Mostrar mensagens com a etiqueta Xornalismo intelixente. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xornalismo intelixente. Mostrar todas as mensagens

17/08/2009

Xornalismo durminte

Estou empatado ás crónicas e ao blog de Ramón Lobo. Préstame a súa ollada sobre Afganistán e as condicións nas que fan o seu traballo os xornalistas e reporteiros gráficos. Non abundan os heroes nas redaccións e os que practican o xornalismo extremo non adoitan ser compracentes coas etiquetas épicas nin coas narracións belicosas, si cunha aceda profesionalidade e coa descrenza nas grandes palabras, instalado nese código libre escribe Ramón Lobo. En calquera caso no oficio non hai un único libro de estilo e a entrevista de La Vanguardia a Andrea Busfield é ilustrativa das varianzas.

Andrea Busfield aterrou en Afganistán en 2001. Traballou, primeiro, para o sensacionalista News of the World que a deixou facer porque non agardaban dela «unha análise seria da realidade». Ficou engaiolada por aquel país de «xente valente, hospitalaria e encantadora». Desde aquela tivo encomendas diversas até que fichou en 2005 como vicedirectora de Sada e Azadi (A Voz da Liberdade), un xornal fundado pola OTAN que se dedica, segundo as súas palabras, «á propaganda da reconstrución».

Na entrevista, Ima Sanchís dálle un par de voltas de torca para saber a súa opinión sobre a existencia de cárceres secretas norteamericanas en Afganistán, a punta do iceberg doutras violacións dos dereitos humanos denunciadas por Amnistía Internacional. Busfield di non saber nada, nin quere saber: «No meu traballo xornalístico os cárceres secretos non estaban na axenda. Traballando para a OTAN o último que vou facer é cubrir unha historia que dea unha visión negativa do que están a facer.»

Andrea Busfield promociona estes días a súa primeira novela, Baixo un millón de sombras, na que confesa que quere reflectir «o agarimo, o amor, o sentido do humor dos afgáns», o «lado positivo» de Afganistán, un continuo literario do que sospeito que debeu ser o seu labor informativo en A Voz da Liberdade: a construción dun mundo illado da barbarie que o envolve.

Hai moitos séculos que Heráclito insistiu en que os que dormen habitan mundo separados, mentres que os que están espertos, moran no mesmo. No país dos afgáns, e aquí, hai que arrimarse á información dos xornalistas que están espertos e, mellor aínda, dos que sofren insomnio; son os únicos que partillan a vida coas vítimas e queren saber deles.

08/08/2009

Reforma? Revolución?

«Está xogándose un papel na historia. Se consegue endereitar o barco, será lembrado como o temoeiro das grandes reformas. Pero se non se engancha ao relanzamento, corre o risco de inmobilizar España nas lameiras dun estancamento que empardecerá tamén as luces da súa revolución social». Quen escribe é Gianni Perrelli, colaborador de L’Expresso. Grandes reformas? Revolución social? Ás veces os xornalistas gastan grandes palabras para definir realidades políticas mínimas e minimalistas. Noutrora, o propio Perrelli referiuse a España como «laboratorio social de vangarda». Hai bastante tempo que o «largocaballerismo» de Rodríguez Zapatero se diluíu en socialiberalismo.

Visto desde a Italia de Berlusconi quizais a súa política de evocacións republicanas nos poña na vangarda, mesmo é posíbel a súa evanescente xestións da continuidade podan ser exportadas como «grandes reformas» e tamén que, fronte á dereita retrógada do PP ou da CEOE, o seu cambio livián poda interpretarse como un convite á revolución social. Que o crean os italianos que len L’Expresso é unha fabulación menor de inofensivas consecuencias. Que o crean os comunicólogos da Moncloa, e o reseñen no seu boletín de prensa internacional, é un malfadado síntoma de que imos camiño de que o espellismo substitúa definitivamente o principio de realidade. Haberá que volver ler Reforma ou revolución para aclararse as ideas.

24/07/2009

O paraugas de Berlusconi

Berlusconi é un amador do risco na camaza de Putin e fóra, na política e nos negocios. Segundo unha sondaxe de La Repubblica, o seu índice de popularidade, tras a última vaga de escándalos, rebaixouse catro puntos entre maio (53%) e xullo (49%). Un desconto menor se temos conta da que lle está chovendo. As mínimas recuadas do seu crédito cidadán son bastante abraiantes e, aínda que no Estado español tampouco son inéditas, hai que poñerlle cabeza para explicarse semellante capacidade de resistencia.

Cal é o seu paraugas? Con trazo groso debúxanse dúas explicacións. A primeira fai referencia á alta blindaxe informativa de Berlusconi, dono das maiores empresas de comunicación de Italia. A segunda insiste en que Il Cavaliere é un modelo de éxito que a inmensa maioría da poboación desexaría imitar, unha empatía cidadá que o protexe eficazmente da súa erosión política por graza duns excesos, desbaldes e desmandos dos que moitos desexarían ser actores protagonistas.

Quizais sexa por combinación de ambas as dúas polo que se manten (maiormente) incombustíbel. Por xunto ou por separado, coiraza informativa e padrón de éxito banal son trazos relevantes da sociedade da ignorancia da que nos fala Antoni Brey e na que «os reality shows, o deporte espectáculo, a pornografía sentimental, o lecer banal ou a exaltación da fama pola fama conforman o groso da grella televisiva actual».


Simplificando, o paraugas, o maior éxito, político e empresarial, de Papi Silvio é a produción desa grandiosa fábrica mediática que lle permite seguir destilando liderado a partir da ignorancia, do non saber e do non querer saber. Mentres non crebe, ou se faga crebar, a súa factoría de soños e espellismos, Berlusconi poderá seguir fachendeando: «Io vinco sempre, sono condannato a vincere.» Condenados estamos nós e, sobre todo, eles.

12/07/2009

A arte da mentira política

En Amsterdam, en 1733, editábase un brevísimo ensaio satírico co título A arte da mentira política que asinaba Jonathan Swift e que aparecera na súa versión orixinal inglesa en 1712. Máis que un opúsculo era un prospecto comercial no que se facía adianto do primeiro de dous volumes cos que un autor descoñecido quería sentar, retranqueiramente, as bases da pseudoloxía ou arte da mentira política.

Durante tempo a peza foi atribuída a Swift que publicara, dous anos antes, un artigo en The Examiner no que debullaba os usos da mentira como razón auxiliar do poder. Con todo, hoxe sabemos que A arte da mentira política é obra de John Arbuthnot, médico real, autor de afiadas prosas satíricas e amigo de Swift con quen fundaría en 1714 o
Scriblerus Club, un grupo de aguerridos polemistas e propagandistas do partido tory.

