Mostrar mensagens com a etiqueta Economía. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Economía. Mostrar todas as mensagens

30/09/2009

Colesterol

Se non fose pola metaforación o noso entendemento do mundo avanzaría morosamente. Metáforas, alusións, alegorías, analoxías, tropos e símbolos compoñen unha fermosa caixa de ferramentas para a comprensión das realidades que nos cercan. Aristóteles, que xa lle deu unha pensada ao tema, concluíu que a capacidade de xerar metáforas nos descubría o poder da mente sobre a posibilidade das cousas.

Confeso que sobre metaforación eu apenas lles sabía nada, débolle a José Blanco o estímulo do meu interese e a un traballo de Jenny Moix Queraltó os saberes que aquí transcribo. Descoñecía, por exemplo, que actualmente en Grecia lle chaman metáfora ao autobús que transporta os viaxeiros do avión á terminal do aeroporto. O ministro de Fomento, como é competencia do seu ramo, de certo que si o sabía e por iso no seu artigo paisano agasallounos cunha cegadora metáfora: «Hai que renovar os alicerces sobre os que se sustenta o noso crecemento. Herdamos unha economía con aparencia saudábel, pero que tiña un colesterol moi alto».


Os meus altísimos (e case suicidas) rexistros de colesterol fanme máis (irresponsabelmente) sabido nesta materia. A estratexia de contención do colesterol está delimitada pola dieta mediterránea, Zarator 40, beber abondosa auga, e Danacol. A primeira para atacar de raíz o problema; o segundo para reducilo a unhas dimensións manexábeis; o terceiro para adelgazar os apetitos; e o último, fundamentalmente, para distraerse até que estudos clínicos independentes (e non comerciais) demostren a súa salvífica eficacia.

Segundo Blanco, o colesterol da nosa economía é «o excesivo peso da construción residencial». Para combater os seus efectos danosos, a botica económica ofrece I+D+i, mellora nas formacións profesionais e universitaria e TIC para atacar o problema de fondo; obra pública para reducir a zona cero do crash do ladrillo a unhas dimensións razoábeis; estímulo do emprendemento en sectores alternativos (servizos ás persoas, melloras da habitabilidade e medio ambiente, enerxías renovábeis...) para atraer apetitos investidores; e a lectura dos artigos de José Blanco e dos propagandistas da Vicepresidencia Segunda para distraer os nosos leceres.

Tras a marrada reforma fiscal de Robín Hood, tócalle a quenda este novo salto ao baleiro. Persístese no erro: para facer as políticas dos outros (liberais ou tecnoconservadores) os electores prefiren aos outros. Se teñen dúbidas en Ferraz que reparen no infortunio dos curmáns alemáns e nos apuros dos veciños peninsulares. O adianto dos orzamentos do Estado consagra unha chapoda suicida do gasto en I+D+i, non introduce cambios substanciais na ordenación de prioridades con apostas innovadoras e alternativas para dar conta da estratexia de economía sustentábel da que se fai apostolado retórico e, baixo corda, segue confiando máis no cemento que no coñecemento.

Menos mal que nos quedan as metáforas de Blanco; son o noso Danacol diario, non fan ben pero distraen, até que contabilidades electorais independentes demostren o contrario.

19/09/2009

Grande eloxio do mercado de favores

Abondan os ensaios (auto)críticos que debullan a relación da esquerda co mercado e a democracia para saber das pexas que coutan os progresos da súa oferta de igualdade en liberdade. Suxírese que é un problema que a dereita saldou con ben hai décadas; mais a apoloxía do liberalismo económico, coa que arroupa o seu entusiasmo por unha democracia dominada por un mercado de favores, non cancela a distinción radical de Giovanni Sartori: «Esquerda é facer o ben para os demais; dereita, facer o ben para si.»

A decisión de Núñez Feijóo de revogar o concurso formalizado polo goberno bipartito para a concesión da explotación de case 2.300 megavatios de enerxía eólica vale tanto para poñer en claro a súa renuncia a que Galiza teña unha política enerxética de seu como para certificar a súa entrega ao mercado de favores e aos desexos dos brókers mediáticos que asumiron a defensa das macrocorporacións.

