23 de Dez de 2009

Política Cero

É improbábel que Núñez Feijóo saiba de Laureano X. Vidal, un rudo político priísta, autor duns desapiadados aforismos que sintetizan o ADN dos gobernos amantes da «política cero»: «O poder gáñase, non para facer cousas, senón para non perdelo.» «Un goberno non produce nada, agás antigüidade.» «O que teño que ofrecerlles realmente non é visíbel nin palpábel. E é que o único que teño que ofrecerlles é a idea de que teño algo que ofrecer.» Aquí os principios da gobernanza que máis lle reinan ao noso presidente.

Nunca teimou tanto o Partido Popular en baleirar de política a sociedade e o goberno galego. O seu ideal é a cancelación da política, unha sorte de expropiación difusa dos dereitos de cidadanía, para impoñer a primacía do goberno como simple administración e un xogo clientelar, sen marxes maiores de participación, co que satisfacer demandas brandas e a concesión de favores atendendo a outra máxima do ideólogo priísta: «En política un nunca ofrece; debes esperar a que pidan. A xente sempre está disposta a apoiarte por moito menos do que imaxinas.»

A hiperpolitización é sempre un dos compoñentes da estratexia de asalto ao poder do PP. Daquela todo vale, forme parte ou non da axenda política, para maximizar os réditos electorais.; no goberno, a idea dos tecnoconservadores é outra; unha sociedade eficiente ha de ter un abaixado perfil político, o seu resumo é unha máxima de democracia mínima: «Os cidadáns queren solucións, non debates.»


Achicar espazos á política é un obxectivo principal da Nova Política Informativa (NPI) do goberno do PPdeG. Reparemos nos boletíns informativos da CRTVG: os únicos debates que se enfatizan son os da política do Estado e, singularmente, os temas desvantaxosos para o PSOE: crise económica, desemprego, conflitos con produtores, turbulencias financeiras, inseguridade cidadá... A política –e o que pasa por ser o seu núcleo duro, a economía– é un asunto do Estado que se acouta ao xogo antagonista entre o mal goberno e a boa oposición.


A NPI aprovéitase da perda de credibilidade dos partidos, avivecida pola vaga da corrupcións e corruptelas, para esluír a axenda política galega, banalizar os debates e sobre todo enxalzar os temas de «interese social e humano». A política, dise, non amplía audiencias nos medios públicos e o debate de ideas, de existir, ha ser un sucedáneo do entretemento, para adormecer máis que para informar, que ten que servir, esencialmente, para distraernos das malas noticias e dos discursos críticos ou disidentes.

Á carón da narcotización da información, dáselle primacía ás «declaracións» do goberno a penas confrontadas coas opinións da oposición e, cando se exhibe pluralidade de voces, é basicamente para evidenciar unanimidades. Como ilustrou Drummond de Andrade: «A unanimidade comporta uma parcela de entusiasmo, uma de conveniência e uma de desinformação». A NPI, por mor da falta de entusiasmo cidadán coa bendicida acción de goberno, explota as conveniencias (as desvantaxes dos rivais) e, sobre todo, a desinformación.

A falta de credulidade nas solucións do goberno conservador compénsase, logo, coa construción ficticia de unanimidades. Esta é a nova misión dos medios públicos galegos e dunha boa parte dos privados que atenden ás súas directrices de Política Cero. A imposición da unanimidade é un servizo informativo que se presta xenerosamente ao país. Quizais, sen sabelo, os estrategos de comunicación da Xunta e a CRTVG comparten filosofía co afoutado Laureano X. Vidal: « Tras unha historia rica en desacordos [...], entre bandos e no mesmo bando, toda discrepancia é vivida como unha crise. Cada vez que alguén disente o país sente irse á deriva. Non en balde somos o país dos monolitos.»

A NPI de Feijóo está ao servizo dun goberno sen discusión, dunha política en nada interactiva e do formateado da mediasfera galega como factoría de consensos obrigados e como negación, en definitiva, dunha cidadanía que unicamente é tal se se constrúe sobre a base da información de calidade, da participación plural, da deliberación esixente e da discusión libre de pareceres, intereses e políticas. O seu obxectivo: unha Galiza monolítica, obediente, submisa e eternamente conservadora.

21 de Dez de 2009

Pato coxo na Moncloa?

