30/01/2005

Suspiros da España do Noroeste


Alguén definiu o fanatismo como «unha defensa da verdade absoluta que adoita ser acompañada dunha chamada á acción». Para o fanático a súa verdade ten un estatuto sobrenatural fronte a todas as demais doutrinas (que son) falsas. «Se a túa ideoloxía di o mesmo que a miña, non é necesaria. Se di o contrario, é falsa». A sentenza do califa Omar pasa por ser o axioma por excelencia do fanatismo.
Cando Maragall toma a palabra para pedir a reforma do artigo 2 da Constitución Española activase o fanatismo constitucional. A idea de incluír o concepto de «comunidade nacional» bateu coa súa lei de aceiro :«Se non está na Constitución non existe, só existe o que está na Constitución.» Ao imprudente Maragall xa lle emendou o secretario de Política Autonómica do PSOE, Alfonso Perales, quen santificou que as propostas sobre reforma constitucional do presidente catalán «están completamente afastadas da posición do PSOE», e Pepe Blanco non quixo quedar atrás e proclamou que «cada quen verá como denominará ás súas comunidades na reforma dos Estatutos, pero non imos modificar o artigo 2 da Constitución, dixeno hai pouco e o ratifico hoxe». Amén.
O bonovazquismo gaña altura intelectual coa vía bellotera de defensa da unidade nacional de España e o seu emerxente acólito, Emilio Pérez Touriño, viaxou a Extremadura da que volveu inzado de xeniais ideas. A nutricia achega de Ibarra sempre produce fascinantes iluminacións da intelixencia. A diferenciación entre Noroeste, que desde o curruncho verde de Galiza chega a Extremadura, e Nordeste, que desde Cataluña debe chegar a Murcia, é unha achega xeopolítica de carimbo trentino que disolve as incómodas realidades nacionais e proporciona novos horizontes para resolver constitucionalmente o problema plurinacional do Estado español. No seu paso por Extremadura, o secretario xeral do PSdeG-PSOE gastou as neuronas que lle quedaban loando a Rodríguez Ibarra quen soubo «levantar a bandeira da igualdade» e, extremando o enxeño, manifestou a súa «firme vontade de cooperar para que este século XXI sexa o da España do noroeste». Non existen nacións, non existe a política, todo é simplemente xeografía. Galiza non existe, é pura paisaxe. Grazas ao tandem Ibarra-Touriño somos novamente o Noroeste... Auténtico Far Nordwest.

28/01/2005

Os outros Auschwitz

No día que celebramos o triunfo sobre a indignidade inhumana, lembrando a liberación do campo de concentración de Auschwitz, unha boa amiga faime reparar sobre a invisibilidade dunha manchea de terroríficos Auschwitz cotiás. O seu horror quizais non é comparábel ao daquela miserábel máquina de morte que papou a vida de máis dun millón de xudeus, prisioneiros de guerra, ciganos e homosexuais, pero conviven con nós e asolan conciencias con total impunidade no medio do atordomento xeral ou a despreocupación. Son a avanzada da guerra de baixa intensidade que a Infamia libra contra a Humanidade, a quintacolumna do autoritarismo, os oviños aparentemente inofensivos da serpe que aniñan nos libros de texto, nas películas, nos reality shows ou na actitude bastarda daqueles que aldraxan, menosprezan ou ningunean a identidade dos outros... Etiquétanse nunha chea de ismos –racismo, machismo, eurocentrismo... –, son o fascismo doutrora, distribuído agora en diminutas pílulas ideolóxicas máis doadamente dixeríbeis por parte de cidadáns estraviados no ruído informativo dos nosos tempos.

25/01/2005

A canseira do salmon

Leo o artigo que Coco publica en Vieiros. Documento nel a sindrome da canseira do salmón que roe no ánimo crítico de toda unha xeración de militantes da esquerda. Vale dicir que estamos fartos de ter que votar a todo que NON e que ansiamos a non seguir contracorrente e poder dicirlle que SI a algo. O finado de Mario Onaindia aleccionounos hai ben anos sobre a necesidade de abandonar o territorio ideal da esquerda anti-todo e avanzar, sen dubidas, na construción dunha esquerda que fose pro-algo. A recomendación está aí mais desta volta non toca ser pro-esta-Constitución, que respecto pero sobre a que teño abondosas dúbidas e críticas. Verifico asemade a disimetría perversa que se produce neste pre-debate referendatario: o texto consitucional é excelente até que os partidarios do NON demostren o contrario. O argumentario do NON é sometido a unha rigorosa análise de calidade da que está preservada a propaganda do SI. A xustificación das posturas contrarias a esta Constitución debílitase se se arma con palabras totem (neoliberalismo, nacións sen Estado, déficit democrático, autodeterminación, pobo...) mentres que a afirmación da Consitución se estea, sen complexos, en palabras totem identificadoras de ideais e valores non menos virtuais ou dificilmente practicábeis. A carga de esixencia democrática está tan desigualmente repartida que un, só por aforrarse enerxías intelectuais, estaría disposto a asumir a vía de Los del Río para a sancionar a Constitución Europea: «Nós por qué imos dicir non, se non a limos.» [desculpen a ligazón a tan (des)prestixioso medio]. Subscribo, con todo, as palabras de Coco: «Hai xente a que nos gustaría un nacionalismo político –non ideolóxico– europeísta e moderno, capaz de levar ata as últimas consecuencias un proxecto de soberanía nacional no marco dos grandes ideais emancipadores nacidos en Europa: liberdade, igualdade e fraternidade» e comparto a súa canseira asalmonada, pero non o sentido do seu voto. Farei por aguantar criticamente até o seguinte relanzo do río e, se facemos ben as cousas, poder votar que SI no vindeiro referendo do Estatuto de Galiza.