O artigo de Swift e o ensaio de John Arbuthnot foron recuperados por Sequitur en 2006 [hai unha oportuna reedición de 2009] e a súa lectura hoxe, co escándalo Camps como pano de fondo, é tan gozosa como recomendábel. Hálles de roubar pouco tempo e forneceralles cunha saúdabel aproximación irónica á pseudoloxía dos nosos tempos. Á súa beira inspiradora, ocupeime de Camps como actualizado mentireiro verdadeiro na miña achega semanal do Caderno de paso.

Retallos da arte da mentira política


Cómpre enganar ao pobo no seu propio beneficio? Eis a pregunta medular da arte mentireira do goberno. Camps mentiu para protexer os seus propios desmandos e non para beneficiar a pobo ningún senón para crear unha agarimosa e altruísta amizade con Álvaro Pérez (a) El Bigotes e outros capitáns da industria do suborno e do tráfico de influencias. Con todo, o proceder do president da Comunidade de Valencia afiánzase nunha concepción descrita sarcasticamente en A arte da mentira política:
Non existe ningún dereito á verdade política; que o pobo non ten dereito ningún a ser instruído na verdade da práctica de goberno, como tampouco ten dereito a pretender posuír grandes patrimonios, terras ou pazos señoriais.
John Arbuthnot detense tamén a avaliar cal dos dous partidos, whig ou tory, é máis habelencioso no uso da mentira política e tira como conclusión que «os tories foron ultimamente máis críbeis, pero que os whigs contan nas súas filas cos maiores xenios»; unha sentenza que tamén se podería dar por boa no noso actual ecosistema bipartidista. Gasta igualmente tinta amarga e espesa nos antecesores dos actuais profesionais da información e condena aos partidos «por contar nas súas filas, a fin de que difundan mentiras, aos homes máis viles e aos xenios máis miserábeis como son, na súa maioría, os folletinistas e gacetilleiros».

Porén, o enxeño de Arbuthnot non se limita a describir problemas, tamén adianta solucións, unha das máis orixinais é o proxecto de reunir nunha soa sociedade aos atomizados grupúsculos de mentireiros:
Esta sociedade debe estar composta polos xefes de cada partido; que ningunha mentira poderá difundirse sen a súa aprobación previa, xa que son os máis capacitados para xulgar o que cómpre a cada conxuntura e decidir que tipo de mentira debe usarse en cada ocasión. [...] A esta Sociedade deberá confiarse en exclusiva o manexo da mentira. Na antecámara desta Sociedade, deberá haber sempre algunhas persoas dotadas de gran credulidade que escoiten o que se lle diga [...]. A estas persoas competerá difundir o que os outros acuñaron; xa que ningún home solta e expande a mentira con tanta graza como quen a cre. Por norma, a Sociedade deberá inventar cada día unha mentira , en ocasión dúas [...]. Debe haber un castigo ou multa para quen fale doutra cousa que non sexa a mentira do día [...]. Se se advirte que algún dos membros da Sociedade se avermella, perde a compostura ou falta a algún deber ao pronunciar unha mentira, deberá ser excluído e declarado incapaz. Xunto ás mentiras que se despachan pública e abertamente, outras deben difundirse coa lingua pequena e con discreción; a tal fin establecerase un Comité de murmurios, ou Consello Privado, formado polos membros máis hábiles da Sociedade.
E remato con outra exquisita cita:
Estar relacionado cun político importante, sempre trae problemas, por moi legal que sexa el e ti, sempre trae problemas, hai que querelos pero hai que estar lonxe porque sempre trae problemas, que co que sofres, co que choras, co que loitas, coa cantidade de cuspe que gastas para facer as cousas ben, ao final tes problemas e lévaste desgustos.
Esta reflexión existencial non é de Arbuthnot, nin de Swift, senón de Álvaro Pérez (a) El Bigotes, amigo da alma de Camps. Pérez é un esforzado tratante do suborno, do galano e da comisión de concesións públicas, un home xeneroso que viste co seu humanismo o campismo, fase superior do aznarismo e coda rexeneracionista do marianismo.

23/06/2009

Xornalistas en tempos revoltos

A revolta verde está revolucionando tanto Irán como o mundo da comunicación. Xa ten ocorrido noutros momentos, é en situacións extremas onde as redes e as ferramentas de información social revelan con maior impacto todo o seu potencial e contribúen a proactivar multitudes (máis) intelixentes, informadas e dispostas a actuar contra os abusos de poder. Ao redor das infotecnoloxías sociais multiplícanse ilusións e desconfianzas xa que son tan susceptíbeis de manipulación e utilización oportunista como eficaces na propagación de verdades silenciadas e un catalizador viral da mobilización política, social ou cultural.

Na súa edición de hoxe Público imprenta unha contundente sentenza de Simone De Beauvoir que serve para balizar, con pesimismo, os entusiasmos: «O poder non tolera máis que as informacións que lle son útiles». Na veciña «Merienda de medios», Juan Carlos Escudier reproduce estoutra reflexión, aparecida en El País, de Enric González sobre quen determina a relevancia dunha información: «O problema, agora, consiste en que o "valor informativo" decídeno outros.» Outros que, na actualidade, son plebeos consumidores de información que aspira a empoderarse e empoderar a outros con información libre e non os todopoderosos patricios do cuarto, primeiro ou segundo poder. No ollo do turbillón, como sempre, xornalistas cada vez máis orfos de certezas e receitas.

Por causa da presentación de De A para X e da estrea da instalación que sobre esta obra armaron Isabel Coixet e Benedetta Tagliabue, John Berger concedeulle unha entrevista a Marta Cervera na que, entre outras cousas, reflexiona, á sombra dos cambios que opera o mundo da información, dos xornalistas: «Sempre haberá bos xornalistas, xente que se preocupe de ver e mirar máis aló do estereotipo. Xente que tente ser fácil de ler pero que non caia na simplificación, algo difícil pero posíbel. O bo xornalista é o que non só informa senón o que te conecta coa historia máis aló do inmediato dun suceso, o que o pon todo en perspectiva.»


As palabras de Berger parcelan un nicho de prestixio para a actividade xornalística do que non poden ocuparse as multitudes en marcha cos seus móbiles e cámaras dixitais. Supoño que a conexión coa historia, a apertura da perspectiva e escribir fácil de ler sen caer na simplificación son, e seguirán sendo, os territorios nativos do xornalismo de calidade.

