30/09/2005

Nulla dies sine Balzac

As enleadas laborais das últimas semanas achicáronme o tempo para pensar (noutra cousa que non sexa o traballo) e escribir. Lembro o clásico e utópico Nulla dies sine linea de Plinio O Vello, que axiña dá paso ao sarcasmo literario de Augusto Monterroso: «Síntome ben hoxe, un Balzac; estou rematando esta liña.» Así, coma un Balzac voume sentindo.

25/09/2005

O paciente inglés

Hoxe El País dá conta dun inquerito no que se valora a correlación de forzas no inicio do novo curso político. O PP acurta distancias grazas ao «verán negro» (incendio de Guadalaxara, caso Roquetas, accidente do Cougar, blocaxe do Estatut) e ao mantemento dunha oposición zafia e bronca. A política como prolongación dos mundos de Yuppy e as intervencións contadas. efectistas e medidas de Rodríguez Zapatero non foron quen de limitar a erosión do PSOE. Pero o máis preocupante é a confirmación do esgotamento do «efecto ZP» e xa son tres ministros que teñen mellor valoración pública ca el: Bono, Solbes e Fernández de la Vega. O cadro que se pinta non é moi favorábel para a familia socialista. En Galiza, o staff estratéxico de Emilio Pérez Touriño enfróntase a algunhas teimudas dificultades. A primeira e non a menor: darlle volume ao liderado a-carismático do Presidente da Xunta. Os esforzos por tunear a Touriño coas formas, falares e talantes de Zapatero non renden os resultados apetecidos. Houbo un efecto ZP pero é pouco probábel que haxa un efecto Touriño con grande capacidade de arrastre electoral. Aguilloado pola competencia mediática do seu Vicepresidente, Touriño acortou distancias intensificando a súas aparicións públicas e, principalmente, placando coa súa presenza algunhas das iniciativas dos seus socios de goberno (o abandeiramento da redefinición da Cidade da Cultura para empardecer o protagonismo da Conselleira de Cultura é, sen dúbida, o episodio máis rechamante). Cun equipo de goberno feito ao seu gusto e medida a base de lealdades personais, rebaixado de perfil político e cunha limitada experiencia en asuntos de xestión, Touriño non ten a ninguén que lle faga sombra e ten a moi poucos membros do seu gabinete nos que se apoiar. Mesmo os conselleiros do PSdeG que son máis políticos –Méndez e Varela– non acadaron un protagonismo reseñábel. O único activo real do PSdeG-PSOE no goberno é o Presidente Touriño. Non molestar, gastar en sobriedade, discreción, non cometer graves erros e facer gala dunha acomodada paciencia son os fundamentos da estratexia touriñista para gañar adeptos e ampliar o seu engado entre os cidadáns. Para encumiarse precisa ademais da oposición salvaxe do PP-G e de que o BNG exprese as súas reitesías en público, proxectando unha imaxe de inestabilidade e gobernabilidade problemática. Entre dous extremos o paciente inglés será así a personificación sensata do virtuosismo do termo medio. E a batalla electoral das autonómicas de 2009 gañarase ou perderase no centro político e sociolóxicos, na bolsa electoral de cidadáns indecisos que nutre o desxeo da Galiza conservadora.

