Mostrar mensagens com a etiqueta Sumidoiro de medios. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Sumidoiro de medios. Mostrar todas as mensagens

23/12/2009

Política Cero

É improbábel que Núñez Feijóo saiba de Laureano X. Vidal, un rudo político priísta, autor duns desapiadados aforismos que sintetizan o ADN dos gobernos amantes da «política cero»: «O poder gáñase, non para facer cousas, senón para non perdelo.» «Un goberno non produce nada, agás antigüidade.» «O que teño que ofrecerlles realmente non é visíbel nin palpábel. E é que o único que teño que ofrecerlles é a idea de que teño algo que ofrecer.» Aquí os principios da gobernanza que máis lle reinan ao noso presidente.

Nunca teimou tanto o Partido Popular en baleirar de política a sociedade e o goberno galego. O seu ideal é a cancelación da política, unha sorte de expropiación difusa dos dereitos de cidadanía, para impoñer a primacía do goberno como simple administración e un xogo clientelar, sen marxes maiores de participación, co que satisfacer demandas brandas e a concesión de favores atendendo a outra máxima do ideólogo priísta: «En política un nunca ofrece; debes esperar a que pidan. A xente sempre está disposta a apoiarte por moito menos do que imaxinas.»

A hiperpolitización é sempre un dos compoñentes da estratexia de asalto ao poder do PP. Daquela todo vale, forme parte ou non da axenda política, para maximizar os réditos electorais.; no goberno, a idea dos tecnoconservadores é outra; unha sociedade eficiente ha de ter un abaixado perfil político, o seu resumo é unha máxima de democracia mínima: «Os cidadáns queren solucións, non debates.»


Achicar espazos á política é un obxectivo principal da Nova Política Informativa (NPI) do goberno do PPdeG. Reparemos nos boletíns informativos da CRTVG: os únicos debates que se enfatizan son os da política do Estado e, singularmente, os temas desvantaxosos para o PSOE: crise económica, desemprego, conflitos con produtores, turbulencias financeiras, inseguridade cidadá... A política –e o que pasa por ser o seu núcleo duro, a economía– é un asunto do Estado que se acouta ao xogo antagonista entre o mal goberno e a boa oposición.


A NPI aprovéitase da perda de credibilidade dos partidos, avivecida pola vaga da corrupcións e corruptelas, para esluír a axenda política galega, banalizar os debates e sobre todo enxalzar os temas de «interese social e humano». A política, dise, non amplía audiencias nos medios públicos e o debate de ideas, de existir, ha ser un sucedáneo do entretemento, para adormecer máis que para informar, que ten que servir, esencialmente, para distraernos das malas noticias e dos discursos críticos ou disidentes.

Á carón da narcotización da información, dáselle primacía ás «declaracións» do goberno a penas confrontadas coas opinións da oposición e, cando se exhibe pluralidade de voces, é basicamente para evidenciar unanimidades. Como ilustrou Drummond de Andrade: «A unanimidade comporta uma parcela de entusiasmo, uma de conveniência e uma de desinformação». A NPI, por mor da falta de entusiasmo cidadán coa bendicida acción de goberno, explota as conveniencias (as desvantaxes dos rivais) e, sobre todo, a desinformación.

A falta de credulidade nas solucións do goberno conservador compénsase, logo, coa construción ficticia de unanimidades. Esta é a nova misión dos medios públicos galegos e dunha boa parte dos privados que atenden ás súas directrices de Política Cero. A imposición da unanimidade é un servizo informativo que se presta xenerosamente ao país. Quizais, sen sabelo, os estrategos de comunicación da Xunta e a CRTVG comparten filosofía co afoutado Laureano X. Vidal: « Tras unha historia rica en desacordos [...], entre bandos e no mesmo bando, toda discrepancia é vivida como unha crise. Cada vez que alguén disente o país sente irse á deriva. Non en balde somos o país dos monolitos.»

A NPI de Feijóo está ao servizo dun goberno sen discusión, dunha política en nada interactiva e do formateado da mediasfera galega como factoría de consensos obrigados e como negación, en definitiva, dunha cidadanía que unicamente é tal se se constrúe sobre a base da información de calidade, da participación plural, da deliberación esixente e da discusión libre de pareceres, intereses e políticas. O seu obxectivo: unha Galiza monolítica, obediente, submisa e eternamente conservadora.

04/12/2009

Fotoeditorial


Hai fotografías que son máis definidoras (e definitivas) que calquera editorial. A estampa de Xoán A. Soler, que presidía a portada de onte de La Voz de Galicia e coroaba a posta en escena do consenso das nosas forzas políticas ao redor da fusión das caixas galegas, sintetiza o xuízo do todopoderoso xornal sobre o papel que lle corresponde a cadaquén na repartición de poderes no noso país.

