21/08/2005

Democracia mariñeira

A memoria garda en Luarca vellas formas da democracia dos mariñeiros. Cando empeoraban as condicións climatolóxicas e había que decidir se se saía ao mar, o gremio de mareantes reuníase ao redor dunha mesa. Nun extremo debuxábase unha casa e no contrario unha barca. Quen cría que, a pesar do mal tempo, había que saír a faenar, púñase do lado da barca, os que pensaban que había perigo se axuntaban a carón do debuxo da casa. Se sumaban máis os da barca, dábase autorización pasar facerse á mar e facíano unicamente aqueles mareantes que querían. Se eran maioría os da banda da casa, impoñíase a prohibición de faenar até que mellorase o estado do mar. Unha mestura de libre decisión, respecto das normas e solidariedade na toma de decisións que moito ben nos faría recuperar para revitalizar a amémica democracia bipolar na que nos varan uns máis e outros algo menos.

19/08/2005

As ameazas mariñas

A derrota lévanos até a foz do río Negro, onde se levanta paradoxalmente a Vila Branca. As xentes de Valdés cancelan as festas do san Roque preparando os festexos do san Timoteo nunha sucesión de balbordo e xolda que agradecen hosteleiros e restauradores. Recoméndannos ir ver a Aula do Mar que sostén a Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Marinas (CEPESMA). A coordinadora creouse en 1996 e desde 1998 mantén a Aula do Mar, un proxecto didáctico e museístico, e un centro de recuperación de especies mariñas mancadas. A atracción da Aula é a maior colección mundial de luras xigantes, as irmás cativas e menos agresivas dos temíbeis kraken que poboan desde o inicio dos tempos as lendas mariñeiras do mundo enteiro. Non menos interese ten a sala dedicada a pesca da baleas, que de ameazante ser mariño tornouse no século que andamos nunha especie ameazada de extinción. A modestia dos medios contrasta coa grandeza do esforzo e dos resultados logrados pola CEPESMA, en todo debidos a que a Aula do Mar ten o mesmo ADN –mestura de dignidade e rebeldía– que identificou a maré cívica de Nunca Máis.

17/08/2005

Black Hawk Down

Hai que deterse onde remata a Gallaecia, no lindeiro da Galiza extensa. Caemos coas festas locais en pleno apoxeo. O recuncho acougado de Campoamor desapareceu de vez e tornouse nun destino máis da lucrativa e emerxente industria do turismo do Principado. Sexa pola fernandoalonsomanía, pola boanza económica ou porque os accesos a Asturies melloraron notabelmente, Navia está ateigada de visitantes e atopar un camastro onde durmir convertese nunha epopea. Informámonos de que «Navia estaba habitada por elementos indígenas que eran hombres y mujeres completamente idénticos a nosotros, con una economía primitiva basada en la subsistencia a partir de la recolección, la caza, la pesca y la producción a partir de la incipiente agricultura y ganadería.» Os elementos indíxenas viven nestes días das tribos veciñas que se achegan accidental ou voluntariamente á vila e as que ofrecen bens e servizos inflaccionados con aumentos do máis do trinta por cento. Cunhas ben pagadas torradas con manteiga soubemos do «incidente» de Herat por La Nueva España e mergullámonos na relambida xustificación da presenza do exército español na «guerra humanitaria» de Afganistán. Napoleón cría que a liberdade viaxaba coas baionetas do seu exército imperial e o Bono, para non ser menos, sostén que a soberanía popular e a democracia en Afganistán repousan no canón dos cetmes da Brilat. A intelixencia está de loito.

16/08/2005

Na vía estreita

Sigo os consellos de Cesare e, desconectado durante uns días, aproveito para facer unha travesía transcantábrica pola vía estreita. Non é a aventura do tren de xeo e lume de Manu Chao pero para espabillar a rutina da factoría é máis que suficiente. Teño para min que o ferrocarril é o máis humano dos medios de transporte e tamén o que pode resultar máis infrahumano. Catro anos de uso ininterrumpido do comboio fixéronme acreditan nas súas bondades e aleitan un feroz resentimento contra os que deixan esmorecer os camiños de ferro. No estaleiro ocupamos un dos dous vagóns monovolume e, contrariamente aos peores agoiros, a saúde dos carrís e dos ferranchos móbiles é máis que satisfactoria. Os enrolados no FEVE cubrimos un variado espectro social, marxinal e maiormente en vía estreita. Maiores, moitas mulleres maiores que viaxan soas. Retirados, prexubilados postindustriais e lumpenproletariados idosos que viven nos concellos arrabaldizados de Ferrolterra. Celtics junkies que retornan derrotados do tratamento da metadona. E logo, familias incomodadas, e incomodas, que se viron privadas dos medios propios e turistas accidentais que, entre a observación antropolóxica e a entrega ao sono, deixamos pasar o tempo e sucesivos destinos na procura de onde lindamos con Gran Bretaña mar por medio.

03/08/2005

A liña de sombra

Mañá constitúese o novo goberno. Estamos nunha conxuntura conradiana. Deixamos atrás o corazón das tebras e enfrontamos a liña de sombra. Leo ao anglo-polonés que, en termos naúticos e persoais, o tiña moi claro: «Na historia de cada persoa hai un momento critico que marcará a súa travesía pola vida; aquel no que se dubida se deixar a nave ao pairo, sen goberno e á mercé das caprichosas correntes, ou ao contrario se decide asir firmemente o temón, dirixindo a nave ao rumbo da súa vontade; só estes, os que gobernan o seu destino, poderán superar a liña de sombra».

Escenas

Non sei se estou máis preto do terceiro grao crítico de Brétemas ou da versión máis benevolente de Ro respecto dos actos de toma de posesión do (noso/novo) Presidente. O espectáculo presenciado desde o propio Obradoiro era certamente máis atractivo que a súa emisión televisiva. A montaxe resultaba –polo que se vía nas macropantallas– repetitiva, afastadora e case que neocensataria (había VIPs e unha masa anónima que televisivamente eramos a todas luces doutra condición). Faltou fondura simbólica e emotividade e, por momentos, sentín que se segue a confundir a solemnidade coa tristeza e o aceno institucional co frío e desmotivado acartonamento. Pola ausencia xeral de alegría parecía máis ben que celebrabamos a despedida da Era de don Manuel e non tanto a salutación dos novos tempos. A cousa foi, con todo, moi útil: poidemos comprobar como o presidente de Galiza non se sabe o Himno Galego (a Primeira Dama, si... e completo) e ver até que grao de submisión poden chegar os realizadores televisivos: algúns dos primeiros planos eran un esaxerado exercicio de servilismo para co novo amo branco. Con todo, a Marcha do Antigo Reino de Galiza executada por Suso Vaamonde pagou a pena e deixou un pouso de futuro esperanzado na moqueta multicolor e na memoria.

(Fu)Turismo

En setembro de 2004 a revista Altaïr dedicou un número monográfico ás «nacións celtas» onde achegaba unha ollada de foco turístico e sociopolítico de Escocia, Bretaña, Irlanda, Galiza, Cornualles e Gales. Hoxe chegou ás miñas mans grazas a mediación de Co. Nela, Eduardo del Campo asiña un artigo baixo o título «O complexo camiño cara á soberanía», onde escribe: «[Galiza é] despois da República de Irlanda a antiga nación celta cun maior autogoberno.» e anota distraidamente: «Galicia pode presumir de ser unha sociedade bilingüe, pois o 90% da súa poboación fala galego.». Logo fai unha previsión, naquel momento, arriscadamente visionaria: «O Partido Popular e Manuel Fraga gobernan desde 1990. Non obstante, o ascenso do Bloque Nacionalista Galego, con Anxo Quintana como candidato e o líder fundacional Xosé Manuel Beiras na presidencia do partido, fan prever un posíbel cambio de goberno nas próximas eleccións, a partir dunha alianza cos socialistas. Como horizonte inmediato, ambas as dúas formacións sinalan a reforma do Estatuto para ampliar o autogoberno político e fiscal de Galiza.» Onte escenificouse o visionario cambio adiantado por Eduardo del Campo; certo é que se fixo cunha proporción menos favorábel para o nacionalismo galego que a anunciada por Altaïr. Non deixa de resultar curioso que as máis atinadas previsións políticas sobre Galiza se teñan que ler nunha (excelente) revista de información turística e non nos nosos informadísimos diarios.

30/07/2005

Elixidos para a gloria

Moitos foron os nominados pero catro os escollidos. Rematou a especulación. Sabemos, por fin, nomes e apelidos dos conselleiros e conselleiras do BNG: Ánxela Bugallo e Alfredo Suárez Canal, como estaba máis ou menos previsto, para Cultura e Medio Rural respectivamente. Fernando Blanco para Industria. E o nome máis sorpresivo do elenco nacionalista: Teresa Táboas, decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, para a Consellaría de Vivenda. Os blocólogos reparten afiliacións: dous UPG da liña eurocomunista , unha quintanista da extinguida Unidade Galega e unha independente non afiliada ao BNG que, hai un tempo, pasaba por ser filosocialista. En calquera caso, que a fortuna lles sexa propicia. A especulación ocúpase agora da segunda liña do goberno.