Xogando coa diferenza

Vagarosamente no BNG vaise definindo a doutrina losada-aymerich, deliñando o que van ser os criterios de relación co PSdeG-PSOE e a compostura dos nacionalistas no goberno e na oposición parlamentaria. Ben como se presenta na súa primeira andaina, trátase de aleitar unha estratexia de «toma e daca» co PSOE, non de transaccións senón de partidas e contrapartidas, de repartición e quiñón. Como na Guerra Fría a lóxica da relación baséase no medo e na negociación ao bordo do precipicio. Hai que levar as cousas ao límite e despois negociar solucións ante o terror creado por unha probábel creba do pacto de goberno que significaría o retorno do Partido Popular á Xunta de Galiza. A maiores no BNG afínase unha compostura dual como organización no poder na Xunta e como organización na oposición no Hórreo e nas Cortes. A bancada nacionalista está máis preparada para fiscalizar a acción de goberno do PSdeG que para defender e impulsar a acción de goberno da Nova Xunta e, singularmente, a do propio BNG. Esta tensión agrándase cun propagandismo facilón que se estea no labor opositor que se exerce fronte ao PSOE no Parlamento do Estado. Por outra banda, a pantasma da experiencia municipal lucense carga de razóns ao estrategas da colaboración de baixa calidade e da competencia de grande intensidade. A crenza de que non se pode «traballar para o inglés» dá forma á materia nutricia da estratexia losada-aymerich. Dos resultados lucenses, como dos demais resultados electorais, o BNG non aprendeu moito. Orozco gañou a súa maioría absoluta por facer cousas que o BNG non facía, por procurar unha relación política (e non unicamente de xestión) cos cidadáns, por visualizarse e achegarse sen medos á xente, por ofrecerse como símbolo dunha organización aberta e accesíbel... Para combater á pantasma lucense a receita é tan previsíbel como inútil: hai que diferenciar a marca, hai que singularizar a xestión do BNG. Compracentemente dísenos que diferenciando a marca é suficiente para ampliar a influencia e audiencia política do BNG, para blindar os caladoiros electorais nacionalistas, e para para garantir o sorpasso na vindeiras autonómicas. A vía losada-aymerich non é outra cousa que o exercicio do vello resistencialismo, pero agora desde o Poder. Se hai algún futuro para o Novo BNG, non será diferenciando a marca, senón marcando a diferenza. E marcar a diferenza é impulsar políticas públicas que nin o PSOE nin o PP son quen de definir (e moito menos quen de practicar), procurando unha relación diferente cos cidadáns, cos poderes económicos e mediáticos, e sobre todo evidenciando ante a aínda engrosada base social do Partido Popular que hai vontade de diálogo e que hai capacidade e intelixencia sobradas para defender os intereses de Galiza e dos seus cidadáns para crear novas oportunidades de progreso e benestar para todos. No primeiro mes da Nova Xunta, o BNG marcou a diferencia, no segundo dedicouse fundamentalmente a diferenciar a marca. A primeira idea era mellor.

18/09/2005

Letras revisitadas

No 100 de Tempos, Bieito Iglesias carga con John Berger non sei se é porque non gosta de Berger ou se é por amolar a un dos principais seareiros galaicos de Berger. Eu gosto. Fíxenme traer de lonxe unha recompilación de artigos seus, Cada vez que dedimos adiós. Coa súa lectura recupero unha escrita sobre O tamaño dunha bolsa que houbo que procurar no fardel das palabras mortas.


Ensaios urxentes contra a derrota do mundo


John Berger, escritor e pintor. Anarquista na mocidade, marxista na madurez, rebelde teimudo e sempre disidente do pensamento da orde imposta. Reparte o seu tempo de vida entre un arrabalde parisiense e unha casa nos Alpes. Na súa triloxía Das súas fatigas, onde xunta Porca terra (1979), Unha vez en Europa (1983) e Lila e Flag (1990), fálanos do que alguén definiu como «unha dialéctica moderna implacábel entre memoria e perda, progreso e nova barbarie». A súa novela máis recente, King (2000), describe, con ollos de can, a cicatriz da pobreza urbana e as súas cotiás derrotas. Poeta, tamén, en As páxinas da ferida anota: «A lingua está amordazada e soa na boca», pero Berger non se acomoda no silencio imposto e por iso escribe O tamaño dunha bolsa, unha recompilación de ensaios sobre pintura, fotografía e a derrota do mundo.