19/06/2009

Os tarecos da liberdade

En marzo de 1947 un desocupado John Steinbeck comezou a tramar cun ocioso Robert Capa unha viaxe a Rusia. Compartían a idea de achegar unha ollada directa e sen perxuízos da vida cotiá dos cidadáns da outra superpotencia. No arrinque quente da Guerra Fría o proxecto era tan suxestivo como de difícil materialización. Non sen atrancos, aterraron na URSS no comezo do verán coa encomenda de facer unha reportaxe para a New York Herald Tribune.

En 1948, Steinbeck publicou A Russian Journal [Viaje a Rusia, Unisón Ediciones, 2005].
Antes o autor de As uvas da ira tivo que empregarse a fondo cos responsábeis do consulado soviético en Nova York. O visado de Steinbeck chegara nun prazo razoábel de tempo, o de Capa facíase preguizosamente de rogar. O cónsul resistíase a que un estranxeiro fixese a reportaxe gráfica habendo tan bos fotógrafos na URSS. A razón, en realidade, era outra que axiña se desvelou: o medo a potencia demostrativa da imaxe, o poder revelador dunha cámara de fotos. Un Steinbeck sorprendido deixou anotado na súa reportaxe:
Había certa reticencia en deixar entrar que entrase un fotógrafo na Unión Soviética, e ningunha en deixarme entrar a min, e pareceunos estraño, porque a censura pode controlar unha película, pero non pode controlar a mente dun observador.
A revolta verde iraniana ratifica, outra volta, que os medios máis clásicos son os máis doados de coutar pola censura. Segundo o Instituto Internacional de Prensa, desde o domingo pasado someteron a cerco aos corresponsais internacionais, impedindo o acceso de xornalistas e reporteiros gráficos ás zonas onde se concentraban os opositores, e as autoridades impuxeron igualmente o seu control sobre as conexións de telefonía fixa e radio.

As ferramentas das redes sociais, twitter, twipic e youtube, abastecidos por teléfonos móbiles, as sms e os blogs compoñen o arsenal co que a disidencia se opón á mordaza ao tempo que materializa a socialización do cuarto poder. Son incómodos artefactos da liberdade de expresión tanto ou máis que a cámara de Robert Capa.

Aos inventores do correo electrónico e do teléfono móbil, Tomlinson e Cooper, dánlles o Premio Principe de Asturias de Investigación Científica, seguro que nunca aspiraron a tal cousa, certo tamén que endexamais pensaron que as súas ocorrencias ían converterse en tarecos libertarios nas mans de multitudes insurreccionadas contra toda forma de control autoritario e a mentira.

03/06/2009

Solucións

Caixa negra. Na teoría de sistemas, a caixa negra é calquera elemento que é analizado atendendo ás entradas que recibe e ás saídas ou respostas que produce; é dicir que se estuda o que fai sen dar importancia ningunha a como o fai. A TVG é, desde xa, unha caixa negra que sabemos o que fai (censurar a emisión dunha reportaxe sobre as vacas tolas) sen que lle teñamos que prestar atención ningunha a como o fai, entre outras santas razóns porque se fai co vello Manual de estilo de Pérez Varela. Na súa estrea censora Rosa Vila di que non quere que se transmita a idea dunha «Galiza negra». Xa temos a súa primeira ilusionante entrega á Nova Política Informativa (NPI). Solución: a luminosa mordaza.

Boas prácticas. Revela Cebrián que o presidente Aznar chamou aos xefes de PRISA esixindo o silencio de Inaki Gabilondo na SER e de Eduardo Haro Tecglen en El País. A saber cantas chamadas terán feitas os novos mandaríns. Se non funciona a NPI sempre se pode botar man da solución Ripoll.

Honorábeis. A reiterada devoción campista de Rajoy e Oreja é democraticamente mórbida. Solución: pechar filas para non deixar saír o cheiro a podre.

Solucións?
Hai unha obra magnífica para explicar semellantes comportamentos políticos. Imposíbel non acordarse da advertencia de Albert Camus: «A estupidez insiste sempre.»

27/05/2009

Fútbol

Sequitur edita Bajo la Mole. Fragmentos de civilización, onde se recompila unha boa mostra do labor xornalístico do primeiro Gramsci. Francisco Ochoa de Michelena escolmoulles e traduciu máis de oitenta artigos que Antonio Gramsci escribiu para Avanti! entre xaneiro de 1916 e outono de 1920. Tras o remate dos seus estudos universitarios, o sardo incorporouse a finais de 1915 á redacción turinesa do xornal socialista para compor unha sección de seu, «Sotto la Mole», onde fai repaso da actualidade local e dos grandes temas dos anos da Gran Guerra e a primeira onda revolucionaria do século XX.

As pezas xornalísticas ofrecen a imaxe dun Gramsci en formación, instalado na literatura de combate e nun marxismo aínda máis acartonado que imaxinativo. Cun estilo confrontativo, irónico e humorado ás veces, entrégase á polémica e á batalla de ideas. O catálogo temático é amplísimo: os xornais-mercadoría, a publicística católica e a censura; a política tributaria e o proteccionismo industrial; os ecos da revolución bolxevique e a crítica do fascio emerxente; a educación e relixiosidade popular, a cocaína e o tabaco... E o fútbol, tema único do día de hoxe.

No xornal do 26 de agosto de 1918 Gramsci publica «O fútbol e a escoba». No artigo quéixase da pouca querenza dos italianos polo deporte e o exercicio ao ar libre e da súa desmedida paixón polos xogos de naipes na clausura da baiuca. A peza sérvelle para enxalzar cun prosa futurista os valores que presiden un partido de fútbol
.
Observen un partido de fútbol: é un modelo da sociedade individualista: exércese a iniciativa, pero esta está definida pola lei, as personalidades distínguense xerarquicamente, e a distinción dáse non por antigüidade senón por méritos específicos; hai movemento, competición, loita, pero todo está regulado por unha lei non escrita que se chama «lealdade» e que un árbitro se encarga de recordar [...] Paisaxe aberta, libre circulación do ar, pulmóns sans, músculos fortes, sempre dispostos á acción.
E a narración dunha tenebrista partida de escoba:
Clausura, fume, luz artificial, berros, puñadas na mesa e a miúdo na cara do adversario... ou do cómplice. Perverso empeñarse o cerebro (¡!). Desconfianza mutua; diplomacia secreta; cartas marcadas; estratexia das pernas e das puntas do pé. Unha lei? Cal é a lei que hai que respectar? Esa lei cambia segundo o lugar, ten distintas tradicións e sobran as ocasións para contestala, pelexarse por ela.
Distráese cun materialismo de patacón e medio para relacionar a infraestrutura económica coa superestrutura do goce do lecer e afirmar que «o deporte é unha actividade habitual nas sociedades onde o individualismo económico do réxime capitalista transformou os costumes», mentres que «a escoba é a forma do deporte das sociedades económica, política e espiritualmente atrasadas». Matizábel pero divertida explicación.