Cando as cousas van mal sempre pode xurdir unha incómoda especulación que complica aínda máis a situación. Rodríguez Zapatero sabe ben o que é iso; na pasada semana tivo que xestionar un insolente ruxerruxe que nos anticipou que está valorando seriamente se será candidato á presidencia do goberno en 2012 (ou cando toque segundo o almanaque electoral que sexa máis propicio).

A día de hoxe, o «efecto ZP» é un retallo de gloria que unicamente reina nas hemerotecas, o líder do PSOE rexistra as súas menores cotas de popularidade e asina poucos éxitos que compensen o devalar da credibilidade da súa acción de goberno. Se a especulación ten unha mínima base real, á súa declinante saúde política hai que engadir un novo síntoma desesperanzador: o esgotamento do seu optimismo antropolóxico. Anuncio pésimo de maiores desfeitas.


Cando a negrura da crise económica semella que aínda se vai espesar máis, cos biorritmos electorais do PSOE procurando os seus mínimos vitais e co inimigo encoraxado ás portas da Moncloa, que Zapatero, a súa contorna política e familiar ou os seus detractores no PSOE comecen a remoer sobre a idoneidade dunha prudente retirada é o sinal que a algúns lle faltaba para certificar a inevitabilidade de vindeiros triunfos do Partido Popular.


A Rajoy a retirada especulativa sábelle a vitoria, non sen razón dixo Henrik Ibsen que «se dubidas de ti mesmo estás vencido de antemán». A imaxe dun presidente semicesante, en fase terminal de goberno, un «pato coxo» na nomenclatura política norteamericana, é o mellor agasallo de Nadal que podía esperar a dirección catastrofista do PP que con el recibe novos azos para seguir na teima de culpar a Zapatero de todos os males da humanidade, sabedores de que noquear a Zapatero é o mesmo que finiquitar ao PSOE.

O anuncio sabatino e solemne de que José Luis Rodríguez Zapatero non tomará unha decisión sobre o seu futuro até 2011 non impide que a imaxe de provisionalidade o acompañe en momentos políticos que lle esixen firmeza e non reflexivas dúbidas. Antes ou máis tarde debate sucesorio estará na axenda do PSOE, algo impensábel hai un ano. Nada impedirá que 2010 inaugure un interregno.

A coxeira do presidente vale para confirmar a súa soidade, o alcance dos abandonos dalgún fieis ministros, as incomodidades debidas ás presións dos filipistas, os desamores doutrora poderosos amigos mediáticos e, sobre todo, que nos próximos tempos unha boa parte dos esforzos do PSOE se destinarán á procura dun eventual substituto. Enerxías e vigores distraídos que mellor estarían empregados na procura de políticas factíbeis para recuperar crédito entre a crecente masa da esquerda abstencionista.


O debate sucesorio, sexa de baixa ou de alta intensidade pouco importará, vaise ordenar atendendo a un sabido comportamento pendular. O candidato ideal será quen máis se afaste e diferencie politicamente de Rodríguez Zapatero. O péndulo anuncia así a cancelación do largocaballerismo, da vocación federalista forte e da avogosa política de valores que, ollando á esquerda, que o PSOE propagandeou (con máis palabras que feitos) nos últimos anos.


Volverá á circulación, como programa de salvación electoral, o conformismo socialiberal, o entendemento cordial cos grandes poderes económicos (de onte, de hoxe e de mañá), o afastamento preventivo das organización sindicais, a volta ao rego da moderación discursiva, e a re-españolización e re-centralización como salvagarda do Estado. Bono pode comezar a soñar novamente con glorias maiores.

17 de Dez de 2009

Baltar & Baltar

Game over. Xosé Luís Baltar Pumar, Baltar o Maior, non será o xefe orgánico do Partido Popular de Ourense. O home que gobernou, durante case dúas décadas na provincia, a estrutura de poder do partido conservador, rexeitou a prórroga e decidiuse pola renuncia, a opción que paradoxalmente máis prexudica aos intereses de Alberte Núñez Feixóo.

Haberá remuda baixo a fórmula dunha sucesión dinástica, o xefe de filas será (con minúscula marxe para a sorpresa) Xosé Manuel Baltar Blanco, Baltar Pequeno. A el débense estas palabras nas que fai balance histórico do labor de seu pai e fai amago artificial de non xogar ao continuísmo:

Non sei o que é o baltarismo. Sei o que significou Xosé Luís Baltar á fronte do PP: 36 campañas, 36 eleccións gañadas por maioría absoluta. Non existe outro político con esa bagaxe. É unha mostra dunha capacidade brutal de conexión coa cidadanía que se debería estudar nos manuais de política.