Pretextando grave inseguridade xurídica, «chatas graves e insalvábeis de legalidade» e, mesmo, inconstitucionalidade por vulnerar a «liberdade de empresa», a Xunta do PPdeG decidiu abortar a tentativa do BNG de materializar unha nova política enerxética baseada no desenvolvemento das renovábeis, a mingua dos impactos ambientais e o reinvestimento dos beneficios da explotación dos seus recursos.

Fendeuse ademais a participación da Xunta na explotacións eólicas a través do INEGA e a estratexia de encadeamento das concesións co impulso de novas iniciativas enerxéticas, agrogandeiras e industriais, lideradas por grupos empresarias galegos e as caixas de aforro do país, que estimaban a creación de 8.300 novos empregos. E, singularmente, liquídanse as cautelas para evitar a concentración monopolista (o maior adxudicatario no concurso finiquitado non sobardaba o 10,3 por cento do total).

Quedan por ver se os resultados da vella nova política, que o presidente Feijóo prognostica, se traducen en garantías xurídicas máis sólidas, mellor protección ambiental ou un maior impacto na reactivación da economía produtiva e non da depredatoria. Como testemuño da acusación crítica fica o negro balance das concesións de 4.000 megavatios que o Partido Popular distribuíu discrecionalmente durante a gobernación de Manuel Fraga. As políticas pasadas abeiran poucos motivos para a esperanza.


Tampouco é de agardar unha mudanza radical da cartografía da explotación das renovábeis nin do balance de forzas das poderosas megacorporacións enerxéticas. O cadro, que asinan Albino Prada e Santiago Lago en Galicia, unha economía europea, non sufrirá ningún gran redeseño:
Tal ausencia de investidores galegos está a trasladarse ao emerxente vector eólico no que Galiza é líder español e europeo. Entidades españolas como BBVA, Caja Madrid ou ACS controlan a maioría dos parques, e teñen unha presenza importante empresas holandesas, italianas e norteamericano-xaponesas. Só o 5 por cento da potencia instalada o é por empresas galegas [...] Isto tería importantes consecuencias na fixación de rendas ambientais e sociais do recurso e no desenvolvemento industrial ou tecnolóxico que puidera vir asociado.
Luigi Zingales, da Universidade de Chicago, caracterizou o liberalismo oligárquico dos nosos tecnoconservadores: «Moitos partidos políticos din que son pro mercado e en realidade só son pro negocios: pro negocios duns poucos empresarios que adoitan ser os seus amigos. Iso non é ser partidario de libre mercado, senón deturpalo [...] Por iso, agora hai que salvar ao capitalismo dalgúns capitalistas. Hai que regular ben e restablecer a libre competencia nun libre mercado, xusto e honesto.» Ese é o ecosistema económico do presidente Feijóo; acompáñase ademais dun manso liderado do goberno na regulamentación dos mercados e o deseño de políticas públicas para a xestión ecosocial dos bens comúns.

Desde o 1-M, a Xunta de Galicia é un convidado pasivo na mesa das megacorporacións, acode ás súas esixencias e cede gozosa ás presións mediáticas do brókers no revitalizado mercado de favores. Co PPdeG o autogoberno encadéase ás contas de resultados dos poderosos e ofrécese como unha democracia defectuosa para ser o autogoberno dos grandes grupos de presión e non dos cidadáns.

Tempos Novos # 148

22/03/2009

Crise consoante

Leo en Sen Permiso, «Crise tipo L», unha análise económica que Alejandro Nadal publicou o pasado 19 de marzo en La Jornada. Nadal, un economista de sempre proveitosa lectura, achéganos unha prospectiva alfabética da crise globalizada á que lle dá a forma de tres consoantes. Recea sensatamente de que esteamos diante dunha crise tipo V; é dicir, perante dun tempo económico caracterizado por unha forte caída económica que vai ir seguido dunha áxil recuperación. Repara nas posibilidades dunha crise tipo U, un U alongado cara á dereita, cun fondo de crise sostido e unha nova expansión económica que tardará en chegar. E, por cabo, non descarta para moitas economías unha crise de tipo L, onde á caída seguirá un estendido período de estancamento e un repuntamento que non se enxerga no horizonte. É difícil atopar mellor xeito para grafar a crise, mesmo a crise dos proxectos políticos.