O retrato presídeo (non podía ser doutro xeito) Núñez Feijóo que busca cámara e ponlle dálle voz a solución de «galeguidade e solvencia» que o xornal que máis ordena aplaude e desexa adevecidamente. Vázquez (Manuel), á dereita do protagonista, abaixa a ollada para saber da hora. En, harmoniosa simetría, Vázquez (Guillerme), con non menor elegancia, procura con ollos deitados a mesma feliz hora que o líder do PSdeG.


Max Aub dicía que hai tres categorías de persoas: os que contan a súa historia; os que non a contan; e os que non a teñen. É doado asignar papeis. Quen conta a historia. Quen non a conta. Quen non a ten. Nin o máis entregado asesor presidencial soñaría cunha escenificación máis gloriosa para zafar dunha situación tan complicada e espiñenta. Feijóo tenlle que estar eternamente agradecido aos dous Vázquez. Santiago Rey Fernández Latorre un pouco menos porque, no derradeiro prazo da letra, Roma nunca paga nin a cándidos nin a traidores.


Que Feijóo se pregue á estratexia da Corporación non ten maior ciencia. Que o PSdeG se sume obrigado tampouco. Que o BNG se decida pola solución do lobby dos poderosos que, cando menos desde 2007, procura por todos os medios a súa aniquilación política obriga a Guillerme Vázquez e algúns outros a contar unha boa historia que xustifique unha cambiada de xogo que pasa por solidarizarse cos intereses dunha das caixas (onte non se escenificaba unha solución de integración senón un ultimato aos «irredutíbeis localistas» de Caixanova) e apostar pola fusión como única fórmula para asegurar a galeguidade das entidades financeiras.

Alén diso, o máis rechamante é a falta da máis mínima vontade de sumarse ao consenso explicitando condicións, singularizando unha esixencia, acoutando a marxe de manobra de Feijóo; moi ao contrario, graciosamente as achegas máis singulares do BNG foron para ampliar dar aire ao protagonismo e discrecionalidade do presidente do PPdeG, para liberalo de presión política e mesmo para blindalo ante un posíbel fracaso.

De prosperar a «solución Feijóo-Méndez-Fernández Latorre» que se despida Guillerme Vázquez de calquera loureiro, se tiña algunha esperanza que repare na magnifica fotografía de Xoán A. Soler.
Se fracasa a fusión por mor da negativa de Caixanova, Feijóo compartirá os custes con Vázquez e Vázquez. O noso presidente formalizou unha sociedade de intereses con eles dous co mesmo obxectivo que Méndez-Fernández Latorre impulsan unha OPA hostil (baixo a xentil denominación de fusión) contra Caixanova: a socialización das súas perdas pola derrama do seu modelo de negocio financeiro. A sabedoría popular explícao con poucas palabras: «Benditos sexan os listos que dos burros se apoderan.»

Cústame crer que todo esta cantinflada sexa consecuencia dun acordo entre o presidente, o presidente-editor e a UPG no papel de partido-guía do BNG, como expresión torcida dun pacto (secreto/discreto e inconfesábel) con contraprestacións políticas e melloramentos de trato mediático. Paréceme que obedece máis a un mal aínda maior que compromete seriamente o futuro do BNG: a cancelación da política e a imposición do imperio do clixé ideolóxico.

Mal nos vai e peor nos irá, se cremos que convertendo ao BNG nunha expendiduría de receitas ideolóxicas imos recuperar audiencia e peso político. As «solución en clave de país» ou o rol das caixas como «axentes financeiros nacionais» non resisten o primeiro round coa teimuda realidade. Méndez, Rey ou Gayoso non atenden a ningún país ideal, teñen intereses, posicións de privilexios, beneficios que protexer e débedas que escamotear, e arman estratexias e alianzas para gañar eles e non para que se beneficie ningún outro país que non sexa o do seu clan.

Está por ver a primeira participación activa de calquera das caixas nun dos tan vindicados proxectos de país, nas operacións comprometidas non nas benéficas obras sociais e culturais. As caixas non teñen unha natureza decisional diferente da dos bancos, nin a súa lóxica de negocio é máis altruísta, non se deben aos seus impositores, Galiza non é a súa empresa colectiva senón o seu principal mercado. Cantinflas sintetizou maxistralmente a relación dos xestores da nosas caixas co país onde fan lucrativos negocios: «Se se necesita un sacrificio... renuncio a miña parte e collo a súa.»


A ideoloxía ocúpanos o lugar da política, o país imaxinado impídenos ver o país real, Teresa de Cálcuta tomou o relevo do Lenin da análise concreta da situación concreta. Sobraría con ver o que fixo politicamente o Partido Popular no pasado trienio para saber o que non había que facer. Quedáronlle entaladas as mans a Touriño e a Quintana de tanto tenderllas a Feijóo para procurar consensos mínimos no novo Estatuto, nas infraestruturas, na axilización dos traspasos de competencias, na busca dunha saída para a Cidade da Cultura, na sinatura de acordos operativos para enfrontar a crise...