O fillo verbaliza a fachenda dunha caste gañadora que reivindica para si. Pero tamén sabe con precisión o que é o baltarismo: un sumatorio de poder territorial efectivo, un galeguismo populista como reserva ideolóxica e o exercicio de poder ao xeito de Los Soprano.

En nome do pai

Baltar Pequeno xestionará os intereses que antes representou o seu pai, os dos herdeiros de Centristas de Galicia, a cerna hexemónica do PPdeOu. A Deputación aseguroulles a mantenza clientelar dos poderes locais, nos concellos e nas agrupacións do partido. Durante décadas todo o ben que fixo a Xunta conservadora na provincia anotouse no haber de Baltar. Mesmo todo o feito polo Bipartito nos concellos gobernados por alcaldes conservadores valeu máis para reforzar o presidente da Deputación que para tirarlle apoios. Todo sumaba no marcador de Baltar Pumar.

A día de hoxe o baltarismo aínda conserva como ideoloxía dormente un galeguismo popular que pode activarse como identidade de guerra fronte a Feixóo e o seu cordial galeguismo desgaleguizado. Asimilábel, se cómpre, ao "galeguismo na fronteira da autodeterminación" de Xosé Cuíña pero a diferenza do cuiñismo actual cun poder territorial efectivo e pouco discutido.

Ademais, como recurso disuasorio indiscutíbel, os baltares suman un grupo de deputados que é imprescindíbel para asegurar un goberno do PPdeG en maioría. Ese quiñón parlamentario que lidera Baltar Pequeno, sábese ben, non debe ser incomodado; agravio bastante foi non buscarlle un oco no novo goberno e arrombalo como compensación na Mesa do Parlamento.

Gañará Baltar, si ou tamén

O coidador dos intereses feixonianos na provincia, o superdelegado Roxelio Martínez, fracasou na súa tentativa cordial para animar a continuidade de Baltar o Maior. Aos feixonianos non lles interesaba tacticamente a saída de Baltar pai, facendo votos de lealdade continuísta estaban a gañar tempo para seguir acumulando forzas e prepararse para futuras batallas sucesorias en moito mellores condicións.

Fronte ao poderío da rede de clientes de Baltar, os feixonianos teñen que opoñerlle unha nova rede de clientes tecida desde o poder da Xunta e a superdelegación. Precisan tempo. A prórroga era preferíbel a unha toma de decisión neste momento. A renuncia de Baltar Pumar e a candidatura de Baltar Pequeno obrígaos agora a expresarse como voz crítica e a medir en desvantaxe os seus apoios.

Núñez Feixóo non ten motivos para estar contento. O proxecto de afirmación esmagadora da súa autoridade será imperfecto mentres non se impoña no feudo ourensán. Aos feixonianos quédalles unha tirada menos mala: conseguir que, nun acto de bondade, Baltar fillo ofreza unha candidatura de integración que permita a acomodación silenciosa dos críticos. Non é probábel que lles faga ese galano.

Na teoría de xogos hai tres disposicións básicas: a lealdade, a crítica e a saída. O sucesor gaña pouco con habilitar unha opción de lealdade falseada, réndelle maiores beneficios obrigar á crítica e escenificar un congreso con vencedores e vencidos. Veremos até onde chega a sedución de Alberto Núñez Feixóo, pero se non lle torce o criterio de Baltar Pequeno, xa pode despedir os seus co desolador parrafeo que en Alien, o oitavo pasaxeiro fai Iam Holm:

Aínda non comprendestes a que vos enfrontades. Un perfecto organismo. A súa perfección estrutural só está igualada pola súa hostilidade. Eu admiro a súa pureza, é un sobrevivente ao que non afecta a conciencia, os remorsos nin as fantasías de moralidade... Non tedes ningunha posibilidade, pero... contades coa miña simpatía.

Non hai que enganarse, a Feixóo gustaríalle ser como Baltar pai e fillo, personificar o exercicio dun poder absoluto, non afectado pola conciencia, nin polos remorsos, nin polas fantasaías de moralidade. De momento o baltarismo impídello, é o talón de aquiles da súa autoridade absoluta no partido e na Galiza conservadora.

Caderno de paso # 7

15 de Dez de 2009

Ariete, arsenal...

Palabras dos medios, medias palabras nos xornais de hoxe que axudan a lembrar que a información é a continuación da guerra por ouros medios.