Tamén hai unha constatación dos usos da época que vale para ver o moito que cambiou o mundo do fútbol nos cen anos que case suma a tinta do artigo. Anota Gramsci: «A partida de escoba a miúdo remata cun cadáver ou un cranio fendido. Nunca se leu que un partido de fútbol acabase así.» Que hoxe sexa como Gramsci dicía ser. E que gañemos nós. Non hai dúbida que Gramsci estaría cos de Guardiola berrando Avanti!

02/05/2009

A fin da fronteira

A comezos de abril, compartimos con Bouzafría e familia uns días feirados nas terras da Paradanta. A casa familiar acubilla unha biblioteca que foi arrebatada ao trapeiro e que semella suspensa no tempo da transición política. Máis de dous centos de volumes de editoriais, coleccións e revistas nas que fixen unha boa parte das miñas lecturas de adolescencia: Argos Vergara, Ruedo Ibérico, a colección «Reno» de Plaza y Janés, Grijalbo, Galaxia e, como non, Bruguera. Non podían faltar tampouco exemplares de Tiempo de historia e Historia 16. Literatura, clásicos e outros novísimos que xa nesta hora son clásicos, historía divulgativa, xornalísmo de investigación, memorias e obras de pensamento político. Alí descansan en ordenada anarquía Jack Kerouac e León Trotsky, Risco, Llorenç Villalonga e Sven Hassel, acaroados, entre outros, a Curzio Malaparte ou Harold Wilson.

A ollada detívoseme en Cabos sueltos de Enrique Tierno Galván, unha edición de Bruguera-Zeta de 1981. Unhas memorias que o vello profesor renuncia a etiquetar como tales para outorgarlles, en cambio, a modesta condición de ser fíos de lembranzas desnobelados sen maiores pretensións. As súas letras comezan co golpe militar contra a República e ponlles fin cunha cea compartida con Felipe González na que se decidiu a converxencia do PSP co PSOE en 1978.

Don Enrique tivo unha vida intensa e hai un mundo de cousas en Cabos sueltos que poderíamos reseñar. No capítulo 30 détense a comentar a aparición de El País que cualifica como «un xornal liberal, discreto e equilibrado» e do que salienta que se converteu «en certo modo, no orientador da clase dirixente en canto ao descubrimento do camiño máis sensato e moderado» e nun «espello de equilibrio e xuízo». O vello profesor non economiza gabanzas: «El País representaba o liberalismo permanente, e aínda, malia todo, representa se non o liberalismo permanente, si cando menos a crítica obxectiva e neutral fronte ás posicións que se exceden do tolerábel».

O eloxio ten moito máis mérito xa que Tierno Galván non deixa tamén de consignar a súa queixa amigábel: «Ao PSP, El País nunca lle foi propicio [...] Ao chegar as eleccións, o xornal inclinouse abertamente polo PSOE, como partido socialista maioritario, e contribuíu a que se debilitara o noso partido. Pensaría, creo eu, o elenco político do diario, que os partidos menores facían máis dano que ben á política nacional.» Hai unha última afirmación do vello profesor que ten un valor engadido nestes días: «El País presentouse ponderado na exposición e correcto canto á delimitación das fronteiras do permitido moralmente e do non permitido.»

Dáse por certo que o xornal madrileño negouse a publicar, o pasado xoves, unha columna dun dos seus máis brillantes xornalistas, Enric González, que contiña a seguinte afirmación: «Calquera día, en calquera empresa, van rebaixar o soldo aos obreiros para financiar a ludopatía bolsista dos donos. Xa sei que esaxero, que esas cousas non pasan».

Entristece saber que esas cousas pasan e produce arrepío comprobar a susceptibilidade dos donos de PRISA. Pero o que máis dano fai é verificar que as fronteiras entre o que está moralmente permitido e o que non semellan estar, a estas alturas, esvaecidas cando non borradas de vez nese medio que, noutrora, foi un espello de equilibrio e xuízo. Triste de asombrar. Como para deixar de ir ao quiosco.

28/04/2009

Por terra, mar e aire

Nun recompilatorio de ignorancias e saídas enxeñosas de alumnos portugueses rexistraban esta pregunta: «Como chegou a peste negra a Portugal en 1348?» e súa espelida resposta: «Por terra, mar e aire.» Respecto da gripe porcina, a Organización Mundial da Saúde ofrece respostas igualmente vagas pero menos ocorrentes. Na procura de explicacións centos de milleiros de internautas fixeron ferver a rede. Para rematar un día, que non debería ter constado no almanaque, dos montes e moreas de arquivos dispoñíbeis escollo dúas pezas: a provocadora columna «Ya sólo falta el meteorito» de Isaac Rosa, en Público, e «La gripe porcina y el monstruoso poder de la gran industria pecuaria», un artigo de Mike Davis aparecido en The Guardian e que está facendo rular entre nós a revista Sin Permiso. A primeira permite rebaixar, con agudeza, os tons apocalípticos e milenaristas de moitas das informacións coas que nos atordoamos. A segunda ofrece, como pouco, unha explicación do fracaso da estratexia de constrainsurxencia viral impulsada pola OMS e unha denuncia do poder incontrolado dos grandes conglomerados empresariais avícolas e gandeiros.

Xornalismo intelixente de loito

Cumprín as miñas rutinas mañanceiras, entre elas, ler a columna de Javier Ortiz en Público. Agora sei que será a derradeira. Russell Baker escribiu que neste tempos «ninguén chama ás redaccións agardando atopar un héroe». Héroes, non lle sei, pero un segue querendo dar con xornalistas intelixentes, tuzaróns, retranqueiros, valentes e tan dignos como Ortiz. Maldito mes de abril.

