20/05/2007

Cuestionario Proust

Entre as uvas, este cuestionario que contesto sen darlle moito tempo á reflexión.

O principal risco do meu carácter?
Unha paciente impaciencia.


A calidade que prefiro nun home?
Humor e intelixencia.


A calidade que desexo nunha muller?
Humor e intelixencia.


O que máis aprecio nos meus amigos?
As súas agarimosas críticas cómplices.


O meu principal defecto?
Ser moi testán.


A miña ocupación preferida?
Ler e escoitar a xente que ten cousas que contar.


O meu soño de dita?
Que me siga sorrindo a fortuna como até agora.


Cal sería a miña maior desgraza?
A perda dos meus máis queridos.


Que quixera ser?
Amigo de John Berger.


Onde desexaría vivir?
Na Veiga de Cascallá, en Rubiá, ou no Ezaro.


A cor que prefiro?
Azul.


A flor que prefiro?
Os caraveis vermellos.


O paxaro que prefiro?
As merlas e as rulas.


Os meus autores preferidos en prosa?
Fran Alonso, Cid Cabido, Xosé Luís Méndez Ferrín, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Rosa Aneiros, John Berger, García Márquez, Agusto Monterroso e Paco Ignacio Taibo II.


Os meus poetas preferidos?
Fran Alonso, María Lado, B. Atxaga, Gioconda Belli.


Os meus heroes de ficción?
Daniel Fierros, un escritor de novelas policiacas que se complica a vida como detective, ou Pío Manterola, un xornalista a quen lle encanta meterse en camisas de trece varas. Ambos os dous nacidos da imaxinación de Paco Ignacio Taibo II.


As miñas heroínas de ficción?
Amélie.


Os meus compositores preferidos?
John Coltrane que agora está interpretando My Favorite Things que é de 1961, o meu ano.


Os meus pintores predilectos?
O Bosco, Francisco Mantecón, Tapies, Menchu Lamas e o calígrafo Lázaro Enríquez.


Os meus heroes da vida real?
O Foucellas e Agusto César Sandino.


As miñas heroínas históricas?
Petra Kelly.


Os meus nomes favoritos?
Pedro e Mariña.


Que detesto máis que nada?
A estupidez e a maldade.


Que caracteres históricos desprezo máis?
A intolerancia e o mesianismo.


Que feito militar admiro máis?
A resistencia sandinista en Masaya contra a Garda Nacional somocista.


Que reforma admiro máis?
A conquista do sufraxio universal.


Que dons naturais quixeras ter?
Saber entender a música.


Como me gustaría morrer?
Sen sabelo.


Estado presente do meu espírito?
Como diría Manu Chao: malalegría, estou feliz pero me amolan as inxustizas,


Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Todos os que son debidos ao exceso de afecto.


O meu lema?
«Dicimos que algo é imposíbe cando non o desexamos» (como ben lle gustaba recordar a Enrico Malatesta).

15/05/2007

Municipais07: O Presidente demediado

Isto xa foi comentado. No Consello da Xunta do pasado xoves o Presidente Touriño impuxo ao seu gabinete a moratoria de toda campaña publicitaria e propagandística durante o tempo electoral. Onte acudiu a vender as obras públicas que se fixeron en Vigo, plasmación dun compromiso «como nunca existiu nos 20 anos anteriores». Espectacular e coherente. De que materia está feito o noso Presidente?

Coa mesma e por segunda vez, Touriño renunciou a participar nun debate televisivo. Ofreceu as súas razóns: «Nunca contribuirei nin a tapar os candidatos nin a condicionar ou perturbar o debate dunhas eleccións que son municipais». El non tapa a ninguén. Unha modestia fascinante.

O gran problema de Touriño é a súa natureza demediada, ese esgazamento entre a súa pretensión de ser o presidente de todos os galegos e a súa condición persoal e intransferíbel como secretario xeral dun moi utilitarista PSdeG. Como secretario xeral impónselle a natureza electoral depredadora, como presidente domina unha natureza cesarista superadora de todos os intereses privativos. Abanea entre as dúas, unhas veces vaille e outras venlle.

Touriño sabe que é o gran argumento electoral do PSdeG, neste momento de resolución municipal mesmo moito máis que Rodríguez Zapatero. Na posta en escea os alcaldes do PSdeG son «os alcaldes do Presidente», a ningún lle incomoda verse tapado polo Presidente Touriño, ser arroupados polo máximo Poder fainos electoralmente máis competitivos, estar perto do Gran Conseguidor multiplica as súas posibilidades de éxito nun dos países máis clientelares do mundo-mundial.

