23/03/2008

Tincho

Co inicio do camiño de volta, malas noticias: chaman para facerme saber da morte de Agustín Díaz. Hai pouco que engadir ás palabras de Pereiro, tan só deixar testemuño de que fun beneficiado pola súa agarimosa veciñanza no Belvís dos oitenta e pola súa sabia camadería na maioría das aventuras políticas nas que se ilusionou a miña tribo. A poucos días dunha última conversa para falar de amigos comúns, do devalo da RTVE-G e das expectativas electorais da política do país. Demasiado tarde para lle dicir todo o que lle debemos algúns da miña quinta. Aínda fresca a lectura das memorias que Mia Couto dedicou a outro xornalista desaparecido: «Para ele o jornalismo era apenas un instrumento para criar e divulgar pensamentos [...] Não havia denúncia fácil nen a arrogância de ter opinião sem estudar primeiro. [...] Era, sobretudo, a saudade de uma utopia em que nos sonhávamos donos de nós, sem ter que mendigar no mundo a migalha da nossa sobrevivência. [...] Era un vigilante de uma coragem e inteligência raras. [...] Era un dos melhores de nós.» Mia Couto non o coñecía mais tamén falaba de Tincho.

20/03/2008

Guerra e linguaxe

O quinto aniversario do inicio da guerra de Iraq cólleme lendo un ensaio de Adan Kovacsics, saído do prelo de Acantilado, que se titula Guerra y lenguaje. No capítulo que dá título ao volume, Kovacsics reconstrúe o tempo intelectual que saudou o estourido da Grande Guerra e a emerxencia dunha nova actividade literaria posta ao servizo da maquinaria de guerra que tivo na creación do Cuartel de Prensa de Guerra do Imperio Austro-hungaro o seu momento fundacional. A súa razón de ser era, como nos lembra Kovacsics, que «a guerra era un produto, que non só necesitaba de operarios nas fabricas ou soldados na fronte ou directivos nos andares superiores ou mandos nos cuarteis, senón tamén publicistas.»

O campo de acción do Cuartel de Prensa de Guerra non eran outros que «a propaganda, difusión de fazañas militares, reforzamento da moral da tropa e da poboación» e, sobre todo, ofrecer directrices positivas á prensa. En palabras do fundador do Cuartel, o comandante Maximilian von Hoen, «a prensa do país necesita directrices permanentes para desenvolver unha actividade produtiva. Non basta con censurala, o cal non é agradábel. Debe ser guiada nun sentido positivo.»


Tempo de guerra en que, segundo Karl Kraus, «as plumas se mergullan en sangue e as espadas en tinta» e nos que toda comunicación fai da mentira a súa pedra angular: «A mentira é na guerra ou unha borracheira ou unha ciencia. Esta é a máis prexudicial para o organismo.»


Iraq –como todas as guerras– atopou xustificación nunha mentira –a existencia de armas de destrución masiva– e tentouse construíu a súa leximación co concurso dun entusiasta coro de xornalistas e opinadores armados. Confirmouse a Gran Mentira, houbo algúns actos puntuais de emenda intelectual, pero a cinco anos vista, os principais responsables, se fose o caso, volverían acariñar a mentira como excusa para iniciar unha nova «guerra xusta, nobre e necesaria».


Das moitas ricaces reflexións do ensaio de Kovacsics, recupero dúas. Primeira: «Chama a atención, nos prolegomenos da invasión de Iraq, a énfase na decisión, por unha banda, e a pobreza nos argumentos e palabras, por outra.» E segunda: «Aínda que media un abismo entre os manifestantes contrarios á inminente guerra de Iraq e os entusiastas e fervorosos patriotas que se agolpaban ante os escaparates da Neue Freie Press na Viena de 1914, algo os irmanda. Cidadáns ou súbditos, o certo é que a decisión respecto á guerra ou á paz non a toman eles, senón que se adopta noutro lugar. A corrente que conduce á determinación ou, mellor dito, á decisión flúe por outra parte, por outras bocas e mans.»