Ariete

s. m. Máquina de guerra deseñada para derribar tramos de muralla dunha fortificación, composta por unha trabe reforzada no seu extremo por unha peza de bronce ou de ferro en forma de cabeza de carneiro.
Galiza como ariete. Cando a vella dereita se acantonou na Xunta para facer de Galiza unha nova baviera, Manuel Fraga armouna como un sólido ariete fronte ás dinámicas expansivas dos autogobernos de Euscadi e Cataluña. A terceira nacionalidade histórica ofrecíase para fender calquera espiral soberanista. Coa nova dereita apousentada en San Caetano Feijóo recupera o noso autogoberno como ariete, agora fronte ao goberno do Estado.

Ariete rotundo no asedio ao PSOE, forza de asalto para liquidar calquera oportunidade á política de Estado como un goberno compartido como editorializa con claridade meridiana ABC, doutrina a prol da desresponsabilización dos autogobernos nas políticas económicas e de creación de emprego. Para o PPdeG, cando estaba na oposición a crise é un problema para arrebolarlle á cabeza do bipartito que eles resolverían nun abrir e pechar a boca, agora ocupada a Xunta pola súa eficacia demostrada é un problema que só lle compete ao goberno do Estado.

Magnífico o titular de El Correo Gallego: «Feijóo e o Partido Popular fan fracasar o cume de presidentes», novo mérito para un presidente cordial que só atende á estratexia de reconquista da Moncloa por parte do Partido Popular e non á defensa dos intereses de Galiza. O cadro de mando de Galiza non está en San Caetano, está na rúa Xénova. Obediencia que a Feijóo lle vale para engordar o seu currículo como segundo de Rajoy (á espreita de ser o primeiro), o seu interese por riba dos dos galegos.

Arsenal
s. m. Depósito de armas e municións.
Berlusconi é un animal político excesivo e de grandes excesos. A información coa que se debulla a súa agresión tamén é hiperbólica. Italia teme volver á violencia política titula El País, evocación nada subliminal dos anni di piombo e os oposti estrimisti. Convídanos a esvarar perigosamente cara á consideración da (brutal) agresión como tentativa de magnicidio e, a pouco que nos despistemos, a aceptar a súa fabulación mediática como loita armada.

Anota Miguel Mora, correspondente de El País, ao parecer sen intención irónica:
Despois sóubose que, nos petos e nunha maletiña, levaba un estraño arsenal: unha lámina de pichiglás de 20 centímetros, un crucifixo de escaiola de 30 centímetros, un calcapapeis de cuarzo, un chisqueiro de mesa e un bote de spray urticante (...) A arma elixida para a agresión é o recordo máis vendido na praza [unha reprodución do Doumo de Milán en alabastro].
Fálannos de armas, non hai caso para o arsenal como «conxunto numeroso de cousas». Mora pecha a súa crónica cunha desas frases rotundas coas que se arman os partes de guerra: «Tras a súa acción disparatada, nada en Italia volverá ser como antes.» Palabras grandes como se falásemos do asasinato de Aldo Moro.

Cando foi detido, Massimo Tartaglia, enxeñeiro de 42 anos, exerceu de fool shakesperiano e fixo unha declaración que é unha emenda á totalidade do novo exceso berlusconiano que se está montando: «Eu non fun, eu son un ninguén.» Xa se sabe que os ninguén non son quen de cambiar a historia, para evitar iso están neste mundo os berlusconi, donos da información, da economía e da política, donos da santa trindade que ordena a nosa vida de ninguéns.

14 de Dez de 2009

A lectura do mundo de Maalouf

Os escritores de ficcións discuten, cada vez máis, as interpretacións que expoñen politólogos, sociólogos ou analistas das relacións internacionais. A deleiba do mundo é unha mostra inmellorábel. Nas súas páxinas Maalouf preséntase como un «incondicional das Luces», «un apaixonado da liberdade», «un partidario da diversidade harmoniosa» e «un namorado da vida» que non quere resignarse á deleiba da civilización que paira sobre nós. Non é esta a súa primeira incursión ensaística, antes deunos dúas pezas imprescindíbeis –As cruzadas vistas polos árabes e Identidades asasinas– que mudaron a óptica dos temas considerados: a historia nas palabras dos outros e o agromar de identidades depredadoras.