20/02/2009

Lecturas en tempos de crise

Zygmunt Bauman é un pensador de grande engado editorial. Multiplícanse o número de títulos seus traducidos ao español e mesmo pezas menores son recuperadas para ser postas outra volta en circulación. Nesa onda, a editorial Katz ofrécenos Múltiples culturas, unha soa humanidade, onde axunta unha conferencia pronunciada polo sociólogo polonés no Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona e unha entrevista que lle fixo Daniel Gamper Sachse.

En ambas as dúas pezas, Bauman reitera moitas das ideas motrices das súas obras maiores:
a idealización de comunidades refuxio e a obsesión coas fronteiras como resultado da van esperanza de poder garantirnos unha protección auténtica fronte aos risco globais; a imposición dun mundo global onde se institucionaliza unha política local sen poder e un poder global sen limitacións políticas; a confirmación das cidades como vertedoiros dos problemas que se producen a escala global e como campo de batalla principal da loita e tensión entre liberdade e seguridade pero tamén como escenario no que se pon en práctica e desenvolve (con desigual éxito) a arte da convivencia diaria e pacífica coa diferenza...

Tamén nesta ocasión Zygmunt Bauman lémbranos que, na orde líquida dos nosos tempos, a vida se configura como unha sucesión de proxectos efémeros, de curto prazo, de impacto inmediato e de epidérmicos calados. Sinálanos como nómades que transitamos dun proxecto cara outro e subliña que a lembranza do noso último proxecto, ou do noso último éxito, non dura moito. Así como as derrotas e fracasos fan pouso, os éxitos non sedimentan; de aí que haxa que seguir movéndose dun proxecto a outro na procura de novos caladoiros de novos éxitos e recoñecementos. O
autor de Modernidade líquida remítese con frecuencia á palabra alemá Unsicherheit como marca dos nosos tempos; Unsicherheit ten un significado múltiple: incerteza, inseguridade, vulnerabilidade e precariedade; é dicir, as materias constituíntes dos medos actuais.

Toda a obra de Bauman é suxestiva e estimulante, indicadora de tendencias certas da evolución das nosas sociedades mais, en tempos de bonanza como os felices noventa e o cambio de século, as súas descricións resultaban máis esperanzadas do que agora na cerna da primeira grande crise da globalización. As súas palabras mídense igual pero o peso da súa negrura é bastante maior. «Se perdemos a esperanza será a fin pero Deus nos libre de perder a esperanza». O que onte era unha sentenza para afirmarse con afouteza, hoxe semella unha ladaíña para que unha forza superior nos abeire. Tal que son malos tempos para a lírica...

12/11/2008

Estados paralelos

Unha das moitas consecuencias do 11-S, alén de focalizar as alarmas no papel desequilibrante dos Estados canallas, foi a crecente preocupación polos chamados Estados fráxiles. Actualmente, rexístrase unha abondosa produción analítica que debulla os trazos características destas formas de estatalidade sacudidas polo impacto de, cando menos, unha cuádrupla crise que cuestiona a súa lexitimidade, as súas capacidades, a súa identidade e a súa finalidade. Estas reflexións politolóxicas engrosáronse con outras que chaman a atención asemade sobre a erosión e fendas producidas no Estado como consecuencia da presión da globalización e mesmo sobre a oportunidade e pertinencia histórica do Estado no tempo do todopoderoso Mercado Global.

Como indica David Sogge, investigador do Transnational Institute, «a idea do fracaso Estado reuniu a unha importante coalición de intereses [...] e as nocións sobre o fracaso do Estado amplían a súa cota entre os consumidores, incluídos consumidores claves do Pentágono, a OTAN, Bruxelas e a Secretaría Xeral da ONU».

Son tan numerosas as fábricas de ideas que se dedican á análise das fraquezas do Estados con olladas xeopolíticas interesadas como aquelas que o fan con rigor (auto)crítico e vontade transformadora. Entre as segundas, na nosa contorna, está FRIDE que se define como un think thank europeo para a acción global e que, desde 2001, nos achega un interesante catálogo de investigación e análises. Materiais ricaces para unha proveitosa e delongada lectura.

Outros fracasos estatais

O mapeado dos Estados derramados remítenos aos países do Sur Global e, secundariamente, á zona cero do fracaso histórico do socialismo realmente (in)existente, e dáse por descontado que ningún dos Estados do Primeiro Mundo foi abaneado, desde a Segunda Guerra Mundial, por unha crise de lexitimación, identidade, capacidade ou finalidade que permitise a súa etiquetaxe como Estado fallido ou fráxil.