Ambas as dúas obrígannos a enfrontar unha pregunta incómoda: eles maniféstanse igual de decididos a iniciar novas guerras con idéntica falta de verdade e argumentos, pero estamos hoxe os cidadáns en mellores condicións que hai cinco anos para interferir, condicionar ou anular a corrente que toma a decisión da guerra ou da paz?

18/03/2008

Matinar en rede

No kit aconsellábel para desenferruxar ideas e relativizar as políticas convencionais pode incluírse Repensar a política na era dos movimentos e das redes, obra que é resultado dos esforzos do Colectivo Política en Rede que reúne a 40 investigadores-activistas e activistas-investigadores ao abeiro do Transnational Institute (TNI).

O Transnational Institute (TNI) é unha rede descentralizada de investigadores e activistas de países do Sur, Europa e dos Estados Unidos que ten por obxectivo crear e promover a cooperación internacional para analizar e buscar posíbeis solucións a problemas globais como o militarismo, a extensión da pobreza e marxinación social e a degradación ambiental, a maiores de reflexionar sobre os retos da democracia, o futuro dos Estados e os partidos políticos, e o papel que desempeñan na creación de novas políticas democráticas as coalicións das organizacións sociais locais e globais.

A pretensión do TNI é desenvolver «unha visión política alternativa á ofrecida polas teorías políticas e de desenvolvemento convencionais, coa perspectiva de superar os modelos tradicionais socialdemócratas e da esquerda».

Repensar a política... é unha reflexión aberta sobre as novas e vellas formas de facer política e sobre os síntomas de esgotamento que evidencian as «institucións tradicionais de control democrático» ao redor de tres centros de interese: os movementos sociais, as redes e as novas formas de organización; os desafíos dos partidos políticos, a representación política e reposicionamento das institucións públicas na sociedade en rede; e as posibilidades emancipatorias que ofrecen as novas ferramentas tecnopolíticas.

Principios para comezar a pensar en común

Como inicio da análise cada un dos membros do Colectivo Política en Rede explicitou os principios que consideraba máis importantes para reinventar a organización política. A seguir unha manchea deles, algunha reflexións en termos de política en primeira persoa, outras para os instrumentos colectivos.

Christophe Spehr: «Sinceridade na política, por suposto, pero tamén na organización, nas relacións político-persoais. Polas nosas veas corre demasiada táctica. Tendemos a pensar que debemos agochar os nosos obxectivos, as nosas estratexias, os nosos problemas, e que non poderemos triunfar se os expomos abertamente. Pero a realidade é totalmente distinta. A xente está farta das organizacións políticas que só din bobadas. Todo o mundo sabe que son bobadas. [...] Parece que á esquerda lle resulta especialmente difícil ser sincera.»

Alessandra Mecozzi: «A transformación non se pode alcanzar cun único actor. Necesitamos unha pluralidade de actores coa capacidade de converxer en problemas comúns e, ao mesmo tempo, estar arraigados no seu propio terreo social. Para ser transformadores, é necesario estar aberto aos demais; estar arraigado pero sen unha identidade pechada.»

Joan Subirats: «Hai outro desafío que consiste en como transformar as institucións sen ser absorbidos por elas. É dicir, en como manter a súa capacidade transformadora construíndo alternativas (disidencia), opóndose directamente a novas tendencias autoritarias (resistencia) e apreciando a capacidade de influencia que existe dentro das institucións (incidencia). Seguramente, non é necesario que unha persoa, unha organización ou un colectivo intenten facer estas tres cousas simultaneamente.»

Judy Rebick: «Non só o persoal é político, senón que o político é tamén persoal. Debemos combater as nosas propias tendencias a ser dominantes ou submisos, a ser dogmáticos ou dóciles, a ser pechados ou sectarios. [...] Con todo, debemos entender este cambio persoal como algo necesario para ser máis eficaces e igualitarios no noso traballo.»

