Mostrar mensagens com a etiqueta Pensamento. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Pensamento. Mostrar todas as mensagens

02/06/2009

Acordar da crise

O «Convivio» de Letras libres do mes de maio, A derradeira cea do capitalismo, axunta seis lecturas moi proveitosas sobre a crise económica que nos abanea de xeito inmisericordioso. Aquí cómpre lembrar a sabia cita coa que Jorge Suárez-Velez inicia a súa achega: «Din que unha crise non termina até que se aprende dela.» Unha convivencia de ideas de interese para saber da crise, as súas explicacións e o deseño de alternativas. Lecturas para acordar da crise e iniciar novos soños.

Clásicos. Na idea de contribuír á creación dun mundo económico máis decente, o Nobel de Economía de 1998, Amartya Sen, fai revisión desacomplexada dalgúns clásicos (Smith. Keyness, Cecil Pigou...) e desanobela algunhas reflexións ao redor de tres preguntas chave: 1) Necesitamos de verdade un «novo capitalismo»?; 2) Que nos di a crise actual sobre as institucións económicas e as prioridades debemos atender?; e 3) Como saír da crise co menor dano posíbel?

Evasivas. Ramón Cota Meza, comentador político de El Universal, destrama as evasivas que os publicistas neoliberais tecen ao redor da responsabilidade da crise e que Amartya Sen resumiu con precisión: «Algúns defensores do capitalismo salvaxe que se resisten a cambiar están convencidos de que o capitalismo está a ser culpado en exceso por problemas económicos a curto prazo, problemas que atribúen ao mal goberno (por exemplo por parte da administración Bush) e ao mal comportamento dalgúns individuos.» Cota non acredita nas brétemas esculpatorias e conclúe que «a crise foi provocada por mecanismos de mercado, máis que por interferencia política» e anima a asumir a que considera unha decisión inevitábel: «nacionalizar os grandes bancos, sanealos e vendelos».

Retranca. Hans Magnus Enzensberger compón un irónico alfabeto da crise que é un feliz antídoto fronte á verborrea estupefaciente do mundo financeiro. E, entre outras, ofrece un enxeñosa definición para a alternativa sinalada por Cota Meza. «Nacionalización: ideal dos partidos comunistas que os grandes bancos anhelan con fervor».

Razóns. O analista económico da CNN, Jorge Suárez-Velez, debuxa a crise como unha tormenta perfecta na que confluíron cinco malfadadas circunstancias: 1) que a economía mundial viñese dun período de crecemento económico enganoso pola súa delongada duración. 2) A gradual perda de blindaxe da fronteira entre a banca de depósito e a banca de investimento, o que favoreceu que os bancos comerciais se sumasen a unha carreira de máis risco. 3) A incorporación de China á economía mundial que xerou incontábeis mitos e expectativas fantásticas. 4) A capacidade de resistencia que o mercado inmobiliario demostrara con anterioridade cando o estoupido da burbulla das puntocom no cambio do século. 5) A arrogante certeza desenvolvida polas autoridades e Wall Street de que se contaba con ferramentas infalíbeis para manexar o risco.

Distopía. Seguindo as pegadas de John Gray, David Rieff salienta a migración do pensamento utópico desde a esquerda á dereita. No pasado, os relatos de progreso ocupaban o centro do socialismo; tras a revolución neoconservadora de Ronald Reagan foi a dereita a que se convenceu da utopía (mellor dicir distopía) dun capitalismo desregulado, onde o Estado permitía con gran (neo)liberalidade que os mercados financeiros establecesen as súas propias normas de xogo. Rieff sacódelle o po ao «credo Kudlow», denominado así por Larry Kudlow, o influente presentador da CNBC, que comezaba o seu programa coa seguinte ladaíña: «Cremos que o capitalismo de libre mercado é o mellor camiño cara á prosperidade.» Rieff remata apuntando que nos centros neurálxicos del neoliberalismo engorda unha crise cultural desatada polo colapso financeiro e que da súa man «o socialismo está de regreso», ao tempo que tamén retorna «o fascismo como desgraciadamente pode comprobar quen invista máis de cinco minutos en Fox News».