Un dos analistas de FRIDE, Ivan Briscoe, ten dedicado varios traballos a ocupación do Estado por parte do crime organizado, conceptualizando o que denomina Estados paralelos, entre os que conta o Perú de Fujimori, O Salvador nos anos noventa do pasado século, a Serbia de Slobodan Milosevic, e Paquistán e Guatemala na actualidade. Países onde redes criminais afianzaron fondos e duradeiros vencellos co Estado, condicionando as políticas públicas e debilitando a propia autoridade estatal. Grupos criminais organizados animan así a formación dun Estado paralelo con influencia no poder xudicial, as forzas de seguridade e as estruturas estatais. Os estudos de Briscoe verifican que estas redes político-criminais «teñen a súa orixe nos sectores militares e da intelixencia que operaban en Estados febles nun tempo de apertura democrática crecente».

Italia, case un Estado paralelo

O visionado de Buongiorno, notte ou a lectura da obra de Sciascia e, máis apegados a nós, da de Camilleri ou Saviano suxiren que a Italia da Tangéntopolis ou do berlusconianismo ofrecen abondosa materia para reflexionar sobre as fraxilidades do Estado italiano e a súa coexistencia cun Estado paralelo gobernado pola piovra.

O caso italiano apunta outra orixe diferente da sinalada por Briscoe para Guatemala ou Paquistán, un humus civil nutrido polas carencias do Estado que lle outorga ás corporacións mafiosas unha maior capacidade de resistencia diante dos esforzos de limpeza e rexeneración. Así, o complexo económico-criminal da mafia non só identifica a un Estado dentro do Estado senón que representa ademais un activo fundamental para a expansión económica do país. Hoxe mesmo, os medios fan noticia, dun informe da Confesercenti que achega cifras abraiantes que permiten cualificar a mafía como «a primeira empresa italiana».

A facturación da Cosa Nostra, da 'Ndrangheta, da Camorra e da Sacra Coroa Unida sitúase entre os 90.000 e 130.000 millóns de euros, o que representa o 6 ou 7% do Produto Interior Bruto italiano. De aí extráense ao redor duns 50 a 70 mil millóns de beneficios netos.

Os nichos de negocio están moi diversificados tanto na esfera ilegal (prostitución, tráfico de armas e drogas, extorsión, usura e roubos) como (para)legal (construción de obra pública, xestión concesionada de servizos públicos, operacións inmobiliarias e financeiras...). Malia que a contabilidade mafiosa non salienta pola súa transparencia, o informe ofrece estimacións de negocio fabulosas para a usura (13.000 millóns de facturación anual), o tráfico de droga (59.000 millóns) e armas (5.800 millóns de euros), a extorsión (10.000 millóns de euros), fraudes (4.600 millóns) ou contrabando (7.400 millóns).

A facturación mafiosa no sector inmobiliario, lavandaría principal de diñeiro negro, suma 13.000 millóns de euros. Estímase que as corporacións mafiosas invisten no negocio inmobiliario o 37,5% dos seus beneficios. Por outra banda, a comercialización de produtos de grandes marcas falsificadas réndelle 6.300 millóns de euros. Un sector en expansión, que xa se coñece como a ecomafía, é a xestión de servizos ambientais (lixeiras, transporte, recollida e almacenaxe de residuos...) que reporta ingresos anuais de 16.800 millóns de euros.

O sinal de alerta de Confesercenti ofrece outras dúas vertentes aínda moito máis preocupantes. Unha: a crise crea condicións moi favorables para a expansión da mafía cara a sectores da economía produtiva vulnerábeis e faltos de créditos para garantir a súa sustentabilidade. Dúas: esténdese a concertación de operacións entre as empresas mafiosas e os grandes grupos económicos para pactar cotas de mercado, sobre todo, no que atinxe á concesión de servizos e licitacións de obra pública. O resultado previsíbel é que a presenza da criminalidade organizada, ao abeiro da crise actual, vai consolidarse en toda a actividade económica da República italiana.

