25/02/2007

Conta atrás

Descontado o fracaso do Novo Estatuto; as eleccións municipais do 27 de maio sinalan o próximo desafío político e o barómetro de inverno de Sondaxe está aí para sinalar o inicio dunha nova xeira. A enquisa apunta, respecto á prospectiva de outono, unha tendencia de moderada baixa para o PSdeG, a estabilización do voto municipal do BNG e un avance limitado do PPdeG.

As dificultades (relativas) do PSdeG

En contraste, o pasado barómetro de outono ofrecía un saldo moi positivo para o PSdeG e unha creba de expectativas para os conservadores que estaban amenazados de perder as alcaldías de Vigo, Ourense e Ferrol. Pola súa parte, o barómetro da USC de 2006, feito público en decembro, achegaba tamén un considerábel avance electoral dos socialistas que ganarían seis escaños, sumando 31 deputados, e superarían en dous ao PPdeG. Segundo a prospectiva da USC, o BNG acrecentaría en dous escanos a súa representación parlamentaria pasando de 13 a 15 deputados.

A entrega de inverno de Sondaxe, non obstante, limita o optimismo sobre a consolidación do cambio político e do seu liderado polo PSdeG. Á mingua de crédito contribúe, sen dúbida, a perda de vigor do «efecto Zapatero» por mor da falta de empuxe da acción do seu executivo en case que todas as materias de interese cidadán –desemprego, vivenda, inmigración...– , o fracaso do seu proxecto de «España plural» para unha nova acomodación dos autogobernos das nacións do Estado, e a liquidación do proceso de paz en Euscadi tras o atentado da T4.

Neste tempo e malia a situación da boanza económica, o PSOE non foi quen de ampliar a súa vantaxe respecto do PPdeG que xa lle lambe electoralmente a caluga, contradicindo o vello principio segundo o cal os cidadáns xulgan aos seus gobernos en función do que «lle poñen no prato». A boanza económica presenta paradoxalmente no seu envés un crecente malestar político co Goberno Central. Carteira e voto marcan preferencias diverxentes.

En Galiza as dificultades do executivo de Rodríguez Zapatero non axudan a mellorar a súa percepción como un goberno preocupado polos problemas galegos. Nin o estudo postelectoral do CIS de 2005, nin o barómetro da USC ratificaron a súa imaxe como «goberno amigo» de Galiza. Os cidadáns galegos que consideran que ás políticas do goberno de Madrid son regulares, malas ou moi malas superaban os dous terzos en 2005 e o barómetro universitario non achegou unha melloría significativa.

O último encontro dos dous presidentes na Moncloa ofreceu un abaixado balance que non acrecentou a credibilidade de ningún dos dous dirixentes socialistas. A sintonía de Monte Pío coa Moncloa non achega vantaxe competitiva ningunha para o PSdeG, máis ben ao contrario, evidencia o pouco peso político e aínda menor capacidade de negociación que ten Touriño en comparanza co PSC e José Montilla.


Con todo, e de confirmarse a prospectiva da sondaxe de inverno, os resultados do PSdeG estarían lonxe de ser malos: confirmarían as alcaldías de Coruña, Lugo, Compostela e Vilagarcia; en Ferrol a posibilidade dunha vitoria fronte ao PP, co concurso de IU e BNG, mantense aberta e cun acordo co BNG podería facerse coa alcaldía de Vigo. A maiores estaría no goberno pontevedrés como socio menor do BNG. A recuada de apoios unicamente recurta a súa representación municipal en Ourense onde cedería un edil en beneficio do BNG. A batalla polas Deputacións seguiría aberta.

BNG, eleccións municipais: unha cita endiañada

A prospectiva outonal estaba tinturada de malos presaxios para o BNG. As eleccións locais son un escenario dificultoso para o nacionalismo, máis problemático nas grandes cidades onde os resultados de 1999 deixaron un listón que é moi improbabel que se acade no curto prazo. A perda das alcaldías de Ferrol e Vigo, e o abandono do goberno en Lugo en 2003 foi un duro revés que a «crise viguesa» coa saída da alcaldía de Ventura Pérez Mariño non fixo máis que amplificar.