Previsións. O talentoso Geoff Mulgan, presidente da Young Foundation, interrógase tamén sobre o que virá, ou podería vir, tras o capitalismo. A sonada frase de Marx –«Todo o que é sólido esvaécese no ar»– cobra unha renovada actualidade tras o crash e a creba dos padróns do neoliberalismo. Para a súa idea, no futuro «o capitalismo non dominará a sociedade e a cultura no mesmo grao en que o fai hoxe» e suxire que «o capitalismo pode converterse nun servente e non nun amo» e que a nova orde económica estara modelada decisivamente pola tripla presión da ecoloxía, a globalización e a demografía. Recomenda a urxente lectura dos traballos da economista venezolana Carlota Pérez sobre os padróns a longo prazo do cambio tecnolóxico e estima que a crise está abrindo un grande espazo político que, de xeito inmediato, «se encherá de ira, medo e confusión» e que a longo prazo poida que «se preencha cunha nova visión do capitalismo e as súas relacións coa sociedade e a ecoloxía, unha visión que será máis clara no referido a canto queremos medrar e canto non».

27/05/2009

Fútbol

Sequitur edita Bajo la Mole. Fragmentos de civilización, onde se recompila unha boa mostra do labor xornalístico do primeiro Gramsci. Francisco Ochoa de Michelena escolmoulles e traduciu máis de oitenta artigos que Antonio Gramsci escribiu para Avanti! entre xaneiro de 1916 e outono de 1920. Tras o remate dos seus estudos universitarios, o sardo incorporouse a finais de 1915 á redacción turinesa do xornal socialista para compor unha sección de seu, «Sotto la Mole», onde fai repaso da actualidade local e dos grandes temas dos anos da Gran Guerra e a primeira onda revolucionaria do século XX.

As pezas xornalísticas ofrecen a imaxe dun Gramsci en formación, instalado na literatura de combate e nun marxismo aínda máis acartonado que imaxinativo. Cun estilo confrontativo, irónico e humorado ás veces, entrégase á polémica e á batalla de ideas. O catálogo temático é amplísimo: os xornais-mercadoría, a publicística católica e a censura; a política tributaria e o proteccionismo industrial; os ecos da revolución bolxevique e a crítica do fascio emerxente; a educación e relixiosidade popular, a cocaína e o tabaco... E o fútbol, tema único do día de hoxe.

No xornal do 26 de agosto de 1918 Gramsci publica «O fútbol e a escoba». No artigo quéixase da pouca querenza dos italianos polo deporte e o exercicio ao ar libre e da súa desmedida paixón polos xogos de naipes na clausura da baiuca. A peza sérvelle para enxalzar cun prosa futurista os valores que presiden un partido de fútbol
.
Observen un partido de fútbol: é un modelo da sociedade individualista: exércese a iniciativa, pero esta está definida pola lei, as personalidades distínguense xerarquicamente, e a distinción dáse non por antigüidade senón por méritos específicos; hai movemento, competición, loita, pero todo está regulado por unha lei non escrita que se chama «lealdade» e que un árbitro se encarga de recordar [...] Paisaxe aberta, libre circulación do ar, pulmóns sans, músculos fortes, sempre dispostos á acción.
E a narración dunha tenebrista partida de escoba:
Clausura, fume, luz artificial, berros, puñadas na mesa e a miúdo na cara do adversario... ou do cómplice. Perverso empeñarse o cerebro (¡!). Desconfianza mutua; diplomacia secreta; cartas marcadas; estratexia das pernas e das puntas do pé. Unha lei? Cal é a lei que hai que respectar? Esa lei cambia segundo o lugar, ten distintas tradicións e sobran as ocasións para contestala, pelexarse por ela.
Distráese cun materialismo de patacón e medio para relacionar a infraestrutura económica coa superestrutura do goce do lecer e afirmar que «o deporte é unha actividade habitual nas sociedades onde o individualismo económico do réxime capitalista transformou os costumes», mentres que «a escoba é a forma do deporte das sociedades económica, política e espiritualmente atrasadas». Matizábel pero divertida explicación.