De O tamaño dunha bolsa di: «Nunca escribín un libro con maior sensación de urxencia.» A bolsa da que fala é a bolsa da resistencia, a urxencia que nos encora non é outra que a da globalización neoliberal. Deixou claro en King de que vai esa ameaza: «Pasou a vida tentando resolver o enigma de como o saira o home da barbarie [...] Vaticinou unha segunda barbarie, King, moito peor que a primeira. Na primeira, segundo el, había certa xenerosidade. A segunda barbarie implántase no pensamento mesmo, o que a fai moito máis vil e moito máis cruel. A segunda barbarie mata os homes e o derrama todo ao tempo que promete e fala de libertade.» Unha barbarie que derrota o mundo.

Este é un libro que, na idea de Berger, é una bolsa de resistencia contra unha orde mundial que non pode ser máis inhumana, pero Berger non se entala na denuncia e achega tamén reflexións radicais sobre a pintura e o xeito de ver, sobre a soidade e a presenza.

En O tamaño dunha bolsa hai 24 textos publicados entre 1996 e 1999 en diversos xornais e revistas que compoñen unha sorte de tríptico. Unha parte, a máis extensa, está dedicada á crítica de pintura e fotografía, outra («Será un retrato?») é unha intervención teatral de John Berger, e o terceiro bloco é a correspondencia atípica que mantén co subcomandante Marcos.

Contra a derrota do mundo, sen ánimo de recetario da avoa, Berger recomenda paciencia. Unha paciencia que non ten nada que ver coa preguiza ou a compracencia. Segundo el hai que crer na esperanza máis que nas promesas e «a esperanza é algo que vai para longo». Escribe: «En primeiro lugar, temos que atopar un horizonte. E para iso temos que ter esperanza, en contra do que a nova orde pretende e perpreta. A esperanza, non obstante, é un acto de fe, e a fe para sosterse necesita de accións concretas. [...] Resistir non significa só negarse a aceptar a absurda imaxe do mundo que se nos ofrece, senón tamén denunciala. E cando o inferno é denunciado desde dentro, deixa de ser inferno.»

Merlín e familia

Acudo á chamada de Merlín para ver como lle vai á familia cultural. A inauguración da exposición convoca cun berro seco a galácticos de distintas xeracións, foreiros na reserva, x-ilg-aros e escarlatinos en rede amais dunha presada minimalista do partido das dúas letras, un bo quiñón do das tres letras e contados exemplares do do partido das catro. A
lectora de Rebelión treme cos nervios e VFF desprega os seus engados que en nada se parecen aos de Merlín. Un canso Gramsci definía a crise como ese estado no que o vello non acaba de morrer e o novo non remata de agromar. O acto foi nese mesmo sentido un novo episodio da nosa crise cultural. O lambido discurso director abaneou entre as desbordadas gabanzas a Xesús Pérez Varela e a calorosa benvida á nova conselleira, entre o nicho (gorentosamente) subvencionado do pasado e as posibilidades de futuros negocios. Cando rematou o discurso director aínda quedou tempo para Ánxela Bugallo que aproveitou, unha vez máis, a ocasión para marcar distancias políticas e intelectuais respecto do fan de Carmiña Burana. Don Isaac reeditou o seu papel de antiheroe e don Xaime Isla agasallounos xenerosamente cunha frangulla da súa memoría. Por cabo, César lembrounos que algo do bo gusto aniña nos xens e tivo un feliz arrouto soberanista ao bautizar a Ánxela como a nosa «Ministra de Cultura». Fartura de canapés no Clausto de San Domingos e nas roldas e coros abraio, decepción, carraxe e procura de explicacións ao nomeamento de Marisol. Ninguén entende a política de escandaloso veto, primeiro, e de submisa aceptación, despois, da que fixo gala o BNG, pero non deixa de sorprender que entre os máis enfurecidos se contaban algúns dos que foron, anos atrás, os máis amansados súbditos e axentes culturais do Partido Popular. Un fariseo feitizo da conciencia acomodaticia que nin o propio Merlín sería quen de desfacer.