O BNG resultou decisivamente danado como «forza gobernante»; desestimada como peza central da gobernación nos grandes municipios foi abaixada a un papel de complemento de goberno, entregada a unha posición de subalternidade que só foi quen de salvar en Pontevedra e nunha presada de concellos (Allariz, Fene, Carballo, Arzúa, As Pontes...).
Desde aquela o BNG ten dificultades para mellorar os seus rexistros electorais nos grandes concellos á par que se consolida nos municipios de tamaño medío, confirmándose como unha forza maís vilega que estritamente urbana.

Silenciadas as retesías internas, despois da XIII Asemblea Nacional, a nova executiva enfronta as eleccións sen ter forxado un sólido consenso e evidenciando unha gran febleza para retormar a iniciativa política do nacionalismo que segue a depender basicamente da súa acción na Xunta de Galicia. Ninguén descarta que uns malos resultados nas municipais de maio activen outra volta a crise latente na que está instalada a fronte nacionalista.


Cangadas de continuismo as listas do BNG nas grandes cidades ofrecen poucas esperanzas a avances electorais significativos. Sen dúbida, o mais relevante será o test ao que se somete Santiago Domínguez (xa que da súa capacidade para cativar ao electorado vigués depende a gobernación progresista da cidade) e a verificación da fortaleza do voto vilego do BNG.

De corroborarse os resultados da sondaxe, o vindeiro 27 de maio, o nacionalismo mantería a alcaldía da cidade do Lerez, malia ao seu presumíbel retroceso electoral; podería volver ao goberno de Vigo grazas á recuperación de apoios cidadáns da candidatura de Santi Domínguez; ratificaría a súa presenza institucional en Compostela; e, se as cousas se torcen un chisco mal para Juan Juncal, produciríase o retorno ao executivo local ferrolán. En Ourense, unica praza na que o PPdeG semella estar en condicións de garantir a maioría absoluta, o BNG podería ver confirmado o seu papel como principal partido da oposición, mentres que na Coruña, Lugo e Vilagarcía de Arousa, os resultados do nacionalismo semellan que non van ser decisivos para a conformación dos gobernos municipais.

Ratificación da hexemonía local conservadora?

A posición desvantaxosa do PPdeG nas cidades soamente poderá ser compensada polo voto nos pequenos e medianos municipios. O seu obxectivo estratéxico é ben claro: afortalar a súa posición hexemónica no poder local mantendo o 70% dos gobernos municipais e tres das catro Deputacións provinciais. O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, expresou nas páxinas de Galicia-Hoxe a súa confianza de que «a mala xestión da Xunta debería ter o seu traslado aos resultados nos concellos, porque saen prexudicados desa xestión e iso tense que notar». A rede municipal do PPdeG é a súa reserva de poder e o seu desexado retorno á Xunta de Galicia en 2009 depende decisivamente dos seus alcaldes e presidentes das deputacións á espera dos resultados que deparen as eleccións xerais.

Alfonso Rueda nas súas declaracións quítalle presión ao líder do PPdeG, pero salienta a importancia estratéxica dos comicios municipais: «Núñez Feijóo non se presenta ás eleccións, aínda que é presidente do partido isto non é unha proba persoal de ninguén. Hai que tomalo como un referendo de que os galegos seguen percibindo que seguimos sendo o partido de goberno en Galicia a nivel municipal, e a partir de aí, gañar outras eleccións.» Con todo, cando tomou posesión como presidente dos conservadores galegos, Núñez Feijoó non dubidou en cualificar as eleccións municipais como a súa reválida e unha proba da consistencia do proceso de renovación do Partido Popular de Galicia.

Resultados estratexicamente relevantes

No envés das valoracións, o presidente Touriño quere rebaixar a significación estratéxica dos comicios locais de maio. Diante do Comité Nacional Galego do PSdeG afirmaba o sábado que «as eleccións municipais non serven para nada máis que a sorte e o futuro de cada concello, non como din os estrategas da nada». Se así o cre, erra de vez e non sabe canto.