A crise globalizada chama a atención sobre a necesidade de que os poderes públicos recuperen a iniciativa para lograr a regularización dos mercados financeiros e evitar que canibalicen as economías produtivas. O Estado italiano aqueixado dunha aguda neopatrimonialización (derivada das políticas do patrón Berlusconi) e socavado pola expansión do Estado paralelo que tentacularmente dirixe a mafia non parece estar nas mellores condicións para cumprir esas funcións reguladoras.

Adam Przeworski sinalou que «o paso decisivo para a democracia é a devolución do poder desde un grupo de persoas a un conxunto de normas». En Italia enxérgase un preocupante cambio de sentido. Vagorosamente os poderes políticos e económicos están deixando de ser regulamentados por normas para ser devoltos a «grupos de persoas»; nesa emerxente e nova oligarquía, os capos mafiosos levan camiño de ser os que máis ordenan. Un futuro que de confirmarse será realmente criminal.

15/10/2008

Economía matinal

George Orwell sostiña con certa crueza que un dos maiores méritos de Freud era que grazas aos seus estudos a xente deixou de comentar os seus soños á hora do pequeno almorzo. Fútbol, doenzas, anuncios pre-depresivos, remedios caseiros, comentarios meteorolóxicos, rexoubes de sociedades grandes e cativas, persoaxes televisivos e concursais, corazóns partíos e amores de papel cuché, entre outras moitas cuestións ocuparon o baleiro conversacional deixado polos soños.

Agora e grazas ao crash do 2008 non hai torrada ou primeiro café do día quen nos vaia acompañado dun arrepiante ou engaiolante dato económico-financeiro, do animal spirit, dos rescates dos menos en teórico beneficio dos máis, das apoloxías do keynesianismo de guerra, das críticas de Paul Krugman, das súas previsións («Imos sufrir unha recesión, talvez prolongada, pero quizais non un colapso») e dos seus aplausos, dos agoiros de Joseph Stiglitz, das bolsas tornadas, ao mesmo tempo, en montañas rusas e en ruletas rusas...

Comezamos o día con economía tomando cereais Kelloggs, pero o malo é que aínda así chegamos ao xantar hipoglucémicos e convencidos, como estaba John Dewey, de que «a política é a sombra que proxectan na sociedade os grandes negocios» e de que as cousas non van mellorar nos próximos doce meses de hipoteca. Porca economía...

10/10/2008

Previsións & predicións

O FMI estima que España estará en recesión durante 2009 e, segundo o xefe de análise Jorg Decressin, en 2010 principiará «un pequeno avance, e será gradual». Despois do diovivo que leva caendo, desde o comezo da crise-que-non-existía para os máis espertos expertos analistas económicos, calquera se fía. Recobra así todo o seu sarcástico valor a sentenza do presidente Barlett que repite a Leo McGarry, xefe do gabinete do Presidente, no primeiro episodio de A ala oeste da Casabranca: «Os economistas viñeron ao mundo para que os astrólogos non quedasen en mal lugar».

11/04/2008

Talento e cazatalentos

Pasou pola XXV Semana de Filosofía pero non tiven tregua para poder ir escoitalo. Jorge Riechmann nacido en Madrid en 1964. Poeta, tradutor, filósofo, matemático e politólogo, pensador e activista ecosocialista da tribo de Manuel Sacristán e Francisco Fernández Buey.

En Canciones allende lo humano Riechmann formulou un principio ético fundamental: hai que tratar aos demais como un fin en si mesmo e non como medios para os nosos propios fins. Outro principio que lle gusta lembrar apóiase nunha luminosa cita de John Berger e Nella Bielski: «Un debe chamar polo seu nome a todo o que ve. Nunca se deben ignorar as consecuencias. Esa é a única posibilidade de enfrontarse á barbarie. Ver as consecuencias». As persoas como fin en si, e as persoas como elas mesmas e as súas consecuencias. Sobre esas consideracións constrúese un esixente código ético e de conduta emancipatoria.


Riechmann non lle ten medo ás palabras fortes e exprésase con claridade: «Creo que un socialismo do século XXI debe seguir ancorándose nos valores básicos de sempre: igualdade, liberdade, democracia en canto autogoberno, e engadir o valor básico de sustentabilidade ecolóxica.» Outra declaración súa que é toda unha declaración de guerra: «O capitalismo é unha orde social caníbal, e eu aspiro a deixar de devorar aos meus semellantes.»