Outras veces, Touriño faise invisíbel. Desaparece cando a súa imaxe presidencialista pode verse devaluada ou abertamente cuestionada. O Presidente unicamente se mostra en foros con audiencias cativas ou entregadas. Non está disposto a asumir ningún risco. Só salta ao terreo de xogo para gañar. A opción é intelixente, pero non o fai moi críbel.

Un experto en marquetin electoral, Enric Ordeix, defende que «se vota moito máis polo que se oe dicir sobre os políticos que polo que eles en realidade din».
E comeza a oírse (sobre todo entre os do seu partido) que Touriño nunca dá a cara nas duras e que iso non lle fai ningún ben. Pero claro que con Touriño nunca se sabe se realmente é el, o que está en todo, ou o outro que sempre se agocha, xa que dicir, din exactamente o mesmo un co outro. Gastan as mesmiñas esculpatorias palabras.

13/05/2007

Municipais07: A pole position na Gz-8

Consumida unha quinta parte da campaña La Voz de Galicia publica a súa primeira sondaxe electoral. A entrega dominical ordena a pole position dos comicios na Gz-8 e faino coa autoridade que lle outorga a precisión de encuestas anteriores e, sobre todo, a verosimilitude dos escenarios que presenta. As enquisas que prepara Sondaxe para La Voz teñen un plus de credibilidade adicional ao facerse dentro dunha serie longa de esculcas, aínda que acheguen sempre unha velada carga de discrecionalidade por non ser o Grupo Voz un conglomerado mediático moi dado á despaixonada neutralidade política. Como sexa, a súa calidade, como nas grandes novelas, baséase na indiscutíbel verosimilitude da súa trama.

As sondaxes son tan denostadas como tidas en conta e por moito que nos debrucemos nelas nunca estaremos certos de se sirven para representar un estado de opinión, para condicionar as preferencias cidadáns ou para ambos dous fins ao mesmo tempo. A posición referencial que La Voz ten no sistema de medios galegos fai impesábel pasar por alto os seus vaticinios. Un botón de mostra: no inquerito sobre o Clima social e político que realizou a Consellaría de Presidencia o pasado marzo, o 52% das persosas entrevistas dicían ler La Voz de Galicia, seguíalle a moita distancia o Faro de Vigo (17,7%) e El País (6%). Nos demais soportes ningún medio acadaba unha posición hexemónica tan indiscutíbel: a Cadena Ser, entre as radios, contabilizaba o 30% e a Galega o 18%; nas televisións a Galega faciase co liderato cun mínimo 18% e a TVE con 16%.

Tendencias

A nova entrega de La Voz introduce algunhas novidades respecto da diagnose realizada na precampaña pero mantén as grandes tendencias no comportamento electoral. A saber, na Gz-8 o Partido Popular xoga a defensiva, sen capacidade para ameazar seriamente as maiorías progresistas en ningures, e ten unha posición moi desafavorábel para reter as tres alcaldías que a día de hoxe xestiona. Os conservadores aumentan crédito en Vigo e A Coruña e caen en Ferrol e Santiago.

O PSdeG vai dacabalo dunha onda alcista que lle permite mellorar os seus resultados en Santiago e Pontevedra ou manterse, agás en Vilagarcia de Arousa onde o descoñecemento do candidato mingua as súas posibilidades. Acrecéntanse, con todo, as súas expectativas de facerse coas alcaldías de Vigo e Ferrol e de soster as maiorías absolutas onde actualmente as detentan.

As tendencias do BNG son as máis suxeitas aos condicionantes locais: ten boas expectativas en Ourense, unha manifesta recuperación en Vigo, outra moitísimo máis moderada en Lugo; desgástase minimamente en Pontevedra; corrixe levemente a súa caída en Ferrol e fica entalado nas outras grandes cidades (Santiago, Vilagarcía e A Coruña).

Decídese no Sur

Todo apunta que Juan Juncal perderá a alcaldía de Ferrol en beneficio dun tripartito con presenza de PSdeG, do BNG e da Esquerda Unida, que tamén amplia o seu oco electoral en Vilagarcía de Arousa. O partido dos indecisos será determinante nas dúas prazas máis desputadas da Galiza sudista.