27/07/2005

Almorzando esperanza con Bacon

Francis Bacon sostiña que «a esperanza é un bo almorzo, pero unha mala cea». Hoxe rompimos o xexun de dezaseis anos cunha abondosa ración de esperanza. O menú do futuro quizais debera incluír como ingredentes necesarios algúns dos agudos aforismos de Bacon. Para valorar a importancia da estabilidade do pacto PSdeG-BNG: «A amizade duplica as alegrías e divide as angustias pola metade». Para combater o continuísmo na acción gobernamental: «Quen non aplique novos remedios debe esperar novos males.» Para precisar o alcance do noso autogoberno: «Os Estados son grandes máquinas que se moven lentamente.» Para non compracerse esperando un derrubamento apocalíptico do Partido Popular: «A ocasión hai que creala, non agardar a que chegue.» Para desterrar a política de wait and see: «O requisito do éxito é a rapidez nas decisións». Para non estraviarse: «É moi difícil facer compatíbeis a política e a moral.» Para relativizar a importancia dalgúns medios amigos: «A baixeza máis vergoñenta é a adulación». Para catalogar aos que arrodean o poder: «Quen non quere pensar é un fanático; quen non pode pensar, é un idiota; quen non ousa pensar é un covarde.» Para non deixarse impresionar polos Grandes Homes: «A cabeza de moitas persoas de alta estatura parécese ás casas; o piso mais alto é o peor amoblado.» Para darlle a importancia que realmente teñen ás estratexias a longo prazo: «Escoller o propio tempo é gañar tempo.» Para non esquecer os verdadeiros puntos cardinais: «É un estraño propósito perseguir o poder e perder a liberdade.» Aceptaría este Bacon ser o xefe do gabinete do vicepresidente Quintana?

26/07/2005

Aqueles bos anos

Hai dez anos viaxei por primeira vez a Nicaragua. Na axenda das ilusións tiña anotado para o verán de 2005 un retorno ao país dos lagos e os volcáns. Non poderá ser. Para combater o mono pinoleiro merco Los buenos años. Nicaragua en la memoria, o libro de Iosu Perales que nos achega Icaria editorial entre as súas moitas novidades estivais. Xogo coas follas e dou coa humidade esmagadora de Managua e a deslaiada rutina da Gran Sultana, co te xeado, cos frescos aromáticos e coa fritanga ruidosamente celebrada na beira do lago Cocibolca, tamén recupero a noita estrelecida de quiebraplatas de illa Zapatera, os ferintes zancudos e o pracer de deixarse ir no abaneo da hamaca... Vagabundeando entre parágrafos atopo unhas palabras de Julio Cortazar que Perales rescata agarimosamente para ilustrarnos sobre o país de Sandino: «Tan cativa, Nicaragua, terra de xente vivindo con tigres, de sábalos tan grandes que rebentan unha lancha, dun pobo que se mide contra forzas máis grandes que el. Todo busca aquí o seu camiño, o seu equilibrio difícil.» Agora, co repouso do solpor da miña aldea, déitome na señerdosa lectura da memoria de Iosu Perales que, de seguro, tamén será a miña. Avanzo unha liña do seu relato e fago un alto para recuperar as imaxes, as palabras e os olores da miña propia e saudosa lembranza.

Domingos, mestre de xadrez

Houbo cea de amizade e homenaxe a Domingos Merino Mexuto. Anunciounos que el non se retiraba. Que así sexa. Houbo que armar palabras de saúdo e agarimo. Domingos, no remate do acto, pediu que todas aquelas gabanzas as puxeramos por escrito para que servira como aval por se tiña que pedir un préstamo. Recupero da memoria improvisada estas palabras polas que non creo que lle adianten nin un peso.
Todo dirixente político ten unha estrutura profuda que é a que, por cabo, lle acaba dando forma á súa acción pública. A estrutura fonda de Domingos Merino é a dun mestre de xadrez. O xadrez é un xogo de normas indiscutidas, de regras inquebrantábeis, por iso é con moita diferenza o deporte máis limpo, o máis nobre, o único no que está proscrita de vez calquera trampa ou trapallada. Hai espazo para a estratexia, para as estrataxemas, para a intelixencia e a creatividade mais non para o trangallada fuleira, a mentira e o xogo sucio. A acción política, pública, partidaria e persoal de Domingos Merino armouse con libre intelixencia, pensadas estratexias e mesmo habelenciosas estrataxemas, pero nunca sobre base da falsidade e a impostura. Iso ensinounos o mestre xadrecista que leva dentro.
A lexitimidade das normas libremente aceptadas é parte constitutiva do ser político de Domingos Merino. O recoñecemento incondicional das regras, das regras como fundamento do proxecto político e a lealdade inquebrantábel caracterizan a andaina de Domingos no PSG, na primeira Unidade Galega, no PSG-EG, na segunda Unidade Galega e no BNG. Tocoulle, ás máis das veces, xogar coas pezas negras, disputar nunha posición de desavantaxe á que sempre se enfrontou con ilusión e na que colleitou, en non poucas ocasións, amarguras e inxustas derrotas. De Domingos aprendemos a necesaria lealdade aos proxectos do país mesmo cando nos toca apandar coas negras. O xadrecista que viaxa baixo a súa pel foi nesta difícil arte un teimudo mestre.
Con todo, hai un xogada na que nunca se prodigou Merino: o enroque. No debate e na confrontación de ideas nunca gustou de se encastelar, de pecharse na seguranza do enroque dogmático e, moi ao contrario, foi amigo de se embarcar en arriscadas aperturas. Novas ideas e dialogos sen atumes coa sociedade e as súas emexerxentes demandas trazan a biografía política de Domingos. Nada máis lonxe do resistencialismo dos «poucos pero escollidos» que a disposición dialogante e aperturista do noso mestre de xadrez.
Como bo xadrecista, Merino gusta tamén de repasar as partidas perdidas, co seu ronsel de dores, maniotas na intelixencia e leccións frustrantemente adeprendidas. A historia do primeiro alcalde nacionalista da Coruña volve unha e outra vez en forma de agre biografía, pero tamén como un monumento ao compromiso coa política limpa, socialmente entregada e entendida como servizo público a prol dos cidadáns menos favorecidos.
No taboleiro do xadrez Domingos aprendeu axiña que o sacrificio de pezas é un lance imprescindíbel e obrigado. A entrega de fichas de gran valor como paso necesario para salvar outras de menor valoración pero maior importancia en estratexias futuras foi unha achega na que nos tivo que convencer o mestre xadrecista. Hai que dicir que o único sacrificio ao que se mostrou proclive Domingos foi á imnolación da propia ficha e así o demostrou nos procesos de renovación polos que sempre avogou deixando o seu posto dispoñíbel. Privándose el de voz deunola a moitos outros que poidemos ser donos dos nosos acertos e erros, acertos que sempre aplaudiu e erros dos que nos axudou a tirar o maior proveito.
Si, para a miña idea, a alma profunda de Domingos Merino é a dun mestre do xadrez. E non hai maxisterio sen dignidade como cada día nos ensina Domingos Merino. Grazas mestre.

Tsunami

Unha xigantesca onda de traballos, incidentes e imprevistos sulagouno todo. Un becho roe na familia, aborta as vacacións e tráenos angustias e medos. Na factoría atorase a produción, disparanse as luces de alarma e algúns buscan urxentemente a escaleira de incendios. Na cousa pública houbo negociación palilleira para a formación de goberno e apagón informativo sobre todo o demais. Seguimos agardando o rol dos chamados a embarcarse na singradura gobernamental. Nalgún foro alguén colga a súa particular orde de embarque: Suárez Canal será conselleiro de medio rural; Anxela Bugallo mandará en Cultura; Tano Mato, o vicerreitor vigués, gobernaría Industria; Encarna Otero dedicaríase a Vivenda; e Branca Rodríguez, a ex-concelleira lucense, pasaría a ocuparse do Benestar Social. Pero tamén soan outros moitos nomes. O único certo é que ninguén sabe o que está anotado na caderniño azul de Quin. Abundan as especulacións e, perante o impenetrábel silencio e tanto (vice)presidencialismo decisorio, multiplícanse as desconfianzas. Toca agardar.

02/07/2005

A dama nos Açores

Hoxe L. saíu cara aos Açores. A mesma viaxe que fixen hai doce anos con X. para coñecer as illas. A primeira cousa que lin sobre o arquipélago foi Dama de Porto Pim de Antonio Tabucchi. Un libro que logo se fixo película. O italiano narrou os motivos polos que escribiu a Dama de Porto Pim: «Hai vinte anos, pouco máis ou menos, fixen unha viaxe ás Illas Açores, un arquipélago que me pareceu máis imaxinario ca real. Mellor dicho, tan "fóra de lugar" respecto a todo, que, cando regresei, tiña a impresión de que tamén a miña viaxe fora imaxinaria. Vira baleas, que até daquela me parecían animais imaxinarios; escoitara historias de vidas tráxicas, desas que un pensa que non existen máis que na literatura; ollara paisaxes estrañas, que cría exclusivas dos manuais de xeografía fantástica, onde os ananás, as árbores da piña, mesturábanse con hortensias. Co obxecto de que todo aquilo que vira e vivira non se esvaecese no ar coma un espellismo, pensei en relatalo. Así naceu un pequeno libro que se chamaba (e se chama aínda) Dama de Porto Pim, e sentinme moi fachendoso, porque pensei que á fin a miña viaxe adquiría entidade real, comezaba a existir de verdade. Con enorme abraio, en cambio, cando o libro foi publicado, puiden decatarme reléndoo de que todo parecía aínda máis fantástico. A literatura, con seu poder de transformar o real en hiper-real, volvíao todo aínda máis irreal do que me parecera a min.» Daquela navegación trasatlántica nunca escribín nada, por iso agora todo me parece aínda máis irreal que a Tabucchi. Lembro, con todo, os golfiños nadando a nosa par, as hortesias agatuñando aba arriba, as lagoas de dúas cores e o sol mergullándose no mar como unha brasa na noite. Agora anoto tamén a ausencia de L.

