29/06/2005

Dédalo en San Caetano

Leo O rato, a mosca e o home de François Jacob, premio Nobel de Medicina en 1965. Entre outras moitas reflexións brillantes, inclúe unha moi actual que ten coma cerna a Dédalo, o inventor, arquitecto, ferreiro e enxeñeiro ateniense. Anota Jacob que «Dédalo é un técnico marabilloso, pero nunca foi outra cousa que un técnico que pon o seu saber ao servizo dos seus amos [...] Dédalo simboliza un mal da nosa época: o técnico de altos voos que pon o seu talento ao servizo de distintas ideoloxías, sen preocuparse polo seu contido e a súa cualidade.» A derrota do Partido Popular forza o escrutunio sobre os moitos técnicos que estiveron ao servizo do seu poder. A contabilidade de posíbeis cesantes suma xa 2.000 afectados, a maioría deles estritos cargos de confianza política. Co cambio chega tamén a hora do acomodacionismo político, moitos tentarán convencer ao novos gobernantes que eles foron (e son) simples técnicos, honrados e utilísimos dédalos. Entregados tecnócratas que nunca se meteron en política. Un dos primeiros indicadores da calidade democrática do novo goberno medirá a permanencia dos técnicos do pasado. Non hai que engañarse neste punto, non é revanchismo, é a medida da rexeneración dunha administración que foi o principal coto do clientelismo do Partido Único nos últimos dezaseis anos.

GZ (Nación Marciana)

Ibarra é desas persoas que todos desexamos ter perto cando hai problemas. Simplifica tanto as alternativas que resulta doadísimo aclararse e logo elixir entre o bo e o mellor. Problema: Ser ou non ser, Galiza é unha nación? Simplificación do enunciado: «Todo é un problema de adolescencia, a todos os nenos de 14 e 15 años pásalles iso; din por que me puxestes ese nome e non Johnatan. Cando son maiores aceptan o nome, cando se fan adultos». Resultado: Johnatan é unha nación? Problema: Que ocorre se hai unha decisión democrática e maioritaria dos poderes galegos definindo Galiza como nación? Reducimos o problema: O Parlamento de Galicia pode aprobar o que queira e dicir que son «nación, nacionalidade, estado, país ou o que sexa, ou marcianos, o problema é que é lexítimo pero mentira». Resultado Podemos ser o que queiramos por que todo é mentira. Só hai unha verdade: España. [Coda ibarriana: «Abúrrome de falar se son nación ou marcianos»]. A clarividencia de Ibarra axudaralle a Touriño e a Quintana a tomar complicadas decisións futuras. Galiza é unha nación? «Galiza é unha nación... marciana».

28/06/2005

Luz

Confirmouse o resultado do 19-X. Logrouse o agromo serodio da primavera galega. Hoxe tocan moitas celebracións do día e anteriores: a vitoria da Alternativa, o 69 aniversario da aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza, o orgullo gai, as primeiras chuvias do verán... Entre tanto apagón informativo había luz. Escribiuno Walter Lippman: «Non pode haber liberdade nunha comunidade que carece da información necesaria para detectar a mentira.» Houbo información, moita, boa e libre, por iso, hoxe é tamén día de moita fachenda polo traballo dos compas.

27/06/2005

Sucedeu mañá

En 1943 Rene Clair estreou Sucedeu mañá, unha película que narra a historia de Larry Stevens, un xornalista ao que un espectal personaxe entrega un exemplar do periódico do día seguinte que lle permite anticipar os acontecementos de días vindeiros. Inspirándose neste film fíxose, en 1996, unha serie de televisión, Edición anterior que se emitiu en Canal + na tempada de verán. Kyle Chandler interpreta a Gary Hobson, un broker de Chicago que perdeu o seu traballo e fortuna por un golpe de mala sorte. Mergullado na máis absoluta miseria dá cun exemplar do xornal Chicago Sun Times, que ten data do día seguinte e recolle novas que aínda non sucederon. Este extraordinario suceso comeza a repetirse de modo recorrente e Hobson decátase de que pode adiantar o futuro, utilizalo para evitar males mellores e facer que lle sexa propicio. Na factoría das novas, hoxe vivimos con esa arela, poder informar do que sucedeu mañá e poder adiantarlles que o Partido Popular perdeu a súa maioría absoluta e que gañamos nós. A nova non puido ser editada. A ilusión segue aí, teimuda, rebelde e invencíbel, agardando.

24/06/2005

Cadeas que aseguran a liberdade

Acordei o 20-X cunha cara provisoria coa que ir tirando durante a semana da espera. Coma palestino iluso fun maltratado por unhas israelitas que me fixeron albiscar un mundo que o escrutinio cruel devolveu a unha proporción moito máis miúda. Días de análise e espera. De wait and see. Coidando das ilusións, despedindo a primavera da esperanza, saudando ao noso verán das liberdades. Especulacións, indicios de vitoria, tramas imaxinarias e reais... e xa estamos a venres co abaco electoral preparado para verificar se o luns «gañamos nós». Pero antes do escrutinio final haberá que botar dúas mans na cadea cívica. Tempo de paradoxos: agora son as cadeas ás que nos aseguran a liberdade.

18/06/2005

Elixir retrato

Nota para recordar o que temos que facer hoxe.
Pregúntanlle ao señor K. que fai cando lle gusta unha muller. Responde que lle fai un retrato e que procura que se lle pareza. O debuxo? Non –retruca–, a muller. Hoxe eliximos o debuxo ao que queremos que se asemelle Galiza. Escollemos os seus trazos de identidade, a súa cor, a súa luz, a súa textura e condición... Eliximos tamén canta liberdade queremos, canta felicidade desexamos. Decidimos como van ser os días do resto da nosa vida. Eliximos entre o propio, o próximo e o baldeiro. Hoxe eliximos o retrato da Galiza que queremos, decidimos se queremos outra Galiza. E, sobre todo, escollemos libremente con que cara queremos acordar mañá e, fundamentalmente, decidimos se mañá nos erguemos ou non.

13/06/2005

A forza das cousas sinxelas

Lendo un artigo esquecido de Joaquín Estafanía dou con esta longa cita do Discurso das catro liberdades que, en xaneiro de 1941, pronunciou o presidente estadounidense Franklin Delano Roosevelt: «Non hai nada misterioso respecto dos alicerces dunha democracia saudábel e forte. As cousas básicas agardadas polo noso pobo dos seus sistemas políticos e económicos son sinxelas: a igualdade de oportunidades para os mozos e demais, un emprego para os que poidan traballar, a seguridade para quen a precisa, a preservación das liberdades civís para todos e a participación nos froitos do progreso científico, nun estándar de vida constantemente crecente e amplamente compartido. Estas son as cousas sinxelas que nunca deberían perderse de vista na turbamulta e complexidade incríbel do noso mundo moderno. A forza interior e duradeira dos nosos sistemas económico e político depende do grao en que se cumpran estas expectativas». Se votamos atendendo ás cousas sinxelas, a partir do día 19 de xuño estarán de volta os días felices que nos anunciou esperanzadamente Martin.