Tamén hai unha constatación dos usos da época que vale para ver o moito que cambiou o mundo do fútbol nos cen anos que case suma a tinta do artigo. Anota Gramsci: «A partida de escoba a miúdo remata cun cadáver ou un cranio fendido. Nunca se leu que un partido de fútbol acabase así.» Que hoxe sexa como Gramsci dicía ser. E que gañemos nós. Non hai dúbida que Gramsci estaría cos de Guardiola berrando Avanti!

17/02/2009

Andoliñas

Galicia-Hoxe fixo unha agradecida homenaxe a Marcos Valcárcel reunindo unha manchea xenerosa das «Andoliñas» que lle publica desde o primeiro de outubro de 2004. Agarimosamente escolmadas por Alfonso Vázquez Monxardín chegaron de balde co exemplar dominical do xornal e regaláronme un serán de felices lecturas. Son amador da prosa concisa de Marcos, deses 1.500 carácteres e da súa arte para sintetizar tanta substancia en tan limitado número de palabras.

Sabemos ben que a norma construtiva de a menor espazo, menor traballo é falaz. A escrita desas anotacións compactadas, coas que Marcos nos dá diaria conta de lecturas, sucesos, valores emerxentes ou frangullas de socioloxía cotiá, resulta un exercicio de estilo custoso e demorado. No resultado abrolla a evidencia de que moita reflexión propia e abondosas lecturas foron pacientosamente destiladas para deixarnos ese grolo diario de realidade analizada, discutida ou informada.


A economía da atención e as novas formas de lectura veloz que se impoñen na rede comportan un desacougante risco: a xeneralización dunha composición sumarial e epidérmica de situacións e opinións. A aprendizaxe do oficio con Marcos Valcárcel é un bo antídoto para non entregarse á superficialidade. Cada andoliña, malia súa brevidade formal, agocha unha envexábel solvencia intelectual e solidez informativa e en moitos casos a andoliña tórnase nunha sorte de ensaio miúdo. Ensaio ao xeito que o definiu Alessandro Baricco, unha tentativa de pensar, escribindo. Un engado suxestivo que nos convoca día a día na derradeira páxina de Galicia-Hoxe.

09/06/2008

O novo arsenal


Relato, argumentos e valores, diálogo na rede e novas formas de dirixirse ás audiencias salientan no novo arsenal da comunicación política que se testou nas primarias demócratas.
«O relato é a chave de todo»; a partir desta sentenza de Greenberg, Gutiérrez-Rubí tracexou o brillante eloxio da política como relato. Unha política «que interprete, que dea sentido á realidade e que converta en comunicación o proxecto político, é unha nova oportunidade para a humanización da política no século XXI». O poder das imaxes, os valores, o diálogo e as palabras ao servizo dos proxectos de cambio político.

Outro analista, Silva-Herzog Márquez, amais de recoñecer o habelencioso uso da Rede e a súa intelixente estratexia para captar doadores, conclúe que o éxito de Obama foi inserir o argumento no «centro da política»: «A súa campaña non é emisión de frases baleiras, ladaíñas pegañentas e imaxes trilladas. Por suposto, concreta o seu discurso en lemas, melodías e estampas. [...]. O notábel é que, alén desas mercadorías, reivindica a política argumentativa nun tempo que decretou a morte da deliberación racional e que se entrega ao tráfico mediático das emocións. Barack Obama reviviu a figura do home que razoa en público en busca da persuasión».


Gutiérrez-Rubí reparou tamén no engado da súa voz, «unha voz moi peculiar que parece case un rumoreo. A reacción psicolóxica das persoas que lle oen é pensar que cada unha delas é a destinataria única das súas palabras». Para el, a mellor arma de Obama foi o clásico micro de bóla na man co que se pasea polos escenario, sempre rodeado de seguidores que case absortos «cren que escoitan a voz do futuro Presidente dos Estados Unidos». Xa o dixo Miguel Torga: «Somos a voz que temos.»