En primeiro lugar, as eleccións municipais serán decisiva para medir a correlación de forzas entre o PP e o PSOE e só ao presidente Touriño parece escaparselle que serán unha sorte de primarias das vindeiras eleccións xerais. Un revés significativo do PSOE nas grandes áreas metropolitanas e nas capitais de provincia fará abanear o goberno de Rodríguez Zapatero e deixará ao PP en inmellorábeis condicións para retornar á Moncloa. E, en segundo lugar, de validarse a posición hexemónica do PPdeG nas administracións locais de Galiza, o imaxinario popular recoñecerá ao cogoberno PSdeG-BNG como un goberno en situación de interinidade, co tempo contado e o futuro hipotecado polo que aconteza nas eleccións xerais. Unha primeira confirmación de que o «cambio político» é reversíbel en curto prazo.

O presidente Touriño debería saber xa que unha forma fantástica de perder as batallas é crer que só vai ser unha escaramuza miúda e que a súa resolución non vai ter consecuencia ningunha. Alguén debería prescibirlle ao inquilino de Monte Pío unha lectura intensiva de A arte da guerra de Sun Tzu ou un pouquiño máis de sentido común estratéxico que vén ser o mesmo.

17/02/2007

Caso aberto

Leva camiño de converterse nun novo culebrón informativo. El País concédelle grande interese. O protagonista acumula encontronazos co xornal e todo augura que non haberá tregua. O caso aberto é un conflito de sinaléctica e de ocupación de espazos. Pero baixo a primeira tona hai máis.

Un vicepresidente...

O secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, quere que se singularice o papel e peso político do Vicepresidente Quintana no cogoberno, aspira a acurtar a distancia simbólica entre o Presidente e o Vicepresidente, e teima por agrandar a fenda institucional respecto dos demais conselleiros. Anxo Quintana non é o Vicepresidente da Igualdade e Benestar, é o Vicepresidente da Xunta de Galiza. Quintana non pode pasar por ser un conselleiro cunha nominación honorífica vicepresidencial; é, ao moi contrario, un Vicepresidente que ademais ten baixo a súa responsabilidade os asuntos de igualdade e benestar (que sexa dito de paso deberán ser bastantes transversais en todas as demais áreas de xestión do noso goberno). De aí que todo se rotule rotundamente como Vicepresidencia, sen letra miúda ningunha máis.

... ou un máis

O Conselleiro da Presidencia, o outro antagonista, vela polo seu estatus, pola rigorosidade da imaxe corporativa e, como non, pola grandeza do seu Presidente. Sabe ben que hai que raquitizar –no posíbel– a imaxe de Quintana como número dous e evitar que se impoña –mediática e sinalecticamente– unha americanización do goberno galego (xa saben, nos Estados Unidos o Vicepresidente é coma outro Presidente, con moitos poderes e mesmo cunha estrutura executiva propia). A menor proxección de Quintana, maior estatura de Touriño; de aí a tensión por poñer a cada quen debaixo do rótulo que, segundo o decreto de poderes e a imaxe corporativa, lle tocou tras o Pacto de Goberno de 2005.

Saberes

Debemos pensar que todo isto é un asunto banal, irrelevante mesmo pueril? Para deixarnolo ben claro, o psiquiatra Thomas Szasz afirma que «no reino animal a regra é devorar ou ser devorado, no humano a cuestión é definir ou ser definido». En asuntos de canibalismo político, protocolo institucional e taxanomía corporativa o criterio de autoridade do psiquiatra Szasz semella que debe ser tido moi en conta. Hai que elixir entre definirse ou ser devorado.

Un secretario xeral de Relacións Institucionais debe ocuparse destas cousas? No meu barrio dirían que se lle sobra o tempo si. Se non é así, mellor que se dedique a definir políticas, concretar novas iniciativas e gañar novos apoios cidadáns para os proxectos do Vicepresidente. Hai que concluír que lle sobra tempo e poderío?

O secretario xeral de Relacións Institucionais ten moito poderío pero non é popular. Quizais todo se deba a que sigue o consello de Nicolás Maquiavelo polo que «o príncipe ten que ser máis temido que amado». Sobrará quen me corrixa e sosteña que Antón Losada a base de enfouzarse nas guerras de definición e no canibalismo corporativo vai camiño de nunca ser amado e axiña deixará de ser temido porque a xente adoita temerlle ao poder pero non a unha caricatura do poder. Debería verse este problema de imaxe que embafa tanto o seu futuro político como damnifica o do Vicepresidente Quintana.

