13/06/2006

X

Taxomomía dos gañadores: un moi coñecido, un coñecido, un descoñecido, segundo me resumen na popa do catamarán rumbo á illa reunión. Completa recepción das distintas vagas literarias e xeracionais: clásicos modernos, derradeiros gutembergianos, bravús, postbravús, xeración knows, redeiros da xeración agromante... Impracticábeis clasificacións para unha literatura de fronteira aínda moi aberta a pesar dos impermeábeis check-point-charly. Presenza aminorada da clase política emerxente, pero tamén da flotante e da mergullada. Repetida e agradecida reelección da illa da memoria e das letras como estación de paso. Gustei dos tags do mantedor literario, confeso que por proximidade xeracional e porque algúns seguen a ter unha poderosísima carga evocadora. Agora toca agardar pola edición dos libros, a súa lectura e xuízo. Parabéns para aos que gañaron e beizóns aos que trezaron a festa dos premios X aínda que haxa vintetrés anos non tivesen seis. Agradécese moito o humor descrido dos gañadores e o retorno manso no catamarán.

08/06/2006

Relevos no canto de renovación

Todo indica que o BNG vivirá un outuno quente. Na prensa abrollan xa pronunciamentos críticos, vellas e renovadas disidencias. Na Asemblea Nacional haberá que discutir a eficacia e impacto das políticas practicadas para mudar liderados, propostas políticas e modelo organizativo, para ampliar a audiencia social do nacionalismo e as súas capacidades gobernamentais.
O debate sobre a renovación volverá ao centro da axenda. En primeiro lugar, no que toca aos liderados. A desaparición forzada da maior parte do antigo grupo dirixente —con Xosé Manuel Beiras á cabeza— e o desaproveitamento do seu capital político na organización ou nas institucións constitúe unha causa principal dos descontentos e dos desconcertos.
Coa excepción de Quintana, Rodríguez, Jorquera, Aymerich e Bugallo, todos os demais membros da (nova) dirección carecen de proxección pública e, peor aínda, de autoridade política sobranceira na organización. O pase á reserva forzada dunha parte deses capitais políticos empobreceu o proxecto político do BNG e reduciu a pluralidade de voces e ideas.
Se había algunha marxe para a renovación da dirección executiva truncouse coa chegada do BNG á Xunta de Galicia. A absorción do equipo dirixente polas tarefas de goberno agravou aínda máis as carencias.

No BNG hai moitos que cren que a iniciativa política e a presenza pública do Vicepresidente e dos Conselleiros suplen a fraxilidade da dirección política da fronte, non é tal e, moi ao contrario, condenan á organización a unha existencia pantasmal, sen voz e sen presenza de seu diante dos cidadáns. Para unha organización de electores chega e mesmo sobra con iso, pero se o que se procura é ser unha fronte de cidadáns constitúe unha pexa insuperábel.

A estratexia política do BNG non se define nos seus organos de dirección, fráguase no ámbito gobernamental e, subsidiariamente, no grupo parlamentario. Nada distinto do que ocorre no Partido Popular (cando estaba no poder) ou no PSOE, dise compracentemente; e isto constitúe en si mesmo unha proba indiscutíbel da fondura do problema xa que formas semellantes xeran políticas semellantes. Se o BNG non ten outro modelo de participación e toma de decisións diferente ao do PSdeG e do PP, pois é mellor renunciar ao asemblearismo retórico, á importancia decisional da militancia e a ese entrampallado modelo de colectivos, partidos, instancias territoriais e sectoriais.

A maiores, imponse a evidencia de que BNG houbo relevos, pero non renovación e a pouco que se sexa democraticamente esixente se chega á conclusión de que mesmo houbo involución. Unha involución que deixa a porta aberta a unha sorte de caudillismo consorciado.
O caudillismo de maior proxección pública que protagoniza na área gobernamental Quintana; na área parlamentaria por Aymerich e á sombra do aparato por Rodríguez e os seus.
De momento, a necesaria renovación só deu para institucionalizar na dirección do BNG esa troika. O empobrecemento da oferta de liderados canga o futuro do BNG. Nas alianzas internas nas troikas, dous gañan e un perde. Co estado actual de cousas gaña Rodríguez e Aymerich, perde inevitabelmente Quintana. Dos tres, Quintana foi o único que se comprometeu a renovar algo.