31/03/2009

Numerarse

Na véspera do 70 aniversario da derrota da República, Josep Fontana axunta, en Público, lembranzas da súa infancia na Cataluña vencida e as primeirizas impresións do que despois sería confirmado con brutal contundencia por case catro décadas de Franquismo. Hai un choqueiro retallo que ilustra a acomodación vergoñenta da prensa diante das reviravoltas que forza a historia cando é derrotada a intelixencia. Aquí as súas palabras:
O mesmo día do noso regreso a Barcelona, o 27 de xaneiro [de 1939], o xornal La Vanguardia anunciaba aos seus lectores que cambiaba a súa numeración para reemprendela onde quedou o 19 de xullo de 1936, repudiando todo o que se publicou desde aquela. Había que acomodarse aos novos tempos.
Nun breve titulado «Deciamos ayer», a redacción de La Vanguardia, con acendida retórica triunfal, facía súa a submisión á nova orde e anunciaba que se retomaba a vella numeración dos exemplares onde quedara o 19 de xullo de 1936. La Vanguardia estivera en ningures durante dous anos e medio.

A inmensa maioría das cabeceiras de orde da prensa galega non terán que someterse a semellantes rigores autocríticos como consecuencia da acomodación aos novos vellos tempos. Non será necesario porque as súas liñas editoriais, desde o 18 de xullo de 2005, souberon manterse nun delicado e virtuoso equilibrio inestábel entre a condescendencia co goberno bipartito e o exquisito trato dispensado á oposición e ao seu líder. Non en balde, na pasada lexislatura, o Partido Popular fixo oposición, fundamentalmente, con recortes de prensa na man. Por iso, non haberá necesidade de renumerarse, bastará con formar, facer fila, cadrarse diante do novo inquilino de Monte Pío e, simplemente, numerarse á espera de que cheguen as directrices da Nova Política Informativa (NPI).

Berrar en silencio


Algúns amigos conectados coa dereita máis democrática do Partido Popular convidan a un café para dar pésames e adiantarme que os «populares» farán unha xestión informativa moito máis pluralista que durante o bipartito e que non haberá retorno ao Sistema Pérez Varela de Comunicación. Dan crédito a que na política de medios haberá bastante menos controis e pressing que durante o fraguismo, sobre todo porque non é estratexicamente tan necesario dada a pouquidade de cabeceiras contestatarias e a súa comprometida saúde financeira como consecuencia da crise. Coa mellor intención anuncian que, en materia cultural e de medios, Alberto Núñez Feijóo quere ir de Nicolás Sarkozy, garantindo pluralidade e apertura aos sectores non-conservadores. Querendo tranquilizar, a mención a Sarkozy, desde logo, non é a máis acaída para apradriñar a NPI.

Hai uns días unha boa amiga persuadiu a meu fillo para que «berrase en silencio». Desde aquela fai acenos e boquexa coma dando grandes berros pero acompaña a súa protesta, petición, queixa ou alegría cunha voz a penas perceptíbel. Velaí unha innovadora estratexia que, a pouco que remita o entusiasmo pluralista, fará propia a NPI de Núñez Feijóo. Ofrécense plenas garantías de que PSdeG e BNG poderán berrar en silencio.

30/03/2009

A conquista do pan

É xa un lugar común nas nosas reflexións; non hai análise (para)partidaria postelectoral na que non asome o «papel dos medios de comunicación» como factor que explique os resultados negativos colleitados (Nada que dicir dos medios cando calla o éxito electoral). Na fin de semana dúas cualificadas voces achegaron a súa lectura sobre a influencia mediática e doutros poderes fácticos. En El País falou Francisco Rodríguez. Para A Nosa Terra fíxoo o ex-director de El País-Galicia e actual director de Público, Félix Monteira.

Na entrevista de Xan Carballa, Monteira repasa o conxunto de causas: persistencia dunha cultura caciquil e dun sólido substrato socioloxicamente conservador, falla de firmeza das políticas de cambio e desencanto entre os votantes progresistas e nacionalistas. Tamén tivo relevancia, na súa idea, que o goberno de coalición non funcionase politicamente coordinado, presentándose como «dous gobernos cun programa en disputa». E, por cabo,
A implicación de intereses entre os poderes públicos e a prensa é tan forte que o trastocou todo. O goberno non se atreveu a trocar o statu quo de relacións e foi refén desa prensa que actuou contra os seus intereses. A maioría da prensa galega actuou pola súa ideoloxía predominante que é de dereitas. Foi unha torpeza política da coalición.
O fracaso da estratexia de sedución

Pola súa banda, o secretario xeral da UPG salientáballe a Pablo López que o punto de partida electoral era moi fráxil porque «bipartito e BNG só podían manterse ou aumentar moi pouco» e que a campaña –tanto a mediática como a electoral do PP–, tiveron «a pegada xusta para que o que estaba fráxil fose derrubado».


O entrevistador fala de «coqueteo» do BNG cos poderes públicos e Francisco Rodríguez retruca:
Non. O que se fixo foi pensar que un diálogo con eses sectores podía lograr, máis que neutralidade, unha certa conivencia. E aí si que houbo un erro de vulto e de cálculo.
Subliña Rodríguez que, «aínda que todos considerásemos que ese labor había que facela», o BNG non tiña unha «posición unánime» respecto da estratexia de relación cos poderes fácticos. Entremos no matiz: «Uns crían que era substancial, e outros consideramos que había que facela, pero que non cabía esperar moito dela». Non había unanimidade, disque, pero as variantes operativas eran a penas diferentes: tentar seducir aos poderes fácticos, créndose que era posíbel ganarse o seu ánimo, ou seducilos sen demasiada convicción.

E conclúe Francisco Rodríguez:
Os poderes fácticos externos está claro que eran agresivos, pero os mediáticos internos non é que fosen condescendentes; facían un paripé e estaban a segar a herba por baixo. Aínda que non teña matriz española, algún deles é moi significado e seguiu unha estratexia de que tiña que volver o PP. Estratexia que non foi ben tratada desde o bipartito, como en xeral o trato cos medios de comunicación privado non foi o correcto. Xogouse ao pan para hoxe e fame para mañá. Que esas empresas consideren que es un interlocutor inevitábel non significa que che vaian a apoiar.
A estratexia da sedución dos poderes mediáticos, está ben claro agora, non deu os froitos acadados: nin neutralidade, nin conivencia; moi ao contrario, a lexislatura rematou cunha agresiva ofensiva informativa contra o BNG e, indirectamente, contra a continuidade do goberno bipartito na que se implicou sen escatimar medios La Voz de Galicia.

As outras estratexias posíbeis


O BNG-Goberno tirou adiante coa estratexia da sedución, pero tiña o BNG-Organización outra estratexia? A xulgar polo pouco agarimo que se lle deu a diversas operacións mediáticas, cabe dicir que (case que) non. O reposicionamento de A Nosa Terra foi acollido con bastante friaxe, xélida foi a recepción de El País-Galicia considerado pola nomenklatura como un medio hóstil, mantivéronse os receos respecto das cabeceiras da Asociación de Medios Escritos en Galego (AME) e nin tan sequera a aparición de Gz Nación foi acompañada de maiores entusiasmos.

