28/01/2007

Libros nunca escritos (1)

A democracia en Galiza, de Alexis de Tocqueville.

Entre as cousas novas que durante a miña estancia en Galiza chamaron a miña atención, ningunha me causou maior abraio tanto como o clientelismo. Sen dificultade descubrín a prodixiosa influencia que este primeiro feito exerce sobre a marcha da sociedade, pois dá á opinión pública unha certa dirección, un determinado xiro ás leis, máximas novas aos gobernantes e costumes peculiares aos gobernados.

Axiña observei que ese mesmo feito estende a súa influencia moito máis alá dos costumes políticos e das leis, e que o seu predominio sobre a sociedade civil non é menor que o que exerce sobre o goberno, xa que crea opinións, enxendra sentimentos, suxire gustos e modifica todo aquilo que el non produce.

Así pois, a medida que estudaba a sociedade galega, percibía cada vez máis, na extensión do clientelismo, o feito xerador do que parecía derivarse cada feito particular, atopándoo ante min unha e outra vez, como un punto de atracción cara ao que converxían todas as miñas observacións.

24/01/2007

Kapuscinski

Hoxe non hai tempo para nada, así que copipasteo e adapto as letras e imaxe de Cabrafanada: Vaise un xornalista excepcional e unha mente lucidísima. Desde Ébano a Lapidarium IV (que lin perdido nas terras de Bolivia) até Os cínicos non serven para este oficio aprendín outra forma de ver o mundo en cada páxina de Kapuscinski. Dos seus libros, reteño unha das súas frases lapidarias: «A maior debilidade da cultura; que é incapaz de deter o asasinato». E unha exhortación intelixente: «Saber! Hai que saber! É unha obrigación ética, un deber moral. Ninguén se pode xustificar dicindo que «non o sabía». E por que non o sabía? Era imposíbel de verdade ou, sencillamente, resultaba máis cómodo non saber e máis fácil a absolución?» Con el soubemos moito sobre o noso mundo. Un brinde por un compañeiro eterno.

15/01/2007

León en España

Entre outros artefactos de militancias xuvenís recupero En España, o diario da viaxe que a finais de 1916 levou a León Trotski á fallida España da Restauración. A edición de Akal, de 1975, é a tradución da bitacora do revolucionario que fixo Andreu Nin en 1924. Unha peza política intelixente arroupada ademais cun estilo telegráfico, directo, económico, preciso... Unha excelente prosa callada de acedas observacións sobre a natureza dun Estado virado de costas ao seu tempo.

Malia o seu descoñecemento do español, Trotski fai un fugaz pero agudo daguerrotipo dunha sociedade entalada que agarda, no medio dun excepticismo desmobilizador, transformacións políticas, sociais e culturais que unha desfiuzada monarquía era impotente para achegar. Anota: «Amodo, amodiño camiña a renxente carreta do progreso, especialmente en España, que máis ca ningún outro país, vive no pasado.»


Expulsado de Francia, Trotski recalará en Madrid, onde é detido e preso na Cárcere Modelo. A súa cela estaba dotada de comodidades e dun enxoval carcelario abraiante para alguén que xa sufrira as prisións tzaristas: sillóns, cortiniñas nas fiestras enreixadas, armarios, toallas, un lavado con auga corrente... Así descubre que na Modelo hai celdas de pago e celdas gratuítas. As de pago consonte a dúas tarifas: 1,5 pesetas por día e 0,75 pesetas por xornada. Corrosivamente escribe: «En ningures oín dicir que existisen cárceres con tres categorías e dúas de pago; pero, á fin e ao cabo, hai que recoñecer que os burgueses españois non fan máis que obrar en consecuencia. Por que debe existir igualdade no cárcere dunha sociedade baseada na desigualdade e dividida en tres clases: a posuidora, a desherdada e a intermedia.»