29/06/2005

Dédalo en San Caetano

Leo O rato, a mosca e o home de François Jacob, premio Nobel de Medicina en 1965. Entre outras moitas reflexións brillantes, inclúe unha moi actual que ten coma cerna a Dédalo, o inventor, arquitecto, ferreiro e enxeñeiro ateniense. Anota Jacob que «Dédalo é un técnico marabilloso, pero nunca foi outra cousa que un técnico que pon o seu saber ao servizo dos seus amos [...] Dédalo simboliza un mal da nosa época: o técnico de altos voos que pon o seu talento ao servizo de distintas ideoloxías, sen preocuparse polo seu contido e a súa cualidade.» A derrota do Partido Popular forza o escrutunio sobre os moitos técnicos que estiveron ao servizo do seu poder. A contabilidade de posíbeis cesantes suma xa 2.000 afectados, a maioría deles estritos cargos de confianza política. Co cambio chega tamén a hora do acomodacionismo político, moitos tentarán convencer ao novos gobernantes que eles foron (e son) simples técnicos, honrados e utilísimos dédalos. Entregados tecnócratas que nunca se meteron en política. Un dos primeiros indicadores da calidade democrática do novo goberno medirá a permanencia dos técnicos do pasado. Non hai que engañarse neste punto, non é revanchismo, é a medida da rexeneración dunha administración que foi o principal coto do clientelismo do Partido Único nos últimos dezaseis anos.

GZ (Nación Marciana)

Ibarra é desas persoas que todos desexamos ter perto cando hai problemas. Simplifica tanto as alternativas que resulta doadísimo aclararse e logo elixir entre o bo e o mellor. Problema: Ser ou non ser, Galiza é unha nación? Simplificación do enunciado: «Todo é un problema de adolescencia, a todos os nenos de 14 e 15 años pásalles iso; din por que me puxestes ese nome e non Johnatan. Cando son maiores aceptan o nome, cando se fan adultos». Resultado: Johnatan é unha nación? Problema: Que ocorre se hai unha decisión democrática e maioritaria dos poderes galegos definindo Galiza como nación? Reducimos o problema: O Parlamento de Galicia pode aprobar o que queira e dicir que son «nación, nacionalidade, estado, país ou o que sexa, ou marcianos, o problema é que é lexítimo pero mentira». Resultado Podemos ser o que queiramos por que todo é mentira. Só hai unha verdade: España. [Coda ibarriana: «Abúrrome de falar se son nación ou marcianos»]. A clarividencia de Ibarra axudaralle a Touriño e a Quintana a tomar complicadas decisións futuras. Galiza é unha nación? «Galiza é unha nación... marciana».

28/06/2005

Luz

Confirmouse o resultado do 19-X. Logrouse o agromo serodio da primavera galega. Hoxe tocan moitas celebracións do día e anteriores: a vitoria da Alternativa, o 69 aniversario da aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza, o orgullo gai, as primeiras chuvias do verán... Entre tanto apagón informativo había luz. Escribiuno Walter Lippman: «Non pode haber liberdade nunha comunidade que carece da información necesaria para detectar a mentira.» Houbo información, moita, boa e libre, por iso, hoxe é tamén día de moita fachenda polo traballo dos compas.

27/06/2005

Sucedeu mañá

En 1943 Rene Clair estreou Sucedeu mañá, unha película que narra a historia de Larry Stevens, un xornalista ao que un espectal personaxe entrega un exemplar do periódico do día seguinte que lle permite anticipar os acontecementos de días vindeiros. Inspirándose neste film fíxose, en 1996, unha serie de televisión, Edición anterior que se emitiu en Canal + na tempada de verán. Kyle Chandler interpreta a Gary Hobson, un broker de Chicago que perdeu o seu traballo e fortuna por un golpe de mala sorte. Mergullado na máis absoluta miseria dá cun exemplar do xornal Chicago Sun Times, que ten data do día seguinte e recolle novas que aínda non sucederon. Este extraordinario suceso comeza a repetirse de modo recorrente e Hobson decátase de que pode adiantar o futuro, utilizalo para evitar males mellores e facer que lle sexa propicio. Na factoría das novas, hoxe vivimos con esa arela, poder informar do que sucedeu mañá e poder adiantarlles que o Partido Popular perdeu a súa maioría absoluta e que gañamos nós. A nova non puido ser editada. A ilusión segue aí, teimuda, rebelde e invencíbel, agardando.

24/06/2005

Cadeas que aseguran a liberdade

Acordei o 20-X cunha cara provisoria coa que ir tirando durante a semana da espera. Coma palestino iluso fun maltratado por unhas israelitas que me fixeron albiscar un mundo que o escrutinio cruel devolveu a unha proporción moito máis miúda. Días de análise e espera. De wait and see. Coidando das ilusións, despedindo a primavera da esperanza, saudando ao noso verán das liberdades. Especulacións, indicios de vitoria, tramas imaxinarias e reais... e xa estamos a venres co abaco electoral preparado para verificar se o luns «gañamos nós». Pero antes do escrutinio final haberá que botar dúas mans na cadea cívica. Tempo de paradoxos: agora son as cadeas ás que nos aseguran a liberdade.

18/06/2005

Elixir retrato

Nota para recordar o que temos que facer hoxe.
Pregúntanlle ao señor K. que fai cando lle gusta unha muller. Responde que lle fai un retrato e que procura que se lle pareza. O debuxo? Non –retruca–, a muller. Hoxe eliximos o debuxo ao que queremos que se asemelle Galiza. Escollemos os seus trazos de identidade, a súa cor, a súa luz, a súa textura e condición... Eliximos tamén canta liberdade queremos, canta felicidade desexamos. Decidimos como van ser os días do resto da nosa vida. Eliximos entre o propio, o próximo e o baldeiro. Hoxe eliximos o retrato da Galiza que queremos, decidimos se queremos outra Galiza. E, sobre todo, escollemos libremente con que cara queremos acordar mañá e, fundamentalmente, decidimos se mañá nos erguemos ou non.

13/06/2005

A forza das cousas sinxelas

Lendo un artigo esquecido de Joaquín Estafanía dou con esta longa cita do Discurso das catro liberdades que, en xaneiro de 1941, pronunciou o presidente estadounidense Franklin Delano Roosevelt: «Non hai nada misterioso respecto dos alicerces dunha democracia saudábel e forte. As cousas básicas agardadas polo noso pobo dos seus sistemas políticos e económicos son sinxelas: a igualdade de oportunidades para os mozos e demais, un emprego para os que poidan traballar, a seguridade para quen a precisa, a preservación das liberdades civís para todos e a participación nos froitos do progreso científico, nun estándar de vida constantemente crecente e amplamente compartido. Estas son as cousas sinxelas que nunca deberían perderse de vista na turbamulta e complexidade incríbel do noso mundo moderno. A forza interior e duradeira dos nosos sistemas económico e político depende do grao en que se cumpran estas expectativas». Se votamos atendendo ás cousas sinxelas, a partir do día 19 de xuño estarán de volta os días felices que nos anunciou esperanzadamente Martin.

31/05/2005

Medo á primavera

Na parada do bus dou cun veciño que, en confianza, me comunica os seus temores de que o Partido Popular perda a maioría absoluta. El non é de dereitas nin de esquerdas, é funcionario de vello na Xunta, e ten medo porque os outros aínda non están preparados. Vivimos nun concello pacificamente gobernado desde hai dous anos polo PSOE e o BNG. Con todo, lémbrame cando un pavoroso incendio case que nos leva as casas e quéixase de que o Concello non fixo nada. Infórmolle de que a loita contra os incendios é cousa da Xunta e non do goberno municipal. «Xa, xa –asinte, e retrúcame–, pero é que os outros aínda non están preparados. É que aínda non saben como hai que facer as cousas.» Repara no pin de HQB que levo na chaqueta e pasamos a falar amigabelmente do tempo. Despedímonos. El, cos seus temores. Eu, cunha pregunta impertinente que me roe. Imos ter primavera galega ou a este home lle falta unha primavera?

28/05/2005

Elas

Son a visualización da renovación do BNG. Malia ter un curriculo vedraño na acción política, social e cultural, ambas as dúas achegan unha forma nova de estar e facer política: directa, amábel, ilusionante. Imaxinación igualitaria. Intelixencia mesturada con solidaria humanidade. Saben ben que a felicidade é tan indispensábel para a cidadanía como a liberdade. Son a forza emerxente do País Novo. Se queremos un futuro mellor, cabaleiros, fáganse a un lado!

27/05/2005

Racionalismo

O Popular Party ten unha idea clarísima do que lle interesa a cadaquén. Aos nosos paisanos rurais, empanada; aos medios de comunicación, subvencións; aos funcionarios, cartiños frescos no peto. A eles o Poder Absoluto. Ninguén mellor que os xerarcas populares para saber que administración galega e os seus recursos son un botín que hai que repartir entre os propios e os próximos. Cadaquén ten que recibir o seu quiñón para afianzar as lealdades caninas e garantir a continuidade do PP no (des)Goberno galego. A nova política é o racionalismo, a repartición dos bens públicos so a forma de racións, e a conversión das contratacións nunha arrepañota que sempre lle cae aos mesmos. Os capos conservadores fixeron da corrupción e a repartición clientelar dos recursos autonómicos a versión galega do Welfare State: a Administración Ración. Para os propios, o lote maior dos bens, contratos e empregos públicos (ben se sabe que quen parte e reparte leva a mellor parte) e para os próximos racións de empanada (ou pizzas para os máis novos), axudas discrecionais e oportunistas subas salariais. Gimme tha power que algo che tocará.

