21/01/2009

Fin de festa

En opinión de Héctor Aguilar Camín, que enterrou moitas e moi fecundas horas de traballo nos medios, «o periodismo é unha forma frenética de saber o que pasa sen entender o que sucede». Esta agre sentenza comeza a estar trastempada cando menos no que se refire a saber e a entender o que está acontecendo no oficio e nas empresas de comunicación. O estado de consciencia principia a ser pleno. A crise global ten unha das súas máis agudas expresión no crash de xornais e empresas de comunicación e o seu impacto sobre a existencia profesional dos xornalistas forza a consciencia e a necesidade de entender rapidamente o que ocorre para procurar axilmente unha saída de emerxencia.

Con todo, hai que lembrar que desde o cambio de século non se deixa de falar con obstinación da crise dos medios tradicionais. Xa daquela o célebre xornalista da CBS, Dan Rather, sinalou alamado que o medo se apoderara das redaccións dos medios: «Hai medo de que a circulación se funda ou que non crezca. Non tes tempo para pensar o que tes que facer porque temes que a túa competencia tome a dianteira.» Co tempo o medo mudou a pánico. Á altura de 2006, The economist preguntábase: «Quen matou ao xornal?» No último semestre de 2008 asistimos a quebra en cascada de numerosas cabeceiras. Un temíbel efecto dominó agranda a crise.

Reinventar El País

A última (de momento) resposta á crise dos media é a de El País que anunciou, por boca de Juan Luis Cebrián, unha nova estratexia de «cambio cultural» e de reenxeñaría empresarial para poñer fin a un formato integrado verticalmente que se valora «anticuado, obsoleto e esclerótico».

Déronse un tempo para pensar e para deseñar un «plan de supervivencia», a gran transformación é tornar El País nunha factoría de produción de contidos de calidade para soportes diversos (papel, rede e telefonía). Unha redacción unica, fusionando os equipos de on line e de off line, que sumará máis de 500 profesionais, que se acompaña de outras dúas empresas: unha para prestar servizos troncais (administrativos, de sistemas, recursos humanos e distribución), que ocupara a 200 persoas, e outra dedicada á produción e que, cuns 150 empregados, asumirá as tarefas relacionadas con rotativas, papel, peche e mantemento.

7 leccións e 6 recomendacións

O inicio da metamorfose ten data: 1-M. Haberá que agardar para ver o que dá de si tanta ortopedia e mudanza cultural, mentres é proveitoso reler un traballo de Juan Antonio Giner («Siete lecciones que explican la anunciada crisis de los diarios norteamericanos», Cuadernos de periodistas, setembro 2008).

As súas sete leccións son:

  1. Os diarios nunca morren por falta de lectores senón por falta de publicidade.
  2. Os diarios para todos son os diarios para ninguén.
  3. Un diario non pode ser só un negocio, debe ser e debe ser visto como unha auténtica institución social.
  4. A crise dos grandes diarios é a crise das grandes cidades.
  5. Os grandes diarios fános os grandes editores e moi poucas veces os banqueiros ou os homes de negocios.
  6. Os verdadeiros «donos» dos xornais son os seus lectores e non os seus anunciantes.
  7. Os cambios hai que facelos cando as cousas van ben.
As súas seis recomendacións son:
  1. Non nos debe preocupar o futuro, senón o presente.
  2. Non nos deben preocupar os xornais, senón o periodismo.
  3. Non nos debe preocupar a técnica, senón as persoas.
  4. Non nos debe preocupar a estética, senón a ética.
  5. Non nos deben preocupar as cousas, senón o espírito e as ideas.
  6. Non nos debe preocupar o cambio, senón a innovación.
De certo que á luz destas leccións e recomendacións axuntaremos elementos suficientes para valorar o éxito da reinvención de El País.

20/01/2009

20 xaneiro

20 de xaneiro, Obama novo presidente dos USA. Cae a folla do almanaque que me suma 48 anos. Calidonia agasállame, xenerosa e sorpresivamente, coa mellor banda sonora para este día no que sempre pasan tantas cousas: This land is your land de Woody Guthrie, e cun galano de memoria, vida, imaxes e cancións que identifican a versión do país das barras e estrelas que a min máis me gusta. Quédolle eternamente agradecido.


09/01/2009

A saída de Monteira

Cando a Félix Monteira lle endosaron a posta en marcha de El País Galicia, Manolo Rico agasallounos cunha das súas brillantes e incendiarias sentenzas: «Gaña Galiza, perde Madrid.» O tempo encargouse de ratificar o seu parecer dun modo rotundo. Tras dous anos e pico de logros na factoría galega, o anuncio do seu retorno á sede central brindoulle ao equipo directivo do xornal unha excelente ocasión para emendar erros pasados e aproveitar con intelixencia toda a experiencia e bo facer de Monteira, membro fundacional de El País.