Sei que cómpre non mesturar allos con bugallos pero se rastrexamos cal foi o último gran acordo «en clave de país» que subscribiron PPdeG, PSdeG e BNG, consenso bendicido por organizacións sociais e cidadáns de amplo espectro, posibelmente acabásemos por dar co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2005. Ese mesmo consenso lingüístico que Núñez Feijóo enterrou para sempre como primeira decisión da súa estratexia de desnormalización cultural.


Ben abonda con reparar nos nove meses gloriosos de gobernación da novísima dereita para saber até onde chega a súa política cordial, o seu reformismo conservador, o galeguismo amigábel, a eficacia como principio reitor das súas actuacións e a prometida coalición de goberno cos cidadáns.

Por se aínda nos resistimos a aceptar como funciona a cousa, aquí temos o resumo que nos deixou un dirixente do PRI pouco escrupuloso: «A política é como unha pelexa de galos: só un gana e o outro morre. Quen lle apostou ao perdedor ten que pagar. E nós nunca perdemos e, se perdemos, non pagamos.»

Podemos estar certos que está primeira rolda das caixas imos pagalas nós. Quen teña dúbidas que mire para a foto dun presidente presta a súa voz ao poderosos e dous líderes da oposición que só miden o tempo fuxidizo que nos achega, se non o remediamos con intelixencia, a novas derrotas.

22/11/2009

Excelencia xornalística

Taxonomía de inimigos coa que nos agasalla Andrés Neuman en El equilibrista: «Hai dúas clases de inimigos: os que nos indignan e os que nos deixan pensando.» Supoño que hoxe coa lectura matinal de La Voz de Galicia, Emilio Pérez Touriño non tería dúbida respecto de que tipo de espécime escribiu o ilustrado apunte que acompaña a crónica política que titularon «Touriño y Quintana se resisten a marchar».

Paga a pena reproducir ese excelso apunte para saber de que tipo de lixo se trata:
O ex presidente, disposto a ser deputado polo menos até o 2011. Touriño buscou a súa propia vía para acomodarse ao rol de ex presidente e, a diferenza de predecesores como Fraga ou Laxe, que puxeron rumbo cara ao Senado ao ser desaloxados da Xunta, Touriño parece estar disposto a conservar o seu escano polo menos até o 2011 para protexer coa súa presenza aos deputados que lle foron máis fieis. Outras saídas que buscaron outros ex presidentes, como Rodríguez Ibarra, que recuperou a súa praza de profesor e botouse unha noiva, ou o caso de Ardanza, que se foi a dirixir Euskaltel tras deixar Ajuria Enea, foron descartadas por Touriño.
Touriño, logo, descartou recuperar a súa praza de profesor e botarse noiva? Sentiríase máis compracido o lobby de Sabón con esta saída política-persoal do ex-presidente?

Tras a lectura da deposición do
sagaz xornalista Domingos Sampedro e, unha vez superadas as náuseas, é obrigado pensar con Vitor Hugo: «É estraña a lixeireza coa que os malvados cren que todo lle sairá ben.»

20/11/2009

A Mesa Castelao


A véspera fíxose público que para manter os seus actuais empregos, os traballadores de La Voz de Galicia van minguar, até finais de 2011, un 3% os seus salarios, en contraprestación o editor-presidente deixará no caixón o ERE. A entrega do premio (de Rey) Fernández-Latorre é de supor que se someteu logo á rigorosa austeridade que predica o señor de Sabón e que os custes da honrosa entrega de loureiros ao socialcristián Francisco Vázquez foron pagados a escote polos podentes convidados.


Unha exhibición de poderío da eminencia convocante.
Para que non haxa dúbida de quen se senta a mesa dos poderes que convoca a Corporación Voz publicouse o censo de 196 notábeis e patricios, harmoniosamente ordenados e distribuídos en mesas bautizadas con nomes de honorábeis intelectuais galegos. Paga a pena ler a listaxe competa. Deixo só a nota dos convocados na Mesa Castelao:
Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro de Presidencia; Salomé Fernández-San Julián; Javier Losada, alcalde de A Coruña; María Luisa Fontana, esposa de Carlos Martínez, presidente de Ediciones Informatizadas S.A. Einsa; Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova; Salvador Fernández Moreda, presidente de la Diputación de A Coruña; Manuel Jove Capellán, presidente de Inveravante; Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda; Xerardo Fernández Albor, ex presidente de la Xunta; y Matilde Pascual, esposa de José Luis Méndez López, director general de Caixa Galicia; Carlos Martínez; José Luis Méndez López; María Rosario Andrade, esposa de Manuel Fernández de Sousa; Fernando González Laxe, ex presidente de la Xunta.
O de Rianxo ficaría morto de alegría ante a viva representación da Galiza soberana que el soñou, abraiado perante a cristalización política do espírito republicano que o levou ao exilio e á morte lonxe da terra. Ou quizais preferise sentarse na mesa dos comedores de patacas?

