Agarimosamente, Cesare teima por facer de min un bo liberal e achégame, desde as terras altas, Tempos incertos. Democracia, liberdade e dereitos humanos no século XXI do controvertido e multimillonario pensador George Soros. O seu ensaio é un alegato sobre a necesidade de construír sociedades abiertas, sabedoras das súas imperfeccións como garantía da súa capacidade de progreso e xeración dun mundo mellor. Á luz desa idea forza, Soros fai un repaso especulativo dos problemas malditos da humanidade no século XXI.
O home sábese poderoso e practica unha arrogancia expositiva que, con frecuencia, resulta amolante e convida ao abandono da lectura. As dúas primeiras liñas do limiar son exemplares: «Moita xente soña con facer do mundo un lugar mellor; pero eu realmente podo.» Se non abandonas é debido a que Soros é rabudamente intelixente.Reivindícase como un «estadista sen Estado» e achega visión inconformes, vale dicir alternativas, á política global do noso tempo. Tamén dá conta da súa implicación na campaña electoral presidencial dos Estados Unidos para lograr a derrota de George Bush. Soros escribe: «O obxectivo último ha ser rescatar ao Partido Republicano dos extremistas conservadores e relixiosos que actualmente o controlan. A democracia estadounidense baséase en dous partidos que compiten por un terreo neutral; pero o sistema viuse socavado cando os extremistas se fixeron co control do Partido Republicano. Se queremos recuperar o equilibrio, hai que derrotar aos extremistas.»
É difícil non facer unha lectura presentista de parágrafos de Tempos incertos como este e apegalos ás manifestacións últimas de Jesús de Polanco. Histerias do Partido Popular á parte, Polanco comparte moitos dos atributos de George Soros: é endiañadamente intelixente, é rico, sábese influente e está investido como un demiurgo da arquitectura e equilibrios dos poderes realmente existentes no Estado español. El coñece dos fluxos e centros de poder decisivos que condicionan, desde os sumidoiros decisionais, a nosa epidérmica democracia e determinan as liñas do terreo de xogo.As palabras de Polanco son especialmente incómodas porque desvelan toda a súa capacidade para actuar á marxe do escrutinio dos cidadáns, no labirinto inaccesíbel dos sottogovernos e nos grandes mercados de favores. Ese tipo de poder é temíbel cando se exerce na sombra, pero produce espanto aínda maior cando sae á luz. Opaco e incontrolábel infunde abraio cando se manifesta sen máscaras e pantallas.
Branko Crvenkovski, presidente de Macedonia, cualificou a George Soros como un «estadista sen Estado» e alegou a prol da súa etiquetaxe que os estados teñen intereses, pero non principios, e que Soros tiña «principios, pero non intereses». É mellor non caer no atordoamento idealista de Crvenkovski, Soros e Polanco teñen tantos principios como intereses, iso é o que os fai poderosos, temíbeis e, como sabe Mariano Rajoy e troupe, tan desmedidamente perigosos. Moito máis agora, cando xa teñen máis pasado que futuro vital que xestionar. Sen ataduras, con recursos sobrados, nada teñen que perder e poden permitirse a liberdade de exercer o seu poder á luz do sol. E son moitos os que se poden verse queimados polo sol, ou o que é o mesmo, queimados por un poder que se vira contra ti.



















