23/02/2008

Sistema nervioso?

En argallando.net, o incisivo blog de Fernando Varela, recóllese unha frase rotunda: «Os medios de comunicación son o sistema nervioso dunha democracia.» Doume presa por atopar unha definición de sistema nervioso: «O sistema nervioso é unha rede de tecidos altamente especializada, que ten como compoñente principal ás neuronas, células que se encontran conectadas entre si de maneira complexa e que teñen a propiedade de conducir, usando sinais electroquímicas, unha gran variedade de estímulos dentro do tecido nervioso e cara á maioría do resto de tecidos, coordinando así múltiples funcións no organismo.» Quédome con isto que é o máis magro: «Células [...] teñen a propiedade de conducir [...] unha gran variedade de estímulos».

Repasando a información que o sistema nervioso da nosa democracia nos ofrece nos suplementos informativos electorais, a gran variedade tradúcese maioritariamente a dous estímulos: Partido Popular e PSOE. Temos unha democracia mediática anémica, deliberadamente empobrecida que máis que por estímulos se activa por espasmos. Para non desdicirme, na radio do bus vocean a publicidade dun programa informativo electoral. Se non erro, a emisora é Punto Radio. A cuña remata máis ou menos así: «Os españois terán que elixir entre Rajoy e Zapatero, hai máis candidatos pero só un chegará á Moncloa». Para aplaudir. Canta finezza se gasta o bipartidismo mediático! Que modo máis elegante de non excluír a ninguén e, ao mesmo tempo, ser quen de proscribilos a todos menos dous.