18/11/2009

As vítimas do Alakrana


Hai que vender grandeza aínda que o asunto sexa miserento. Titular grandioso: «Los héroes del Alakrana vuelven a casa...». Hai que enxalzar a españolidade da solución, fala a filla do patrón, Cristina Blanch: «Nosotros somos España, un país en que todo el mundo sabía que íbamos a salir del secuestro. Otros barcos están apresados desde hace meses y nadie los va a sacar de allí.» Heroicidade e españolidade, combinación infalíbel e corroboración (unha máis) de que a Enciclopedia Álvarez segue formateando os espíritos decentes.


Sería bastante prudente deixar de lado a afirmación da españolidade da solución xa que é fácil retrucala lembrando que o capital non ten patria (o proletariado tampouco segundo indicación dun barbado señor de Treveris e do seu amigo Federico, o Bo). É mellor non despistarse, o problema (secuestro) resolveuse grazas á xenerosa entrega dun gorentoso capital (rescate) á empresa corsaria.

O patrioterismo español é unha variábel irrelevante na resolución aínda que é posíbel que asistamos a unha graciosa expresión de españolidade, mais para iso teremos que agardar para ver como se resolve o tratamento penal dos dous piratas detidos. Hai moitas papeletas para iso teña, efectivamente, unha «solución española», a da tortura da lei e da intelixencia.


Volvamos aos heroes. Unicamente son heroes se aceptamos a óptica do poeta e diplomático Paul Claudel: «Os individuos só son heroes cando non poden actuar doutra maneira.» Unha idea que completou con brillantez Umberto Eco: «O verdadeiro heroe é sempre heroe por engano; soñou con ser un covarde honesto como todos os outros.»

A tripulación do Alakrana son vítimas. Vítimas en estado puro. Vítimas múltiples.


Son, primeiro de nada, vítimas dun secuestro.
Pero tamén son vítimas dun modelo de explotación (capitalista express) dos recursos mariños coa que que procuran os maiores beneficios cos menores custos e poucas (ningunhas) rendas económicas ou sociais para o países (ultraempobrecidos) que están na veciñanza dos caladoiros.

Hoxe Público ofrece algúns números do fabuloso negocio: 200.000 toneladas –cun valor facturado de 180 millóns de euros– que cobre o 40% da demanda das conserveiras que con elas fan unha caixa duns 600 millóns de euros ao ano. O risco das tripulacións cóntase por millóns. As desgrazadas vítimas son unicamente un investimento fracasado.


Son vítimas ademais das inconsistencias políticas, diplomáticas, xudiciais e militares do goberno do Estado español. Un Estado fallido, moi marrado neste lamentábel asunto.

Son vítimas adicionais da política da morriña (segunda acepción: «corpo morto en estado de descomposición.») do Partido Popular que devece por tirar rédito electoral da prea que producen os erros do goberno.

E, desde o momento en que aos mariñeiros do atuneiro se lles impoña a heroicidade, serán vítimas mediáticas.

André Malraux, sabido en cousas da fama, xa advertiu que «non existe heroe sen platea» e a medida que se achegue a arribada do Alakrana agrandarase o teatro mediático para vender heroicidades, españolidades ou o que toque para disparar a venda de xornais ou o orgasmo do share.


Desde a liberación e até que chegue a porto, seremos machucados polo balbordo dos medios que xa nos terán despistado da orixe deste asunto (piratas, secuestro, dubidosa eticidade do negocio pesqueiro, incapacidades políticas...) de xeito que, cando a amarra abrace o norai, os homes do Alakrana xa serán inevitabelmente fashion victim. Vítimas da máis merdenta das modas, a que converte en banal entretemento e distracción todos os problemas malditos aos que gobernantes e poderosos se negan a buscar dignas solucións.

17/09/2009

Mastigar o xornal

Manuel Vázquez Montalbán rebaixaba a cualificación de estatista de Gerald Ford porque era incapaz de facer dúas cousas ao mesmo tempo: ler o xornal e mastigar chicle, por exemplo. Entre nós hai editores e administradores de xornais que son auténticos mestres facendo dúas cousas na mesma tirada: machicar o xornal e ler o chicle, por exemplo.

Hai semanas don Santiago revelounos as súas capacidades, onte (e hoxe) El País formateou os seus editoriais como negra imitación dunha ameazante profecía de Nostradamus ou dunha fulminante maldición cigana. O xornal que contramaestrea Juan Luis Cebrián editorializou sobre o devalo político-existencial dese home e (pre-)(ex-)presidente do goberno que noutrora popularizaron como ZP. Pasaron os tempos felices do Zapatero Presidente. Hoxe, a sombra amarga do desamor de PRISA entolda os futuros improbábeis de Rodríguez Zapatero.

Multitarefas, os mandaríns mediáticos mastigan e len a actualidade con desempeños excelentes cando se trata de pastorear a opinión pública e determinar o que o goberno opina ou debería opinar. Como capitáns de empresas os resultados son bastante menos eficientes á hora de achegar solvencia, sustentabilidade e rendibilidade os seus negocios. Agora mergullados na Depresión (Mediática) 2.0 os balances son moito peores e cheiran en moitos casos a creba, a solución máis innovadora é despedir xornalistas. Así non lles van saír as contas.