Liberado da penitenciaría madrileña, é levado a Cádiz onde agarda a súa expulsión a un país latinoamericano. Mata horas na biblioteca gaditana entre fondos que detiveron as súas novidades a finais do século XIX e que unicamente entreteñen á couza. Entrégase á lectura da historia sobre a que nos achega unha longa reflexión que hoxe pode lerse con tanta simpatía como señardade: «Os pobos tiran moi poucas ensinanzas da Historia, polo simple feito de que a ignoran. Chega a eles –se, en xeral, chega– en forma de lendas escolares, que desfiguran os feitos, festas relixiosas e trolas da Prensa Oficial. Os feitos históricos que deberían ilustrar os pobos convértense en instrumento de mixtificación e engano. Mentres tanto, a Historia vaise facendo empiricamente. Ao contrario do que ocorre coa técnica, neste terreo non existe unha fonte de acumulación de experiencias. O marxismo constitúe unha gran tentativa de utilizar as leccións da historia para dirixila conscientemente; pero o marxismo é, polo de agora, unha arma do futuro.»

As lecturas historiográficas e hispanistas serían bruscamente interrompidas polo seu traslado a Barcelona cando se achegaba o nadal. Apunta: «Barcelona, a capital de Cataluña. Gran cidade de tipo hispanofrancés. Niza nun inferno de fábricas. Fume e labaradas, por unha banda; moitas flores e froitas, pola outra.» E salienta: «Os cataláns non esqueceron aínda os seus vellos costumes. A lembranza da liberdade dos tempos antigos vive na súa imaxinación. (...) Cataluña conservou até hoxe as súas tendencia separatistas. Tradicións históricas difíciles de borrar, e non simplemente como consecuencia dunha mentalidade conservadora, senón porque conservando a súa forma habitual, renovan imperceptibelmente o seu contido.»


O 25 de decembro de 1916 embarcaba no paquebote Monserrat con destino a Nova York. Etiquetado como un perigoso anarquista, o goberno español decidiu expulsalo porque, segundo lle comunicou un celoso polícia, «as súas ideas son demasiado avanzadas para España.» E tanto que o eran...

04/01/2007

Memoria da lingua

Este nadal, a xenerosidade ilustrada dos Couceiro agasalla aos seus clientes coa edición facsimilar de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional de Antón Vilar Ponte. Ao opúsculo achégalle Antón Capelán unha introdución na que debulla o labor xornalístico de Vilar Ponte en defensa da lingua galega e presenta algúns dos debates lingüísticos das primeiras décadas do século XX que foron pano de fondo dos seus esforzos normalizadores.

A edición da obra de Vilar Ponte é unha inicativa feliz pola recuperación dun texto referencial do proxecto normalizador da lingua galega pero tamén polo que ten de afirmación nacional na idea de que «os problemas galegos han de formularse e resolverse Galiza, dando as costas a Madrid». Esa suficiencia decisional e a vontade de ser donos de seus aínda é hoxe materia política minorizada nun país que abdica de responsabilidades e que se comprace en crer que tanto problemas como solucións son produtos foráneos que hai que agardar con resignación e entrega suicida.

Na interpelación propagandística de Vilar Ponte subliño tres retallos. [1] A súa interrogación sobre a tentación suicida do país: «En que tratado de histoloxía social pode sinalarse, nin como excepción, o caso de organismos con células suicidas que atenten contra o seu propio ser, fóra da nosa terra?». [2] A súa sabida afirmación da lingua como escudo identitario: «O escudo da autonomía espiritual, máis forte que as armas, é a lingua.» [3] A cita de autoridade de Teófilo Braga coa que pecha a súa exposición: «A Galliza perde a sua existencia política, e por tal acto apaga-se sua cultura.»

Proscribir a tentación e a deixación liquidacionista do país respecto da súa cultura; activar o autogerno como instumento político da cidadanía e a nación galega; e valorizar a lingua como un dos nosos capitais intanxíbeis máis valiosos para sermos un nó vivo no mundo-rede seguen a ser, malia o moito que se avanzou, persistentes capítulos da axenda política galega do século XXI.