31/05/2008

Obituario trastempado

Pasei a derradeira semana de abril, o mes máis cruel que mestura memoria e desexo, nun non-lugar do Sur Global. Entre outras ignorancias, o silencio informativo imposto pola ausencia de xornais, radios ou tv entendíbeis ou unha internet accesíbel impediume saber á súa hora da morte de Charles Tilly.

Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.

Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.

12/04/2008

No nome das ideas

ZP-169 fixo público o WW do Goberno de España. Ofrece novidades na composición, estrutura, equilibrios e nomes. Presenza maioritaria de ministras (9 sobre 17) ou simple paridade se contamos ao presidente; novos binomios/trinomios para acción gobernamental (Educación, Política Social e Deporte; Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño; Ciencia e Innovación; Traballo e Inmigración) algúns con vocación de política estratéxica e outros como socorridos caixóns de xastre; visibilización do poder das filiais que suman votos (PSC, PSA...); e nomes para dar corpo a continuidades sabidas (De la Vega, Solbes...), agardadas (Rubalcaba, Moratinos, Cabrera), inquietantes (Álvarez, Salgado, Bermejo) ou insubstanciais (Soria, Molina). Tamén meteóricos ascensos (Chacón, Espinosa), campo novo para apostas (Garmendia, Corbacho, Aído, Corredor); un premio especial á lealdade (Sebastián que ademais suma dúas ministras da súa confianza) e dúas ausencias: unha abraiante (Caldera) e outra coñecida con notábel antelación para non ferir xerarquías nin sensibilidades (Blanco), ambos os dous, segundo os rexoubes capitalinos, aspirantes ao ministerio de Fomento.

Caldera, vítima exquisita de Lakoff


Non é doado determinar se no equipo de Zapatero –segundo os saberes de Ignacio Bao– pesan máis os rainmakers que os starsmakers ou viceversa; pero non por iso deixa de ser rechamante que a saída de Jesús Caldera sexa explicada pola súa notábel capacidade para coordinar grandes equipos. Alén diso, o novo destino de Caldera é un bo indicador de que Zapatero se tomou moi en serio as recomendacións de George Lakoff e que no PSOE é unha prioridade a ideación e o deseño de novos proxectos para o partido e para o goberno.


Na encomenda de crear unha Gran Fundación para estar na vangarda das ideas e na innovación das propostas políticas ecoan as chamadas de atención feitas en Non penses nun elefante:
  1. «Non é casual que os conservadores vaian gañando alí onde enmarcaron con éxito as cuestións máis importantes para eles. Lévannos entre trinta e corenta anos de vantaxe. E máis de dous millóns de dólares de investimentos en think tanks. E seguen pensando a longo prazo. Os progresistas, non. Os progresistas séntense tan amolados polos conservadores que só poden pensar nunha defensa inmediata. [...] Teñen que responder cada día ás iniciativas conservadoras. Sempre é igual: «Que podemos facer hoxe para quitárnolos de enriba? O que conduce a políticas reactivas, non proactivas.»
  2. Á diferenza da dereita, a esquerda non pensa estratexicamente. Nós pensamos cada cuestión por separado. En xeral, non tratamos de averiguar que cambio mínimo podemos promulgar para que produza efectos sobre varias ou moitas cuestións.»
  3. «Os progresistas teñen que considerar tamén a integración das cuestións importantes. Isto é algo no que a dereita é moi pero que moi astuta. Saben moito de iniciativas estratéxicas Unha iniciativa estratéxica é un plan no que un cambio nunha área de cuestións ben elixidas produce efectos automáticos en moitísimas outras áreas.»
  4. «A dereita sabe falar de valores. Nós temos que falar de valores.»
O panel de intelectuais que reuniu con grande éxito mediática para abeirar programaticamente a campaña electoral de Zapatero identifica o adn básico da Gran Fundación, o libro de Lakoff é un sinxelo manual de instrucións de por onde empezar a pensar. Jesús Caldera dedicará o próximo ano e medio a crear o novo enmarcamento ideolóxico do PSOE para tentar evitar que unha boa parte da cidadanía siga pensando en clave FAES, e exercerá, na sombra, como ministro de Fomento de Ideas. Débello case tanto a George Lakoff como ao seu amigo José Luís Rodríguez Zapatero.