A Riechmann préstalle vitalmente unha máxima que atopou nunha carta que Giner de los Ríos enviou en 1906 a José Castillejos: «Esperar ben pouco e traballar coma se esperásemos moito».


Cazatalentos


Ten 42 anos. Declarase liberal e católico. Casado e con dous fillos. É un dos cazatalentos de maior sona mundial. Chámase Ignacio Bao e naceu en Vigo. Ama os riscos e non lle escapa ao perigo. Ten afeccións inalcanzábeis para a maioría dos mortais: cazar feras e conducir automóbeis de custes millonarios. Como todo headhunter trafica coas capacidades e habelencias doutros.

Unha nómina de 260 présas en trece anos de oficio ao servizo de financeiros, avogados e consultores acreditan un grao de excelencia dificilmente discutíbel. A intelixencia operativa cotiza, sábeo ben, Bao calcula os seus beneficios cunha simple fórmula: a empresa que ficha ao talento págalle unha cantidade equivalente a un terzo da primeira retribución completa anual do talento, cun teito de 250.000 euros. Certificando o que cobran as pezas capturadas –«Pechei operacións nas que o talento foi fichado por un millón e medio de euros anuais»– seguro que é doado atopar milleiros e milleiros de présas dispostas a participar neste tentador safari mercantil.

Bao vive atento ás novas necesidades do mercado: «O clásico era buscar rainmakers, pero agora cotízanse máis os starmakers: o primeiro é quen logra que sucedan cousas, o segundo é quen sabe crear equipos brillantes.» Facedores de chuvia (de cartos?) ou de estrelas (de ouro?), Bao ten as ideas ben claras: «Por suposto que a xeración de negocio segue sendo vital pero o que importa agora é a capacidade de dar servizo continuo ao cliente no tempo a través do desenvolvemento do talento entre as persoas do equipo, non máis xogadores individuais que se anoten os éxitos. O que importa é que a xente este motivada por traballar para alguén que teñan como maior ambición desenvolver ao seu equipo, é dicir capaz de desenvolver estrelas, un xenuino starmaker».

Canto de proveitoso sería un debate entre Reichmann e Bao...

17/03/2007

Paixóns numerarias

Hai poucos temas máis apaixonantes que a medición do noso crecemento económico. As cousas deben marchar ben xa que o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, acordou elevar tres décimas o crecemento previsto para o ano 2007. De cumprirse as súas expectativas, Galiza medraría o 3,7%. Segundo as contas do Instituto Galego de Estatística en 2006, a nosa crecenza foi do 4,1%, a maior dos últimos seis anos, pero aínda distante do máximo de 2000 cando se acadou o 4,6%.

O optimismo gobernamental apóiase na boa evolución do emprego (en 2006 creáronse 34.100 novos postos de traballo e a taxa paro é a máis baixa desde hai 25 anos: 8,5%); no medre das actividades industriais (+4,7%) e a construción (+4,2); no pulo da exportacións (+18%); e no comportamento minguante da inflacción (-2% no mes de febreiro). Pexa as boas expectativas unicamente a cativa progresión da nosa agricultura, gandeiría e pesca que tan só se acrecentou nun 1,9%.

O conselleiro aproveitou a ocasión para retrucar e corrixir os datos ofrecidos pola Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) nos seus Indicadores de Converxencia Real para as Rexións Españolas: o medrío de Galiza foi dúas décimas maior que o da media española e non unha menos. Fernández Antonio sacudiulle a poeira ás cifras das Caixas e negouse a comentar a fondo as súas magnitudes por non ser datos «oficiais». Como non podía ser doutra maneira, el tenlle toda confianza ás cifras achegadas polo INE e o IGE que, como todos sabemos, nunca pasan pola Corporación Dermoestética para seren embelecidas nin retoucadas. Niso ciframos as esperanzas do noso medre.

07/03/2007

Crecemento extraordinario

O Presidente visitou a José Montilla e concedeulle unha entrevista a La Vanguardia. Preguntado sobre se foi a Cataluña á procura de investimentos, Pérez Touriño declarou: «Sí, porque temos un balance extraordinario cun crecimiento do 4% e unha estabilidade que ofrece boas oportunidades de negocio.» Hai uns días anunciou perante un lobby de empresarios galegos que nun quinquenio Galiza acadará a media de renda europea. Segundo o cálculo de Manuel V. Sola habería que triplicar o crecemento (extraordinario) actual para poder acadar ese obxectivo (envexábel).