Pódense ler máis e sería aconsellábel pensar en facer algo semellante aquí para reflexionar (doutro xeito) sobre o que temos esvaradizamente entre as mans.

16/03/2008

125 anos sen o constatador

Hai 125 anos que finou ese señor barbudo ao que lle debemos tanto. Sobre a súa achega, Manuel Vázquez Montalbán deixounos unha estampa esclarecedora: «Marx e o marxismo son dúas cousas diferentes. Marx non é un profeta. É un constatador. Constata unha situación determinada, e ponlle unha linguaxe da súa contemporaneidade. Ao parecer a esquerda ten que pedir perdón por seguir constatando que existe a loita de clases.»

Lideratos glaciares

A autopsia da malfadada noite electoral de Mariano Rajoy, que hoxe publica Jaime E. Cúe en El País, finaliza co anuncio que Ernest Shackleton supostamente publicou nos xornais británicos solicitando voluntarios para a súa expedición antártica. Un desesperanzado aviso de recrutamento que vale para quen decida acompañar a Mariano Rajoy na súa viaxe cara ao centro-reformista. «Procúranse homes para unha viaxe perigosa. Soldo baixo. Frío extremo. Longos meses de absoluta escuridade. Perigo constante. Non é certo volver con vida. Honra e recoñecemento en caso de éxito.»

A expedición cara ao sur antártico do Endurance que capitaneaba Shackleton converteuno nun modelo de liderado para situacións de imposíbeis supervivencias. Bloqueado preto da costa antártica na baía de Vahsel, entalado na banquisa, tras 281 días a presión do xeo rematou por esnaquizar o seu navío, obrigando aos 28 membros da expedición a realizar unha épica viaxe en zorra polo xeado mar de Weddell e logo en bote até a illa Elefante, no arquipélago das Shetland do Sur, e desde alí á illa Xeorgia do Sur. Shackleton non perdeu nin un só home nos tres anos que durou a súa expedición. Un prodixio de iniciativa, intelixencia, resistencia e teimosía.

Existe unha abondosa literatura que, a partir da experiencia da expedición trasantártica de Shackleton, tira proveitosa leccións para a dirección empresarial ou política; Dennis Perkins, por exemplo, resumiu as dez estratexias de Shalckleton:
  1. Nunca perda de vista a última meta e concentre a súa enerxía en obxectivos a curto prazo.
  2. Dea exemplo persoal con símbolos e condutas visíbeis e fáciles de recordar.
  3. Inspire optimismo e autoconfianza, pero aférrese á realidade.
  4. Coide de si mesmo: manteña a súa resistencia e déixese de complexos de culpa.
  5. Reforce constantemente a mensaxe de grupo: somos un e viviremos ou morreremos xuntos.
  6. Minimice as diferenzas de status e insista na cortesía e o respecto mutuo.
  7. Domine o conflito. Manexe o enfado en doses pequenas; atraia aos disidentes e impida loitas de poder innecesarias.
  8. Atope algo que celebrar e algún motivo co que rir.
  9. Estea disposto a asumir o Gran Risco.
  10. Nunca abandone, sempre hai outro movemento.
Non sei se Rajoy, mesmo atendendo todas e cada unha das recomendacións de Shackleton, será quen de levar a bo porto a Gran Transformación do Partido Popular. En calquera caso, xa deu un gran paso adiante ao seguir o sabio consello de Winston Churchill: «O éxito non é definitivo, o fracaso non é fatídico. O que conta é o valor para continuar». O que lle queda.

