Eu, un ex-combatente que non dispara un só tiro, convertinme en redactor xefe tras exercer como xornalista sen título nas breves e queridas páxinas de L’Unità clandestina. Tiña serías dúbidas no tocante ás miñas capacidades xornalísticas; a miña forma de ser era «lenta», o que non casaba coa rapidez de decisión e realización necesaria nun diario [...] Con todo, atraíame aquel xornal «vermello» que combinaba de forma tan curiosa os sucesos diarios e a exhortación á loita política, a crónica fría e a ardente invitación a actuar. Gustábame traballar naquela mestura explosiva de información e comentario, e chegar cada amencer aos fogares e á xente [...]Antes de facerse cargo da dirección de L’Unità, Ingrao escribiu crónicas e «historias negras», foi enviado especial en lugares onde estouraban dramas sociais e ocupouse da información parlamentaria nos tempos da redacción da constitución republicana. Unhas sesións constituíntes das que escribe: «Todo me parecía novos e á vez anticuado (ás veces mesmo cheirábame á naftalina): as palabras sobre as que discutían para fixar as leis da República eran novas, pero a solemnidade oratoria dos discursos estaba murcha [...] Todo tiña un aire a medio camiño entre o incerto e nebuloso futuro e a oratoria pomposa de inspiración decimonónica.»
Naqueles días de palabras novas e inercias trastempadas Ingrao fíxose co oficio escribindo «xornadas políticas» e «sucesos do país» e a súa foi unha achega determinante para facer de L’Unità «un dos mellores xornais comunistas europeos de todos os tempos», onde «naceu un xornalismo culto, informado, comprometido e combativo». As cualificacións son de Francisco Fernández Buey, a quen debemos un feliz Eloxio de Pietro Ingrao –«un comunista incómodo, independente, con pensamento propio, brillante na análise escrita e brillantísimo na comunicación oral das ideas»–, que é unha máis que recomendábel e emotiva introdución á lectura de Pedía la luna [Ediciones Península, Barcelona, 2008].
Xornais como mestres e colectores de explosivas mesturas de información e comentario, son hoxe señardades necesarias para poder renovar o vello oficio de ocuparse da verdade.
Sem comentários:
Enviar um comentário