Había outra estratexia posíbel? Con moitas dificultades. Dito con crueza, fronte ás tentativas (previsibilmente condenadas ao fracaso) para ser aceptado na mesa dos poderosos mediáticos, existía a posibilidade de facer poderosos a aqueles cos que un se podía sentarse na mesa. O PSOE nos tempos do felipismo practicou con éxito esta estratexia de empoderamento e o resultado é o complexo cultural-comunicacional que abeira PRISA.

O Xornal de Galicia podía xogar un papel semellante ao de El País na construción dun polo informativo alternativo e competitivo? Dificultosamente por nacer na fase terminal da lexislatura e cunha crise económica pavorosa detraendo publicidade e investimentos en case que todos os xornais do mundo. Dificilmente, sen conexións, complicidades ou unha alianza con outros medios, máis ou menos consolidados, en lingua galega, reunidos na AME (Vieiros, Galicia-Hoxe, A Nosa Terra, Tempos Novos...), ou entre os lectores progresistas (El País-Galicia e as cabeceiras galegas do Grupo Moll).

Carecer dunha política de medios e despois queixarmonos das consecuencias é unha sorte de sadomasoquismo.
Caer con reiteración na mesma trampa por omisión é unha teima dolorosa.


Berlusconización


As eleccións do 1-M representan un notábel paso adiante na berlusconización da política galega; entendendo aquí por berlusconización a estratexia pola que a mobilización dos medios de comunicación se torna no principal recurso –ou nun dos principais– para acadar ou manter o poder. Outra das consecuencias impactantes é a que sobrancea José Vidal-Beneyto na súa análise do «berlusco-zysmo»:
A cancelación do público chega ata que o ámbito da opinión pública, comprendida como un espazo aberto de confrontación e debate para chegar ao entendemento, sucumbe a mans da opinión mediática; é dicir, aquela producida e imposta polos poderes centrais da sociedade, grazas á capacidade de conformación dos medios de comunicación dominantes.
Nada pode opoñerse á caracterización política que Monteira fai do sistema galego de medios de comunicación destacando que «a súa ideoloxía predominante é de dereitas». Compleméntese coa evidencia de que o credibilidade dos medios públicos á hora de conformar opinión está en cotas abisais e que hai un medio, La Voz de Galicia, que é ultradominante e conforma, mesmo, a axenda informativa de todos os demais mass media galegos, sexan radio, televisión ou papel.

A día de hoxe a Corporación Voz postúlase como o Grande Irmá Berlusconiano en Galiza. A súa posición ultradominante é debida ao poder adicional que lle atribúe o seu tradicional papel como broker principal no mercado de favores que condiciona e ordena as transaccións entre os poderes públicos galegos e a empresa privada. Posición engrandecida tamén pola súa condición de principal factoría e distribuidora de ideas do pensamento conservador en Galiza.

Onde está a nosa panificadora mediática


Constatado o erro de vulto e o fracaso da estratexia de sedución dos medios realmente existentes e realizada a autocrítica sobre a política de relación do cogoberno coas empresas de comunicación, entramos no capítulo de preguntas que agardan resposta. Se a política realizada significou pan para hoxe e fame para mañá, onde temos unha panificadora que nos asegure un abastecemento perdurábel? É posíbel reverter a berlusconización e gañar poder e audiencia política a través de medios de sociais de comunicación alternativos na rede? É fáctibel unha alianza colaborativa dos medios «en lingua propia» e «non-aliñados co poder» para soster un polo influente de opinión pública non conservadora? E, en definitiva, a clásica leniniana: Que facer?

Ollando cara ao futuro, en calquera caso hai que lembrar, primeiramente, a advertencia de Raymond Chandler –«Non hai trampa tan mortal como a que te tendes a ti mesmo»– e, despois, facer bo caso do consello de Albert Einstein: «Tolemia é facer a mesma cousa unha e outra vez esperando obter diferentes resultados».

18/03/2009

Reciclaxe e ecoxornalismo

«Non ter unha idea e poder expresala: iso fai o xornalista.» Karl Kraus tiña días vitriólicos nos que debía ser preferíbel non cruzar palabra con el. Non é cousa de retrucarlle pero é máis preciso dicir que, á par de xornalismo de ideas de gran calidade, existe tamén un subproduto que se etiqueta como xornalismo de opinión que fai desconfiar sobre as posibilidade dun futuro digno para a profesión. Existe e manda moito naquelas redaccións que se tornaron nun vertedoiro de lixo.

Hai dous ecoxornalistas aos que admiro un mundo pola habilidade que teñen para reciclar refugallos mediáticos e tirar deles magníficas pezas xornalísticas. Ambos os dous traballan na planta de compostaxe que mantén aberta
Público. Roberto Enríquez faino na contra coa súa sección «Visto/dicho/oído» onde día a día con tres capturas de pantalla tómalle o pulso ás ofertas televisivas. Aínda que, de cando en vez, se alegra a ollada con algunha perla, ten que tratar diariamente con carretadas de esterco aos que a golpe de enxeño lles quita incríbeis aproveitamentos para vacinarnos contra a idiotez carroñeira catódica e dixital. E Juan Carlos Escudier que celebra a súa «Merienda de medios» na novena de Público. Aquí, sen rodeos, hai que dicir francamente que da merda mediática fai arte xornalística sobre a base do principio activo da retranca, o escarnio e a intelixencia.

Cando acabo de ler as súas seccións de reciclaxe sempre me asalta a mesma dúbida: nós para desintoxicarnos de tantas sandeces, temólos a eles, pero eles como se coidan para non sucumbir psicoloxicamente ante tanta estupidez lida, dita, vista ou ouvida?

17/03/2009

O xornalismo de Sofía

En sesión universitaria sabatina, participei con Luís Cividanes e Calidonia nunha mesa redonda para matinar sobre a web 2.0 e a política 2.0, abrindo unha reflexión sobre a construción de opinión política e o ciberactivismo na rede galega. E falamos, como non, de xornalismo cidadán, dos novos e vellos medios e da comunicación nas redes sociais, dos nosos atrasos e de presentes innovadores que cuestionan e desafían toda certeza. Hoxe chégame a nova deste vídeo e deste relato ampliado sobre o xornalismo do futuro. Tamén presentación en sociedade dun novo medio on line que se anuncia «independente, moderno, de calidade e aberto a todos». Unha proposta que afirma que a información é de todos e que funda a súa filosofía nunha triangulación que vencella xornalistas, robots e lectores. Unha tecnoutopía? Non tanto, máis ben unha narración (cada vez menos) fantástica sobre futuros posíbeis ao xeito de Jules Verne, adiantada dun xornalismo xermolar e emerxente que se ofrece como superación e solución á crise dos medios tradicionais, tradicionais no papel e tamén agora tradicionais na rede.