11/09/2005

Primeiras escaramuzas

O BNG celebra o seu primeiro Consello Nacional despois da constitución da Nova Xunta. Santíficase nominalmente a reestruturación da Executiva Nacional e valóranse os primeiros pasos do executivo galego: organización e nomeamentos. Os comarcais manifestan as súas críticas por non ser consultados nas designacións. A cuase plena «institucionalización» de todos os membros da Executiva non causa maiores preocupacións a pesar de que non é conselleiro é deputado, e que non é deputado é delegado provincial de algo ou concelleiro nalgures. Ninguén parece albiscar interferencias significativas entre a dinámica institucional e o funcionamento político da organización. Se antes a Executiva evidenciou unha limitada capacidade de impulso político que pode acontecer agora onde as dedicacións son compartidas? A incógnita non parece preocupar a ninguén; iso si, a incorporación de Roberto amola a uns e a designación de Obelleiro é para outros a confirmación de que Q. entrega de vez e para sempre o aparato á U. As crónicas apuntan ao retorno silandeiro de X.M. Beiras e o ruxe ruxe dos corredores salienta a intervención de Francisco Rodríguez que foi unha emenda dos criterios político apuntados por Q. e un alegato a prol de coutar a autonomía do grupo de dirixentes instalados na Xunta e, moi especialmente, como un ataque frontal contra o «superasesor». Polo (pouco) que trascendeu do debate, as posicións aliñanse dun xeito moi semellante ao acontecido tras as eleccións municipais de 1999. Unha parte do BNG cre que hai que concentrarse nas capacidades de goberno e fundar unha nova relación coa cidadanía. Outra apropíase da organización coa intención de fiscalizar a acción dos nosos no goberno, facendo da fronte como correa de transmisión das organizacións sociais propias (CIG, CAF, ASPG...) e un destacamento para a salvagarda das esencias ideolóxicas. Así están as cousas no «máximo organo entre Asembleas». Alguén cualificou o Consello Nacional como un martirio. Si, un martirio que tan só acaba de comezar. Desexémonos sorte.

09/09/2005

A guerra dos libros

Teño para min que na guerra dos libros o criterio fundamental non é o igualitarismo senón a equidade. Amólame a crenza facilona de que a medida da gratuidade é progresista porque é igualitaria. Certo é que contribuirá a aliviar o gasto das familias de menos recursos... na mesma medida en que a súa universalización favorece ás familias de maiores ingresos e capacidade de consumo. Semellante política social debería, na miña idea, ser equitativa para que quen máis ten pague polos seus libros máis que aqueles que pouco ou nada teñen. Os que saben algo de políticas sociais coñecen perfectamente a deturpación que nelas provoca o chamado efecto Mateo: «quen máis ten máis recibe». A ese efecto súmase agora o efecto «café para todos» que é de doada formulación: «Se queres que os que máis teñen non cuestionen as túas políticas sociais o mellor é que os inclúas como beneficiarios». A medida «progresista» da gratuidade ten o mesmo formato que a tomada anteriormente polo «conservador» Partido Popular. Poderían ter ido máis alá e reformulala de xeito equitativo. Esa guerra si que tería pagado a pena.

Crítica sraffiana?

O editor Giulio Einaudi conta nas súas memorias o curioso proceder crítico do economista Piero Sraffa. Cando Einaudi quería saber da valía dun ensaio preguntaba a Sraffa. Se o economista gustara da obra, falaba longamente dela e con grande profundidade analítica, detíñase polo miúdo nas gabanzas e achegas orixinais do autor e o libro. Cando era preguntado por unha obra que evidentemente lera e da que tiña unha mala opinión, contestaba parcamente: «Non a coñezo.» Diante das primeiras decisións do Goberno Novo, comprobo que hai decisións das que podería falar longamente e outras que simplemente debería decidir que non coñezo. As despropositadas reaccións xurdidas diante das críticas a algunhas decisións primeirizas da Nova Xunta case que me convencen de que de a estratexia sraffiana quizais sexa a máis aconsellábel nestes cen primeiros días de goberno de graza, confianza cega e autocompracencia inaugural. Pero vai ser que non. Hoxe leo unhas declaracións de Viktor Yushchenko na que nos lembra que «hai moitas caras novas no poder, pero que o poder pode seguer a ter a mesma cara de sempre». Non me gustaría escoitar, dentro duns meses, unha sentenza semellante respecto do goberno da primavera galega.