14/03/2008

O compás ideolóxico do votante medio

O actual código de circulación electoral semella prohibir calquera xiro á esquerda. Moitos dos analistas do 9-M subliñan que o electorado esvarou de modo xeneralizado cara a posicións máis moderadas e votou opcións situadas á dereita das súas preferencias políticas. Entre antigos electores de IU ou ERC, o voto útil ao PSOE verifica o seu desprazamento pragmático cara a postulados ideoloxicamente máis mornos, algo que acontece tamén nos segmentos máis radicais da esquerda volátil acantoados noutrora na abstención. Votantes propios do PSOE tamén exerceron o seu voto aceptando esa deriva dereitizante xa que o programa de Zapatero 2.0 está moito máis centrado que o de Zapatero 1.0.

Pola súa parte, a estratexia do Partido Popular renunciou hai tempo ao centrismo reformista que abandeirou en 1996-1999 e procurou a fidelización dunha base electoral que, ao longo de catro anos, macerou regresivamente nun caldo ultraconservador. Presentouse e obtivo os seus votos argumentándose como unha dereita alén da dereita.

O desprazamento electoral de votantes de EA ao PNV ou do PNV cara ao PSE, ou de ERC cara a CiU obedeceu tamén a un estímulo político de moderación. A única excepción serían os electores de Unión Progreso y Democracia, apegados a transversalidade do novo españolismo, que proviñan do PP, xa que os que votaron ao PSOE en 2004 tamén xiraron nas súas preferencias cara á dereita.

O termómetro do CIS

Os CIS gasta abondosos esforzos demoscópicos para fixar a temperatura ideolóxica do votante estándar do Estado español determinando o seu autoposicionamento nunha regra do 0 ao 10, onde 0 é a posición de máxima esquerda e o 10 a da dereita máis extrema.


Desde 1996 a 2008 é posíbel identificar seis fases.

[1] 1996-2000: Xiro acusado á dereita. Prodúcese unha crecente dereitización do votante medio pasando dun 4,79 ao 5,1 en xaneiro de 2000. Durante o goberno, en minoría parlamentaria, do Partido Popular, a autolocalización ideolóxica do votante estándar virou do centro-esquerda ao centro-dereita sobardando a divisoria do 5.

[2] 2000-2003: Moderación centrista. Sinálase un retorno ao valores medios de principios de 1996 –4,79–, un aggiornamento moderado como consecuencia da instalación do PP nunha cómoda maioría.

[3] Xiro moderado á dereita. De xaneiro de 2003 a finais do verán de 2004 documéntase unha etapa de moderada dereitización que leva ao votante estándar a achegarse aos valores promediais do período 2001-2003 ao redor de 4,9.

[4] Outono 2003–marzo 2004: xiro acusado á esquerda. O votante medio xira decididamente cara ás posicións de centro-esquerda. Son os tempos que van desde o Nunca Máis ás mobilización contra a guerra de Iraq e as mentiras do 11-M. O votante autositúase no verán de 2004 nun 4,60, desde 1996 o votante medio nunca foi máis de centro-esquerda que neste momento.

[5] Marzo 2004–verán 2006: Reequilibrio cara ao centro-dereita. Desde a toma de posesión de Rodríguez como presidente vaise producir unha moderada dereitización que nunca acadará os valores dos periodos anteriores, cifrándose sempre por debaixo do 4,8 con oscilacións cara ao centro-esquerda que nunca caen por debaixo do 4,65.

[6] Outono 2006–xaneiro 2008: xiro á dereita. Desde o outono de 2006 apúntase unha tendencia xeral á dereitización pasando dun rexistro de 4,65 en outubro de 2006 a un de 4,80 en xaneiro de 2008, unha tendencia que cabalga co fracaso do proceso de paz en Euscadi e que se activa intensamente a partir da voadura da T-4 en decembro de 2006.

Haberá que agardar a que o CIS nos entregue os datos do último trimestre para saber se o triunfo do PSOE se produciu co compás ideolóxico do votante medio mirando cara á dereita (cara ao centro-dereita) ou virando cara á esquerda (cara ao centro-esquerda).