26/05/2005

El Titi e a pirámide invertida

El País publicou onte, na páxina 8, un anuncio de algo autodenominado «Padres y madres de España» no que nos alertaban sobre as dramáticas consecuencias que tería a eventual aprobación da por eles chamada Lei de matrimonios homosexuais. Publicidade infame tirada do máis fondo do pozo do pensamento reaccionario e inquisitorial. Hoxe o xornal madrileño, na páxina 38, dá conta das reaccións provocadas polo anuncio e usando a sonada pirámide invertida, pola cal se debe «colocar o núcleo da información no primeiro parágrafo e os pormenores que complementan a noticia se redactan a seguir en orde de maior a menor importancia», di no derradeiro bloque de texto: «O anuncio, que viola abertamente as normas establecidas polo xornal, foi publicado por un fallo nos sistemas de control. Este anuncio non volverá aparecer nas páxinas de El País». Periodismo Digital, que se fai eco do asunto, titula: «El País pide perdón por "una publicidad homófoba"». Non só non pide perdón, senón que agocha a súa responsabilidade ofrecendo unha aclaración técnica no derradeiro parágrafo. Novo xornalismo este que lembra un dito castizo: «El titi no se cae, se tira.»

22/05/2005

Comezo

A fin de semana aniñou ducias de iniciativas cívicas: convencións electorais, entrega de Pedróns, estreas reivindicativas e lúdicas. Loitar polo evidente é case que sempre desanimante. Na mañá do domingo, na Coruña, tratábase de pedir o apoio para que o Senado lle dea o visto bo a reforma do Código Civil que recoñece os mesmos dereitos aos heteros que aos homosexuais. A voda congregou pouco máis dun centenar de invitados. «Que fráxil parece todo cando algo nace...» escribiu o poeta George Trakl. Canta razón levaba. Menos mal que hai algúns que non son moi fáciles de desanimar. Por iso algún día serán tantos coma na fotografía.

Baladafanada

Cabrafanada ten libro novo e presentouno o venres competindo con Q. e outros interesantes actos culturais. O artefacto é lindo, moi lindo, con letras breves acompañadas polas fotografías arquitectónico-desérticas de Renato Roque. A Balada é unha peciña de papel queríbel. Un libro engado. Neste poemario non aparece o brando pedramol, nin a dureza vitrocerámica coa que Fran escribiu a súa anterior poesía, pero si se asoman o silencio e as persianas. Das súas moitas letras quedo con estas: «o tempo é un asasino estático, un mentirán, un finxidor que engana». Unha colega roubame Balada solitaria e dálle lectura á carreira. Cando ma devolve, dime: «Un chisco heavy, un pouco duro». As letras, non o autor que che é brandiño e mol, penso pero non acerto a retrucarlle.

HQB

Un dos teóricos do absolutismo, Jacques Benigne Bossuet, defendía que «a política é un acto de equilibrio entre a xente que quere entrar e aqueles que non queren saír». Non teño claro cunha perspectiva democrática a cousa sexa explicábel neses mesmos termos. Outro, o meu, quere que a entrada cambie realmente o estado de cousas e inaugurar un País Novo. E, por cabo, hai unha presada intelixente da sociedade galega que non quere entrar pero si botar de vez aos que desde hai décadas non queren saír. No máis vivo de Galiza hai, quizais por primeira vez, un consenso básico que nos unifica: xa vai, desta vai, hai que botalos. Hoxe comenza a súa ilusionante campaña.

15/05/2005

Chuvia

No cumio da Babel de papeis que é a miña mesa de traballo, alguén deixou un exemplar de Sede en Ourense de Uxia Casal. Abandonan o libro o mesmo día en que a autora fai 48 anos e isto non deixa de ser unha feliz coincidencia. Na honra do seu cumpreanos, e roído pola curiosidade, inicio a súa lectura. Desde as primeiras liñas unha pertinaz seca desertiza Ourense, eiva mananciais e aborta nacentes. Se en Macondo principiou a chover e nunca máis parou, na Cidade das Burgas a seca é severa e seica eterna. As letras de Uxía son un reclamo adevecido de auga. Sexa porque as súas palabras son máxicas ou porque a natureza quere darlle un xeneroso galano, o ceo rómpese en incesantes mares e cantaradas de pingas acompañan as súas letras. Desde aquela a Amaía e a Terra de Compostela son varridas teimosamente por sobradas chuvias. A seca só fica nas páxinas de Sede en Ourense onde bebo rapidamente. Cousas veredes. Chove e non escampa.

13/05/2005

Chove e escampa

Ende ben deuse presentado o manifesto «En nome da esperanza: xa vai». Tras un desconcertante episodio con amagos de abandono e acusacións de manipulación, finalmente houbo acordo e concluíu con ben este novo lance da traxicomedia «Somos galegos e non nos entendemos», onde descubrimos que as palabras teñen dono e que ademais hai que ter moito coidado con compartilas con alleos. Pero a paisanaxe é así e nese carácter rabudamente microfundista radica parte do noso encanto antropolóxico. «Xa vai». Que alguén escolla as derradeiras palabras de Ramón Sampedro como leit motiv dun manifesto a prol do cambio político «galego» (non se me vaia esquecer!) pode parecer paradoxal, pero a súa defensa da eutanasia e a nosa da necesidade de promover un novo goberno teñen a mesma materia prima: a dignidade. Antes de iniciar (ou alimentar) tan penosa e esteril polémica algúns debían ter reparado niso. Deberían telo pensado sobre todo os entusiasmados etiquetadores que se dedicaron a repartir acreditacións de nacionalismo e pureza de sangue ideolóxico. Vai resultar agora que de Toro, Agustín Fernández Paz, Bragado, Xurxo Souto ou Tosar nada fixeron por Galiza. Vai ser que, como no caso de Enric Marcos, eles nunca estiveron alí, perdón quero dicir aquí. Cousas veredes. Chove e escampa.

09/05/2005

Outra idea de Galiza

A tregua dominical permíteme avanzar na lectura do último libro de Suso. Non adianto moito debido a que cada páxina invita a pensar. A súa apariencia fragmentaria agocha unha proposta reflexiva que é todo un careo con tres enunciados: un urxente –a necesidade de atopar unha nova formulación do nacionalismo galego–, un incomodo –a pertinencia de contribuír á construción dun novo «nacionalismo español» integrador–, e un anticipador –a futura pero obrigada ideación dun nacionalismo europeo que lle dea sostenibilidade identitaria á UE–. Polo que levo lido, Outra idea de España é moito máis que outra idea de España, tamén supón outra idea de Europa e de Galiza. Unha fértil achega aos problemas da identidade nacional, da libre asociación en novos e vellos espazos políticos, e da imaxinación dunha cidadanía inclusiva, participativa e plural. Non sei que efectos lle estará a producir ao todopoderoso lector da Moncloa pero a min, felizmente, está dandome moito que remoer. A vindicación dun «galeguismo republicano» é suxestiva e permite un diálogo non esencialista co mellor do nacionalismo de preguerra, con Antón Villar Ponte e co pouco reivindicado Lois Peña Novo, a quen moito me reina ler. Nas páxinas de El Pueblo Gallego en 1926 escribía: «Galiza é unha riqueza sen explotar, un dereito sen articular...». Eis un orixinal enunciado dos problemas dunha vella nación que aínda hoxe sinalan a cerna da súa axenda política e teimudamente agardan solución.

08/05/2005

Próxima estación: esperanza

Alguén definiu a Galiza como o país onde todo vai vir e nada dá chegado. Para cancelar de vez ese imaxinario imposibilista, unha presada plural e lúcida de intelectuais galegos acaban de dar a luz un manifesto que reproduce Brétemas, un dos seus promotores. Sae no día en que El País e El Correo Gallego publican senllas sondaxes electorais; ambas as dúas dan conta do desgaste do Partido Popular e da vantaxe dos votos progresistas sobre os sufraxios conservadores. O PP lambe con moitas dificultades a maioría absoluta mesmo no seu voceiro oficioso. Na sondaxe madrileña, o BNG acada uns apoios preocupantemente baixos (11 escanos) que son mellorados no inquerito compostelán (14), pero que aínda quedan lonxe dos 17 deputados actuais. O PSdeG evidencia un crecemento espectacular gañando entre oito e dez novos escanos e mantense por riba do 30% dos votos. Para mellorar os resultados do nacionalismo haberá de ampliar a súa audiencia entre os votantes máis novos, as mulleres e nos núcleos urbanos, segundo os perfís críticos que achega El Correo Gallego. Aínda que os analistas composteláns entenden que só cun alto nivel de participación Manuel Fraga poderá revalidar a súa maioría absoluta, todo semella indicar que unicamente asegurando a maior mobilización electoral o BNG poderá mellorar os seus resultados e contribuír máis solidamente á vitoria da alternativa galeguista e progresista. Os 18 esperanzados asinantes do manifesto escriben: «No nome desa esperanza chamamos a todos os galegos e galegas a que abran as portas a un novo tempo que afronte os graves problemas do país, e que afirme o autogoberno e a liberdade das persoas. Un novo tempo que nos convoca a todos os cidadáns a colaborar activamente para darlle paso a unha sociedade libre e democrática, moderna e tolerante, participativa e solidaria, responsable e disposta a traballar esforzadamente para avanzar na democracia transparente, no autogoberno e no desenvolvemento económico e social de Galiza.» Convócanos á esperanza, que oxalá sexa á que se referiu Castelao, «a espranza celta, que nunca se cansa». Chaman á participación e ao cambio político e anuncian que «xa vai». Que así sexa, que vaia xa!