11/04/2008

Talento e cazatalentos

Pasou pola XXV Semana de Filosofía pero non tiven tregua para poder ir escoitalo. Jorge Riechmann nacido en Madrid en 1964. Poeta, tradutor, filósofo, matemático e politólogo, pensador e activista ecosocialista da tribo de Manuel Sacristán e Francisco Fernández Buey.

En Canciones allende lo humano Riechmann formulou un principio ético fundamental: hai que tratar aos demais como un fin en si mesmo e non como medios para os nosos propios fins. Outro principio que lle gusta lembrar apóiase nunha luminosa cita de John Berger e Nella Bielski: «Un debe chamar polo seu nome a todo o que ve. Nunca se deben ignorar as consecuencias. Esa é a única posibilidade de enfrontarse á barbarie. Ver as consecuencias». As persoas como fin en si, e as persoas como elas mesmas e as súas consecuencias. Sobre esas consideracións constrúese un esixente código ético e de conduta emancipatoria.


Riechmann non lle ten medo ás palabras fortes e exprésase con claridade: «Creo que un socialismo do século XXI debe seguir ancorándose nos valores básicos de sempre: igualdade, liberdade, democracia en canto autogoberno, e engadir o valor básico de sustentabilidade ecolóxica.» Outra declaración súa que é toda unha declaración de guerra: «O capitalismo é unha orde social caníbal, e eu aspiro a deixar de devorar aos meus semellantes.»


A Riechmann préstalle vitalmente unha máxima que atopou nunha carta que Giner de los Ríos enviou en 1906 a José Castillejos: «Esperar ben pouco e traballar coma se esperásemos moito».


Cazatalentos


Ten 42 anos. Declarase liberal e católico. Casado e con dous fillos. É un dos cazatalentos de maior sona mundial. Chámase Ignacio Bao e naceu en Vigo. Ama os riscos e non lle escapa ao perigo. Ten afeccións inalcanzábeis para a maioría dos mortais: cazar feras e conducir automóbeis de custes millonarios. Como todo headhunter trafica coas capacidades e habelencias doutros.

Unha nómina de 260 présas en trece anos de oficio ao servizo de financeiros, avogados e consultores acreditan un grao de excelencia dificilmente discutíbel. A intelixencia operativa cotiza, sábeo ben, Bao calcula os seus beneficios cunha simple fórmula: a empresa que ficha ao talento págalle unha cantidade equivalente a un terzo da primeira retribución completa anual do talento, cun teito de 250.000 euros. Certificando o que cobran as pezas capturadas –«Pechei operacións nas que o talento foi fichado por un millón e medio de euros anuais»– seguro que é doado atopar milleiros e milleiros de présas dispostas a participar neste tentador safari mercantil.

Bao vive atento ás novas necesidades do mercado: «O clásico era buscar rainmakers, pero agora cotízanse máis os starmakers: o primeiro é quen logra que sucedan cousas, o segundo é quen sabe crear equipos brillantes.» Facedores de chuvia (de cartos?) ou de estrelas (de ouro?), Bao ten as ideas ben claras: «Por suposto que a xeración de negocio segue sendo vital pero o que importa agora é a capacidade de dar servizo continuo ao cliente no tempo a través do desenvolvemento do talento entre as persoas do equipo, non máis xogadores individuais que se anoten os éxitos. O que importa é que a xente este motivada por traballar para alguén que teñan como maior ambición desenvolver ao seu equipo, é dicir capaz de desenvolver estrelas, un xenuino starmaker».

Canto de proveitoso sería un debate entre Reichmann e Bao...