O novo libro é, antes de nada, un grito de alarma que rebate, compromete e quere convencer e non adormecer, unha historia para animar a busca de «solucións globais inéditas» coas que crear novas oportunidades políticas, sociais ou culturais nun mundo incerto e ameazado por unha regresión descivilizadora. É tamén un pensar para a acción, un escribir para pensar e unha reacción fronte ao relato deshumanizado (e tamén desvalorizado) que da marcha do mundo nos dan as ciencias sociais da academia, as análises dos think tank ou a literatura gris das chancelerías. Unha nova narrativa para combater o decompressive storytelling que sostén as visións conformistas do que acontece con retóricas fraudulentas, certezas rancias e axendas que son irrelevantes para mudar a vida das persoas.


Tras un exordio de tinturas apocalípticas, Maalouf repara nas vitorias enganosas (a primeira, a do mundo libre sobre o socialismo real), as lexitimidades perdidas (no mundo árabe-musulmán e Estados Unidos) e as certezas imaxinarias (dacabalo da relixión, as pertenzas impermeábeis e as identidades excluentes) das que se vale para taxar a desfeita intelectual, económica, ética, ambiental e xeopolítica que magoa á humanidade nun tempo en que a penas hai nada que indique que se «saberán superar as diverxencias, elaborar solucións imaxinativas e logo unirse e mobilizarse para poñelas en práctica».


No epílogo, argumentos para retrucar a tentación do precipicio –o ánimo suicida dos oprimidos e excluídos decididos a arruinar unha festa á que non están convidados–; a tentación da parede –a fortificación das nosas fráxiles (in)seguridades até que pase o trebón– e a tentación do cume, a crenza compracente na fin da historia; outra é a súa idea: estamos ante a fin da prehistoria dunha humanidade derramada na afirmación teimosa de identidades negadoras dos outros.


E catro razóns para a esperanza que Maalouf cifra no avance imparábel da ciencia; no abandono do subdesenvolvemento por parte dalgunhas das nacións máis poboadas do planeta; nunha integración europea quen de crear solidariamente un espazo común que prefigura «o que podería ser mañá unha humanidade reconciliada»; e nos novos Estados Unidos que se albiscan nas promesas de Obama e na súa oferta dun new deal mundial. Nas dúas últimas razóns Maalouf abranda (moito) as esixencias críticas, non para ofrecer un final feliz senón para deixar un final aberto que nos permite empatar con ese proverbio africano que nos lembra que «a esperanza é o piar do mundo».

12 de Dez de 2009

De zombis e outras agonías

Despois de todo o que lle caeu enriba ao PP, calquera outro partido estaría politicamente morto. No Comité Executivo do 3 de novembro, Rajoy tirou das sondaxes e das boas perspectivas electorais para dar vida a un partido suicidado polas retesías internas e rotundamente desacreditado pola couza da corrupción.

Rajoy recorreu ás artes do vudú demoscópico para termar do Partido Popular como un auténtico morto vivente. No seu responso, o presidente do Partido Popular afirmou que «a pesar dos moitos pesares, estamos claramente por enriba do PSOE [...] Somos o partido con máis intención de voto de toda España...»

A pesar dos seus moitos pesares, o PP comportábase como un partido zombi capaz de manter a súa escalada electoral sen encaixar custes polas trangalladas de Gürtel, as desobediencias dos seus baróns ou a guerra intestina polo control de Caja Madrid. Mesmo reducido ás súas funcións básicas ­–erosionar ao goberno do PSOE e liderar todos os malestares, imaxinarios e reais–, o PP mantiña o seu avance triunfal cara á Moncloa.

Daquela os expertos fixeron saber que os efectos da corrupción política sobre os apoios electorais dos partidos afectados adoitan ser retardados e indirectos, os descontos son ao medio prazo e confírmanse como fugas á abstención e non como transferencia de lealdade cara outras opcións. Con todo, algunhas sondaxes evidencian xa a perda de folgos do PP, a última de Público rexistra o desbaldo da avantaxe (que foi de cinco puntos) que o Partido Popular lle ganaba ao PSOE en outubro.

De confirmase esta tendencia, o balance de forzas retornará á situación de empate técnico do verán. En Ferraz estarán máis tranquilos pero non hai motivos para alegrías: o voto declarado ao PSOE está entalado e non hai garantías de que a xestión gobernamental se traduza en medras electorais inmediatas.

O paquete de medidas anticrise de Zapatero-Salgado non é quen de reverter a recuada económica; amais o goberno encara os asuntos críticos con graves erros de coordinación e falta de resolución (Alakrana, caso Haidar...), a súa iniciativa cedeu ao esperar e ver (Estatut...), cada nova medida estrela (Reforma fiscal, Lei de Economía Sustentábel...) tórnase nun «quero e non podo»; e a política de valores e novos dereitos (Lei do aborto...) distrae e só vale para evidenciar o oportunismo fundamentalista do PP.