02/05/2005

As listas grises da UPG

A executiva do BNG adiantou as súas candidaturas electorais. Tras un ilusionante inicio, ven a esmagadora evidencia de que as listas serán renovadas pero non renovadoras. O cupo da UPG cúbrese ao seu gosto e medida e vai resultar moi difícil borrar a imaxe de Quin como un lider entregado aos caprichos, poderes e controis da todopoderosa U. As listas resultan grotescas polo que teñen de repartición de poderes domésticos e o seu debil atume coa sociedade máis dinámica e as súas forzas máis comprometidas. Enfeblecido polas críticas de Beiras, Quintana inclínase ante a Realpolitk de sempre e a renovación efectiva e prometida das listas e os seus procedementos de confección é un espellismo baleiro de concreción. Quintana non é o único responsábel de semellante desencanto, pero a el vai tocarlle ser o seu xestor. As listaxes son dunha pobreza insólita, un pozo do que non pouca ilusión se vai poder tirar. Cada vez atopo máis desengañados (e eu estou máis desganado). Houbo un tempo no que lle tiña máis confianza á organización que aos inquéritos; agora é todo o contrario, o único que levanta o ánimo é constatar como, a pesar de que se están facendo as cousas maiormente mal, se mantén a fidelidade electoral do persoal. A desconfianza do PSOE e o rexeitamento do PP aínda poden máis. O grande inimigo é o desencanto e o seu correlato electoral: a derrotada abstención. Por min non ha de quedar.

As listas negras da GPU

Dedicacións sanitarias mantivéronme afastado da prensa galega case que todo o día. Até o venres á noitiña non descubrín a crónica de Luís Villamor en La Voz de Galicia na que dá conta da paciente e pormerizada identificación dos «inimigos do pobo» á que dedicou unhas boas xornadas algún aplicado aparateiro do BNG. A mágoa é non poder dispor do texto orixinal da listaxe coas glosas, subliñados e cualificativos delicadamente anotados por un burócrata ao que se lle paga, parcialmente, coas cotas do afiliados policialmente investigados. O inquisidor tivo que reunir fontes ben diversas, moitas delas reservadas e oficiais, listaxe de militantes e simpatizantes, relación dos avalistas da XI Asemblea, xunto con nada desprezábeis coñecementos personais... e non poucas chamadas telefónicas a responsábeis locais e comarcais para atopar as pegadas político-dixitais dos abaixo-asinantes. O resultado é un noxento, estaliniano e cainita «quen é quen?» sobre a disidencia beirista. Unha organización política que se di democrática non debera aniñar semellantes prácticas fascistoides e alguén debería ser cesado, demitido ou despedido... pero non o será, a este exemplar funcionario partidario non lle chegará o seu San Martiño e, moi ao contrario, será merecedor dunha renovada medalla chequista. É tal o noxo que, para evitar escribir unha carta dándome de baixa no BNG, escribo este post para me desafogar... Con todo, a listaxe infame pide teimudamente unha declaración de abandono ou, cando menos, de peche temporeiro de actividade.

26/04/2005

Follas do bacallau

A miña antiga factoría achégame unha alegría impresa. Están á venda as follas de Xabier Paz. Un orixinal diario que tiven a sorte de ler cando só era pretexto de edición, un caderno de bitacora que agora está felizmente editorializado. Na advertencia prelimiar o autor explícase: «Estas follas poder ser lidas como achegamento á vida e aos traballos de a bordo, aínda que primordialmente fose, na súa orixe, postais nas que o desafogo, a intención comunicativa, primara por riba doutras consideracións. Acaso, tamén, poidan ser alivio ou entretemento para alguén, tal e como foran bálsamo na súa nacencia. Unha pomada contra os proídos da vida, non sería pouca cousa.» Hoxe a tintuta sabe salgada. Cousas do mar que se contan na terra. Un enfoque persoal pero complementario das olladas de Xabier Queipo, Xurxo Souto e Camilo Franco, os nosos outros autores mariños. Pidan no seu ultramarino as follas do bacallau que acaban de chegar da Terranova editorial, hánlles de resultar saborosas.

24/04/2005

Feliz coincidencia

Por O quilombo sei que o 19 de xuño se celebra o Juneteenth, a máis antiga celebración da fin da escravitude nos Estados Unidos. Conmemorase o día en que os escravos e escravas de Galveston, Texas, souberon por primeira vez da Declaración de Emancipación. A nova chegoulles tarde, con dous anos de atraso, pero a festa foi rachada. Unha azarosa coincidencia que aleita a esperanza de poder recibir boas noticias o vindeiro 19 de xuño.

Tinta doce

Semana de libros. Xuntanza cos fabricantes de letras que queren nova fiestra virtual. Día do Libro e domingo con reportaxe especial sobre o mundo da edición no EPS. Reparo na galería de imaxes dos emerxentes editores do Estado e dou por feito que, grazas ás anteolleiras da cultura oficializada, non atoparei o rostro de ningún paisano. Felizmente, estou errado. Poucas veces a tinta ten sabor doce. Hoxe sabe a azucre. Deitado nunha alfombra de libros aparece o noso creador de Brétemas. Moi merecidamente.

A hora do optimismo intelixente


Segundo o psiquiatra Luis Rojas Marcos, nácese con optimismo, fácemonos optimistas e aprendemos a ser optimistas. Así o asegura nunha parolada en Cinco Días. Noutra entrevista en El País Semanal-Belleza (?), afirma Rojas que «a esperanza abunda entre as persoas máis do que nos imaxinamos». Ou sexa, que non todo está perdido. A trasacordada convocatoria electoral de don Manuel obríganos a aprender a ser optimistas e sobre todo a dedicarnos a sachar na abundante esperanza que hai nos outros pero que semella que escasea en nós. Tal e como veñen as cousas, o mellor é elixir un optimismo intelixente. As últimas sondaxes publicadas dánlle ao BNG 15 ou 16 deputados e o PP arrabuña a maioría absoluta, pero hai un 37% de indecisos. Hai logo, cando menos, un 37% de esperanza. O único combustíbel que nos fará avanzar é a ilusión e non o desencanto por canto fixemos (ou deixamos de facer) nos últimos meses. É máis cuestión de resiliencia que de resistencia. A ver se conseguimos que «o león que levamos dentro», á parte de acordar, abra a boca e diga o que ten que dicir: Xogámonos moito e temos moito que gañar, un Novo Estatuto, un novo goberno e un presidente novo. Se o facemos ben, o vindeiro 19 de xuño estrearemos un Novo País. Pásao!

21/04/2005

Anatomía do fracaso

Kepa Aulestia en La Vanguardia de hoxe escribe: «O termo fracaso adquire connotacións tan dramáticas que os partidos e líderes aos que se lles imputa tal cousa tenden a encastelarse ollando cara a outra parte. Non obstante, o fracaso existe en política como unha categoría superior ao revés electoral ou a decepción pasaxeira. É un concepto aplicábel ao caso en que unha determinada opción estratéxica persistente, prolongada no tempo e dotada de medios suficientes como para levala adiante non acada os seus obxectivos e atópase cunha contestación política ou cunha resistencia social igual de persistente.» Caracterización sútil: «opción estretéxica persistente», «prolongada no tempo» e «dotada de medios suficientes» fronte a «contestación política» ou «resistencia social igual de persistente». Gardamos a cita para cando haxa que escribir «A renovación do BNG: Anatomía dun fracaso.» Aínda non estamos aí porque leva razón Winston Churchill: «O éxito é a habilidade de ir de fracaso en fracaso sen perder o entusiasmo.» Nesa estratexia (pre-fracasada) persistimos aínda entusiasmados.

20/04/2005

Cocibolca

Dedico algunhas horas de sono a preparar unha charla sobre o país de lagos e volcáns. Repaso informes, estatísticas e debrúzome no andel pinolero da miña desordenada biblioteca. Ábrese a memoria e sinto unha angustia pequena e un grande desexo de volver alí. Fago ilusorios planes por se a economía e as forzas me permitiran retornar ao gran círculo de auga. Hai catro anos que non sei da súa dozura nin das súas xentes.

18/04/2005

Contas interesadas

O Plan Ibarretxe morreu. A esta conclusión chegan case que todos os comentaristas políticos inspirados polo bloque constitucionalista. É pouco discutíbel que o texto da «Proposta do Goberno Vasco para a convivencia en Euscadi» non será a base dunha futura ampliación do autogoberno vasco pero o que non dá agochado a interpretación interesada da camada tertuliana é que hai un 38,6% que entende que o Plan Ibarretxe marca un horizonte de soberanía desexábel; un 17,8%, os que votan EHAK e Aralar, quere unha soberanía aínda maior, e un 5,4%, os de EB-IU, cre que hai que avanzar substancialmente na reforma do Estatuto de Gernika. A maiores está un 22,6% que cre que o PSE debe reformular á alza o nivel de autogoberno da Comunidade Autónoma Vasca. Unicamente o 17,3% entende, agora, que o Estatuto de Gernika é suficiente e que resulta innecesaria súa reforma competencial. Parece claro, despois de facer as contas, que o que está realmente morto é o vello Estatuto de autonomía. Xustamente esa é a cuestión central que formulaba o Plan Ibarretxe, a necesidade de tomar nota de que é necesario un novo marco político para execer a democracia, o autogoberno e a convivencia en Euscadi. Escribiu Honoré de Balzac que «as leis son como teas de araña, pasan libremente as moscas grandes e quedan enleadas as pequenas». Ás sisudas análises dos tertulianos constitucionalistas ocórrelles o mesmo: atrapan interesadamente o dato miúdo para que o dato groso pase sen se deter na opinión cidadá.

