou, e abona, as florecentes maiorías absolutas do Partido Popular. A omertá, a limpeza dos trapos sucios na casa, non falar mentres se teña a boca chea, apertar o cu nos momentos difíciles e manterse amigabelmente unidos no búnquer e discretamente arredados nas caixas de caudais ou de seguridade dos bancos son algunhas das normas domésticas que dita a economía moral da Casa Gürtel.

Agora que a prisión e a ruína ameazan á outrora podente Casa Gürtel, vale aínda máis a indicación de Walter Benjamin: «Nas ruínas dos grandes edificios a idea do seu proxecto fala con máis forza que nos edificios de menores proporciones, por ben conservados que estean.» A ruína de Gürtel explica mellor a idea de goberno do Partido Popular que o goberno pretendidamente austero e franciscano de Núñez Feijóo e outros intelixentes bolseiros da Fundación Gürtel para unha Gobernanza Decente.
Quizais por iso Feijóo, rexeneracionista pasivo, cre que alterando a orde de factores pode alterar o produto e quere salvar a honorabilidade do Partido da Casa Gürtel: «Se hai persoas que se aproveitaron, se lucraron da súa pertenza a un partido político, ese partido ten que apartalos.»

Non obstante, o espello xudicial devolvenos esa imaxe pero virada: hai un partido político que tamén se aproveitou desa trama empresarial corrupta para financiar (parte non pequena) da infraestrutura base da súa hexemonía política en Galiza, Valencia e a Comunidade de Madrid... Os emprendedores de Gürtel facían cartos, para eles e para a caixa do partido, engraxando a maquinaria da dominación política do Partido Popular. Feijóo quere que ollemos o dedo, non a lúa.


Mentres Manuel Fraga segue confiado en que a historia o absolverá, Feijóo sentou as bases da súa estratexia de defensa. En 1999, annus horribilis de Casa Gürtel en Galiza, confésanos o noso incorruptíbel e austero presidente que non estaba afiliado ao Partido Popular, el abrazou primeiro a nómina de alto cargo e despois o carné. Feijóo é un militante novo milenio, antes dedicado tecnócrata e, despois da maioría absoluta de Aznar, xa un decidido home de partido a partir de 2001. Daquela el só era un honrado servidor público do goberno máis grande do Partido da Casa Gürtel.


Esa devasa cronolóxica para arredarse da economía negra de Casa Gürtel acompáñase da consabida procura de alguén a quen botarlle o morto. Comezou a selección de as cabuxas expiatorias e os comedores de pecados no Partido Popular. O tres de Madrid paparán a súa ración e tamén o rancho dos que se sentan na modesta mesa de Esperanza Aguirre. Ricardo Costa fai o Camiño de Santiago para expiar as culpas do campismo.

En Galiza o morto botaráselle a Xosé Cuíña que xa descansa dous metros baixo terra. A estratexia de Feijóo pasa, perdoen a negrura, por enterrar as súas responsabilidades xunto co (presunto) responsábel. Ocuparanse os homiños do presidente de deslizar onde conveña que el é un militante novo milenio que entrou no Partido Popular da man de Romay Beccaría que, xunto con Mariano Rajoy, lideraban en Galiza a oposición aos demandos do caudillo do Deza, co beneplácito de José María Aznar. E a seguir preocupándose do prezo do leite.


Casa Gürtel será (presumibelmente) condenada nos xulgados, veremos até canto é castigada nas urnas, pero triunfa e seguira triunfando na escola de negocios. Por iso Feijóo debería principiar a pensar na factura que vai ter que pagar por ser actualmente o brillante administrador da herdade galega da Casa Gürtel. A factoría de conciencias de Sabón traballa xa a pleno rendemento delimitar o que é correcto e o que é indecente.

Como no tempo da outra gran crise de lexitimidade do PPdeG, a provocada pola catástrofe do Prestige, a Corporación converterase no principal partido da leal oposición, será ela quen xestione as críticas para evitar que o desgaste se torne en rédito electoral para o PSdeG e o BNG e para só contabilice en beneficio da súa facturación. Por venda de xornais mansamente críticos. Por favores debidos.