Pola parte de alén, ao señor Méndez Romeu tampouco non lle viría mal acougar: neste país
ninguén le a letra pequena –esa que pon da igualdade e o benestar– e ao señor Quintana hai dúas condicións que lle recoñece case que todo o mundo: é o Vicepresidente e é do BNG. Cómprelle ao conselleiro da Presidencia non herniarse con esta enleada nominalista e deixala correr.

Unha polémica de tres ies?

Segundo o medido criterio de Julian Barnes, as responsabilidadades dun escritor son: ser intelixíbel, ser interesante, ser intelixente. Teño para min que son características que igualmente debe ter calquera boa polémica política. Intelixibilidade, interese e intelixencia. Moito ten que mellorar este caso aberto sobre sinaléctica institucional para que sexa intelixíbel para os cidadáns, para que o atopen interesante e, xa non digo, para que se asuma que é intelixente. En fin, á vista de como están as cousas quizais o máis prudente sexa deixar de escribir para que non o devoren a un, quero dicir para que non me definan. En que diaño estarei pensando...

[Actualización 18/02/2007: Os que faltaban para elevar o nivel de intelixibilidade, interese e intelixencia xa chegaron]

15/02/2007

A tsunami de cemento

Unha desmandada tsunami de cemento desola a costa, estraga espazos naturais e imponse como motor dunha economía baseada no lucro depredador e no consumo seriado. Xera riqueza express, ordena veladamente intereses políticos e obedece paulovianamente a voraces promotores inmobiliarios. As grandes áreas metropolitanas do Estado foron banco de probas, colonizou logo a costa mediterránea e aleitou fabulosas fortunas. Eivadas as tradicionais bolsas de solo urbanizábel, a vaga urbanizadora ameaza o litoral galego.

Galiza posúe o 35% da liña costeira do Estado e soporta na súa beiramar unha cota de superficie urbanizada do 15,8%, sobardando en case tres puntos a media estatal. Os nosos concellos ribeiráns suman 816.000 vivendas e, en 2010, terán, de cumprirse as previsións, outras 620.000 máis.

O arquitecto Rem Koolhaas estudou as cidades xenéricas, produto urbanístico sen identidade, liberado da historia e afincado na ausencia de norma. A cidade xenérica comparte ADN co modelo urbanístico que devasta o noso litoral, xorde da táboa rasa e da proscrición do planeamento, descoida a calidade de vida dos cidadáns e alenta a corrupción.

As pequenas marbellas nadas da euforia urbanizadora son espazos políticos sedados, acalmados pola permisividade da infracción e por un clientelismo redistribuidor das frangullas marxinais da especulación. Son feudos domeñados por alcaldes con amplos poderes no mercado do solo e fixan autoritariamente o skyline do concello. A súa política despreza o coidado do público e dos servizos básicos, sabedores de que os novos enclaves só estarán ocupados temporalmente –segunda residencia, praza estival...– por cidadáns en tránsito que demandan ocio rotineiro, zonas de compra e seguridade, pero que non castigarán electoralmente o feismo construtivo ou o derrame do patrimonio natural. Unha democracia de esixencia cero.

A Xunta adiantou que impedirá desenvolver solo urbanizábel a menos de 500 metros do mar. A lei entrará en vigor a mediados de 2007 se a súa vontade política non abranda tras a guerra do ladrillo que iniciarán grandes promotores e alcaldes investidos como empresarios político-inmobiliarios. Combate desigual se non se encara coa axuda dunha cidadanía esixente e cun programa firmemente sostido por PSdeG e BNG.

No debate sobre a megaexplotación urbanística da costa non intervirá positivamente unha cidadanía atomizada por un raizado individualismo propietario que aplaude a liberalización absoluta do solo para gañar máis no zoco inmobiliario. Tampouco han ser sostén do goberno políticas reactivas, ao xeito de non-no-meu-patio, coas que, ás veces, coidamos do benestar próximo fronte aos desmandos ambientais ou a construción de maldeseñadas infraestruturas.

O urbanismo, invisibilizado pola súa xestión tecnocrática, é das políticas públicas menos accesíbeis e a que máis eficazmente reduce ás persoas aos roles de propietario ou consumidor. Coa prohibición non bastará, hai que armar consenso cívico. O goberno galego deberá investir máis en comunicación social e facer un esforzo na implicación dos cidadáns, se quere ter aliados fronte á coalición de intereses inmobiliarios, financeiros e mediáticos e os xestores políticos municipais.


