23/02/2006
23-F, o Partenón e dona Lola
Cesare tira de rapantes e imaxes televisivas para recuperar o seu 23-F, Jan dá conta daquel día que quedou marcado na súa memoria por un abraiante natalicio. Eu souben do golpe de Tejero á saída dunha clase de xeografía, dérannos as notas do primeiro parcial, unha das miñas cualificacións universitarias máis altas, tamén a que menos me prestou. Moita perplexidade e bastante balbordo nos corredores da facultade, procuramos a rúa. Chega alancando pola escaleiras un bo amigo. Excitado pregunta: Sabedes o que pasou? E antes de nós responder explica, abatido, que escoitou na radio que se acababa de descubrir unha fenda no Partenón que ameazaba seriamente o seu equilibrio e futuro. Conseguimos convencelo con poucas palabras de que hai outras urxencias. Aínda que son tempos de extremoso seitarismo, eu —daquela militante da LCR— axudo a baleirar e trasladar a sitio seguro os arquivos do PST, un dos mais dolorosos cismas do meu partido e da Cuarta Internacional. Á carreira marcho para miña casa e destrúo —seguindo os vellos manuais de seguranza– a miña axenda e varios cuadernos con notas de xuntanzas, tamén achanto nunha solitaria papeleira ducias de números do Combate e boletíns internos que hoxe serían tesouros de coleccionista. Despois chamo a casa para falar coa nai. Lola, filla de Domingos o Ardeiro, republicano que padeceu oito anos de prisión a causa do golpe militar que triunfou en 1936. Ela acougame: «Non vai ir para arriba». Recoméndame que vaia para casa e dáme consellos que filialmente desoio. Son xa as 19.30 h. e, atendendo ao único consello político que me deu meu pai en toda a súa longa vida —«Nunca sexas un esquirol»—, acudo epicamente a unha asemblea de distrito na que imos preparar a resistencia democrática. Somos menos de cen. Non concluímos nada e saio coa firme convicción de que se o golpe triunfa imos sufrir unha cazata brutal. Hai xente vixiando o Cuartel do Hórreo, agora corazón da democracia galega, daquela primeirísima amenaza das nosas liberdades. Disolvémonos. Pásanse consignas de fráxil protección, seguranza incerta e cándida autodefensa. A principal preocupación son as previsíbeis e incontrolábeis operacións de castigo dos grupos da ultadereita que en Compostela aínda conservan folgos e abondoso rancor. Recibo unha cita para ir a unha mesa de grupos nunha casa de seguridade. Hai que localizar a alguén da UPG-ANPG para que se sumen. Casualmente dou na praza de Puente Castro cun dos seus dirixentes locais. Temos estado xuntos ducias de veces en manifestacións e asembleas. Achégome, fai que non me coñece. Nega ser quen eu sei quen é. De todas maneiras pásolle a cita. Marcho botando pestes para o meu cuarto, acubíllome nunha pensión doméstica na daquela arrabaldizada Rúa do Home Santo. Alí vívese o golpe con alleada normalidade e dona Mercedes prepara a cea de case sempre: ovos fritidos, patacas e salchicas. Sucédense as noticias, pasan vagarosamente as horas de espera e a radio confírma o vaticinio de doña Lola, a filla do Ardeiro. Durmo sen maiores problemas tranquilizado máis polas palabras maternas que polas serodias declaracións de Juan Carlos, o monarca tardón. Deixei de crer nos reis hai tempo, pero sigo a ter unha fe indestrutíbel nos prognósticos políticos da miña nai e, ende ben, o Partenón aínda segue en pé.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
A ligazón do dirixente non me traballa... non sei se lle pasa a todo o mundo.
E pensar que nós, en filoloxía, estabamos marcando datas de exames...!
Cesare traballa e ademais manda a parada que lle corresponde.
É curioso pensar en edificios coma o Cuartel do Hórreo, ou o de San Caetano.
Hoxe un é o Parlamento e o outro a sé da Xunta de Galiza...
Foron Escola de Veterinaria ou instituto de bacharelato... É curioso cómo os símbolos mudan e, un edificio antes temido, agora é ignorado.
Supoño que, se todo chegase a caer de novo aquel 23-F, sitios coma o Hórreo ou Santa Isabel serían hoxe para nós coma o Estadio Nacional ou a Escola de Mecánica de Chile... quen sabe.
Enviar um comentário