Ninguén (nin o máis destemido) será quen de verbalizar o que moitos (a inmensa maioría) pensa intimamente: as grandes corporación de comunicación son merecentes dun plan gobernamental de rescate e saneamento semellante ao do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria. Non serán necesarios tantos millóns pero cantos máis haxa, mellor. A condición fundamental é a mesma que fixeron valer os banqueiros: que se poda operar unha reordenación e redimensionamento do sector sen interferencias do goberno.

Despropositado? Non crean, asístelles a forza da comparanza: os xornais son ao mercado de ideas e opinión o equivalente aos bancos no mercado dos diñeiros: dan crédito, impoñen hipotecas, avalan operacións, crean novos valores, traballan con depósitos tóxicos, certifican crebas... Un novo FROM (Fondo de Reestruturación Ordenada Mediática), con xenerosa caixa, poucas contrapartidas e sen interferencia gobernamental é a solución inmellorábel para capear a crise. Os xerentes mediáticos queren, iso si, un FROM difuso, como orballo, sen notoriedades, sen luz e sen taquígrafos, sen notarios da actualidade que para iso eles sós ben se valen.

Materialismo gastronómico

Amadeo Bordiga, comunista italiano de menor finezza que Antonio Gramsci, dicía que era capaz de adiviñar a opinión política de calquera persoa se lle dicían o que comera. Sei que para moitos o materialismo gastronómico de Bordiga ten hoxe aínda menos crédito que o materialismo histórico do barbado de Treveris, pero non deixa de fornecernos de pistas para intentar explicar algúns dos fenómenos normais e paranormais que conmoven os consellos de administración das factorías da opinión pública.

A maioría dos mortais que vivimos as cativezas do capitalismo sabemos que a incerta licitación da impresión do DOG ou unha previsión negativa de absorción de refugallos audiovisuais por parte da (empobrecida) TVG son detonantes suficientes para facer estourar a tronante voz da rúa e para arrincar ao Dragón de Sabón da súa pracenteira dixestión de prebendas oligárquicas. Unha licenza de TDT de pagamento a destempo antóllasenos causa suficiente para que un executivo global desate a súa furibunda prosa profética. As nosas miserias fannos solidarios coas teses gastronómico-ideolóxicas da mala besta de Bordiga.

Aos que lles pareza rústica a explicación de Bordiga poden achegarse a Antonio Gramsci e han de atopar nas súas letras da cárcere sobre o cesarismo delicadas explicacións para as iradas paixóns editoriais destes tempos. Cesarismo, hoxe en día dicímoslle «presidencialismo», esa desequilibrada tendencia que teñen os xestores do poder político a colocarse por riba do ben e do mal, a autonomizarse dos gobernados plebeos e dos poderosos patricios; entregados á soberbia de atender unicamente as razóns propias, crendo que só responden diante da Historia, que os xulgará con beneficio sempre grazas ás súas magnas obras; entusiasmados unicamente por unha desmedida querenza polo liderado sen condicións, sen tomas a terra, sen transaccións; mergullados por ese espléndida espellismo que confunde gobernar e mandar.

Os máis extremos conclúen dicindo que o presidente tornou en deus, de ZP (Zapatero Presidente) a ZD (Zapatero Deus). Ás patoloxías da divinización está dedicada o primeiro e ferinte editorial de El País. Hai razóns sobradas para someter a Rodríguez Zapatero á crítica democrática, non se discute iso, pero baixo ese pouso de lexitimidade emerxe a maldita pregunta: por que agora e non antes? E esta pregunta só a contesta o estómago predictivo de Amadeo Bordiga.

A Juan Luis Cebrián ou a Santiago Rey amólalles pola vida a divinización dos presidentes, o «endeusamento» de Zapatero ou de Feijóo. Si, Feijóo tamén, o seu irresistíbel ascenso no escalafón do PPdeG, a súa inmellorábel posición no delfinato sucesorio de Rajoy, colócao no ollo do furacán. Hai semanas Feijóo gabábase nas páxinas de Público: «Prefiro escoitar. Seguro que escoitando non erro.» A estas alturas o presidente galego debe ter xa claro que don Santiago cre que non o escoita o suficiente, e que por iso comeza a errar. O Terceiro Sermón de Sabón tiña moitos destinatarios, o máis principal: Alberto Núñez Feijóo.

Segundo o balance de egos e beneficios, a ira agroma non só porque os presidentes non coiden como deben dos seus intereses empresariais senón porque non toman aos patricios mediáticos en toda a consideración que lles deben; non se lles seguen os consellos; non se lles aplauden os enxeños; non lles escoita con agarimo os seus sabidos consellos... Todos recoñecemos os síntomas do poder sen límite e da ira sen mesura. Incúbase por igual na sede do Goberno e nos Consellos de Administración das grandes corporacións de comunicación; PRISA ou La Voz de Galicia non son a excepción (e posibelmente non haxa excepción ningunha).