Axendas locais para a habitabilidade, a humanización dos espazos urbanizados, a dotación de servizos de calidade ou a protección do medio poden parecer fráxiles diques diante da tsunami de cemento e ladrillo mais son, porén, unha peza imprescindíbel dun eco-urbanismo sustentábel co que evitar á destrución do país que, sen a implicación cidadá, non será posíbel.

Publicado en Tempos Novos # 116 (xaneiro 2007), pp. 87-88

11/02/2007

Dragona e outros mundos líquidos

Acudo, con Cesare e Tri, á presentación compostelá de Dragona de Xavier Queipo. No histórico Dado Dadá, coa minuciosidade dun ourivesario editorial, Brétemas introduce ao autor e a súa obra. Como pano de fondo, as músicas que se partiturean no interliñado do libro. Despois Queipo desvela a intrahistoria da novela, dos seus tempos e as súas fatigas; limiar dunha exposición sobre os trazos nomades, fluídos e cambiantes do mundo forzosamente globalizado que compartimos. Debulla unha análise precisa e inquietante sobre a dinámica fonda que (des)estrutura as relacións de convivencia, as personais e as comunitarias. Unha narración de gran forza e alcance sociolóxico, impactante e á altura dos textos do mestre Bauman sobre a modernidade líquida, os seus medos e a señerdade da comunidade como abeiro, afirmación de identidade e garantía de solidariedade.

Os que xa se asomaron ás páxinas de Dragona salientan o desacougo fondo da súa historia. Un pouso negro e pesimista, de busca sen saída que acompaña as vidas e encontros dos seus moitos personaxes. Nas palabras preliminares, Queipo conxurou os perigos dun caos catastrófico e confiou as súas previsións a que da caótica situación actual sairá con ben outro capítulo menos escuro da historia da humanidade.

Desafiante, ao pé da cama, Dragona agarda quenda de lectura. Un aquel de pesimismo demora o seu inicio.

Hoxe, remexendo na rede, dou cunha entrevista con Zygmunt Bauman na que aclara ideas respecto do optimismo e do pesimismo. «A xente optimista afirma que o mundo que temos é o mellor posíbel; os pesimistas son persoas que desconfían que os optimistas teñan razón. Así que, polo tanto, non son nin optimista nin pesimista porque creo firmemente noutra alternativa (e quizais mellor): de que un mundo mellor é posíbel para os meus conxéneres humanos, e que a posibilidade de lograrlo é real.»

E un pouco máis adiante explícase sobre os desafíos que nos agardan: «A chegada do novo século pode conducirnos á catástrofe final. Ou pode ser o tiempo no que se xestione un novo pacto entre os intelectuais e a xente. A elección entre estas dúas alternativas aínda se atopa do noso lado. Creo que, nestas circunstancias, a perda da esperanza é o maior desastre que lle pode acontecer á humanidade. Ter esperanzas é a nosa obrigación.»

Obrigados quedamos. Comezo a lectura da Dragona de Queipo.

01/02/2007

Castelao non tiña reloxo

Entre amolado e irónico, durante a súa estadía parisiense, escribe no seu Diario de 1921: «Teño a manía de non mercar un reló porque tódolos amigos téñeno pra me dicir a hora a min. Coma estou soio i eiquí todo se fai a horas fixas pensei en mercar un...» Unha metáfora do nacionalismo de onte. Medía o tempo con horas prestadas. Todo nel adquiría a dimensión dunha eternidade teleolóxica.

Alguén describiu Galiza como o país onde todo estaba por vir e nada chegaba. Aínda que «os tempos son chegados», apenas nada ten prazo. Non é estraño tampouco que nos sorprendamos pola actualidade de textos de denuncia do nacionalismo que suman case cen anos. As cousas da res publica tiñan unha medida discrecional que non era a medida do tempo. Co cambio político de 2005 os herdeiros de Castelao recibiron un reloxo. E con el a vertixe. Agora o PP esíxelle data a todo e mesmo o BNG reflexionou xa sobre a conveniencia do cambio de fuso horario. O mal non está aí, o problema é que o tempo corre afusquinadamente achegándonos sen remedio a 2008. O ano da reválida. De todas maneiras, para algúns semella que o tempo non se move.