Con todo, hai que lembrar que desde o cambio de século non se deixa de falar con obstinación da crise dos medios tradicionais. Xa daquela o célebre xornalista da CBS, Dan Rather, sinalou alamado que o medo se apoderara das redaccións dos medios: «Hai medo de que a circulación se funda ou que non crezca. Non tes tempo para pensar o que tes que facer porque temes que a túa competencia tome a dianteira.» Co tempo o medo mudou a pánico. Á altura de 2006, The economist preguntábase: «Quen matou ao xornal?» No último semestre de 2008 asistimos a quebra en cascada de numerosas cabeceiras. Un temíbel efecto dominó agranda a crise.
Reinventar El País
A última (de momento) resposta á crise dos media é a de El País que anunciou, por boca de Juan Luis Cebrián, unha nova estratexia de «cambio cultural» e de reenxeñaría empresarial para poñer fin a un formato integrado verticalmente que se valora «anticuado, obsoleto e esclerótico».
Déronse un tempo para pensar e para deseñar un «plan de supervivencia», a gran transformación é tornar El País nunha factoría de produción de contidos de calidade para soportes diversos (papel, rede e telefonía). Unha redacción unica, fusionando os equipos de on line e de off line, que sumará máis de 500 profesionais, que se acompaña de outras dúas empresas: unha para prestar servizos troncais (administrativos, de sistemas, recursos humanos e distribución), que ocupara a 200 persoas, e outra dedicada á produción e que, cuns 150 empregados, asumirá as tarefas relacionadas con rotativas, papel, peche e mantemento.
7 leccións e 6 recomendacións
O inicio da metamorfose ten data: 1-M. Haberá que agardar para ver o que dá de si tanta ortopedia e mudanza cultural, mentres é proveitoso reler un traballo de Juan Antonio Giner («Siete lecciones que explican la anunciada crisis de los diarios norteamericanos», Cuadernos de periodistas, setembro 2008).
As súas sete leccións son:
- Os diarios nunca morren por falta de lectores senón por falta de publicidade.
- Os diarios para todos son os diarios para ninguén.
- Un diario non pode ser só un negocio, debe ser e debe ser visto como unha auténtica institución social.
- A crise dos grandes diarios é a crise das grandes cidades.
- Os grandes diarios fános os grandes editores e moi poucas veces os banqueiros ou os homes de negocios.
- Os verdadeiros «donos» dos xornais son os seus lectores e non os seus anunciantes.
- Os cambios hai que facelos cando as cousas van ben.
- Non nos debe preocupar o futuro, senón o presente.
- Non nos deben preocupar os xornais, senón o periodismo.
- Non nos debe preocupar a técnica, senón as persoas.
- Non nos debe preocupar a estética, senón a ética.
- Non nos deben preocupar as cousas, senón o espírito e as ideas.
- Non nos debe preocupar o cambio, senón a innovación.
4 comentários:
Creo que no punto B2 tes unha gralla...
Daquela, e seguindo tales principios, semella que o Xornal de Galicia non é alá moi gran cousa, non?
Certo, había unha gralla : D
O Xornal, efectivamente, chega nun momento ben difícil, un momento de moitos riscos e poucas oportunidades.
Enviar um comentário