Mostrar mensagens com a etiqueta Internet. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Internet. Mostrar todas as mensagens

30/06/2008

Libros, búmerangs e patinadores

Sergio Ramírez decidiuse a encadernar as entradas do blog que aniña en boomeran(g). A edición de Alfaguara compila desde o posteado inaugural de xaneiro de 2007 até os de xaneiro do presente 2008, pouco máis dun ano de creación dixital na que se suman 228 pezas. A papelización do blog ofrécenos un «libro duplicado», como tería a ben cualificalo Calidonia, sen maiores engadidos que un prefacio onde Ramírez repara nos vellos e novos instrumentos da escritura e o transcendental cambio –cultural, crítico e democrático– que significa poder tirar libremente botellas ao mar dixital que inventou Internet.

A preguiza editorial podería ter sido vencida para achegarnos (aínda que só fose) un índice onomástico e temático para facilitar outras lecturas e procuras diferentes da simple sucesión cronolóxica dos textos. Elixiuse unha económica e simple transposición de contidos cara outro soporte; con todo, ademais de ser «outra obra de arte xenerosamente agasallada aos editores para a súa [proveitosa] comercialización», Cuando todos hablamos é tamén unha sorte de libro búmerang e a traxectoria da súa lectura condúcenos inevitabelmente ao punto de partida xa que quen guste do libro procurará a ligazón case diaria co blog e a web do escritor de Masatepe.

Do blog ao libro e do libro ao blog; xogo de pantalla-papel-pantalla que serve para fidelizar lectores e para ampliar o seu número, pero sobre todo para subliñar que, cada vez máis, o labor do editor orixinal repousa fundamentalmente no coidado do contido e non na natureza formal do soporte, de xeito que a súa tarefa nuclear é a busca de contidos que poidan ser conxugados en diferentes formatos, facilitando o seu nomadeo dun medio a outro e lograr deste xeito unha distribución cada vez máis porosa, capilar e estendida.

Na actualidade, a tea de araña que tecen autores, axentes literarios e editores vese obrigada a ter unha estrutura multimedia. Son precisos diferentes ganapáns para atrapar distintos graos de atención literaria: puntuais, seriados, compactos, volateis, liquidos ou solidamente fidelizados. Máis preto de nós, a edición en triplo soporte –papel-prensa, xornal dixital e libro– de Os grouchos de Manuel Rivas abonda intelixentemente nesta estratexia relacional e multimediática. Os que gustamos do grouchos de Rivas temos así numerosas baiucas editoriais onde catalos.

Necesítanse soportes, diferentes e complementarios, para sumar á audiencia a novos lectores cada vez máis sometidos aos rigores dunha atención parcial continua que se impón como consecuencia da cultura dixital. Como salienta Vicente Verdú, «os nativos da era dixital compoñen un grupo diferente de consumos e coñecementos, tamén de acelerado consumo do coñecemento [...] Os suxeitos da era dixital non son máis parvos pero si máis superficiais, animais patinadores. As novas tecnoloxías formáronlles un cerebro tendente a gañar axilidade e recordar menos, a viaxar moito sen afondar en ningures». Canto máis se multipliquen as formas de presenza dun contido máis doado que entre no campo de atención do animal patinador e máis posibilidades haberá de que deteña a súa veloz marcha para entregarse a súa lectura ou botar un groucho.

18/06/2008

De redes e nacións


A oito mans, David de Ugarte, Pere Quintana, Enrique Gómez e Arnau Fuentes, traballan na redacción de De las naciones a las redes, un ensaio sobre o declive das nacións como formato de construción identitaria e a emerxencia de novas identidades nacidas da redes virtuais. Tendencia que se expresa con crecente forza sendo cada vez máis as persoas que desenvolven a súa vida económica e social sobre a base de novas comunidades on line.

A tese nuclear da obra é que a globalización e o desenvolvemento das TIC favorecen a o tránsito «dunha sociedade de economía e comunicación descentralizada –o mundo das nacións– a un mundo de redes distribuídas», fenómeno que ten como consecuencia que cada vez sexa menos doado para as persoas identificarse en termos de nación. Auguran os autores que «por iso aparecen novas identidades e novos valores que a longo prazo acabarán superando e subsumindo á visión nacional e estatalista do mundo».


A lectura que nos propoñen desta megatendencia é tan brillante e suxestiva que ben pode agochar outra tendencia non menos relevante: as nacións que non se arquitrabaron na existencia dun Estado, as nacións dos pobos sen historia (que diría Hegel) atoparon na rede un recurso para a expresión, normalización e constución do seu autogoberno (virtual) e identidade.

O imaxinario actual de moitas nacións, no dealbar do século XXI, estase a construír na Rede e tamén en rede. O espazo político-cartográfico de Galiza é un, pero existe unha Galiza extensa da que xa nos falou Castelao que sobarda as fronteiras autonómicas do noso autogoberno actual e que amplía horizontes nos territorios da Gallaecia e dos galegos na diaspora e a emigración. Así calla vagorosamente unha Galiza Global que ten por referencia un espazo social, económico, cidadán, territorial e cultural que sobarda os lindes do mapa de Fontán.

Esa Galiza, tan planetaria como difusa, anoda ligazóns a través da Rede e faino, en moitos casos, con claves identitarias e de normalización lingüística e cultural máis sólidas, sustentábeis e solventes que a Galiza off line. Tan reais como os neonomades dos que nos falan Ugarte et alii son os neocidadáns dixitais que se identifican e se autodeterminan como nación na Rede. Os librepensantes de Luzes de Galicia deixaron escrito que Galiza ben pode desaparecer. Na Galaxia Gutenberg e na Galaxia McLuhan esa ameza era / é moito máis preocupante que no mundo global da Rede. Ou cando menos así aparenta.

09/06/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

30/05/2008

Distopía: o e-Leviathan

Internet crea redes que dan liberdade pero tamén pode armar un tramado para abafarnos. Na enxeñaría da seguridade nacional e na xestión dos medos cidadáns todo o que cae na rede é peixe, é dicir, un pretexto (s)útil para fanar liberdades.

Mike Davis reflexiona sobre os novos vixiantes virtuais: «O control real sobre os movementos da xente non precisa tanto de muros, canto de tecnoloxía. É esa unha esfera na que creo que os EEUU están máis avanzados a punto a crear unha sociedade de vixilancia total. Perry, o gobernador de Texas, autorizou a instalación de cámaras en áreas fronteirizas de tránsito habitual, as súas filmacións poden verse en directo desde Internet. Así, creou vixiantes virtuais. [...] Internet convértese nunha ameaza para a liberdade, porque pode contribuír a que todos nos convertamos en vixiantes, en opresores, en cárcere dos outros: todos somos agora carceleiros que ollan os movementos dos demais.»

Un mundo de malpocados irmanciños controlados polo Grande Irmán é terríbel. Un mundo de irmanciños que gastan a súa liberdade vixiando a liberdade doutros irmanciños en substitución do Gran Irmán é dobremente aterrador. A vella sentenza «Homo homini lupus» reeditada por un ameazante e-Leviatán é a máxima desta renovada distopía.