Grallas

Hainas inoportunas. Doentes. Infelices. Son o pesadelo de autores, correctores e editores. Hainas tamén imaxinativas, paradoxais e engaiolantes. No limiar de Elena Poniatowska ao libro 68 de Paco Ignacio Taibo II, que editou Traficantes de Sueños, dás cunha gralla evocadora. Conta Poniatowska que Taibo lle debe ao seu avó a lectura dos clásicos; el deixáballe enriba da mesa de noite aqueles libros imprescindíbeis. Entre eles, un inédito escrito por unha gralla: O vello e o marx.

07/06/2006

Nada máis importante

Releo Servabo, as mínimas memorias de Luigi Pintor, cando van alá tres anos do seu silandeiro pasamento. Un libro non venal co que agasallaba a revista Debats a principios dos incertos anos noventa. Alí o idoso militante anota: «O que máis conta son as cousas cotiás que artellan a vida e lle dan continuidade. Son innumerábeis cousas que apreman cada vez máis a medida que pasan os anos, os meses, os días. Poñer orde, proxectar, distraer, frecuentar persoas, lugares e estacións, e despois acompañar e soster cando as forzas fallan e o corpo se prega sobre si mesmo. En toda a vida non hai nada máis importante que inclinarse para que outro, pasando o brazo polo teu pescozo, poida volver levantarse.» Acompañando a unha amiga que vén de perder ao pai, reparo na importancia de sumar pescozos amigábeis e queridos.

02/06/2006

Slums

Robert D. Kaplan en O retorno da antiguidade. A política dos guerreiros, dando conta da capacidade militar dos Estados Unidos, reparaba en que as tácticas de combate estadounidenses están deseñadas para escenarios non-urbanos e advirtía do desfase que existía entra esa aplicación táctica e o feito de que, antes do 2010, máis da metade da poboación mundial vivirá en núcleos urbanos e vilegos. A loita pola hexemonía militar, na súa idea, non se dirimirá con combates librados en selvas, zonas pantanosas, montañas enramadas ou desertos, senón que será resolta nas rúas, canellóns, prazas, arrabaldes e barrios das megacidades. Desde aquela no Pentágono fixeron todo o posíbel por adaptarse a esa nova realidade demográfica e militar.
Os militares van uns cantos pasos por diante dos estrategas da cooperación para o desenvolvemento que seguen entalados nun modelo de intervención que focaliza a súa atención no mundo rural e desatende, aínda en grande medida, a pobreza urbana.
Hai un par de meses, Mike Davis tiraba do prelo Planet of slums, unha reflexión radical sobre as cidades da miseria no tempo da globalización. Nunha entrevista concedida a Tom Engelhardt, Davis enfatiza: «sen pretender minimizar as contradicións sociais explosivas que aínda subxacen nas zonas rurais, está claro que a futura guerrilla, a insurrección contra o sistema mundial, desprazouse á cidade. Ninguén entendeu isto con maior claridade que o Pentágono (...). Os seus estrategas están a anos luz na comprensión do fenómeno do mundo dos arrabaldes pobres con respecto aos xeopolitólogos e responsábeis internacionais cunha visión tradicional...».

Planet of slums finaliza cunha frase lapidaria: «Se o imperio pode utilizar tecnoloxías orwellianas de represión, os marxinados teñen aos deuses do caos da súa parte». Explícase Davis: «O caos non sempre entraña unha forza maligna. O peor escenario imaxinábel sempre é aquel en que a xente é silenciada. O seu desterro faise permanente. Estase producindo unha selección implícita da humanidade. Desígnase ás persoas que deben morrer e esquécese o asunto do mesmo xeito que esquecemos o holocausto da SIDA ou que acabamos sendo inmunes ás chamadas de socorro da fame negra. Hai que acordar ao resto do mundo, e os pobres das cidades miseria e arrabaldos degradados están experimentando cun amplo abano de ideoloxías, plataformas e modos de utilización da desorde: desde ataques case apocalípticos contra a propia modernidade até atentados de vanguarda para inventar novas modernidades, novas clases de movementos sociais. Pero un dos problemas fundamentais radica en que, cando se ten a tanta xente loitando por postos de traballo e espazo, a forma obvia de regulalos é mediante o xurdimento de padriños, xefes tribais, líderes étnicos, que operan sobre principios de exclusión étnica, relixiosa ou racial. Iso tende a crear guerras autoperpetuantes, case eternas, entre os propios pobres.» Neste inferno orwelliano, apocalíptico ou caótico ímonos xogar, máis pronto que tarde, as políticas de igualdade e as nosas liberdades cidadáns.