Vigo semella camiñar cara á formación dun goberno de coalición que liderará Abel Caballero pero que terá en Santiago Domínguez o seu segundo home forte, especialmente se se materializa a tendencia á recuperación que demostra o BNG na cidade atlántica e que, se non erra a sondaxe, igualaría en representantes ao PSdeG. En Ourense, o candidato do BNG, Alexandre Sánchez-Vidal, a pouco que se erosione o crédito de Enrique Nóvoa, pode facerse coa alcaldía asestando un duro golpe ao sistema de poder do baltarismo.

As expectativas en Ourense e Vigo están unicamente empardecidas pola mantenza de grandes bolsas de indecisos que engordan, respectivamente, até o 32,6% e o 27,9%. Pola contra, botan un pouco de luz esperanzada os datos achegados no avance de La Voz de onte: a valoración da acción do Goberno galego supera amplamente o da xestión local en Vigo, o que pode interpretarse como un aval ao labor do PSdeG e BNG, e en Ourense a estima política do Goberno Central supera a do poder local e a da Xunta iguálao.

Coda

A posición privilexiada de La Voz permítelle algúns encantamentos, un deles é que a súa sondaxe faga esquecer os auténticos resultados electorais de hai catro anos e reemprazalos por unha especulativa pole position. Alguén pode dicir que a carreira non fixo máis que comezar e que quedan por diante aínda doce voltas. Ten toda a razón, pero os corredores digan o que digan non deixarán de ver no seu retrovisor os datos que hoxe imprendou o xornal coruñés.

12/05/2007

Municipais07: Coalicións e outros aborrecementos

O embaixador no Vaticano acudiu a bendicir ao seu herdeiro consistorial e aproveitou o primeiro mitin de campaña para proclamar a súa adversión estratéxica ás coalicións. Francisco Vázquez nunca as precisou, foi sempre xestor de maiorías absolutas e absolutísimas. Ser a icona coruñesista do Grande Alcalde limitou a súa proxección política fóra da sombra alongada da Torre de Hércules, pero a súa incapacidade para o diálogo e a converxencia política cos demais tamén impediu ao PSdeG ser alternativa de goberno en Galiza durante unha longa tempada.

Hexemonía conservadora, complemento vazquista

O vazquismo foi moito máis que a expresión dun localismo extremoso, era igualmente a variante municipalista do bipartidismo de carimbo felipista, o seu necesario complemento local. A cesión estratéxica de Galiza a Alianza Popular, ideada por Felipe González e Alfonso Guerra, como garantía de inclusión no sistema da dereita conservadora, derivou despois cara á renuncia do PSdeG a discutir seriamente a ultrahexemonía do Fraguismo.

A solución alternativa ao proxecto de Galiza –como a Baviera do Partido Popular– pasaba por unha coalición do PSdeG co BNG, algo que era irreconciliábel co levadura ideolóxica esencial do vázquismo: a redución da política a un xogo de dous e a imposición dun réxime de aparheid insitucional ao nacionalismo galego.


Sen maiores problemas internos, o PSdeG asumiuse resignadamente como complemento do PPdeG e non como a súa alternativa mentres que non madureran as condicións necesarías para callar unha maioría electoral de seu. A accidentada historia do Goberno tripartito de González Laxe alentou o isolacionismo estratéxico dos socialistas en Galiza. Había poder suficiente en Madrid e na rede de grandes concellos como para esperar, pacientemente, pola chegada do natural relevo turnista do PPdeG, unha vez que se producise a desaparición biolóxico-política do Gran Patrón.

Co PSdeG emburullado na política de agardar e ver, nunca se pretendeu seriamente remover as bases sobre a que se foi consolidando vagarosamente o Fraguismo como fase superior do bipartidismo invertido que se ensaiou en Galiza durante dezaseis anos.


Aborrecemento das políticas de coalición

Aínda hoxe, o vazquismo comparte coa dereita galega a consideración das políticas de coalición como malformación democrático. Alberto Núñez Feixoo comprometeuse xa a que o PPdeG gobernará unicamente onde sexa maioritario sen pactos municipais con ningunha outra forza. O goberno como herdade da forza máis votada é un dos trazos comúns do ADN ideolóxico dos conservadores populares e dos conservadores socialistas do, hoxe desdebuxado, bonovazquismo.