Quizais unha forma de contemplar máis optimistamente o noso futuro colectivo pase por relativizar o desexo coa medida da memoria e así tomar consciencia de que de saber da nosa insatisfactoria situación actual, ao afoutado Vilar Ponte, cos ollos de 1916, habíalle de parecer unha inalcanzábel e feliz utopía.

03/01/2007

Lume baixo as cinzas

Hai unha cara oculta da sociedade civil que só en contadas ocasións se enxerga. Está poboada por cidadáns inexistentes, tolleitos nos seus dereitos políticos e sociais. Os gobernantes non os atenden, a súa política tórnaos en discurso baleiro ou nunha renuncia á igualdade. Viven nos arrabaldes do Norte e nos slums do Sur Global, en non-lugares cartografados pola exclusión social, a pobreza e a segregación espacial. Hai pouco máis dun ano a revolta das banlieues alumeounos coas súas labaradas; desde aquela nada mudou e baixo a cinza segue habendo lume.

A morte de Zyad Benna e Bouna Traoré, electrocutados cando fuxían da polícia, detonou en novembro de 2005 o estourido das banlieues; en días, a revolta estendeuse á totalidade dos arrabaldes parisienses; nun mes a 300 concellos. A protesta deitou unha contabilidade impactante: 10.000 vehículos incendiados; 233 edificios públicos con destrozos; un morto; 4.402 persoas detidas; 422 condeas de prisión; 200 millóns de euros en danos económicos...

A revolta só foi sorpresiva para a clase política de Francia, un dos países europeos cunha das fendas entre gobernantes e gobernados máis insalvábeis e cunha política patricia cada vez máis institucionalizada. Asistidas por poderosas burocracias e mass media, fortalecidas por mecanismos de represión e integación cultural forzosa, as elites francesas buscan desactivar as garantías de protección social e a expropiación de dereitos políticos inaugurando unha nova democracia censataria: se non estás no mercado, non es cidadán, non existes na política. Francia é hoxe un despropositado modelo social de fabricación de non-cidadáns e de marxinación urbanística, segregación étnica e pobreza estrutural.

William Gamson analizou como a inxustiza torna en indignación moral, nunha ira «que pon lume no estómago e ferro na alma». Sábese ademais que a atomización social, a carencia de organizacións e redes sólidas, é suplida pola imitación. A protesta medra así polo mimetismo de pequenos grupos que se apropian do repertorio de loita dos motíns: ataques vandálicos ás sedes gobernamentais e destrución polo lume. Francia experimentou hai un ano a primeira manifestación á grande escala das formas de protesta dos cidadáns inexistentes.

Podemos crer que Galiza nada ten que ver con Francia, que nas nosas cidades aínda non aniñan arrabaldes desgonzados e apartheids sociais; podemos compracernos co espellismo do noso benestar, mais o certo é que o mundo rural galego é hoxe a nosa banlieue. Deixado á súa sorte durante décadas, sometido a unha esmagadora creba das solidariedades comunitarias, envellecido e debruzado no baleiramento demográfico, subsidiado para deixar de producir e deixar de ser, invisibilizado tanto nas políticas macroeconómicas como nas microsociais, o mundo campesiño foi entregado á nada.

Os lumes do verán pasado iluminaron a fraxilidade produtiva do noso agro e tamén botaron luz sobre esa cara agochada do país, arrumbada na periferia da nosa fráxil sociedade do benestar, cangada de dependencias desatendidas, derrotada polo abandono histórico dos poderes públicos. O rural galego vai camiño de converterse nun non-lugar, nun espazo anónimo de convivencias desequilibradas, socialmente moi vulnerábel, habitat dunha cidadanía inexistente desfiuzada no exercicio dos seus dereitos... Fóra do foco das megapolíticas, demasiado pasivizado para ser masa crítica dun estourido social, non é terra abonada para a protesta nin a ira, como moito, é un territorio para a súa irmá extraviada: a loucura. Con todo, aínda hai lume baixo a cinza.

Publicado en Tempos Novos # 115 (Decembro 2006), pp. 91-92