24/01/2005

Esencialismo europeista

Acudo ao debate sobre a Constitución Europea que promoven Tempos Novos e Vieiros. No acto Miguel Barros, concelleiro vigués do PSdeG, defende afervoadamente o SI botando man dunha retórica enchoupada en palabras totem, teleoloxismo e unha visión culturalista e mesmo providencialista de Europa e do que, reiteramente, identifica como Civilización Occidental. Manda nas súas palabras un europeísmo esencialista tan primario e unha interpelación cívica tan cándida que desarma calquera vontade de Realpolitik. Carlos Aymerich na súa quenda debullou con precisión de constitucionalista o Tratado, sinalou os déficits democráticos concretos, subliñou as carencias da súa arquitectura institucional e fuxiu (maiormente) do doutrinarismo para argumentar o NON. Hai unha divisoria histórica que diferencia o nacionalismo cívico do nacionalismo esencialista e no curso do debate evidenciouse tamén a existencia dun europeismo esencialista e dun europeismo cívico. Gañou por convicción, capacidade analítica e fondura democrática o argumentario de Aymerich. De Barros salvouse apenas o seu optimismo cego sobre o explendoroso futuro que lle agarda á Unión Europea.

20/01/2005

Exit

Na contra de La Vanguardia vou dar cunha entrevista co músico e cineasta serbio Emir Kusturica. A caneiro aberto afirma que «as guerras as financian os mesmos que subvencionan as ONG. As multinacionais pagan partidos e políticos para que as declaren». Preguntado para que queren as ONG, remacha: «Para lavar o sangue e as consciencias dos cidadáns que votan a eses políticos que ordenan bombardeos. As ONG recollen os feridos e son a súa coartada para ser politicamente correctos despois de lanzar bombas sobre nenos en nome da democracia.» O resultado da entrevista é esmagador aínda que só fose porque comecei o día sendo rifado pola responsábel dunha ONG que me sacode contudentemente por apoiar decisións sen ter toda a información. Véxome contra a miña vontade no medio dunha enleada tremenda na que se mesturan estratexias (que comparto) e asuntos familiares (que descoñezo) pero que resultan absolutamente decisivos para determinar a marcha da ONGD. Dubido moito que as nosas cativas ONGD formen parte do cálculo de ningunha multinacional, nin que sexan peón ningún na xeoestratexia mundial dos poderes económicos, pero temo que, debido á súa liliputiense dimensión, moitas non pasen de ser unha sombra chinesa das familias sen ánimo de lucro que nelas se proxectan. A rifa que tiven que aturar non só me estragou a celebración dos meus corenta e catro anos, tamén fixo que o meu compromiso se derramase en desgana. Sexa polas declaracións de Kusturica, sexa pola miña idade, polas limitacións de tempo que me impon o traballo ou polo desesperanzado desengano matinal, decido darme de baixa e tomarme un tempo de reflexión sobre os meus compromisos. Desque me borrei só sinto a fel amarga da tintura na miña boca.

18/01/2005

Saír ao claro

Permaneceron máis dunha década agochadas nas selvas guatemaltecas. Dicíanse Poboacións en Resistencia. Movíanse de día e de noite para evitar ser localizadas. Movíanse de noite e de día para salvagardar as súas vidas. Movíanse día a día para aleitar as súas liberdades. Movíanse noite tras noite para facer medrar a súa dignidade rebelde. Vivían no escuro da selva e un día decidiron sair ao claro... Brétemas, Lolo, Nallo saen ao claro, ocupan fachendosamente o seu lugar nos cómaros resistentes do Blogomillo e así alivian o cerco sobre os pioneiros. Blogs en Resistencia que saen ao claro para deixar claro que isto se move e que os cambios que Galiza demanda poden resultar imparábeis. Irmandade de letras clandestinas felizmente ampliada.

