Mostrar mensagens com a etiqueta Zapatismo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Zapatismo. Mostrar todas as mensagens

04/06/2008

Soidades zapatistas


Laura Castellanos, xornalista, e Ricardo Trabulsi, fotógrafo, armaron Corte de caja con dúas macroentrevistas ao subcomandante Marcos e con retratos en Cidade de México e Chiapas. Unha síntese adiantouse en Gatopardo, agora sae a segunda edición do libro tras esgotar os primeiros 2.000 exemplares. Sublíñase a perda de vigor dos vencellos do zapatismo cos intelectuais e coa esquerda en México e no mundo. O seu isolacionismo mediático faise sentir de xeito ancorante. Unha intervención contrainsurxente gaña credibilidade e entolda o futuro. Marcos exprésao claramente: «Estamos como en 1993, pero ao revés. Daquela estabamos preparando o alzamento, sen medios, sen xente, sen atención, non existiamos logo, pero agora é ao revés. É o goberno o que está preparando o ataque.» Illado, á defensiva, xa hai quen cualifica a Marcos como un «mito en crise».Tanta soidade constrasta coa simpatía política e a solidariedade doutrora. Entre tanto abandono o éxito editorial é o único que bota pouco de luz sobre a situación desesperanzada do EZLN e non estraña que o Subcomandante faga un eloxio da indefinición estratéxica: «O EZLN está nunha indefinición, estamos afeitos a iso e é así como nos saen mellor as cousas». Agardar e ver, zafar como se poida.

11/12/2004

A guerra das palabras

Vou de excusión polas librarías compostelás para darme un respiro e atopo con algo de atraso La guerra y las palabras de Jorge Volpi. Aquí, Seix Barral subtitúlao como «Unha historia do alzamento zapatista de 1994»; en México a editorial Era preferiu subtitúlalo «Una historia intelectual de 1994». O século XXI en México, e para a esquerda espilida do mundo enteiro, comezou o primeiro de xaneiro de 1994 coa insurxencia zapatista, o traballo de Volpi é unha análise do impacto intelectual daqueles feitos e por iso concédelle máis protagonismo á guerra de ideas, imaxes e mensaxes que as accións militares do EZLN.
Agora que o subcomandante iniciou unha nova aventura, esta vez literaria, coa publicación de Muertos incómodos, as valoracións de Volpi sobre as capacidades retóricas e comunicacionais de Marcos recobran (se é que algunha vez o perderon) interese. Sen caer na esaxeración de Regis Debray que cualificou ao dirixente zapatista como «o mellor escritor latinoamericano vivo», Volpi recoñécelle que é «un creador sólido» e que a Marcos lle corresponde «o mérito de renovar a arte epistolar en México» E engade: «De non terse dedicado a filosofía e a guerra, [...] sería un dramaturgo ou un novelista de certa valía». Na miña idea, a maior gabanza que lle dedica Volpi é cando escribe que «a súa maior creación literaria é el mesmo». Para un tío que anda encarapuchado pegando tiros non está nada mal. (Continuará)