12/03/2008

Lonxe/perto

O futuro xa está aquí. Importamos o máis peor das campañas electorais made in USA. Presidencialismo forzado e reforzado. Xogo político sometido a un permanente trastorno bipolar. Debates en paralelo, sen converxencia, e con axendas altamente selectivas. Mobilización de medos máis que de valores, ou o que é máis extremo: conversión do medo nun valor electoral central. Importancia crecente das políticas coactivas e reactivas fronte ás políticas propositivas e proactivas. Paquetes de medidas estrelas que se impoñen aos programas mediante a mercantilización das ofertas electorais. Ao contrario do hip-hop na confrontación electoral o menos importante é a letra, a música é a que manda.

Triunfo do soporte audiovisual sobre a prensa papel, acelerado avance cara unha sorte de videocracia. Os novos formatos falan do esmorecemento da política de cara a cara e da prima dunha política unidireccional, sen retornos. Algúns medios ofrecen maiores posibilidades democráticas e a política na rede aínda non desequilibra o conxunto en favor dunha maior ligazón, interrelación e participación. Ao que parece as urnas acabarán converténdose en receptáculos para sumar os silencios dos cidadáns e non as súas voces.

Consolídase a fenda gobernantes e gobernados ou entre políticos e cidadáns ao tempo que se consagra o papel dos medios audiovisuais como nexos fundamentais da relación. A política de proximidade e de encontro pertence ao pasado, a política de plató é o presente e o futuro. Política participasiva, asentada nos electores como consumidores, e campañas electorais cun final moderadamente interactivo: co voto podes alterar o final non o argumento nuclear, non podes cambiar os actores, nin os diálogos nin o escenario tan só fica o consolo de poder elixir entre un the end ou outro. Iso ou apagar a caixa boba democrática e absterse.

Quizais aínda leve razón Sartre e o campo do posible sexa máis amplo do que a realidade nos permite sospeitar. Quizais haxa marxe abondo para ensaiar unha política entre iguais, P2P, unha política novamente personalizada e instalada democraticamente no cara a cara. Unha política de compromisos directos, de complicidade cidadá, non como alternativa global á política mediática, si cando menos como un necesario elemento corrector. A xente do Partito Democratico en Italia anda ensaiando algunhas políticas de proximidade das que deberiamos coidar tamén na fronteira oeste de Europa.

11/03/2008

Resumo electoral minimalista

Josep Segú asegura que «simplificación, esencialismo e primitivismo son as características que percorren de punta a punta o carril central da arte do século XX». Simplificación, esencialismo e primivitismo valen tamén como elementos caracterizadores do vieiro medular do xogo político do Estado que nos deitaron as eleccións do 9-M.

A dinámica é sofisticada, complexa e posmodernista nas estratexias e as formas, pero os resultados que se procuran son simples, esencialistas e primitivos.
Simples, as grandes decisións defínense nun xogo binario: elixes 0 ou 1; esencialista: apoias retroceso ou avance nunha redución esencial de conservadorismo e progresismo; primitivismo porque só quere determinar o dominio sobre o territorio do exercicio do poder e os recursos de autorreprodución no poder, sen que haxa aspiración ningunha a crear novos nichos de poder nin a socialización participativa dos poderes de sempre, ou como dicía do Manuel Azaña: «O que é certo é que, da política, o que me interesa é mandar.»

Ao Estado con dúas marcas abóndalle para ateigar os andeis mediáticos do hipermercado político; complexidade, pluralidade, socialización, proxecto de cambio son produtos de dificultosa distribución e consumo electoral, se non que llo pregunten aos fabricantes doutras ideas que se van citar obrigatoriamente no Grupo da Mestura e aos que ficaron fóra do escaparate democrático.