Onte, os medios recollían os Indicadores de Converxencia Real para as Rexións Españolas da Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) que fixaban o crecemento medio do Estado nun 4,2. Galiza medrou (extraordinariamente) un décima menos: o 4,1 por cento.


O informe de Funcas fixa os medras máximas en Madrid (4,5 por cento), Murcia (4,41), Andalucía (4,39), Extremadura (4,31), Castela-A Mancha (4,29), País Vasco (4,29) e Comunidade Valenciana (4,2), A economía galega ten un ritmo expansivo maior que a de Cataluña (4,05) e estamos por riba do medre medio da Unión dos 15 que se quedou nun 2,4 por cento.

Vistas así as cousas, a posición de Galiza é moi boa en termos europeos e boa no conxunto do Estado. Será extraordinaria cando crezamos como Madrid e megaextraordinaria, de acordo coas previsións presidenciais, no momento en que multipliquemos por tres o noso crecemento económico. E nós que o vexamos.

03/03/2007

O Gran Salto Adiante

Nun farturento xantar coa elite empresarial que convocou a Asociación para o Progreso da Dirección, o presidente Touriño decidiu quedarse coa audiencia e anunciou o Gran Salto Adiante: nun quinquenio máxico Galiza acadará á media da renda europea. O último balance de Eurostat situounos entre as catro comunidades máis pobres do Estado. O PIB de Galiza suma tan só o 81% da renda media da Unión Europea. Acompáñanos nas posicións máis recuadas Castela-A Mancha cun 79,1%; Andalucía cun 77,6% e Extremadura co 67,1%. Para cumprir a súa promesa, a economía galega terá que triplicar o seu crecemento actual. Non sei se o Presidente cativaría o interese dos rudos capitáns da empresa e as finanzas cos que se sentou á mesa, pero no mellor xornalista económico do país deixou un aquel de retanqueira desconfianza.

Agardando un milagre económico

O obxectivo é ambicioso e ben que nos gustaría que fose atinxíbel no glorioso lustro que se nos promete. O optimismo presidencial precisaría dunha activísima política económica para fornecer solo empresarial, servizos avanzados de loxística, infraestruturas e vías de comunicación á altura dos tempos, e un mercado de traballo altamente cualificado. Os investimentos estatais deberían garantirse entorno ao 8% ao longo dese esperanzado quinquenio. E urxiría tamén unha revolución neokeynesiana para facer da Xunta de Galicia a clave da arquitectura das políticas económicas que se deben innovar para xerar capital humano, aumentar a capacidade competitiva das empresas, promover unha renovación do entramado produtivo sen que se traduza nun magoante medre do desemprego nos sectores afectados, e enriquecer decisivamente as nosas políticas de I+D+i.

Necesitamos un milagre económico e os milagres precisan sempre de fe e de doses inesgotábeis de esperanza. Hai case que oitocentos anos, Tomé de Aquino deixou claro que «a fe se refire a cousas que non se ven, e a esperanza, a cousas que non están ao alcance da man». O obxectivo de Pérez Touriño nin o vemos nin está ao alcance da nosa man. Nese terreo de inconcreción fedataria o noso Presidente síntese cómodo e seguro, pero non sei como recibirían o seu prodixioso anuncio os empresarios e financeiros cos que compartiu mesa e mantel, homes sen piedade que están ofrecidos ao realismo máis cru, desalmado e materialista.

Os outros atrasos e as súas políticas económicas

As comparacións son sempre odiosas, pero as outras tres comunidades que teñen un PIB por debaixo do 81% da renda media europea son autonomías nas que reinou tradicionalmente o Partido Socialista, feudos gobernados por sólidas maiorías absolutas dos socialistas, con dirixentes que sempre pesaron decisivamente na dirección política da rúa Ferraz: Chaves, Ibarra e, até hai ben pouco, José Bono. Son territorios mimados polos investimentos estatais dos gabinetes de Felipe González e agora polo equipo de José Luis Rodríguez Zapatero. E, con todo, a fenda do seu atraso non foi recurtada tan sensibelmente como nos anunciou que faría o noso marabillado Presidente.

