30/12/2008

Na xungla de papel

Nestes días de andaina iniciática dun novo xornal de Galicia, vénseme á cabeza, como retrouso, Los demasiados libros, un título imprecindíbel no que o poeta e ensaista mexicano Gabriel Zaid reflexionou sobre a sobreprodución de títulos e os futuros posíbeis da industria editorial. Galiza agarda por un ensaio de razóns semellantes, que ben se podería titular Os demasiados medios, para explicar cabalmente a proliferación de cabeceiras informativas (reais, irreais e virtuais) que inzan os quioscos e a rede dun país de poucos lectores pero de abondosas axudas públicas (directas ou indirectas) ás empresas de comunicación. As razóns son sabidas pero tamén son pudorosamente obviadas.

De modo xenérico, para facer cartos cun xornal hai tres instrumentos: a publicidade, as promocións e a venda do papel impreso ou da visita virtual. No que D. C. Hallin e P. Mancini denominaron sistema político-mediático mediterráneo habería que sumarlles as subvencións e axudas públicas, auténtico cuarto piar do negocio da comunicación nos países latinos.

Neste ecosistema mediático, o equilibrio de ingresos é altamente inestábel e calquera novo produto pode provocar turbulencias con graves impactos no balance de resultados, máis aínda en tempos de crise global dos media; por iso a algúns (poucos) gustaríalles que a xestión das axudas e as publicidades das administracións públicas aténdese escrupulosamente ao efecto Mateo segundo o cal «ao que máis ten, máis se lle dará; e ao que menos teña, aínda o pouco que teña se lle quitará»; de aí a carraxe provocada porque a directriz bíblica se aplique de xeito imperfecto e que non se impuxese (aínda) a expropiación do pouco que reciben os menos podentes.

Non é ningún segredo que, en Galiza, o medio de comunicación que máis ten é tamén o que máis recibe e que este feito contábel non impide ao seu dono autoproclamarse «o último editor independiente de España» ou aparecer como o denunciador da falta de librecompetencia mediática («A competencia non está nos medios, senón que vén do mundo político, dun fondo de réptiles empresarial, de nacemento espúreo»).

Coraxe manda: «Non edito ni falo para que me queiran, senón porque quero a Galicia.» Esta a súa divisa non foi garantía suficiente para que non deformase grotescamente un medio de comunicación até convertelo nun medio de obsesión. A axenda obsesiva enfía a Cidade da Cultura, a Feira da Habana, a competencia xornalística e as tentacións de San José, o negocio eólico e outras moitas paixóns e odios máis ou menos fabulados. Unha axenda que tapa os méritos de quen lle discute a súa predominancia e arrogancia mediática, fabrica éxitos artificiais para quen se lle entrega mansamente, e afoga a todos os demais na indiferenza.

A posición herdada no mercado mediático galego alenta sobradas prepotencias e sabe que se pode facer e dicir o que queira porque só se escoitará alto e claro unicamente o que el desexe; e que a onde non cheguen as súas palabras de orde chegarán as súas ordes de silencio. E así se seguirá até que os lectores rescindan a súa lealdade ou un mal paso na xestión aboque á grande empresa á creba.

Falamos moito de que a nosa democracia está mediatizada e de que, como afirma Salvador Cardús, «os medios se converteron no escenario da política», mais en verdade a algúns aínda lles parece que a política está pouco mediatizada e aspiran a que os «homes de empresa» do cuarto poder sexan quen determinen as grandes decisións, cando menos, do primeiro e segundo poder. Esa caricatura mesiánica dos grupos mediáticos como auténticos demiurgos da cousa pública empata moi ben cun modelo de política patricia que despreza as representacións plebeas e cun entendemento oligárquico do que é autogoberno democrático.

O Galicia

Con semellante pano de fondo, releo Castelao na luz e na sombra, onde Valentín Paz Andrade rememora a fundación do xornal Galicia en 1922. Unha aventura cunha liña editorial esteada na independencia, no liberalismo e na galeguidade.

Paz Andrade, como director, entendía innovadoramente a caricatura e o editorial como «dúas pezas claves para gañar lectores» e por iso privilexiou o humor gráfico da man de Castelao e institucionalizou na prensa galega o editorial xa que, na súa idea, a «quen lee, gústalle recibir preformada unha opinión idónea a soster sobre os acontecementos ao ritmo que van sucedendo». Valores, posición editorial e humor son compoñentes imprescindíbeis de todo bo xornal e o Galicia foi naqueles tempos un excelente xornal.

Don Valentín fai tamén memoria da recepción do novo xornal: «O diario en aquele dia lanzado [25 de xullo de 1922] foi acollido como nos agardabamos. Con quentura e ledicia no pobo e nas crases media e culta. E con receio no estamento dominante da sociedade. Con receio, mais sin xenreira.» É ben posíbel que a ollada que nos ofrece sobre o acollemento do Galicia estea cangada de candidez e dunha nostalxia optimista, pero de todo é certo que se o xornal de Paz Andrade saise a rúa hoxe atoparíase con toda a quentura da xenreira e con todos os receos imaxinábeis xa que, tal como está o mercado mediático, os que máis teñen unicamente son quen de imaxinar dúas políticas: o exterminismo ou o canibalismo.