08/03/2008

A decisión de Atila e a nosa

Dicía Winston Churchill que «un fanático é alguén que non pode cambiar de opinión e que non quere cambiar de tema». ETA deixounos onte unha mostra dramática do seu fanatismo extremo, nin cambio de opinión (o terror como medio lexitimo) nin cambio de tema (a minoría iluminada como condutora da vontade cidadá). O asasinato de Isaías Carrasco evidencia ademais a pretensión de ETA de forzar un cambio de opinión violentando a decisión cidadá do 9-M e que só aspira a converterse, mediante a violencia, no tema central do debate político. Ao terror de Atila opoñemos a nosa liberdade. Na nosa man está condenar á inutilidade os seus sanguentos esforzos evitando que torzan o camiño que xa tiñamos decidido. Somos nós e non ETA quen decide.

07/03/2008

O preito de don Manuel

Se Leonardo Sciascia fose galego, tería feito un delicioso libro sobre laicismo, librepensamento e xustiza tomando como materia histórica o proceso penal de 1880 contra Curros Enríquez. En 2001, Benito Montero Prieto ocupouse da composición documental e de desenvurullar o tramado xudicial que fixo que Curros tivese que dar conta nos tribunais dos seus versos.

Entendeu Manuel Mella Montenegro, xuíz de instancia de Ourense, que os versos de Aires da miña terra contiñan aldraxes e burlas a Deus e ao Papa e eran constitutivos dun delito contra a liberdade de cultos segundo o artigo 240 do Código Penal daquela vixente.

A sentenza de Mella Montenegro, do 4 de agosto de 1880, condenou a Manuel Curros Enríquez á pena de 2 anos, 4 meses e un día de prisión correccional e 250 pesetas de multa con arresto substitutorio de 1 día por cada 5 pesetas non pagadas, coas accesorias de suspensión de todo cargo e dereito de sufraxio durante a condena, así como a inutilización dos libros ocupados. Rudo castigo a unhas letras libres.

A Audiencia da Coruña atendeu a apelación de Curros o 11 de marzo de 1881 e revogou a sentenza do xulgado ourensán, absolvendo a Curros do delito que se lle imputaba, ao tempo que declaraba que esta causa non prexudicaba o seu bo nome e reputación e ordenaba devolver ao editor os exemplares secuestrados do libro Aires da miña terra e cancelar a fianza prestada polo procesado.

Hoxe Manuel Rivas ocupouse de actualizar o caso contra Curros á luz do nomeamento de Rouco Valera como presidente da Conferencia Episcopal e Dolores Vilavedra vindicou ao poeta e xornalista de Celanova como o noso inconformista rabudo máis universal. A ocasión era acaída, Sciascia tampouco a deixaría pasar en balde o douscentos aniversario da súa morte para evidenciar que Curros Enríquez segue vivo, moi vivo.

A voz de Xocas

En 2004 Afonso Vázquez-Monxardín recompilou para o Arquivo Sonoro de Galicia os testemuños orais de Xaquín Lorenzo. Agora aboian no meu babel bibliotecario cos seus refachos de memoria e autenticidade, pescudas intelixentes nas raíces do país. «Somos un pouco afeccionados a falar de Galicia, da casa galega, da etnografía galega, do folclore galego, da historia galega; todo isto está moi ben. Pero detrás diso hai algo, que é o pobo galego. É a xente que fixo todo iso, e iso témolo un pouco esquecido e só cando un se mete a fondo ao estudo destas cousas chega a identificarse con ese pobo, co pobo de Galicia. E entón é cando un lle ve as súas grandes virtudes e os seus defectos, porque tamén os ten. E cando nós nos damos conta de que somos nós. Que temos unha personalidade, mellor ou peor, pero nosa.»

Tamén, nalgún dos seus parladoiros reflítese unha ollada atenta e actualísima do mundo en proceso de globalización. «Cando penso que hai tanta xente morrendo de fame, cando hai nacións enteiras que están na maior miseria e que se están gastando miles de millóns en armamento; cando o armamento dun só día, os gastos dun só día dunha destas nacións calquera bastaba para paliar a fame de moitos centenares de homes, síntome horrorizado precisamente porque estamos nunha época en que o mal está dominando o mundo.»