13/04/2005

Coma lobos

Nun libro da miña infancia explicaban como os esquimos cazan os lobos árticos. Nunha bola de sebo metían unha folla de silex ou de aceiro cun gume moi afiado. Logo deitaban no xeo a bola de sebo. Cando o lobo daba con ela comezaba a lambetala; axiña a súa lingua atopaba o gume filoso. Aos poucos íanse producindo cativos cortes na lingua do animal que aleitado polo sabor do sebo e do propio sangue lambía máis afusquinadamente. Os cortes facíanse cada vez máis fondos e a hemorraxia cada vez maior. Finalmente, todo era cuestión de tempo: o animal finaba afogado no seu propio sangue. Uns máis que outros lamben no sebo sen notar a coitela e así nos imos derramando en desputas estúpidas por cousa dun caudillismo mesiánico ou dun poder enano e castrante. Algún fai por non seguir lambendo.

12/04/2005

Beiras no mes máis cruel

Durante a guerra de Vietnam un xeneral norteamericano declarou, cheo de razón, que tiveran que destruír unha aldea para poder salvala. Abril ganouse a merecida fama de ser o mes máis cruel por mesturar memoria e desexo. As últimas decisións de Xosé Manuel Beiras entréganos a un turbillón confuso de memoria e desexo e, sobre todo, enfróntannos cruelmente a un paradoxo estrátexico semellante ao do militar estadounidense: «para salvar ao BNG hai que destruilo (ou case)».
Non se discute a memoria. Hai unha esmagadora unanimidade á hora de salientar a achega decisiva de Xosé Manuel Beiras ao nacionalismo e á cultura galega, ao avance electoral e social do BNG e á súa renovación ideolóxica, política e organizativa. O que si se discutiron foron os seus desexos de encabezar a candidatura de Coruña ou Pontevedra e mesmo se esa era a mellor fórmula para aprofundar no proceso de renovación aberto na dirección política da organización nacionalista. Non se cuestionou o seu papel como presidente do Consello Nacional, si se rebateu a idoneidade do seu papel como cartel electoral.
Poucos políticos saben tan ben como Beiras do custe persoal que ten liderar un proceso de renovación nunha organización partidaria, das moitas dificultades de xestionar as inercias e das moitas pexas para avanzar na renovación de ideas, formas e persoas. O propio Beiras promoveu as reformas actuais tras a consideración na X e XI Asemblea da fonda crise de liderado, estratexia e organizativa que entalaba ao BNG e limitaba a súa audiencia electoral. Foi Beiras quen bautizou á «xeración CAF» e a sinalou como motor dos cambios necesarios. Foi el quen subliñou a urxencia de cambiar o BNG para poder cambiar Galiza.
Con todo, o BNG como o «proxecto común» que Beiras capitaneou esforzouse máis en garantir os equilibrios entre as organización da fronte que a súa renovación: a cooptación primou sobre a elección das direccións, a orde partitocrática impúxose á participación, o pluralismo dos partidos esteouse a costa do pluralismo da militancia, a dirección das partes impediu a existencia dunha dirección de todos. Beiras contribuíu máis ao remozamento da imaxe da fronte na sociedade e non tanto ás mudanzas ideolóxicas ou á democratización da organización. O liderado de Beiras non foi un eterno tirapuxa coa UPG senón a procura dunha alianza asimétrica e de intensidade variábel onde Beiras se aseguraba a súa autonomía política na relación coa sociedade e no labor institucional, e a UPG señoreaba o aparato e xestión doméstica da organización. Quizais, por todo isto, as súas críticas á actual renovación quintanista resulten moito máis crueis que permite o xa de por si cruel mes de abril. Malia ás adversas condicións políticas do nacionalismo galego, nos últimos tempos materializáronse máis avances na renovación da organización e da súa oferta electoral que en toda a «década prodixiosa» na que o BNG estivo xefeado por Xosé Manuel Beiras.
Mágoa é que, por cousa das últimas decisións de Beiras, os seus desexos traballan contra a súa memoria e, endemal, contra o mandato de renovación que saiu das pasadas asembleas do BNG. Beiras ten todo o dereito do mundo a cambiar de parecer e crer que o proceso de renovación esta derramado, pero xa metidos de cheo en paradoxos políticos, a día de hoxe quen mellor pode facer realidade o programa renovador que noutrora Beiras liderou non é Beiras, senón Anxo Quintana. Demitindo como presidente do Consello Nacional, a Beiras só lle queda un papel que cumprir: ser o xefe da oposición á renovación que Quintana quere impulsar. Era outra a achega que esperabamos de Beiras.

06/04/2005

Raíces

Na cerna dunha morea de palabras de Ernesto Sábato sobrancea unha cita de Simone Weil. «Botar raíces quizais sexa a necesidade máis importante e ignorada da alma humana. É unha das máis difíciles de definir. Un ser humano ten unha raíz en virtude da súa participación real, activa e natural na existencia dunha colectividade que conserva vivos certos tesouros do pasado e certos presentimentos do futuro.» Na páxina de enfronte, no mesmo xornal, un titular estarrecedor: «Máis pobres, máis sos, máis tristes», un subtítulo aclarativo: «As tentativas de suicidio na poboación inmigrante son case o dobre que na autóctona», e un antetítulo explicativo: «Entre as súas causas están a soidade, o desenraizamento, a pobreza, o descoñecemento do idioma, a ilegalidade e as diferenzas culturais». Hoxe comezan en SCQ as xornadas do Foro da Emigración para falar da fraxilidade do transplante de raíces, para reclamar a necesidade fertilizante da cidadanía crítica.

05/04/2005

Incalculábel

Lembraba Joaquín Estefanía, en El País, unha estimación feita polo economista norteamericano John Kenneth Galbraith que estableceu que, a efectos prácticos, a memoria dos desastres financeiros dura como máximo 20 anos. Ao parecer, son precisas dúas décadas para remotar a pegada negativa que un sonado fracaso económico deixa nos emprendedores e investidores. Pero canto persiste a memoria dun gran fracaso político? Tras o fundimento do Goberno Tripartito houbo que aturar 15 anos de maiorías absolutas do Partido Popular en Galiza. Despois dos erros do tardofelipismo, houbo que apandar con oito anos de goberno conservador do Estado. De non lograr derrotar a Fraga nesta tirada, canto van durar os efectos psicopolíticos deste novo e derramado intento?

Cábalas

Hai uns días El Correo Gallego destilaba os datos dun barómetro electoral encargado polo Partido Popular que indica que está en condicións de revalidar a súa maioría absoluta con 36-39 escanos, aínda que se o PP queda no mínimo da forquilla –36 ou 37 deputados– non atinxiría a maioría na cámara. O PSOE acadaría o 28,9% dos sufraxios, o que significaría que pasaría de 17 a 21-23 deputados. O BNG lograría o 20,6% de los votos e perdería entre un e dous escanos, quedando con 15 ou 16 representantes. Para vencer ao PP, tanto BNG como PSOE deberían optimizar os seus resultados electorais, algo que actualmente semella difícil tanto pola inestabilidade do BNG como pola merma de crédito do PSdeG e o seu candidato perante aos incumprimentos do goberno amigo de ZP. Hoxe nun xantar, desde a beira contraria, confirman as tendencias electorais: o PP non dá caído no peor dos casos por debaixo dos 36 deputados, o PSOE non da superado no mellor dos casos os 23 e o BNG, por moita crise interna que o roa, non se fonde nunca por debaixo dos 15 deputados. Unha situación paradoxal onde o PP non se dá vencido e a oposición non dá gañado.

29/03/2005

Taxonomía

A taxonomía é unha disciplina excesivamente absolutista pero, acolléndome a ela, estou a pensar que na dirección do BNG hai dous tipos de persoas: os que seguen a directriz orteguiana e pensan que «eles son eles e as súas circunstancias»; e os comparten a formulación do dramaturgo Heiner Müller e cren que «eles son eles e as súas consecuencias». Os circunstanciais teñen actualmente en Xosé Manuel Beiras o seu máis destacábel voceiro. Beiras mídese coas súas circunstancias personais e rebélase contra o propio proceso de cambio que el propiciou. As circunstancias mudaron, el sábese politicamente secundarizado na estratexia renovadora e non acepta un papel complementario e moito menos subsidiario. O substancial da proposta de Beiras non radica no grao da súa presenza na listaxes electorais, o que discute é o novo liderado de Quintana, os novos poderes que agroman na dirección política do BNG e a mesma necesidade de renovación –da renovación xeracional e da renovación política–. Hai un dito fang que asegura que «non pode ensinar o camiño ao gorila vello». A renovación non é o camiño actual de Beiras. Houbo un tempo en que o que era bo para Beiras era bo para o BNG e viceversa. Esa relación actualmente está crebada. Tamén houbo un tempo moito máis pretérito no que o que era bo para a UPG era bo para o BNG. Esta relación caducou moito antes. Don Manuel, que ás veces mesmo atina, dixo que non había un BNG senón tres: o do señor Beiras, o da UPG e o do señor Quintana. Esqueceuse do cuarto BNG: o dos non adscritos. Dous ollan cara ao pasado e as súas circunstancias, e dous esfórzanse por xestionar as consecuencias do cambio político e a renovación do BNG que queren impulsar.

23/03/2005

Sen respostas

Dou cunha cita de Anita Roddick («O que agora se necesita é unha revolución da bondade.») que me leva a interesarme pola súa vida. Leo cousas varias sobre a súa imaxinación emprendedora e a xestación de The Body Shop. Nalgún lugar da arañeira atopo os seus consellos para os novos emprendedores; hai tres preguntas que facerse para decidir un proxecto persoal: 1) Qué é o que che gusta facer?; 2) En que es bo?; e 3) Que te diferencia do resto? Debe ser que teño a autoestima polo soto pero non me dou contestado cabalmente ningunha das tres.