Suxestivo Babel Euroconstitucional

Na pasada fin de semana, os principais xornais entregaron, acompañando ao suplemento dominical, o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa. Editáronse catro millóns de exemplares desigualmente repartidos entre as linguas do Estado: 3.540.000 en castelán, 400.000 en catalán, 30.000 en euscaro e 30.000 en galego. En Galiza a difusión letrada non deu para moitas farturas: tocounos un exemplar por cada 66 cidadáns... quizais por iso os trasnos da loxística quixeron botar unha man e ciscaron polos quioscos unha partida adicional de Euroconstitucións en catalán, e mesturando allos con bugallos e carallos tornaron o esforzo divulgador nunha romexida torre de Babel. Con todo, a máis feliz das iniciativas débese, como non, a El País que, sabedor de que para que triunfe o SI no referendo é máis necesaria a seducción que a información, decidiu acompañar os exemplares gratuítos da Euroconstitución cun libro de galano: La Celestina de Fernando de Rojas. Aí si que estivo viva a intelixencia polanquista.

16/01/2005

Agardar o peor

Paseo O mundo de hoxe de Ryszard Kapuscinski dun lado para a outro e morosamente avanzo na súa lectura. Dou cun estalo agudo arrincado do seu Lapidarium I : «Non existe peor mestura que a da arma, a estupidez e o medo. Dela non se pode agardar senón o peor.» Non discuto o certo da afirmación mais hai outra combinación non menos terrorífica, é a que amalgama unha puñada de votos, a estupidez e o medo. Canto máis se repare no tratamento político e mediático que se lle está dando ao Plan Ibarretxe máis dura é a diagnose sobre a saúde da nosa democracia que avanza cara a un estado próximo ao coma. O «acordo para tomar acordos» que anuncian o Partido Popular e o PSOE para afrontar de modo concertado as reformas constitucionais e estatutarias atufa ao involucionismo dun bipartidismo propio da Restauración. A proposta da España plural do PSOE derrétese no molde autoritario que o Partido Popular lle deu ao «bloco constitucional» e o argumentario contra o soberanismo de Ibarretxe que fornece o PP –e o PSOE emprega sen modulación perceptíbel– é tamén perfectamente usábel contra o reformismo forte de Pascual Maragall. Unicamente parecen non darse conta os dirixentes zapateristas. Encorados polo medo a ser considerados un partido feble sen sentido de Estado, e cada vez máis conscientes da súa interinidade, abandeiran estupidamente a política dos outros tal e como a formula o emerxente lema do bonovazquismo: «La libertad en España es incompatible con la negación de España.» (A frase é de Jiménez Losantos pero Bono e Vázquez a subscribirán sen reparo ningún). Nestes dias o think bank socialista traballa afanosamente na derrota de Ibarretxe e, atordados, achantan obstáculos ao retorno triunfal do arznarismo (e quen sabe se do propio Aznar) á Moncloa. Teñen tan pouca confianza no seu programa político que unicamente atopan seguridade no do Partido Popular.

13/01/2005

Diálogos


Estará en Compostela José Luís Guerín. Quen poidera achegarse até o seu obradoiro de cine e debullar con el algunhas das escenas de En construcción.
Dous albañeis protagonizan algúns dos mellores diálogos da película de Guerín. Un inmigrante marroquí, Abdel Aziz El Mountassir, e un galego (Santiago Segade). Tenrura revolucionaria e un receoso descreimento trazan os seus falares entre recebados, masas e ladrillos. Abdel adoutrina amigabelmente ao noso paisano cun calido anticapitalismo. Segade unicamente quere vivir (e durmir) tranquilo. «O capitalismo desaparecerá como desapereceu o feudalismo e o escravismo...» vaticina Abdel fronte a un esceptico Segade que aliña ladrillos. Partillan o duro traballo e as noites de insomnio e pesadelos. Os soños emancipadores unicamente aniñan en El Mountassir.
Tras a filmación, Abdel Aziz El Mountassir seguiu traballando na construción do bloque de vivendas que documentaliza Guerin e despois conseguiu un traballo como fregapratos e axudante de cociña no restaurante Gente de pasta. Recolleu o premio Goia outorgado a En construcción en 2002 e pronunciou un duro discurso contra «a agresión nazi do xenocida Ariel Sharon contra Palestina». Aos poucos abríronselle novas oportunidades como actor e participou na curtametraxe Amigo no gima de Inaki Peñafiel e nunha obra teatral, El retorn al desert, dirixida por Carme Portaceli. Adquiriu sona polo seu discurso contestatario o que lle levou mesmo a presentar libros en compañía do finado Manuel Vázquez Montalbán e a participar como contertulio no programa radiofónico La ventana que presenta e dirixe Genma Nierga na SER.
No suplemento dunha publicación de Comisións Obreiras de Cataluña, Lu!ta, Abdel Aziz El Mountassir escribe o seu abecedario. No D, «Democracia: Poder do pobo, ten todo o poder e nada do pobo, agás os procesos de lexitimación por urna cada catro anos, un cheque en branco. Hoxe democracia é un alias e unha auténtica denominación de orixe, o que hai debaixo é o capitalismo salvaxe.» No L, «Liberdade: mitoloxía maciza. Os pobres nunca somos libres.» No T, «Traballo: instrumento de tortura.»
Do Abecedario de Santiago Segade nunca nada saberemos.