O bipartidismo como fórmula de despluralización democrática aborrece as políticas que pacto que lle dan audiencia a terceiras forzas. Fagocitado o centrismo galeguista polo rexionalismo forte do PPdeG, marxinalizada primeiro a tradición comunista e acollidos despois os seus refugallos na Casa Común do PSOE e absorvido o outro nacionalismo de esquerda no proxecto común do BNG), a simplificación da representación política que se impuxo en Galiza parecía sentar as prometedoras bases dun sistema político de dúas forzas e media.

Partido Popular e PSdeG, dúas forzas cos atributos de poder, asentadas en explicitos consensos de repartición de infuencias, gobernos e territorios, e o BNG, media forza testimonial instalada nos arrabaldes institucionais como proba concluínte da inclusividade da democracia autorizada polo xa afastado golpe do 23-F.


No PSdeG as cousas comezaron a cambiar no momento en que no Reino as maiorías absolutísimas as tiveron outros e tamén cando, tras o sorpasso electoral do BNG, unha nova fornada de dirixentes socialistas (sen poder local) repararon na fraxilidade do seu plan de pensións políticas para o posfraguismo.

Coalicións? Non tan excepcionais

Os gobernos concertados e xestionados por máis dun partido unicamente constitúen unha excepcionalidade no Estado español. Hai tempo La Vanguardia publicou un dossier de Jordi Matas e Josep M. Reniu sobre «A arte de gobernar en coalición» que achegaba datos reveladores: na Europa-15, no período 1945-2000, a solución dominante foi o goberno de coalición (72,3%) e o residual o goberno partidario (27,3%). Entre 1980 e 2006, nos gobernos das autonomías a repartición está máis equilibrada aínda que é levemente beneficiosa ás teses monopartidistas (51,6%). Os executivos dos municipios cataláns de máis de 10.000 habitantes, entre 2003 e 2006, resolvéronse nun 77,4% dos casos con alianzas multipartidistas. No Goberno do Estado, iso si, non coñecemos outra cousa que gobernos unipartidarios.

Así as cousas, non é difícil concluír que a democracia pluralista non lle escapa ao goberno en coalición, é a democracia autoritaria á que lle produce arrepío. Hoxe a voz maior achegará unha primeira proxección sobre cales van ser as solucións de gobernabilidade nas grandes cidades galegas. Haberá que facer as contas, pero unha cousa está ben clara: onde moitos vemos unha solución esperanzadora, Francisco Vázquez só ve un perigo aterrador, unha anomalía democrática. Menos mal que o Vaticano ten un goberno autocrático, infalíbel e monocolor como ben lle presta ao ex-Gran Alcalde da Coruña.

11/05/2007

Municipais07: Finezza

Nun brote de finezza, o Presidente Touriño instituíu a moratoria das accións publicitarias do seu gabinete no tempo electoral. Nos quince días da campaña cesará o axitprop gobernamental para evitar que se lles critique por utilizar fondos públicos en beneficio dos intereses partidarios de BNG e PSdeG.

Para que despois veña Romani Prodi a dicirnos que á política italiana lle sobra
finezza e que a do Reino de España ten moita menos falsa delicadeza e que por iso nos vai moito mellor. A loanza débese a que o Primeiro Ministro italiano non sabe das liviandades simbólicas que nos gastamos no curruncho galaico.

Nos tempos mediatizados que nos tocaron, a suspensión das accións publicitarias do goberno representan tanto como a suspensión do propio labor de goberno. Sen publicidade, as políticas que lle dicimos públicas deveñen en simple xestión administrativa. O Goberno cesará nas súas funcións na vindeira quincena e cederá felizmente a iniciativa á Administración. Se isto non é o Reino da
finezza xa me diran onde atopamos maior manifestación de sutileza.

A moratoria chega despois dunha afusquinada carreira propagandistica e inaugural que durou tanto como dous meses e medio. Inauguraron aqueles que tiñan calquera cousa que estrear e os que nada tiñan gastaron canto quixeron en papel cuché ou en papel periódico, en ondas ou fluxos catódicos. Non se acadaron as cotas eufóricas da Era Fraga pero ben que lle chegou. O exceso mercadotécnico forma parte do ritual democrático tanto como a pegada do primeiro cartaz ou o macadamado in extremis de canta corredoira desfiuzada hai no país. Despois da cagada dos cheques en man para a manutención dos votantes residentes ausentes, a emenda de Touriño máis que oportuna, resulta un tanto oportunista.