A utopía de Jefferson

Hai 222 anos, Thomas Jefferson escribiulle a Edward Carrington:
O modo de evitar tales indisposicións irregulares do pobo consiste en proporcionar informacións completas sobre os seus asuntos mediante o canal dos xornais públicos e procurar que cheguen a toda a masa do pobo. Como a base dos nosos gobernos se atopa na opinión do pobo, a súa primeira finalidade debe consistir en manter o devandito dereito e, se se deixara ao meu albedrío decidir entre un goberno sen xornais ou uns xornais sen goberno, non dubidaría un instante en elixir o segundo.

Un desexaría estar conforme coa elección do pai da Declaración de Independencia dos Estados Unidos, aínda que só fose por san republicanismo, mais a visita diaria ao quiosco ultimamente non axuda moito á utopía jeffersoniana. A propósito da teatralización de 1984 de George Orwell, o actor e director, Tim Robbins, reflexionaba nas antípodas do seu compatriota:
Estou a falar dos que verdadeiramente mandan nos xornais. Eles crean a opinión pública e prexudican a moitas persoas. Para empezar, danan aos xornalistas que traballan para eles. En EEUU, moitos profesionais da información perden o seu traballo cando tentan explicar a verdade, cando tentan ensinar as mentiras dun sector moi poderoso. [...] Se queremos que o país cambie, que o mundo funcione un pouquiño mellor, hai que empezar a sacudir as redaccións. Se queremos un cambio real, hai que cambiar o funcionamento dos medios de comunicación.
Máis que sacudir as redaccións sospeito que hai que abanear a moitos dos que están acantoados nos consellos de administración, moi especialmente a esa especie de oligarcas da opinión pública que fan por gobernar o terreal e o celeste sen someterse a ningunha caste de elección cidadá. A súa aspiración suprema é facer dos xornais unha sorte de sottogoberno. De seguir alimentando o seu negocio coa confusión actual de papeis, comezaremos a matinar sobre se nas vindeiras elección votaremos a El País, El Mundo, Público, La Voz de Galicia ou Xornal. E o máis peor, acabaremos por ir ao quiosco para afiliarnos ao PSOE, ao BNG ou vai ti saber a que. Algo (radical) teremos que facer para darlle a razón a Jefferson e quitarlla a Rey, Cebrián, Ramírez e compañía, multiatarefados mastigadores de xornais e lectores de chicle.

01/09/2009

Voz dos poderosos

No día dos inocentes de 2009, Diego Areso, xornalista que mantén o blog quintatinta e é xefe de deseño de Público, reparaba nunha ducia publicacións que, na súa idea, debían mudar a súa aparencia gráfica no ano en curso. Entre delas, La Voz de Galicia. Aquí o seu xuízo:
La Voz de Galicia. O último cambio deste xornal foi case unha volta aos inicios do deseño do século XIX (páxinas planas, anarquía de brancos, fotos pequeneiras). Non creo que se poda caer máis baixo, pero gustaríame pensar que si se pode rebotar.
O xuízo de Areso é matizábel, efectivamente se pode caer aínda máis baixo nos contidos ou na ética xornalística que no seu deseño formal. A derrama sen fin moito lle debe ao criterio supremo e indiscutíbel do seu Presidente-editor. Certifícase cada día a perda de engado, pero cada vez é máis improbábel caste ningunha de rebote por máis que proteste ou vaia de voz da rúa. A crise dos medios non axuda e os caprichos ególatras do seu dono soberano aínda menos.

Menos prensa, máis corrupción

Nun suxestivo artigo Paul Starr apuntou que a crise da prensa papel pode ter como efecto colateral a irrupción dunha nova onda de corrupción e desmandos dos poderosos. Starr atense á tradición dos xornais estadounidenses que, desde a súa orixe e aínda que «a miúdo non lograron levar a cabo estas funcións tan ben como debían», «foron os nosos ollos fronte ao Estado, o noso control sobre os abusos públicos, o noso sistema cívico de alarma». Para dar conta da súa misión democrática, Starr recupera unha longa cita que Walter Lippmann deixou en Liberty and the News:
Cando chegan ás oficinas do xornal, as noticias do día son unha incríbel mestura de feitos, propaganda, rumores, sospeitas, pistas, esperanzas e temores, e o labor de elixilas e ordenalas é un dos oficios verdadeiramente sacros e sacerdotais dunha democracia. O xornal é, literalmente, a Biblia da democracia, o libro no cal un pobo basea a súa conduta. É o único libro serio que a maioría da xente le. É o único libro que a xente le a diario.
Starr sostén que un dos perigos dunha cobertura informativa reducida é que teña efectos negativos sobre a integridade do goberno xa que «a corrupción é máis susceptíbel de florecer cando aqueles que están no poder teñen menos razóns para temer un escándalo». E cifra a súa preocupación nos traballos de Alicia Adsera, Carles Boix e Mark Payne sobre a relación entre a corrupción e a «libre circulación dos diarios por persoa» que subliñan unha correlación moi estreita: canto máis baixa é a circulación de xornais nun país, máis alta é o índice de corrupción.