29/12/2008

Palabras compartidas

John Berger: «Ante a matanza en curso en Gaza» [La Jornada, 28/12/08]

Somos espectadores do máis recente –e talvez penúltimo– capítulo do conflito entre Israel e o pobo palestino, que dura xa 60 anos. Sobre as complexidades deste tráxico conflito pronunciáronse milleiros de millóns de palabras en defensa dun ou doutro bandos. Hoxe, ante os ataques israelís contra Gaza, o artificio esencial, que estivo aí encuberto tras o conflito, queda revelado flagrante e burdamente: a morte dunha vítima israelí parece xustificar a matanza de 100 palestinos. Unha vida israelí equipárase en valor a 100 vidas palestinas.

É isto o que o Estado israelí e o que os medios mundiais, máis ou menos, repiten insensatamente, aínda que hai cuestionamientos marxinais. E esta pretensión, que acompañou e xustifica a máis prolongada ocupación de territorio estranxeiro ningún na historia europea do século XX, é visceralmente racista. Que o pobo xudeu deba aceptar isto, que o mundo deba estar de acordo e que os palestinos deban someterse a isto, é unha das ironías máis negras da historia. Non lle vexo a risa por ningún lado. Con todo, podemos refutarla en voz máis e máis alta.

Fagámolo.

22/12/2008

Señardades xornalísticas

En Volevo la luna, Pietro Ingrao, o veterano dirixente comunista italiano, rememora o seu primeirizo contacto cos xornais que inzaban a Italia dos anos vinte. Lembra, con saudades, a «terceira páxina» que as principais cabeceiras dedicaban aos debates culturais; planas entintadas de vontade vangardista, innovación rupturista, pluralismo e mesmo de liberdade de opinión a pesar dos rigores inquisitoriais do fascismo dominante. «Unhas páxinas de xornal que facían ás veces de mestres». Tentado transitoriamente pola linguaxe cinematográfica, Ingrao vencellaríase definitivamente ao xornalismo exercendo como redactor clandestino, xunto con Gillo Pontecorvo, de L’Unità da que despois sería director entre 1947 e 1956. Daquel tempo escribe:
Eu, un ex-combatente que non dispara un só tiro, convertinme en redactor xefe tras exercer como xornalista sen título nas breves e queridas páxinas de L’Unità clandestina. Tiña serías dúbidas no tocante ás miñas capacidades xornalísticas; a miña forma de ser era «lenta», o que non casaba coa rapidez de decisión e realización necesaria nun diario [...] Con todo, atraíame aquel xornal «vermello» que combinaba de forma tan curiosa os sucesos diarios e a exhortación á loita política, a crónica fría e a ardente invitación a actuar. Gustábame traballar naquela mestura explosiva de información e comentario, e chegar cada amencer aos fogares e á xente [...]
Antes de facerse cargo da dirección de L’Unità, Ingrao escribiu crónicas e «historias negras», foi enviado especial en lugares onde estouraban dramas sociais e ocupouse da información parlamentaria nos tempos da redacción da constitución republicana. Unhas sesións constituíntes das que escribe: «Todo me parecía novos e á vez anticuado (ás veces mesmo cheirábame á naftalina): as palabras sobre as que discutían para fixar as leis da República eran novas, pero a solemnidade oratoria dos discursos estaba murcha [...] Todo tiña un aire a medio camiño entre o incerto e nebuloso futuro e a oratoria pomposa de inspiración decimonónica.»

Naqueles días de palabras novas e inercias trastempadas Ingrao fíxose co oficio escribindo «xornadas políticas» e «sucesos do país» e a súa foi unha achega determinante para facer de
L’Unità «un dos mellores xornais comunistas europeos de todos os tempos», onde «naceu un xornalismo culto, informado, comprometido e combativo». As cualificacións son de Francisco Fernández Buey, a quen debemos un feliz Eloxio de Pietro Ingrao –«un comunista incómodo, independente, con pensamento propio, brillante na análise escrita e brillantísimo na comunicación oral das ideas»–, que é unha máis que recomendábel e emotiva introdución á lectura de Pedía la luna [Ediciones Península, Barcelona, 2008].

Xornais como mestres e colectores de explosivas mesturas de información e comentario, son hoxe señardades necesarias para poder renovar o vello oficio de ocuparse da verdade.

18/12/2008

1-M

O Presidente Touriño xa se decidiu. 1-M. Agora toca comezar o parladoiro cos cidadáns atendendo ao ánimo do Presidente Bartlet: «Intentamos que a xente vote por nós e confiamos en que xa de paso nos obriguen a facer cousas boas».