Confío en que non o tomen a mal os membros do meu goberno pero a moratoria publicista máis que unha
finezza resulta un sarcasmo. Hoxe mesmo, a conselleira Laura Sánchez Piñón fixo uns cantos quilómetros callados de esplendorosos anuncios. Ao seu paso deixaba unha enxurrada de promesas investidoras. Non era unha mala arte, debeuse simplemente ás forzas inerciais das semanas pasadas.

Que disgusto se vai levar don Emilio cando hoxe se asome ao mundo ou a súa sombra. De sabelo don Augusto Monterroso tería escribido: «Cando acordou o presidente, a publicidade aínda estaba alí.»

Municipais07: Repaso e reválida

Comezou a campaña electoral (é unha forma de falar). Fóra da competencia «polas máis de 300 alcaldías que están en xogo na comunidade» (que precisa resulta ás veces a documentación da Gran Voz!), as elección son unhas primarias no Estado e unha reválida en Galiza. Os partidos do goberno de coalición piden un aval de continuidade para o cambio e o PP pide chance para unha «segunda modernización».

No revoltallo das palabras ben podemos extraviarnos. En realidade, no canto de modernización, o renovado Partido Popular de Alberto Núñez Feixoo ofrece o máis fiero continuísmo gobernativo. A súa hexemonía é local e deputacional e o seu futuro político depende agora dos micropoderes municipais e do poder discrecional das Deputacións Provinciais. No mercado de futuros Núñez Feixoo depende das súas cotizacións electorais en Vigo, Ourense e Ferrol. Que nada cambie é a substancia da súa proposta de renovación.

BNG e PSOE, pola súa parte, percorrerán o país para despexar o desencanto que por momentos se impón entre os seus electores máis esixentes: o padecemento dun cambio sen (grandes) melloras. Aventar os logros da Xunta non lles bastará e se realmente queren engaiolar aos cidadáns haberán de ofrecer con convicción un novo e gran salto adiante. Ser un pouco mellores que o PPdeG non será suficiente incentivo. Coidarse da autocompracencia é o primeira condición de sobrevivencia de calquera política de cambio en Galiza... e no resto do mundo.


No abano progresista haberá que elixir entre dous modelos: o do Grande Alcalde ou o da Coalición Sostíbel. O PSdeG privado do exemplo glorioso de Francisco Vázquez,converteu a López Orozco na icona do seu modelo de goberno absoluto e na súa vacina contra as dependencia coalicionais que magoan ao Presidente Touriño.
No cabo oposto, o BNG acode para exorcistar os perigos canibalizadores do efecto Orozco e para ofrecerse non tanto como «goberno en solitario» senón como peza fundamental das coalicións de goberno. Ofrecer maiorías de gobernos plurais e estábeis, sustentábeis sobre acordos programáticos sólidos é a principal panca de apoio que ten o nacionalismo para facerse con novos poderes locais.

O alcance das mudanzas do mapa político local en Galiza vai depender decisivamente do grao de apropiación cidadá das tres grandes leccións que nos herdaron dezaseis anos de Fraguismo: unha, que a permanencia delongada no poder ten efectos perxudiciais para a saúde democrática das institucións; dúas, que toda acción de goberno non imaxinativa está suxeita á lei de rendemento decrecente tanto nos seus afectos cidadáns como nas súas capacidades de xestión; e tres, que as maiorías absolutísimas son o opio dos gobernantes. É bo repasar ben estas leccións se se quere pasar sen maiores agonías a vindeira reválida.

Teño para min que aos concellos de Galiza lles cómpre un tempo de coalicións e de solucións de goberno que obriguen a coidar dos consensos, a pensar en termos de transacción e a privilexiar a accesibilidade e proximidade coa sociedade civil que fermenta na innovación, na súa capacidade para xestionar as mudanzas, e na ideación de novas solucións para o noso vello e maldito problema de sempre: ser un carolliano país lento no que «fai falla correr todo o que se poida para permanecer no mesmo sitio» e no que «se quere chegar a outra parte hai que correr cando menos dúas veces máis rápido».

06/05/2007

Municipais07: Espazo lixo

A política local(izada) obriga sempre a reparar no espazo. De feito, a precampaña electoral das municipais tornouse nun coctel remexido de corrupción do espazo urbano –coa visibilización dos alcaldes/promotores–, de deturpación do espazo de cidadanía –coa multiplicación de votantes ausentes de aquí e do alén–, e de confusión de espazos –coa privatización do gobernamental na rede clientelar do xenuinamente partidario como puxo en claro o continuismo da política de cheque en man na que se enzoufou o PSdeG inspirándose infelizmente no manual de boas prácticas caquiquís da Era Fraga–.