A conclusión de Starr é rotunda:
Se tomamos en serio a noción dos xornais como o cuarto poder, a fin da era dos xornais implica un cambio no sistema político mesmo. Os xornais axudaron a controlar as tendencias á corrupción tanto no goberno como nos negocios. Se queremos evitar unha nova era de corrupción, haberemos de reunir ese poder por outros medios. As nosas novas tecnoloxías non nos desposúen das nosas vellas responsabilidades.

Código de imposturas


Cunha lectura apresurada da triloxía de éxitos de Santiago Rey Fernández Latorre pode tirarse a conclusión de que as preocupacións do presidente-editor de La Voz de Galicia son as mesmas que as de Paul Starr e que non ten outro libro de estilo que o escrito por Walter Lippmann. O dono da Corporación Voz non se cansa de repetir que fai do seu oficio un «exercicio de cidadanía» e, na súa última entrega, reitera moi solemne que a súa obrigación «é recoller a voz da rúa, atender o seu desexo extremo de que sexamos a conciencia crítica do poder».

No seu clásico «O compromiso dun título» deixou en claro a misión e os custos derivados do seu xornalismo independente: «compromiso coa democracia e co desenvolvemento desta terra. Custoso, como todos os que esixen esforzo e fatigas», «aínda que iso o indispoña con este ou aquel Goberno ou con institucións e entidades de todo tipo que se acazapan na suposta vontade popular, pero se rebelan contra a transparencia e o control democrático». No seu conmovedor «Eu protesto», reiterou a súa sacrificial vocación «aínda a risco de gañarse a incomprensión duns e as declaradas hostilidades doutros».

O xornalismo independente e cidadán de Rey é retórico e falso como unha medalla de cortiza; por máis que predique o modelo de dirección de medios de Rey non é o norteamericano senón o latino. As diferenzas están magnificamente recollidas en Sistemas mediáticos comparados de Daniel C. Hallin e Paolo Mancini e foron resumidas con acerto por Enrique Gil Calvo:
Eses trazos son catro: a tirada da prensa (a anglosaxoa e a nórdica de gran tirada, a latina de pequena tirada) e a súa audiencia característica (elitista na área latina, de masas nas áreas nórdica e anglosaxoa); o seu grao de aliñamento político (independencia no modelo anglosaxón, aliñamento moderado no nórdico e extremado no latino); nivel de profesionalización dos xornalistas (moi baixo no caso latino, bastante elevado nos outros dous), e intervencionismo do Estado no mercado mediático (inexistente no modelo anglosaxón, moderado no nórdico e moi acusado o latino).
A eufórica independencia do presidente-editor non casa moi ben cun ecosistema de medios tan latino como o noso e que asentou na era Fraga, e con Pérez Varela como capataz, os seus trazos distintivos: tiradas decrecentes, audiencias elitistas, aliñamento político extremo e reforzado intervencionismo dos poderes públicos.



Espellismo de Galiza

Para cumprirlle á verdade hai que facer unha manchea de precisións en cargo e descargo do editor coruñés. A diferenza doutros medios, LVG sobrevive como un medio de titularidade privada desde as súas orixes, privado, de capital familiar e cun nivel de endebedamento notábel coa principal caixa de aforros do país e, segundo os ruxe-ruxe, cun dos máis raposeiros ex-empresarios do ladrillo. Non é menos verdade que as subvencións ao papel e os convenios (máis ou menos transparentes) para os seus negocios audiovisuais pesan de xeito determinante na sostenibilidade precaria da Corporación Voz e son unha achega fundamental para compensar os buracos da tríade vendas-promocións-publicidade, presumida matriz do negocio.

É igualmente certo que La Voz se fixo con maior autonomía política que calquera outro dos medios galegos históricos, esa autonomía expresouse con maior vigor a medida que o devalar político de Manuel Fraga se facía cada vez máis acusado. Non é cousa falta de importancia que a primeira « grande editorial estratéxica» –«O compromiso dun título»– de Rey aparecese no outono de 2004, na fase terminal do mandato do patrón de Vilalba. O debilitamento do poder do fraguismo traduciuse nun papel máis autónomo e tamén máis abertamente político da Corporación Voz, autonomía e influencia que no tempo do bipartito non fixo máis que engrandecerse.

Terceiro, durante amplos períodos LVG foi un xornal apáñao-todo (case todo) e armouse cunha ampla pluralidade de voces e opinións e cun extraordinario equipo de profesionais que, sobre todo a partir de 1995, comezou a ver comprometido o seu traballo polas interferencias do presidente-editor, revivido como director de feito tras a marcha de Bieito Rubido en marzo de 2006. La Voz de Galicia ten neste momento posibelmente a menor cota de pluralismo informativo e de opinión de toda a súa historia (desde a reinstauración da democracia). E aínda que se faga fachenda do contrario, nunca estivo máis desmellorado o seu «galeguismo»; no último cuadrienio o xornal consume «galeguismo desgaleguizado» coa mesma naturalidade que, para quitarnos do café, tomamos café descafeinado.