09/01/2005

Ao Sur


Fuxida ao sur próximo, deixando atrás os primeiros días dun xaneiro treboente e cangado de malalegría. Xornada e media por terras de Portugal á procura do mar bravío. Parada en terras do sonado galo para a descuberta dun singular prato -filetes de xardiñas e de polvo– e camiño apresurado cara a unha cidade que quere ser, pero non o consegue, unha nova Las Vegas da fachada atlántica de Europa. Praia aberta ao mar e paseos pola area deixando escapar o tempo. Retornarmos da ponte na procura do limes e, estraviados por estradas secundarias, ascendemos paredes graniteiras. Feireamos á sombra dos cervos ollando ese río que nos leva. Remata a tregua e reanudamos co domingo as ocupacións paralaborais e a preparación dun luns que se enxerga ameazante.

05/01/2005

Números máxicos


Lembrando ao seu irmán Felix, morto no transcurso dunha escalada, Alberto Iñurrategi anota un dos seus ditos preferidos: «Un non é un, dous son dous e medio.». Todos os montañeiros saben que o éxito da cordada depende deste paradoxal e máxico xogo matemático. Unicamente o saben os montañeiros? O retallo está tirado dun libro precioso –Hire Himalaya– escrito a golpe de piolét e sacrificios inmensos. Vacina contra o desánimo. Ideal para enfrontar a costa de xaneiro.

04/01/2005

Enrugas da conciencia

Otero Pedrayo anota no seu Ensaio histórico sobre a cultura galega: «Poida que neste momento, nalgún recanto de Galicia estea morrendo un vello que leva consigo para a tumba o eco lonxincuo dunha lenda, ou un caudal de palabras sonoras e expresivas, que xa ninguén fará coñecer entre os vivos. [...] Mais a nosa angustia ten, de pensarmos un pouco, inmediato alivio: a lenda ou a palabra aparentemente desaparecida deixará unha enruga na conciencia da Terra Galega [...]. Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas, e o non as determina a idade senón o sopro interior que as anima.» Abraiaríase o afidalgado don Ramón de como se lle pasa o ferro á conciencia nestes feros tempos e do mal que resisten as súas enrugas o esmagador paso da desmemoria. Hai dous dos riscos da enfermidade de Alzheimer –a perda das habilidades sociais e a perda da identidade– que caracterizan igualmente estes tempos nosos. Vivimos nun mundo alzheimerizado: a orde actual das cousas apenas nos deixa relacionarnos con ben e contundentemente non nos deixa ser quen somos. Nun cartaz libertario de hai algúns anos alguén á desesperada imprimiu: «Somos e seremos quen queiramos e non quen queiran que sexamos.» Esperanzada resistencia.

03/01/2005

Tempo, desmemoria e morte

Velaí vai case o 1% do ano 2005. Tempus fugit. Un malgasto autentificado. Confío en que sexa a derradeira e malfadada entrega de 2004. Agardo que o 99% restante sexa dun signo ben distinto. De momento deu de si: unha cativeira xornada laboral mais dous días repartidos entre responsos, velorio e funeral. Se como te enterran é un sinal inequívoco de como te trataron nesta vida e mesmo do aprezo que te levas, vaia por Deus, pobre da señora! Non descubrín por ningures o máis mínimo sinal de do nin de dor. Non houbo sequera lugar para a hipocrisía e o pranto convencional. O desinterese pola morta era absoluto. A finada foise como se nunca tivese pasado por este mundo. Xa non é que non a chorasen, era como se nunca existise. Non a querían. Non era. Entre os seus, o seu corpo ocupaba un lugar, na memoria dos seres ditos queridos non ocupaba nin ocupará ningún. Infinita tristura a de non ser e a de saberse nunca lembrado. Se o inferno é que ninguén atenda a túa voz, a señora xa viviu no inferno e nada do que haxa no alén será peor que a despedida que lle tributaron os seus no aquén. Triste de asombrar. Para esquecer. Para lembrar.