21/01/2009

Fin de festa

En opinión de Héctor Aguilar Camín, que enterrou moitas e moi fecundas horas de traballo nos medios, «o periodismo é unha forma frenética de saber o que pasa sen entender o que sucede». Esta agre sentenza comeza a estar trastempada cando menos no que se refire a saber e a entender o que está acontecendo no oficio e nas empresas de comunicación. O estado de consciencia principia a ser pleno. A crise global ten unha das súas máis agudas expresión no crash de xornais e empresas de comunicación e o seu impacto sobre a existencia profesional dos xornalistas forza a consciencia e a necesidade de entender rapidamente o que ocorre para procurar axilmente unha saída de emerxencia.

Con todo, hai que lembrar que desde o cambio de século non se deixa de falar con obstinación da crise dos medios tradicionais. Xa daquela o célebre xornalista da CBS, Dan Rather, sinalou alamado que o medo se apoderara das redaccións dos medios: «Hai medo de que a circulación se funda ou que non crezca. Non tes tempo para pensar o que tes que facer porque temes que a túa competencia tome a dianteira.» Co tempo o medo mudou a pánico. Á altura de 2006, The economist preguntábase: «Quen matou ao xornal?» No último semestre de 2008 asistimos a quebra en cascada de numerosas cabeceiras. Un temíbel efecto dominó agranda a crise.

Reinventar El País

A última (de momento) resposta á crise dos media é a de El País que anunciou, por boca de Juan Luis Cebrián, unha nova estratexia de «cambio cultural» e de reenxeñaría empresarial para poñer fin a un formato integrado verticalmente que se valora «anticuado, obsoleto e esclerótico».

Déronse un tempo para pensar e para deseñar un «plan de supervivencia», a gran transformación é tornar El País nunha factoría de produción de contidos de calidade para soportes diversos (papel, rede e telefonía). Unha redacción unica, fusionando os equipos de on line e de off line, que sumará máis de 500 profesionais, que se acompaña de outras dúas empresas: unha para prestar servizos troncais (administrativos, de sistemas, recursos humanos e distribución), que ocupara a 200 persoas, e outra dedicada á produción e que, cuns 150 empregados, asumirá as tarefas relacionadas con rotativas, papel, peche e mantemento.

7 leccións e 6 recomendacións

O inicio da metamorfose ten data: 1-M. Haberá que agardar para ver o que dá de si tanta ortopedia e mudanza cultural, mentres é proveitoso reler un traballo de Juan Antonio Giner («Siete lecciones que explican la anunciada crisis de los diarios norteamericanos», Cuadernos de periodistas, setembro 2008).

As súas sete leccións son:

  1. Os diarios nunca morren por falta de lectores senón por falta de publicidade.
  2. Os diarios para todos son os diarios para ninguén.
  3. Un diario non pode ser só un negocio, debe ser e debe ser visto como unha auténtica institución social.
  4. A crise dos grandes diarios é a crise das grandes cidades.
  5. Os grandes diarios fános os grandes editores e moi poucas veces os banqueiros ou os homes de negocios.
  6. Os verdadeiros «donos» dos xornais son os seus lectores e non os seus anunciantes.
  7. Os cambios hai que facelos cando as cousas van ben.
As súas seis recomendacións son:
  1. Non nos debe preocupar o futuro, senón o presente.
  2. Non nos deben preocupar os xornais, senón o periodismo.
  3. Non nos debe preocupar a técnica, senón as persoas.
  4. Non nos debe preocupar a estética, senón a ética.
  5. Non nos deben preocupar as cousas, senón o espírito e as ideas.
  6. Non nos debe preocupar o cambio, senón a innovación.
De certo que á luz destas leccións e recomendacións axuntaremos elementos suficientes para valorar o éxito da reinvención de El País.

09/01/2009

A saída de Monteira

Cando a Félix Monteira lle endosaron a posta en marcha de El País Galicia, Manolo Rico agasallounos cunha das súas brillantes e incendiarias sentenzas: «Gaña Galiza, perde Madrid.» O tempo encargouse de ratificar o seu parecer dun modo rotundo. Tras dous anos e pico de logros na factoría galega, o anuncio do seu retorno á sede central brindoulle ao equipo directivo do xornal unha excelente ocasión para emendar erros pasados e aproveitar con intelixencia toda a experiencia e bo facer de Monteira, membro fundacional de El País.

O desenlace do retorno é ben cabrón: a intelixencia foi derrotada e non lle souberon atopar sitio a Monteira no novo periodismo que apadriña Moreno coa beizón de Cebrián e Polanco. Tras 33 anos nesa casa editorial Monteira marcha e con esta saída agora quen perde esmagadoramente é El País e, en consecuencia, os seus lectores.

Confío en que ninguén se entregue á estupidez e nos intente facer crer que é unha esixencia da renovación e modernización do proxecto xornalístico de El País, xa saben aquilo de que as vella glorias fundacionais do periódico teñen que deixar sitio ás futuras glorias. A experiencia de El País Galicia indica que a veteranía de Monteira foi decisiva para crear un espazo de comunicación influente para o protagonismo de novos e non tan novos xornalistas como Xosé Hermida, Fernando Varela ou Daniel Salgado por citar tres de variada caste.

Antón Baamonde xa fixo eloxio dalgúns dos seus méritos e non é cousa de repetirse para que ninguén nos zorregue por falar ben dun «poderoso»; con todo, teño que dicir que Monteira é unha proba incuestionábel de que os bos xornalistas, ao xeito de Lou Grant, non son un produto de ficción; son escasos, si, pero existen. Existen e agora, un deles anda á procura de traballo. De puta pena. Que grande oportunidade para que o fiche a competencia!

05/01/2009

O lector estrábico

Jorge Herralde afirmou nalgures que «o editor é un animal estrábico, cun ollo forzosamente no negocio e outro forzosamente na cultura.» Descoñezo cales son os puntos focais dos ollos dos editores de xornais pero hai días en que contribúen a facernos a todos tortos cando non cegos. Pero quizais a única maneira de sobrevivir sexa converternos todos en animais estrábicos. Para atender de xeito equilibrado á realidade política do noso turbulento Estado houbo un tempo en que os lectores máis esixentes confrontaban as olladas que El País e El Mundo ofrecían nas súas edicións sobre calquera feito de interese xeral. As súas descricións e interpretacións semellaban responder a universos (mundos/países) paralelos.