16/03/2008

125 anos sen o constatador

Hai 125 anos que finou ese señor barbudo ao que lle debemos tanto. Sobre a súa achega, Manuel Vázquez Montalbán deixounos unha estampa esclarecedora: «Marx e o marxismo son dúas cousas diferentes. Marx non é un profeta. É un constatador. Constata unha situación determinada, e ponlle unha linguaxe da súa contemporaneidade. Ao parecer a esquerda ten que pedir perdón por seguir constatando que existe a loita de clases.»

02/09/2007

Revolucións culturais pendentes

«A radio tamén é un soporte literario. Digámolo doutra maneira, noutras xeografías, noutras culturas, ensaístas, dramaturgos, narradoras, poetas escriben para a radio. O medio xera corpus ensaísticos e creativos propios, específicos. Obras que logo subsisten autónomas e libres do soporte e do contexto para o que naceron.» Quen escribe é Ana Romani, condutora do «Diario Cultural» da Radio Galega, e faino a propósito da edición de Clío nas ondas onde Ramón Villares recompilou as súas colaboracións radiofónicas. Tras esa feliz iniciativa editorial, agora Laiovento achéganos –non menos felizmente– Caderno da Revolución Cultural de Xavier Queipo que reúne textos radiados no mesmo programa entre setembro de 2005 e outubro de 2006.

Son 53 chamados de atención sobre a urxente necesidade de dar inicio a unha Revolución Cultural en Galiza. Interpeladores, incómodos, intelixentes, agudos, sempre críticos e, non poucas veces, desesperanzados pero cheos de razóns e mobilizados pola paixón. Ás menos veces, entendo, que non atinan plenamente na destinataria da crítica, pero agradécense igualmente por ser un eficaz antídoto fronte á autocompracencia.


Queipo aproveitou cumpridamente ese envexábel o oco libertario que aniña no «Diario Cultural» e que a súa directora describe así: «un espazo no que desde o respecto á liberdade de opinión se convida a persoas representativas da cultura do país a expresar as súas visións sobre o acontecer social e cultural, unha plataforma de expresión de diversidade que os autores convidados exercen sen mediación ningunha e con liberdade e responsabilidade». Que non nos falte nunca.


Repaso de actualidade que vai alén da inmediatez e do curto prazo, os textos de Queipo emprázannos con teimosía a desencadear unha Revolución Cultural no noso pequeno País sen Estado. Unha revolución cultural ben diferente da que revoltou a China nos anos sesenta, pero igualmente concibida como un gran salto adiante que nos permita ser máis felices, libres e diferentes como persoas e como nación.
Unha revolución cultural que ten ten múltiples substancias, e todas necesarias. Nunha volta, para mudar o xeito de abordar as ideas, os enfoques e os problemas; noutra xeira para «espantar os medos e abrir portas a unha liberdade sen cadeas, sen silencios cómplices, sen calumnias».

Cambio copernicano imprescindíbel «para pensar ao medio prazo, para adoptar unha praxe de goberno e non meramente de xestión administrativa», un espazo novo onde «para poder gobernar haxa que demostrar que se está para servir e non para servirse, contas claras e auditorías voluntarias»; impostergábel tamén para desprazar «o culto aos resultados ao curto prazo pola sensibilidade e o respecto ás máis dignas reivindicacións dos administrados: estar seguros de que as decisións se toman logo dunha reflexión demorada onde se consideren con ponderación todos os elementos da situación». Unha arte de gobernar ben distinta.


Unha revolución cultural que é tan necesaria como global para desamortizar, en definitiva, «a leira que temos na cabeza»; un desafío cru, nada asequíbel, de solución graves e máis doadamente practicábeis se atendemos as cousas pequenas, aos espazos de decisións próximos, en definitiva, á cotidianeidade que nos reclama xustiza e maiores felicidades.