Na retórica de Rey nunca falta unha apelación á necesidade de que a nosa sociedade reaccione e asuma o seu protagonismo. Interpelación de urxencia en «Eu protesto»: «Fai falla máis que nunca que regrese a desaparecida sociedade civil. Que se restableza da postración, que coñeza, que pida contas, que xulgue, que actúe». Chamamento reiterado no último parte:
Dirá algún día basta a sociedade civil e obrigará aos seus representantes a que escoiten o que dita o seu sentido común? […] Se queremos evitar unha traxedia debe reaparecer a sociedade civil...
O pluralismo (co)medido de La Voz de Galicia permitiulle presentarse como espello da sociedade civil galega. Malfadamente, a día de hoxe, LVG non é espello da sociedade galega, nin mesmo un espello aceptabelmente deformado, é o soporte dun espellismo de sociedade civil. Un éxito non pequeno de Rey foi o eficaz proceso de expropiación da opinión cidadá e identificación da dita sociedade civil con La Voz. A fórmula de éxito é sabida: se non saes en LVG non existes, nada es. Con esta máxima preténdese domesticar os gabinetes de comunicación de empresas, partidos e asociacións. Maiormente funciona.


A crítica dos poderosos

Por unhas cousas e por outras, LVG sábese «cuarto poder» e como tal poder aspira a facer entrismo en todos os demais poderes sexan políticos ou mercantís, civís, agochados ou públicos. Coa lingua pequena e farfantona, o seu presidente-editor reivindicase como gañador na derrota do bipartidismo e dáse mérito por ser dono dun xornal que quita e pon presidentes. Os seus «editoriais» son (ou pretenden selo) un exercicio de poder baixo aparencia dun exercicio de cidadanía. A mensaxe de Rey é tan ameazante como rotunda: sen La Voz non hai paraíso, nin gobernación tranquila, nin «sociedade civil mansa».

Na cabeceira fundacional, La Voz de Galicia definíase como un xornal «político e comercial» e desde a aquela ofrécese como un mix de política e negocios. Negocio como empresa de comunicación e como axente de representación diante dos poderes públicos dos intereses dos seus socios estratéxicos. No mercado de favores e na representación diante das administracións públicas a Corporación Voz é un dos máis eficientes e agresivos brókers. Política como información e desinformación, como factoría de lexitimación e como principal think tank conservador de Galiza.

Santiago Rey interprétase a día de hoxe como un home providencial. Coa súa proverbial modestia deu cabo a «A voz da calle» con estas palabras:
Non podo, nin debo, nin quero, tirar a toalla. Seguirei facendo o mesmo que levo facendo toda a miña vida, tratar de elaborar hoxe o mellor xornal que xamais fixen, pero sabendo que mañá tentarei superalo.
Superarase, de certo, cando entregue a toalla de La Voz de Galicia e renuncie a ser o seu director-presidente-editor e deixe facer aos profesionais de crédito que aínda sobrevivan aos seus caprichos e delirios de grandeza. Endexamais LVG atendeu mellor o seu cometido fundacional pero tampouco estivo máis arredado de ser «consciencia crítica do poder», nunca tanto foi o soporte mediático da crítica dos poderosos.

La Voz de Galicia
é, efectivamente e como diría Lippmann, o único libro que,
en Galiza, a xente le a diario e a teimosía de Rey non é outra que a de facer do seu xornal unha indiscutida «biblia democrática», canon do verdadeiro e do falso, do lexítimo e do espurio, do posíbel e do permitido, mandato imperativo para gobernantes e instrumento de submisión dos plebeos. De aí procede o mesianismo, a vontade redentora e a misión salvadora de don Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente-editor do xornal do Partido dos Poderosos.

31/08/2009

O editor valente


Xosé Luís Barreiro Rivas, na coda do seu eloxio das verdades reveladas polo señor Herst do Sabón, retruca o sabido «unha cousa é predicar e outra dar trigo» facendo valer a súa experiencia e sentenza: «Pódolles confirmar que en Galiza é máis difícil dicir as cousas que facelas». Aí radica a fortaleza moral do noso Herst e a esencia do seu xornalismo libre: dicir a verdade, entregarse eticamente a unha verdade cangada de riscos e perigos, máis aínda para un home que carece de medios para defender as súas opinións, desvalido e vulnerábel como o editor e presidente de La Voz de Galicia. David contra Goliath.

Barreiro Rivas ademais ten razón cando di que en Galiza é máis difícil dicir as cousas, as verdades ou as políticas necesarias, que, despois, levalas á práctica. Pero hai unha cousa aínda moito máis difícil: que La Voz de Galicia as publique, nas follas amarelas do noso Berlusconi é imposíbel publicar calquera verdade que non axude ao Partido do Poderosos. Falarán as pedras pero é practicamente imposíbel que as súas declaracións teñan reflexo no papel dos caprichos do editor valente. Á intelixencia de Barreiro Rivas cómprenlle mellores causas que aplaudir o imperio da impostura que goberna don Santiago Rey Fernández Latorre.