Esa ollada forzada, diverxente e dual na actualidade ten que atender a outros focos. O contraste agora é ofrecido cada vez con maior frecuencia por El País e Público que acoutan a realidade informativa segundo máis lles reina. Hoxe rotulan «Sarkozy acusa a Hamás de acciones “irresponsables e imperdonables”» e «Sarkozy, a favor de “un alto el fuego lo antes posible”». El Mundo achegaba un titular virtuosamente expandido: «Sarkozy pide un alto el fuego 'pronto' en Gaza y Hamas le acusa de apoyar el “holocausto”» que completaba ademais cun par de subtítulos: «El presidente francés tacha de “irresponsables” a los islamistas» e «Asegura que la UE está trabajando para acabar con el enfrentamiento».


Público
tira a información de EFE,
El Mundo de Reuters e AFP, El País de axencias indeterminadas. Todas fan referencia ao mesmo feito informativo pero non é un problema de fontes, nin do que editorialmente se quere interesadamente subliñar, o problema, ben se sabe, é que a realidade tamén é estrábica e a condenada sempre nos devolve máis dunha ollada.

30/12/2008

Na xungla de papel

Nestes días de andaina iniciática dun novo xornal de Galicia, vénseme á cabeza, como retrouso, Los demasiados libros, un título imprecindíbel no que o poeta e ensaista mexicano Gabriel Zaid reflexionou sobre a sobreprodución de títulos e os futuros posíbeis da industria editorial. Galiza agarda por un ensaio de razóns semellantes, que ben se podería titular Os demasiados medios, para explicar cabalmente a proliferación de cabeceiras informativas (reais, irreais e virtuais) que inzan os quioscos e a rede dun país de poucos lectores pero de abondosas axudas públicas (directas ou indirectas) ás empresas de comunicación. As razóns son sabidas pero tamén son pudorosamente obviadas.

De modo xenérico, para facer cartos cun xornal hai tres instrumentos: a publicidade, as promocións e a venda do papel impreso ou da visita virtual. No que D. C. Hallin e P. Mancini denominaron sistema político-mediático mediterráneo habería que sumarlles as subvencións e axudas públicas, auténtico cuarto piar do negocio da comunicación nos países latinos.

Neste ecosistema mediático, o equilibrio de ingresos é altamente inestábel e calquera novo produto pode provocar turbulencias con graves impactos no balance de resultados, máis aínda en tempos de crise global dos media; por iso a algúns (poucos) gustaríalles que a xestión das axudas e as publicidades das administracións públicas aténdese escrupulosamente ao efecto Mateo segundo o cal «ao que máis ten, máis se lle dará; e ao que menos teña, aínda o pouco que teña se lle quitará»; de aí a carraxe provocada porque a directriz bíblica se aplique de xeito imperfecto e que non se impuxese (aínda) a expropiación do pouco que reciben os menos podentes.

Non é ningún segredo que, en Galiza, o medio de comunicación que máis ten é tamén o que máis recibe e que este feito contábel non impide ao seu dono autoproclamarse «o último editor independiente de España» ou aparecer como o denunciador da falta de librecompetencia mediática («A competencia non está nos medios, senón que vén do mundo político, dun fondo de réptiles empresarial, de nacemento espúreo»).

Coraxe manda: «Non edito ni falo para que me queiran, senón porque quero a Galicia.» Esta a súa divisa non foi garantía suficiente para que non deformase grotescamente un medio de comunicación até convertelo nun medio de obsesión. A axenda obsesiva enfía a Cidade da Cultura, a Feira da Habana, a competencia xornalística e as tentacións de San José, o negocio eólico e outras moitas paixóns e odios máis ou menos fabulados. Unha axenda que tapa os méritos de quen lle discute a súa predominancia e arrogancia mediática, fabrica éxitos artificiais para quen se lle entrega mansamente, e afoga a todos os demais na indiferenza.

A posición herdada no mercado mediático galego alenta sobradas prepotencias e sabe que se pode facer e dicir o que queira porque só se escoitará alto e claro unicamente o que el desexe; e que a onde non cheguen as súas palabras de orde chegarán as súas ordes de silencio. E así se seguirá até que os lectores rescindan a súa lealdade ou un mal paso na xestión aboque á grande empresa á creba.

Falamos moito de que a nosa democracia está mediatizada e de que, como afirma Salvador Cardús, «os medios se converteron no escenario da política», mais en verdade a algúns aínda lles parece que a política está pouco mediatizada e aspiran a que os «homes de empresa» do cuarto poder sexan quen determinen as grandes decisións, cando menos, do primeiro e segundo poder. Esa caricatura mesiánica dos grupos mediáticos como auténticos demiurgos da cousa pública empata moi ben cun modelo de política patricia que despreza as representacións plebeas e cun entendemento oligárquico do que é autogoberno democrático.

O Galicia

Con semellante pano de fondo, releo Castelao na luz e na sombra, onde Valentín Paz Andrade rememora a fundación do xornal Galicia en 1922. Unha aventura cunha liña editorial esteada na independencia, no liberalismo e na galeguidade.

Paz Andrade, como director, entendía innovadoramente a caricatura e o editorial como «dúas pezas claves para gañar lectores» e por iso privilexiou o humor gráfico da man de Castelao e institucionalizou na prensa galega o editorial xa que, na súa idea, a «quen lee, gústalle recibir preformada unha opinión idónea a soster sobre os acontecementos ao ritmo que van sucedendo». Valores, posición editorial e humor son compoñentes imprescindíbeis de todo bo xornal e o Galicia foi naqueles tempos un excelente xornal.

Don Valentín fai tamén memoria da recepción do novo xornal: «O diario en aquele dia lanzado [25 de xullo de 1922] foi acollido como nos agardabamos. Con quentura e ledicia no pobo e nas crases media e culta. E con receio no estamento dominante da sociedade. Con receio, mais sin xenreira.» É ben posíbel que a ollada que nos ofrece sobre o acollemento do Galicia estea cangada de candidez e dunha nostalxia optimista, pero de todo é certo que se o xornal de Paz Andrade saise a rúa hoxe atoparíase con toda a quentura da xenreira e con todos os receos imaxinábeis xa que, tal como está o mercado mediático, os que máis teñen unicamente son quen de imaxinar dúas políticas: o exterminismo ou o canibalismo.