Co fío bramante da Revolución Cultural, Queipo encadernou, entre outros obxectos de reflexión, películas, libros, exposicións, candidaturas ao Nobel, ecocabreos, problemas malditos, blogs, poesía, causas da nosa lingua, e a Galiza e o mundo que el soña baixo o alento de que «é precisa unha Revolución Cultural. Aquí no noso pequeno País sen Estado e no mundo. Para iso é necesaria unha batalla das ideas, un gran chimpo adiante, unha recuperación da dignidade e do exercicio da palabra. Da palabra viva e do diálogo. Da palabra viva e o libro. Da palabra viva e as imaxes.»


Palabras vivas, diálogos, dignidade, razóns críticas, imaxes emancipadoras e un desexo continuado para que sexamos «libres e diferentes, galegos de nación e diferentes, solidarios e diferentes, felices e diferentes». Certo é que esa Revolución Cultural é unha tarefa mancomunada que aínda temos pendente e á que non poucas veces o escritor recoñece como unha prédica no deserto.

Recoméndolles a lectura –ou a escoita (acompáñase cun CD coas gravacións do programa)– de Caderno da Revolución Cultural, un libro feliz, libre e diferente; un pequeno paso que sirve para prepararnos (auto)criticamente para un gran salto adiante.

07/09/2006

Dogmatismos clásicos e modernos

O señor que pensaba isto, de certo que nunca alternou nunha universidade galega, non se (mal)tratou coa nosa nomenklatura política nin frecuentou os cenáculos eruditos do noso país. «Entre os modernos, en vez deste universo racional aberto por principio ás empresas do coñecemento e a acción, temos un saber e unha arte difíciles, cheos de reserva e restricións, unha representación do mundo que non exclúe firgoas nin lacunas, unha acción que dubida de si mesma e, en todo caso, non fachendea de lograr o asentimento de todos os homes. [...] Os modernos non teñen o dogmatismo, nin a seguridade dos clásicos, xa se trate de arte, coñecemento ou acción. O pensamento moderno ofrece un dobre carácter de inconclusión e ambigüidade.» Así falou na radio e deixou anotado en O mundo da percepción. Se frecuentase as aulas da nosa Academia, os foros e asembleas públicas ou as tertulias da intelectualidade patria tería unha percepción distinta. Posibelmente a contraria. Os clásicos galegos son un prodixio de reserva e restricción, os modernos están feitos dunha única idea, indiscutíbel, indestrutíbel, irrebatíbel, invencíbel. Ou non, vai ti saber.

15/08/2006

Einstein revisitado

O psicólogo neoiorquino Eric Larsson sostén, na «Contra» de La Vanguardia (14/08/2006), que Pablo Picasso ou Albert Einstein padecían unha forma particular de autismo que favorece o desenvolvemento de certos talentos. Na súa idea, «cada un concentrábase só nun único interese, e o resto traíalles sen coidado (...) Non desenvolvían máis habelencias que as do seu talento específico».

Leo, nestes días de tregua incendiaria, un texto einsteniano que discute a tese de Larsson. Lonxe de vivir aillado do mundo, focalizando unicamente a súa atención na física téorica, Einstein tiña unha visión crítica da orde capitalista e do tramado social, cultural e político que abeira e deixou constancia diso nun breve pero afoutado ensaio que titulou
«O socialismo nunha época de transición».

Ese texto foi recuperado por
Hacer Editorial que o publicou, en 2005, un mínimo volume que, baixo o título O socialismo e o futuro da humanidade, encaderna tres artigos que viron á luz na Monthy Review entre 1949 e 1989. Á achega, un tanto excéntrica, de Einstein únense dúas reflexións de afamados pensadores neomarxistas como son o finado teórico da cultura Raymond Williams e o economista Paul Sweezy.