E gosto especialmente deste retrinco, un chamado a fundirse na paisaxe, sorte de camuflaxe antropolóxica e ambiental. «Eu séntome dediante dunha paisaxe. Admiro o regato que pasa aos meus pés, as árbores, o cantar dos paxariños, os montes que quedan derredor. Pero ao pouco tempo prescindo da paisaxe como tal e síntome eu parte da paisaxe. O mesmo que está alí o regato e está o paxaro e está a árbore e está o monte estou eu. Eu son parte da paisaxe. E logo vén un terceiro estadio, que dura moi pouco pero que me produce unha impresión tremenda, que é o desexo de fundirme na paisaxe, de desaparecer eu e de ser eu paisaxe. Así sinto eu a necesidade de me fundir na terra, en Galicia. Porque para nós a terra é Galicia.»

Rescatadas as voces de Xocas dos caos bibliográfico, procurolle un lugar onde non se volvan extraviar. Para regresar a elas cando pete e preste.

Cesta e puntos

Xa na recta final sospeitas da democracia censataria e/ou da democracia mediática. En grego antigo «sospeita» dicíase hypopsia, literalmente «mirar por debaixo». Mirando por debaixo o xogo político, Adam Przeworski contesta cun exemplo deportivo unha pregunta sobre a calidade democrática que lle fai Fabián Bosoer. Substitúase «diñeiro» por «diñeiro e cobertura mediática» e, se alguén aínda aniñaba esperanzas, terá unha idea máis clara de como funcionan as cousas na cancha da nosa NBA electoral.

Fabián Bosoer: Como abordaría entón vostede o estudo da calidade da democracia?


Adam Przeworski: O primeiro que consideraría é o ingreso do diñeiro na política. Isto é o que diferencia realmente ás democracias. A democracia é un sistema universalista, unha sorte de xogo con regras abstractas universalistas. Pero os recursos que os distintos grupos achegan a este sistema son distintos. Agora ben (adoito dar sempre este exemplo), imaxine un partido de básquet que se xogue entre xente de dous metros de altura e outros cativos coma min, que medimos pouco máis que un metro e medio. O resultado é claro: por máis que se respecten e apliquen as regras de xogo establecidas, estamos xogando partidos en condicións moi desiguais, entre xente que pode gastar moito diñeiro e outra que non [...] Calidade democrática é evitar que o diñeiro controle a política.

Agora que encaramos os minutos de lixo do partido, a penas se hai tempo para facer unha constatación melancólica: canto máis atractivo sería o xogo político democrático en réxime de P2P.

06/03/2008

Haroldo Conti

Haroldo Conti foi desaparecido polos xenerais da ditadura arxentina en maio de 1976. Atrás 51 anos de vida dedicada aos oficios máis variados: mestre rural, empresario de transporte, director e actor teatral, guionista, piloto civil, profesor de filosofía e latín, narrador e xornalista. Quitándose importancia, Conti dicía que «á parte de escribir, e non moi ben que digamos, non sei facer outra cousa.» Deixounos imaxes dunha vida, catro novelas, algunha peza teatral, guións levados ao cine e unha presada de contos que reuniu Bartebly Editores. Aínda acosado polos esbirros da ditadura decidiu permanecer en Arxentina. Gabriel García Marquez conta que no seu escritorio tiña pendurado un letreiro que dicía: «Hic meus locus pugnare est et hinc non me removebunt [Este é o meu lugar de combate e de aquí non me moverán].» Souben del hai moitos anos polas letras de Mario Benedetti e hoxe recupero a súa memoria e a súa lectura.

02/03/2008

Diario de Colombia

Baltasar Porcel, en La Vanguardia dominical, carga tinturas contra o castrismo e o castrismo poscastrista. Como todo vale hai que enzoufar a memoria do Che Guevara: «Quen se largou a Colombia, en antecedente desas bestas guerrillas FARC actuais. Léase o seu diario ao respecto: malia ser asmático, meteuse na humidade da selva, e non deu pé con bola...» E o mallorquín segue demostrando coñecementos: «A sonada revolución de Sierra Maestra, á parte de derrubar ao zafio tirano Machado...»