07/09/2005

Pouquedades

Leo no 100 de Tempos Novos (Parabéns) un artigo de outro Lois Rodríguez (Andrade) no que me descubre (se descubre) a nosa pouquedade. Escribe: «Menor presenza teñen en Galicia en comparanza con España, o fenómeno dos weblogs (...). Que eu saiba, hai unha feble presenza do galego nestes sectores e ate esta data non agromaron na creación de redes sociais.» Vese que ao outro Lois Rodríguez o blogmillo parécelle ben cativo na parcelaria española e mundial. Á luz dos números de Sonia, posibelmente somos pouca cousa, somos ninguén.

03/09/2005

Negar políticas evidentes

Abaneado polas noticias que chegan de Luisiana vou ao andel para recuperar a achega de Christoph Beier e Thomas E. Downing Xeografía e axuda humanitaria. Nas súas páxinas pode lerse unha manchea de políticas evidentes ás que os gobernos permanecen maiormente xordos: «Os perigos naturais son o resultado dunha conxunción de sucesos xeofísicos e da vulnerabilidade socioeconómica, Os perigos xeofísicos son parte integrante do emprego que se fai dos recursos naturais, mentres que as interpretacións da vulnerabilidade reflicten a ecoloxía política do uso que se fai dos recursos naturais. A redución dos custes que supón unha catrástrofe require da realización de esforzos conxuntos para reducir a vulnerabilidade. Non existe remedio ou axuda de emerxencia que poda substituír a implantación de medidas sólidas de desenvolvemento ou afortalamento das estruturas sociais, económicas e políticas das comunidades locais vulnerábeis.» Estas son as políticas autenticamente «preventivas» que os Grandes nunca están dispostos a executar. O humor máis negro adaptou un vello chiste ás malfadadas novas circuntancias. Que diferencia un desastre dunha catástrofe? Un desastre é o que pasou en Nova Orleans. Unha catástrofe é que esa boa xente dependan da eficacia e intelixencia de George Bush para sobrevivir.

02/09/2005

Vítimas en estado puro

Concordo con Bretemas. Constitúe un espectáculo estarreceder comprobar como o Primeiro se torna velozmente en Terceiro Mundo. Non faltará, e terá toda a razón, quen diga que ese Cuarto Mundo de pobreza e desolación xa estaba alí, agochado polo espellismo do aplaudido modo de vida americano. Katrina, retirando o pano que nos cubre os ollos, ensañouse, principalmente, cos brancos pobres e co negros aínda máis pobres. Está minuciosamente estudado, sábemos ben que as catástrofes naturais daminifican, fundamentalmente (cando non exclusivamente) ás clases e grupos sociais máis desfavorecidas. A paisaxe social que queda en Nova Orleáns non é diferente da que deitou o Mitch en Nicaragua ou a tsunami no sueste asiático. Michael Ignatieff descríbeo substancialmente en O honor do guerreiro: «A fame, como o xenocidio [ou as catástrofes naturais], destrúen o sistema capilar das relacións sociais nas que se basea o sistema de dereitos de cada individuo, e así crean un novo suxeito humano: a vítima en estado puro, despoxada da súa identidade social e da contorna moral específica que, en tempos normais, atendería as súas queixas. A familia, a tribo, a fe relixiosa, a nación xa non existen como audiencia moral para esa xente.»