A ala optimista do PSOE confía no «semestre europeo» e engordar o currículo de Zapatero como estadista internacional. É improbábel que a «presidencia española» poida exercerse de xeito caseiro; isto é, priorizando políticas que reporten beneficios domésticos sensíbeis no Reino de España; Francia, Italia e Alemaña non están por consentir políticas de favor, as súas prioridades son outras. A agonía do PSOE avivécese pero non só por perder posicións diante do Partido Popular, senón por fracasar respecto do segundo partido máis importante na esquerda: o Partido da Abstención. O continxente progresista que recunca no abandono electoral non mingua.

É por iso que a ala pesimista remoe teimosamente en que a única estratexia para gañar pasa por poñer aos abstencionistas de esquerda ao bordo do abismo: facer coincidir eleccións xerais, municipais e autonómicas en 2011, unha aposta de todo ou nada.
Será máis que unha confrontación electoral, elixirase entre cambio ou continuidade no réxime de gobernabilidade do Estado: na mesma tirada decidiríase o poder local, autonómico e estatal.

Unha aposta forte que os estrategos do bordo do abismo consideran imprescindíbel para sacar aos abstencionistas de casa e explotar o voto útil tirando do medo como seu principal catalizador. No laboratorio de estratexias lémbranlles que os experimentos é mellor
facelos con gasosas. Eles retrucan, non sen razón, que levan noves meses experimentando con gasosas e que non queda outra: gañalo ou perdelo todo. Os abstencionistas que elixan e, despois, rían ou choren.


11 de Dez de 2009

Cronicando

Algúns dos titulares do día que remata:

Ferrín, que non ten un apoio unánime, postúlase cunha carta aos académicos

Sabemos pola boca mesturadora de Sabón que Ferrín non ten o aplauso plenario da RAG e tamén que existe un pacto que esixe o acordo por «unanimidade» dos académicos para designar ao novo presidente. Teiman: o candidato debe axuntar todas as sensibilidades. Semella que Méndez Ferrín non cumpre os requirimentos integradores suxeridos polos vencedores do 1-M. Non hai mellor candidato que el precisamente por non satisfacer o principio de unanimidade submisa. Ao redor da súa coraxe e rebeldía hai unha maioría suficiente e afoutada que non se rendirá a San Caetano cada vez que haxa que tomar unha decisión en defensa da nosa lingua ou cultura, e iso é bo para a Academia e para o país. Eu daría por boas cen derrotas (camiño imos delas) se Ferrín fose o novo presidente da Real Academia Galega, outro dos nomes da República das Nosas Letras.

Rajoy sobre o secuestro en Mauritania, «cos terroristas non se negocia nunca»

Si, trátase do presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, o mesmo que se sentaba como ministro da Presidencia no gabinete de José María Aznar que abriu unha mesa de negociación con ETA en 1998. Por certo, o fracaso daquelas negociacións levouno ao fronte do ministerio de Interior. No vocabulario conservador, «nunca» significa, exactamente, «mentres eu non o faga».

Berlusconi, un "súper" primeiro ministro "con dous collóns"

Falaba Rajoy nos corredores do Congreso del Partido Popular Europeo, onde Berlusconi fixo alarde de afouteza testicular. Segundo o tigre de Vila Certosa, á condición de gobernante con dous collóns accédese por liderar a «terceira economía europea», presidir un goberno «forte» e ter unha maioría parlamentaria «cohesionada». Desde agora, xunto á existencia de Estados exitosos e de Estados marrados, funcionará a súa soberbia distinción entre gobernantes con dous collóns e gobernantes castrati. Respecto da nova taxonomía berlusconiana descoñécese a opinión de Angela Merkel, ­lideresa da primeira economía europea, presidenta dun goberno fortísimo e con sólida presenza no Bundestag.

A Xunta vende Galicia en Brasil cun vídeo realizado hai 20 anos

Aínda que se abraie Fernanda Tabarés, a enxeñosa iniciativa de reciclaxe da imaxe (trastempada) de Galiza encádrase perfectamente na nova política do PPdeG, non na da cacarexada carestía e eliminación de gastos suntuarios e superfluos, senón nesa outra que insiste en vender o pasado como única alternativa de futuro.