13/03/2005

Derradeira man

Un enxeñeiro «canso de levarse posto» é o protagonista de Unha sombra xa pronto serás, a novela de Osvaldo Soriano que releo cando se achega a noitiña. Un home camiño a ningures, extraviado na pampa, que vai percorrendo outras vidas tan vencidas como a súa: unha adiviña, o arruínado propietario dun circo, un millonario obsesionado con facer saltar a banca dun casino imposíbel... Redescubro unha escena que é unha estampa dun estado de ánimo colectivo que ameaza con estenderse: Coluccini, o crebado dono do circo, e o enxeñeiro xóganse as súas derradeiras lembranzas nunha partida de cartas porque non teñen outra cousa de valor coa que apostar.

Reencontros

Vou ao sur para acompañar a dor dunha amiga. Recupero parte do meu modus vivendi de anos pasados: acordar cedo; tren; lecturas; escribir con liñas abaneadas polo avanzado estado de descomposición dos carrís. Descuberta de artefactos como o Nexios e de novos controis de acceso (para lembrarnos a traxedia do 11-M?). Verifico o intento fallido da alcaldesa por converter a miña nunha cidade-repolo. Atopo a vellos colegas da fábrica de palabras. Cabrafanada abandonou a súa invernación e recupera o pulso literario coa primavera e a chegada da liña teléfonica ao rural, e iso é unha moi boa noticia entre tanta dor. Intercambio perplexidades con Lolo sobre a marcha da nosa cousa común. Recupero algo de paz no xantar cos do meu clan e reconto a idade dos meus e a miña propia idade. Tren. Lecturas. E escribo en caderno abaneado este post que agora transcribo cun acusado mal de señardade. Boto unha última ollada á ría dos galeóns.

09/03/2005

Formigas en rede

Na prensa de hoxe varias notas sobre Marco Dorigo, un milanés que se dedica á computación evolutiva e que deseña «formigas virtuais». Unha idea luminosa: «o comportamento colectivo de seres en apariencia tan simple como as formigas pode servir de modelo para optimizar entramados telemáticos, e mesmo para deseñar robots capaces de interactuar co territorio». Unha descuberta esencial: A principal cualidade dos insectos sociais, formigas ou abellas, é formar parte dun grupo autoorganizado, que ten por clave a simplicidade. As formigas resolven todos os días problemas complexos grazas á suma de interacciones simples entre cada individuo. Ou sexa que actores liliputienses con capacidades diminutas poden, xuntos, facer cousas moi complexas.
No suplemento «Culturas» de La Vanguardia, un comentario sobre as multitudes intelixentes de Howard Rheingold. Un ensaio brillante sobre as potencialidades que as novas redes agochan, sobre a súa importancia como sostén de estratexias de axuda e intercambio solidario de información, e sobre a anatomía das multitudes intelixentes como grupos que coordinan as súas accións presenciais apoiándose en sistemas electrónicos móbiles.
Laboralmente andamos botando os folgos para mudar a muralla pola rede e comprendo ben a utilidade da cultura formigueira. Por outra banda, politicamente resúltame un mundo deprimente comprobar o lonxe que estamos do cooperativo comportamento das formigas e o atomizadas que están as nosas multitudes intelixentes. Quizais, ao final, o futuro de Galiza dependa dunha multitude intelixente de formigas que traballen en rede con móbiles.

08/03/2005

Estratexias de fin de semana.

Foi unha fin de semana rica en movementos estratéxicos ou en tropezóns tácticos. Abandonos, pseudorretiradas e avances en falso. Erros de apreciación, exceso de confianza, raposeiras manobras orquestrais e caneos en curto. A estratexia non é unha ciencia exacta e amais escríbese con liñas retortas.

«Se podes gañar a batalla, loita; se non, retírate».
En Bolivia, Carlos Mesa decidiu exercitar a bela arte da retirada. Coa súa demisión gaña tempo e evita enfrontarse a un conflito que de rematar con derramamento de sangue sería a causa da súa derrota definitiva. Aprendeu dos erros de Sánchez Lozada no febreiro negro e no outubro roxo. O seu abandono deixa a Evo Morales nunha insólita orfandade estratéxica. Sen o seu antagonista principal e antes de tempo, o MAS ten que exercer como partido de goberno sen estar no goberno. Mesa, mentres tanto, poderá recompoñer un bloque de orde mobilizando o medo que o MAS provoca nas clases urbanas, nos investidores estranxeiros, nas todopoderosas petroleiras e nas oligarquías bolivianas de sempre.

«Matar cun coitelo prestado».
Beiras decidiu asaltar os ceos e desencadear a máis grande de todas as batallas contra Francisco Rodríguez e a todo poderosa UPG. En realidade, o pulso beirista discutía o liderado de Anxo Quintana e procuraba o seu posto na candidatura do BNG por Coruña. Quintana opúxose cun recurso prestado: anunciou o desexo de Paco Rodríguez de non repetir como cabeza electoral en futuras eleccións xerais e pediu a Beiras a mesma xenerosidade para propiciar a renovación. Beiras marrou o golpe porque Quintana lle cambiou o albo. Un caneo raposeiro que permite tacticamente a Quin desfacerse do pressing de Beiras. Mal lles vai ir co de Allariz ata que se decanten que «non tendo nada que perder, ten todo que gañar.»

«Agochar a daga tras un sorriso».
Rodríguez, pola súa parte, está disposto a deixar o seu escano parlamentario e favorecer así a renovación? Maquiavelo en O príncipe escribiu que «a pouca prudencia dos homes ve a bondade inmediata dunha cousa, sen reparar no veleno que agacha». Rodríguez ensaia unha UPG de rostro humano e concede unha humanísima entrevista na que desvela o seu aprezo musical por Luis Mariano. A UPG, a historia así o demostra, sempre está disposta a «dar un paso despois de ceder un centímetro».

02/03/2005

Sísifo volve da feira

Onte Miquel Roca, nas páxinas de La vanguardia, aplicaba o mito de Sísifo a un país, que non é o noso e ao que de todas maneiras sempre lle toca volver a comezar. E identifica o principio activo da síndrome de Sísifo: «O mundo político afastábase do mundo real; para o primeiro o enfrontamento era ideolóxico, conceptual; para o mundo real, o importante eran os problemas. Para o mundo político todo eran denuncias; para o mundo real, o importante eran os problemas. Para o mundo político todo eran denuncias; para o mundo real só se reclamaban solucións (...) Importou máis dividir que servir; denunciar que gobernar; o político rompeu co real.» É un alivio (menor) comprobar que noutras partes cocen fabas. Na mesma vanguarda, a tira gráfica de Bill Watersson desvela o mecanismo substancioso que anima aos novos atlas que sosteñen esencialmente o peso do mundo-galiza. Calvin monologuea: «Hai moita xente que non ten principios, pero eu si. Son unha persoa con principios! / Eu só sigo un único principio e nunca me afasto del.» E que principio é? –pregunta Hobbes. Preocupate de ti mesmo –resposta cheo de razón Calvin.

27/02/2005

Sísifo segundo lle vai na feira

Sábado 26. Unha das contadas xornadas felices do nacionalismo galego nos últimos meses. O Foro presentou a súa proposta de Estatuto. Ar fresco achegado pola pluralidade e a capacidade (inmensa) da nosa sociedade civil. Un ambiente cordial e ilusionante, trazado polo diálogo entre pareceres e historias políticas diferentes, diversas e distantes. Dose impagábel de ilusión e confianza nas forzas propias da que andamos maiormente faltos.
Domingo 27. Pequeno almorzo coa entrevista de La Opinión con Xosé Manuel Beiras. Prodúceme un efecto demoledor. Tanto que lembro as súas palabras en A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras: «Utilizo o mito de Sísifo porque este é un país onde as xentes que asumiron a defensa da súa identidade colectiva, xa a mediados do século XIX, fixeron en cada etapa xeracional esforzos titánicos para acadaren obxectivos e resultados que, rematada cada etapa, eran destruídos parcialmente ou ás veces case totalmente, de xeito que cada xeración tivo que comezar dende máis atrás de onde chegara a precedente. (...) Non hai continuum no proceso de construción do edificio da nación, senón unha sucesión de interrupcións, retrocesos e voltas a empezar.» Nin no proceso de construción das súas organizacións políticas, habería que engadir.
Inoportunas, nesgadas, compracentes, autoxustificadoras e, case doe escribilo, só dítadas pola súa axenda persoal, estas declaracións mandan costa abaixo a rocha de Sífiso e esmagan calquera ilusión nacida do diálogo libre do BNG-organización co BNG-sociedade e máis alá como a que representa a iniciativa do Foro Novo Estatuto. As súas declaracións entroncan coa peor tradición do nacionalismo galego: a que somete a res publica ás necesidades da cousa doméstica, a que acomoda unha e outra vez a estratexia da organización ás reparticións dos escanos. Un home experienciado como Beiras sabe de sobra que esas declaracións empardecerán o miúdo traballo de seis meses do Foro e, o que é peor, indicarán a todo que queira escoitar que, con semellante galiñeiro interno, colaborar co BNG é asumir a lóxica azarosa pero mortal da ruleta rusa. Mellor gardar unha prudente distancia para non verse canibalizado polas honorábeis retesías internas. Beiras ten todo a lexitimidade do mundo para declarar o que queira e cando queira, faltaría máis!, pero polo que a min respecta que non me volva amolar co conto de Sísifo. Semella que só el pula da puta pedra. O domingo mandouna costa embaixo polo ben de todos nós, iso é o que creo entender das súas libres palabras.