Por outra banda, para facer realidade o seu milagre, Pérez Touriño non poderá inspirarse nas políticas dos seus homólogos de Andalucía, Extremadura e Castela-A Mancha, de pouco vai servirlle clonar as receitas da economía política do PSOE e terá que mirar cara a outros modelos.
Sempre demasiado apegado ao oficialismo do PSOE sería sorprendente que o (p)residente de Monte Pío se arredase do guión de muda acomodación que normalmente practica nas relacións co Goberno do Estado e as súas políticas micro e macroeconómicas. A ferida de Navantia é demasiado recente como para estenderlle un cheque de credibilidade e torta confianza; a morneza coa que se demanda a execución das infraestruturas ferroviarias disuade a máis entregada esperanza; a fantasmal sociedade do coñecemento á que lle gusta referirse non dá callado fóra do mundo virtual e da Second Life na que permanece emburullado Emilio Pérez Touriño...

Que é o que realmente precisamos?

Nun magnífico e esclarecedor artigo –«Obxectivo I+D+i», dous dos mellores economistas cos que conta Galiza –Santiago Lago Peñas e Albino Prada– identificaron unha listaxe de actividades que deberían ser prioritarias nas nosas políticas económicas: produtos alimentarios derivados do mar e a gandería, o complexo forestal-industrial, os minerais non-metálicos, a automoción, o sector naval, os servizos de loxística, a confección, a produción eléctrica e segmentos da industria química. Mesmo recomendaban facer «apostas selectivas» nos servizos audiovisuais, de comunicación e as industrias culturais que contan cun numeroso e competitivo capital humano e atesouran iniciativas empresarias emerxentes con vocación exportadora. Son estes os sectores que demandan unha concreción cotiá da milagreira política do Presidente.

Prada e Lago Peñas rematan o seu artigo reiterando o retrato robot do capital humano que, ao seu xuízo, precisa Galiza: «persoas que sexan quen de pensar de xeito orixinal, de recoñecer rapidamente o esencial dun problema e de propor e pór en marcha diversas e posíbeis vías de solución». Características que se lle deben esixir igualmente a un bo Presidente.

Xa ven como están as cousas, Pérez Touriño anuncia un milagre e nós, descridos, retrucamos coas teimosas estatísticas, con comparativas políticas e con desmandadas esixencias estratéxicas. Somos imposíbeis. Goethe escribiu que «as persoas felices non cren nos milagres». Somos incorrexíbeis no noso escepticismo ou é que simplemente somos felices?

09/09/2006

Economía 2007: cambio de tendencia?

Nostradamus achégase cun cartafol de intraquilizantes previsións económicas. En 2006 o crecemento económico mundial medrou un 5,1%, pero de cara a 2007 hai «unha entre seis posibilidades» de que só faga por debaixo do 3,25%. Na zona del euro, o FMI estima un crecemento do 2,4% para o presente año e do 2% para 2007. Alertan: «Ollando cara ao futuro, a tendencia á alza do emprego e dos salarios é modesta, o que sumado ao limitado avance nas reformas estruturais, implica que as perspectivas de crecemento seguen sendo limitadas.»

Ninguén quere profetizar abertamente un ano de vacas fracas, pero o futuro preséntase entoldado, incómodo, desacougante. Advirtésenos sobre o encarecemento da cesta da compra como consecuencia do crecemento sostido da inflacción, ademais é certo o aumento dos custes da enerxía empuxado polo aumento do prezo do barril e das taxas que cobran as empresas eléctricas que aspiran a incrementos do 5% en 2007. Outras amenazas alcistas pesan sobre o alcohol e o tabaco se prosperan as políticas de converxencia fiscal animadas pola Comisión Europea. E, como non, haberá que apandar coa desbocada estampida do Euríbor, que xa acadou no pasado agosto o 3,61%, e sucesivos encarecementos do prezo do diñeiro.

Aínda que o ritmo de crecemento da economía do Estado medrou moi satisfactoriamente en 2006, comezan acenderse luces vermellas que parecen indicar que hai que prepararse para un outono quente e, máis aínda, para un inverno atroz. Nada alegraría máis a dereita que o retorno ás políticas de carestía de vida e o fracaso do proceso de paz en Euscadi. En calquera caso, pase o que pase co proceso negociador, haberá que seguir furgando no fondo da saquetiña dos cartos.