O desenlace do retorno é ben cabrón: a intelixencia foi derrotada e non lle souberon atopar sitio a Monteira no novo periodismo que apadriña Moreno coa beizón de Cebrián e Polanco. Tras 33 anos nesa casa editorial Monteira marcha e con esta saída agora quen perde esmagadoramente é El País e, en consecuencia, os seus lectores.

Confío en que ninguén se entregue á estupidez e nos intente facer crer que é unha esixencia da renovación e modernización do proxecto xornalístico de El País, xa saben aquilo de que as vella glorias fundacionais do periódico teñen que deixar sitio ás futuras glorias. A experiencia de El País Galicia indica que a veteranía de Monteira foi decisiva para crear un espazo de comunicación influente para o protagonismo de novos e non tan novos xornalistas como Xosé Hermida, Fernando Varela ou Daniel Salgado por citar tres de variada caste.

Antón Baamonde xa fixo eloxio dalgúns dos seus méritos e non é cousa de repetirse para que ninguén nos zorregue por falar ben dun «poderoso»; con todo, teño que dicir que Monteira é unha proba incuestionábel de que os bos xornalistas, ao xeito de Lou Grant, non son un produto de ficción; son escasos, si, pero existen. Existen e agora, un deles anda á procura de traballo. De puta pena. Que grande oportunidade para que o fiche a competencia!

08/01/2009

Bueno

A poucos días da morte de Marijé Díaz, antiga compañeira de aventuras militantes, chega coa noitébrega a mala nova do pasamento de Agustín Bueno. Todo o que se diga da bondade de Agustín ha de quedar en testemuño apoucado. Non podo gabarme de ser o seu amigo, nin de tratos persoais maiores, funlle un admirador na distancia longa e benefícieime da súa bondadosa achega a través de persoas interpostas que o tiñan por amigo de corazón.

Crente galego, de tolerancia infinita, de modestia amigábel e entregas xenerosas, Bueno era un facilitador das mellores causas e unha peza imprescindíbel para calquera iniciativa social ou solidaria que botase raíz no barrio do Castiñeiriño, un dos máis vizosos laboratorios da acción comunitaria en SCQ.


Estou certo que Bueno compartía a cartografía que tracexou o teólogo valenciano José Ignacio González Faus cando fixou que «a terra está dividida en tres únicos continentes: o das vítimas, o dos indiferentes e o dos comprometidos». Unha forma humildosa de describir a vida de Agustín sería dar conta da súa enxeñaría solidaria para tender pontes entre o continente do compromiso e o das vítimas, e para roubarlle terra, aire e razóns ao mundo dos indiferentes.


Como o premio Nobel da Paz, Elie Wiesel, sabía que «actualmente a crueldade máis grande é a indiferenza» e que «coñecer pero non actuar é unha forma de consentir as inxustizas». Ao coidado da xustiza dedicouse con enteireza, foi unha loita admirábel e de logrados froitos. Raiola, Irimia, a Asociación de Veciños do Castiñeiriño, o movemento de crentes galegos... e mil iniciativas máis tecéronse coa axuda das mellores fibras de Agustín Bueno, un home bo ao servizo do ben dos demais. A súa familia, amigos e conveciños están de loito, o mellor da humanidade tamén, perdeu a un dos seus.

05/01/2009

O lector estrábico

Jorge Herralde afirmou nalgures que «o editor é un animal estrábico, cun ollo forzosamente no negocio e outro forzosamente na cultura.» Descoñezo cales son os puntos focais dos ollos dos editores de xornais pero hai días en que contribúen a facernos a todos tortos cando non cegos. Pero quizais a única maneira de sobrevivir sexa converternos todos en animais estrábicos. Para atender de xeito equilibrado á realidade política do noso turbulento Estado houbo un tempo en que os lectores máis esixentes confrontaban as olladas que El País e El Mundo ofrecían nas súas edicións sobre calquera feito de interese xeral. As súas descricións e interpretacións semellaban responder a universos (mundos/países) paralelos.

Esa ollada forzada, diverxente e dual na actualidade ten que atender a outros focos. O contraste agora é ofrecido cada vez con maior frecuencia por El País e Público que acoutan a realidade informativa segundo máis lles reina. Hoxe rotulan «Sarkozy acusa a Hamás de acciones “irresponsables e imperdonables”» e «Sarkozy, a favor de “un alto el fuego lo antes posible”». El Mundo achegaba un titular virtuosamente expandido: «Sarkozy pide un alto el fuego 'pronto' en Gaza y Hamas le acusa de apoyar el “holocausto”» que completaba ademais cun par de subtítulos: «El presidente francés tacha de “irresponsables” a los islamistas» e «Asegura que la UE está trabajando para acabar con el enfrentamiento».


Público
tira a información de EFE,
El Mundo de Reuters e AFP, El País de axencias indeterminadas. Todas fan referencia ao mesmo feito informativo pero non é un problema de fontes, nin do que editorialmente se quere interesadamente subliñar, o problema, ben se sabe, é que a realidade tamén é estrábica e a condenada sempre nos devolve máis dunha ollada.