O ensaio de Einstein apareceu no número inaugural da
Monthy Review en maio de 1949 e nel ofrécese como un socialista nada relativista que repara na que entende que é a esencia da crise do capitalismo: a relación antagónica entre o individuo e a sociedade; unha relación que anuda unha dependencia que «o individuo non experimenta como un factor positivo» xa que «os impulsos egoistas da súa personalidade se acentúan sen cesar mentres que os seus impulsos sociais, por natureza máis febles, se deterioran progresivamente» [pp. 22-23]. Esta contradición individuo-sociedade vese avivecida ademais pola «anarquía económica da sociedade capitalista» que «obriga a unha xigantesca comunidade de produtores a despoxarse os uns aos outros dos froitos do seu traballo colectivo, e non pola forza, senón en escrupulosa complicidade coa orde legal establecida» [p. 23].

Eistein non dubida á hora de sinalar que «non é a utilidade social senón a ganancia o que motiva a produción» e que «o móbil do lucro e a competencia» xeran inestabilidade, aleitan as crises económicas e supoñen o desbaldimento de enormes cantidades de traballo e a deformación da conciencia social das persoas. Ademais, tomando como referencia os traballos de
Thorstein Veblen, insiste en que aínda non se deu sobardado a «fase depredadora» dun desenvolvemento económico que consagra malfadadamente a mutilación da compoñente social dos seres humanos ao fomentar «actitudes esaxeradamente competitivas» e ao «reverenciar o triunfo en termos adquisitivos».

Para o pai da teoría da relatividade, «o verdadeiro obxectivo do socialismo consiste precisamente en superar a fase depredadora do desenvolvemento humano» e anota: «Estou certo de que só existe unha forma de eliminar estes graves males [que se derivan da organización económica en clave competitiva, lucrativa e depredadora], a saber, implantando unha economía socialista que vaia acompañada dun sistema educativo orientado cara a obxectivos sociais. Nunha economía deste tipo, a propia sociedade é propietaria dos medios de comunicación e utilízaos de maneira planificada.» [p. 27] Esa organización económica debe ter asemade na crenza de Einstein un correlato pedagóxico: «A educación do individuo, ademais de estimular as súas potencialidades naturais, intentará desenvolver nel o sentido da responsabilidade cara aos seus conxéneres, en lugar de glorificar o poder e o éxito como fai a nosa sociedade actual» [p. 27].

Con todo, e malia o seu suposto autismo, a Einstein non se lle pasaron por alto algunhas observacións intelixentes e críticas sobre as emerxentes tendencias da economía e a construción do socialismo de carimbo soviético. Así, enfatizou a dimensión planetaria da economía: «Non é esaxerado soster que, xustamente na época actual [en 1949] a humanidade constitúe unha comunidade planetaria de produción e consumo» [p.22]. Advertiunos contundentemente sobre os perigos da tecnocracia cientificista: «Deberiamos gardarnos de sobreestimar a ciencia e os métodos científicos no que se refire aos problemas humanos e de supor que os expertos son os únicos que teñen dereito a promunciarse sobre cuestións que afectan á organización da sociedade» [p. 17]. Apuntaba unha persistente interferencia económica na democracia mediática e subliñaba como o control privado das principais fontes de información fan «tremendamente difícil para o cidadán particular, e en moitos casos imposíbel, chegar a conclusións obxectivas e usar intelixentemente os seus dereitos políticos» [p. 25]. E alertábanos sobre a necesidade e urxencia de artellar contrapesos democráticos para limitar o poder da burocracia como «forza todopoderosa e suficiente» ao tempo que nos instaba a non esquecer que «economía planificada non é sinónimo de socialismo» [p. 27].


O ensaio de Albert Einstein remata ademais cun alegato en contra da materia nutricia do pensamento único: a acomodación das intelixencias e o medo a reflexionar libremente. «Na nosa época de transición, resulta de fundamental importancia comprender con claridade os obxectivos e problemas do socialismo. Tendo en conta que nas actuais circunstancias a discusión libre e sen inhibicións se convertiu nun poderoso tabú, considero que a creación da Monthly Review constitúe un importante servizo á sociedade.» [p. 28].


A Monthly Review continúa editándose e dando que pensar, e moitas das advertencias, críticas e reflexións debidas a Einstein, ese presunto social-autista, pese ao transcurso de case seis décadas, seguen intelixentemente vivas.