24/02/2005

Aggiornamento

Cada vez que don Manuel se apunta un éxito electoral ou refrendatario dálle un ataque de «exterminismo político» e anuncia a necesaria extinción do BNG. Doulle por aí na noite electoral das últimas eleccións autonómicas e, agora inflamado polos resultados do referendo euroconstitucional, na dixestión dunha cea-coloquio no madrileño Club Siglo XXI anunciou que «O BNG non presta ningún servizo a Galicia. Para galeguistas, nós.» Xógándose os garabanzos, i.b. na súa crónica de El Correo Gallego, pon temerariamente sal na chaga: «Fraga, en ano electoral, fai chiscadelas aos sectores máis galeguistas da súa organización. Buscando tamén a complicidade dos votantes galeguistas, ataca a quen máis lle pode restar este apoio: o BNG.»
Hai ocasións en que o mellor que podes facer é seguir as indicacións do teu maior adversario; se tanto lle amola a don Manuel, a influencia do BNG nos sectores politicamente mornos e no galeguismo, quizais haxa que aproveitar a ocasión e refundar a fronte nacionalista como un novo Partido Galeguista, como o de Castelao, Bóveda e Vitor Casas, non como o de Manuel Soto Ferreiro. Por amolar, pero tamén como consecuencia dun necesario aggiornamento estratéxico. Para que nos nos extinga a voracidade de don Manuel ou nos abafe de vez a infeliz lóxica do bipartidismo. Xa o cuspiu o león de Vilalba nesa mesma cea: «Galicia non é nin mellor nin peor, é diferente, e quen procura unha oportunidade a ten.» A ver se aproveitamos a nosa.

19/02/2005

A estratexia kafkiana

Derramo as primeiras horas do día reflexivo por mor dunha gripallada que me deitou na señerdade. Comprobo nos papeis, na arañeira e nas conversas que unha boa parte dos meus decidiron sumarse á estratexia kafkiana. A advertencia de Franz non é despreciábel: «Na túa loita co resto do mundo, aconsélloche que te poñas do lado do resto do mundo.» No referendo de mañá, Cesare, Brétemas, Cabrafanada, Ro, Coco... na súa loita (indiscutíbel) por unha Europa mellor estarán do lado dos que cren que a do TCE é a única Europa factíbel. Eu hai tempo que decidín equivocarme novamente e non votarei o mesmo que eles. Creo sinceramente que para avanzar na construción europea se necesita dunha reserva crítica sen a cal non se poderá practicar ningunha das liberdades da Constitución nin garantir ningún dos seus fermosos dereitos e valores. Como a mormeira non me deixa pensar autonomamente, boto man dunha cita de Khalil Gibran: «Non progresas mellorando o que xa está feito, senón esforzándote por lograr o que aínda queda por facer.» Entendo que até o TCE a construción da UE era un marco aberto, plástico e dinámico, coa súa aprobación entusiasta / resignada / posibilista sospeito que se vai achicar a súa profundidade de campo, que entrará nunha fase de conservadorismo constitucional e o que non estea no papel non existirá na axenda política, social e económica da Nova Europa. Coa papeleta que se non vai vir enriba, temos todas as papeletas para volver coincidir nas papeletas. Se a gripe española nos deixa.

13/02/2005

Anunciando o modelo Berlusconi

O Director non ten goberno que lle obedeza, nin partido que atenda inequivocamente a súa Voz. O pobo, en cambio, ten un Director que lle escribe e por iso estamos felices. No artigo dominical de hoxe entrégase á mesma retórica pretenciosa que xa empregou na proclama outoniza e, como non podía ser doutro xeito, cítase a si mesmo.
O horizonte político de Santiago Rey Fernández-Latorre non é outro que o bipartidismo constitucional e o campo do posíbel coutano o Partido Popular e o PSOE. Como non hai máis alternativas políticas que estas, o Presidente e editor do xornal da cidade do Faro vese condenado á impotencia. E, sempre que o PP e o PSOE non están á altura das circunstancias, La Voz de Galicia asume a súa condición de «empresa-partido» e traza o programa do que é urxente, necesario e deber de salvación. Cando PP e PSOE fracasan, a alternativa non é o BNG, é La Voz de Galicia así o establece o Libro de estilo político de Bieito Rubido e compañía.
Don Santiago proclama: «En este paisaje cabría esperar una movilización política y social sin precedentes. Pero no. La inminencia de unos comicios tampoco ayuda. "Lo decisivo para el futuro de Galicia -escribí en octubre- no es si la Xunta cambiará de manos o continuará en las actuales. Lo imprescindible es afrontar decididamente los retos que plantea el siglo XXI y empezar por fin a ponernos al día". Seguimos igual, en un sinfín de declaraciones partidistas, sin liderazgo y sin plan». A alternacia política non soluciona o problema porque só se producirá con participación do BNG. E un cambio co BNG é un cambio que non interesa ao complexo empresarial La Voz-CaixaGalicia como se evidenciou en Vigo e se evidencia agora agriamente en Pontevedra.
O demiurgo mediático anota: «Es la hora de decir la verdad una vez más: parecemos un país sin proyecto –ni siquiera tenemos el que nos prometieron–, dividido en facciones políticas que sólo buscan su medro electoral o mantener el poder, que se pierden en acusaciones mutuas y son incapaces de llegar a un acuerdo sobre aquello que a todos los ciudadanos interesa: nuestro futuro.»
E a traca final para esixir un gran pacto político entre a nosa (a súa?) «clase política» e, se non son quen de armar a Gran Coalición, «haberá que buscar solucións fóra dos ambientes políticos» cunha anovadora alternativa sustentada pola «nova xeración de dirixentes e emprendedores», «no aire libre e aberto da sociedade que realmente fai e sufre Galiza».
Cal é esa solución fóra dos ambientes políticos? Un cuarto partido que obedeza ao cuarto poder. Cuiña, Baltar, Vázquez se quere, X.L. Barreiro e todos aqueles galeguistas culturalistas que estean dispostos a entregarse intelectualmente ao proxecto ilusionante dunha Galiza gobernada por don Santiago, o novo e fascinante berlusconi do Noroeste.

11/02/2005

O país das 325 piscinas

Acudo á presentación de Galiza borrosa de Santiago Lamas. Acompañan o libro as palabras de Ramón Villares, Marcial Gondar, Díaz Fierros e as do propio autor. Unha libre reflexión sobre a identidade dos galegos. Humorística e transgresora. A.B., un dos máis remoentes polemistas das Luces de Galiza, maniféstase indignado coa superficialidade choqueira do acto. Todos os demais rimos a cachón. A falta de humor é un devastador disolvente da intelixencia. Nos viños, Lourenzo achéganos un deses datos fascinantes que recompila Xerardo: en Galiza hai 325 piscinas climatizadas, unha fortuna en infraestruturas que non hai orzamento público que lle dea mantemento. O noso imaxinario nacional evoluciona, pasamos de ser o cunqueiriano país dos mil ríos á fraguista autonomía das 325 piscinas. Da Galiza borrosa á Galiza climatizada. Radioso solpor.

04/02/2005

Tipografia da amizade

O proxectista da fábrica retorna da súa razzia meridional. No fardel, un galano, unha desas pezas que abren a porta da señardade: o Manual tipográfico de Giambattista Bodoni. Un librino feituco, editado máis para acariñar que para ler. João Bicker mándalle un limiar (útil) que titulou «O duro desejo de durar», polo que di nel sei que, para Bodoni, a beleza dos textos residía na letra e asentaba en catro virtudes fundamentais: Regularidade, Nitidez, Bo Gusto e Graza. Regularidade, Nitidez, Bo Gusto e Graza, sabía Giambattista da existencia de Cesare? Quizais a amizade non sexa máis que o duro desexo de durar na memoria. Durará.

01/02/2005

Cardiodemocracia

José Carlos Mariategui sostiña que «a política é a trama mesma da historia». Sen dúbida, hoxe foi un día histórico, unha xornada intensamente política. As Cortes debateron o chamado Plan Ibarretxe. A senteza denegatoria da tramitación estaba garantida polo acordo Zapatero-Rajoy pero a sesión serviu tamén para chamar a atención sobre a necesidade de iniciar unha reforma da Constitución Española. A negativa preventiva ao Plan non foi quen de agochar unha teimuda realidade: o corsé constitucional abafa realidades políticas históricas, flotantes e emerxentes, e encora calquera caste de disenso democrático.
«Facer política –insistía Mariategui– é pasar do soño ás cousas, do abstracto ao concreto». Hoxe, en concreto, evidenciouse a flexibilidade e a rixidez das lecturas constitucionais para avanzar na reconstrución democrática do Estado español en clave plurinacional. Unha virtude non menor da iniciativa de Ibarretxe é que permitiu confrontar a ensoñación reformista do nacionalismo democrático co immobilismo absoluto do PP e o conservadorismo dinámico do PSOE: uns acantoados na textualidade da Constitución e os valores patrios, os outros instalados no xogo ambiguo de palabras e talantes pero aceptando a política de marcos invariábeis que sinala o artigo 2 e o fosilizado Título VIII. Gustáballe dicir a Mariategui que «o Parlamento é o corazón da democracia», na xornada de hoxe o latexo democrático foi arrítmico co pulsado talante de Zapatero e Rubalcaba, pero coa esencial intervención de Mariano Rajoy mesmo se achegou ao infarto masivo.