Como o cheiro do lixo, os nosos concellos achegan arrecendos doces e agres, salgaduras e acideces, e fermentos e carroñas que resultan do apodrecemento da acción dos seus gobernos e da falta de vida das sociedades civís locais. É quizais o que máis se achega a trasposición
á política do «Espazo Lixo», que nos describe Rem Koolhass: «O "espazo lixo" é un Triángulo das Bermudas, unha cápsula de Petri abandonada: suprime as distincións, socava a determinación e confunde a intención coa execución; reempraza a xerarquía pola acumulación, a composición pola adición [...] O "espazo lixo" é aditivo, estratificado e lixeiro, non está artellado en diferentes partes, senón subdividido, despezado igual que o cadáver dun animal desgarrado...».

Un mundo no que todo se mestura e no que urxe separar, xa desde a orixe, o que é política democrática do que é a corrupción da democracia.

01/05/2007

Municipais07: Coa boa estrela

Remata o mes que estivemos en ningures e o BNG tíralle o po ao Dicionario de símbolos para debuxar, cos seus candidatos e candidatas ás alcaldías, unha estrela de cinco puntas. A vindicación da estrela como representación da liberdade e a razón e, segundo nós din na tradición da antiga Grecia, como icona da intelixencia, complétase fachendosamente coa presentación de candidaturas nos 315 concellos galegos. Un éxito, sen dúbida, da extensión territorial e social da organización frontista e a garantía dunha competición democrática plural.

A partir de agora será cuestión de calidade (das candidaturas e programas) e de cantidade (de votos). Teremos que agardar até o 27-M para comprobar a solidez municipal da oferta dun nacionalismo que, tendencialmente, presenta unha fasquía socioelectoral máis vilega e que aspira agora a recuperar o seu peso nos gobernos das grandes cidades e a ampliar tamén a súa audiencia nos menos accesíbeis microconcellos do país. Polo de agora zafouse con ben do seu primeiro grande obstáculo: aparecer minorizado na súa presenza territorial fronte ao PPdeG e ao PSOE, formacións de asentadísimas tradicións municipalistas.


Os agoiros continuístas sobre os comicios locais están moito máis cuestionados que hai uns meses. As últimas sondaxes da máis influente voz mediática poñen en claro que o Partido Popular xogará á defensiva e que ten limitadas opcións para mellorar os seus resultados na Galiza das 7 cidades.

Na Gz-7 a alternativa conservadora medirá o seu éxito tentando manter as alcaldías de Vigo, Ferrol e Ourense e non parece ter maiores posibilidades para facerse co bastón de mando en ningún dos grandes concellos que gobernan PSdeG e/ou BNG.
O Partido Popular non ampliará a súa hexemonía municipal na Gz-7 nin na Gz-12 onde as súas aspiracións ás alcaldías de Vilagarcía, Narón, Oleiros, Carballo e Redondela son moi remotas. Terá, pola contra, que defender ás prazas de Vigo, complicada polo descenso do Partido Galeguista Sotista, de Ferrol, entoldada polas fantásticas decisións urbanomobiliarias de última hora, e de Ourense, onde o plus de credibilidade de Manuel Cabezas está parcialmente desbaldado polas comenencias empresariais de Novoa.

O PPdeG non gañará as elección na Gz-10 de aí que confie a súa sorte nos resultados das microautarquías rurais. Algunhas comarcas serán decisivas para abanear os equilibrios nas Deputacións: a Mariña Lucense, O Salnés, O Morrazo, o Golfo Ártabro, Ferrolterra, entre outras, e será na Galiza cartografiada cos trazos máis miúdos onde se verifique a solvencia electoral do PPdeG renovado por Alberto Núñez Feixoo.


Ao BNG e ao PSdeG tócalle medir a consolidación do cambio político, o impacto da súa acción de goberno na Xunta e, sobre todo, o alcance da transferencia de lealdades dos votantes conservadores cara aos novos xestores do poder autonómico.


Poidera aparentar que neste mes que estivemos en ningures nada cambiou, pero o espellismo do continuísmo comeza a esvaerse e a grande incógnita permanece aberta: recibirá o cambio político o aval e un novo pulo cidadán que permita superar o entalamento compracente no que amenaza instalarse?


Contemos os días e confiemos na nosa boa estrela.