Porcel é un profesional da literatura e da opinión ao que La Vanguardia debería esixirlle algo máis que unha desvergonzada exhibición de ignorancia. O Che largouse a Bolivia, cousa que Porcel debería saber se é certo que leeu o Diario ao que fai referencia na súa columna. E o tirano (Gerardo) Machado morreu en 1933 polo que malamente puido ser derrocado pola insurxencia do Movemento 26 de Xullo. A revolución supuxo si a caída de Fulgencio Batista, que fuxiu de Cuba cara a Santo Domingos o primeiro de xaneiro de 1959. Como dicía a cantaruxada dos cativos: «Melchor, Gaspar y Baltasar iba saltar y se cayó».

01/03/2008

De figos e paraísos

A Israel Punzano case todo se lle escapou do previsto na entrevista que concertou con Gioconda Belli. Convocou á escritora nicaraguana no restaurante La Poma (A Mazá) para evocar a icona do primeira catástrofe da Humanidade e falar da súa última novela, O infinito na palma na man, unha eséxese do Xénese.

Coas primeiras palabras descubre que o tal Paraíso é hoxe un Inferno cartografiado no norte de Iraq e que a mazá non era o froito prohibido, que a froita da maldita tentación era o figo. Gioconda manifesta ademais unha franca simpatía pola tentadora serpe.


Israel, malia o seu nome de Terra Prometida, anda frouxo en historia sagrada e bate a seguir con eses alegres paradoxos que marcan a vida dos nicaraguanos. Belli gaña un premio de novela pero reivindícase como poeta. Con loábeis excepcións, o narrador en Nicaragua adoita ser oral e o escritor que aspire a calquera recoñecemento ha ser poeta. A razón é a primacia intelectual de Rubén Dario. En Nicaragua o que non se conta, se canta. Narración oral e poesía fan xustiza a unha lingua literaria tan libre como imaxinativa.

Máis sorpresas. Gioconda ao contrario da súa tocaia non se agocha tras un tímido e forzado sorriso. Nicaragua, país de volcáns, terremotos e paixóns, non é proclive á contención. A poeta creba os seus parlamentos con explosivas gargalladas. En Nicaragua nin os risos nin os choros son mesurados, nin a historia nin a natureza lles fixeron concesións nese sentido. Fala moito, como unha imparábel torrenteira formada polas chuvias tropicais, e a enxurrada de verbos lévase por diante os formalismos brevialistas dunha acoutada entrevista. Israel, iso pasa cando se entrevistan a forzas da natureza.

Nicaragua é país de estreiteces entre dúas masas continentais e dous inmensos océanos. Espazo sometido a constrate e contradicións. País de oposicións e de espírito de contradición. Por iso contradí Gioconda Belli a pretensión materna de apertar os seus vencellos coa Nai Patria cando a manda a estudar a Madrid para evitar a súa estadía nos Estados Unidos. Na capital da vella metrópole, lonxe de namorarse do ADN hispano-imperial, coida da herdanza indixenista que lle achegou o seu avó e que ela deixou impresa en La mujer habitada, un memorial da resistencia fronte á primeira e á derradeira tentación colonial.

A incomodidade conxénita de Belli traza a súa vida. Gioconda medrou, como poeta e combatente sandinista, na máis antiimperialista das terras de Centroamérica para rematar repousando media vida na California da Republica Imperial de Norteamérica. Un auténtico Casus Belli.

Para fechar a entrevista estaba previsto un picoteo, pero os falares de Gioconda bébense o tempo e non queda lugar para o xantar. Israel documenta o exceso. El ten espazo para unha entrevista de 3.500 carácteres e ela infinitas palabras. O infinito cábelle a Gioconda Belli na palma da man e nos beizos. Pobre Israel, outra vez será.