Mostrar mensagens com a etiqueta Dereita. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dereita. Mostrar todas as mensagens

28/08/2009

Non parece pero é

Ten engado cos xornalistas dos medios exteriores. Cos de aquí ten cargos de nómina ou subvencións. Hai unha semana, en Público rendéuselle Jesús Miguel Marcos: «Alberto Núñez Feijóo, o flamante novo temoeiro de Galiza, non parece do PP.» Afeita a retina aos conservadores pre-constitucional de Pujalte e Zaplana ou aos liberais antidemocráticos como Aguirre ou Camps, explícase a xentileza e o cándido extravío.

De Toro inspeccionou xa a alquimia do experimento Feijóo para rexistralo entre a «dereita nihilista». Antonte Anxo Guerreiro lembrounos a perspectiva longa coa que se move e ponlle deberes: «Se Feijóo aspira, como parece, a liderar no futuro a dereita española e a dirixir un partido moderno ha de enfrontarse a outro gran dilema: encartarse á actual deriva política do PP ou romper amarras coa involución aznarista de Rajoy». De momento segue en wait and see e atende con mansedume ás prioridades e desacougos marianistas.

O ecosistema político de Galiza acubilla moitas variedades de dereita, democrática e nada democrática, pero os engaiolados xornalistas con praza na capital poden estar seguros de que Feijóo non é o modelo de dereita progresista ningunha, el é a emerxente e novísima dereita, o prototipo do Partido Popular 4.0, versión aggiornata do parademocrático PP 1.0 de Fraga, do exitoso neocon 2.0 de Aznar e do abaneante 3.0 de Rajoy; un híbrido de todos e a superación de ningún.

14/04/2009

Feijóo. Guía de lectura (1)

O Discurso de investidura de Alberto Núñez Feijóo ofrécese como a primeira peza da literatura fundacional dunha nova dereita no goberno galego. Aconséllome facer unha guía de lectura/audición da súa nova política para Galiza.

Auctoritas
.
Imperio da lei como coartada da cultura autoritaria, peza recorrente no kit de valores neoconservador. Formateo da cidadanía como aval de consensos obrigados e o respecto ás normas, singularmente para o acatamento dos máis novos «da auctoritas dos pais na casa, dos mestres no colexio, dos profesores no instituto e dos axentes de tráfico nas estradas...» Só lle restou engadir: e en todos os demais ámbitos e en caso de calquera dúbida, respecto á auctoritas do Presidente da Xunta.


Citas.
Unha do mestre Álvaro Cunqueiro para ilustrar a indeterminación xeográfica da confianza electoral recibida «de aquí e de acolá». Para certificar a súa franqueza e honestidade, a de Vaclav Havel («supoño que non propuxeron para este cargo para que vos minta»). A máis erudita, extensa e en castelán correspondeuse cunha de Antonio Couceiro Freijomil tirada de La bandera de Galicia, que usou para combater a tentación de patrimonializar partidariamente Galiza («Galicia no pertenece a ningún partido ni grupo. Ella debe ser un fin, nunca un medio...»). Dúas máis, unha aquelada de Vicente Risco para cartografiar o «territorio identificador» de Galiza –pobo, territorio, lingua, cultura e historia bimilenaria– e outra de Ramón Piñeiro para focalizar «a dimensión temporal de Galiza». E, para dar cabo, unha («todo está por vir e non chega»), sen mencionar a autoría de Salvador García-Bodaño, coa que caracterizou os «tempos difíciles» (seica se refería á ditadura franquista).


Confianza.
Pediu confianza para un programa e para a súa persoa. Gabouse de contar cun cuantioso depósito de confianza: as papeletas de 789.427 cidadáns. Nesa confianza cífrase a súa marxe de manobra e gobernabilidade. Aínda que as boas maneiras e a retórica presidencialista obriguen a postularse como a cabeza dun goberno para todos os galegos e deixar claro que o seu compromiso é «co pobo galego», cando se concreta é «nos centos de miles» que votaron Partido Popular. Confianza nas palabras de Feijóo é unha metonimia política, xa saben a parte polo todo.

Democracia. As notas democráticas de Feijóo son: 1) a vixencia da democracia como «goberno do pobo e para o pobo»; 2) a súa redución a unha fórmula contratual cuadrienal entre gobernados e gobernantes («a democracia non é outra cousa que un contrato entre a cidadanía e o gobernante, que se asina nas urnas e que se cumpre despois na acción cotiá de goberno»); 3) a «garantía da autonomía» de Galiza; e 4) o bo desexo de que «Galicia siga brillando no firmamento das democracias». E, agora, unha longa cita:
A democracia non é un mero conxunto de técnicas, de mecanismos, de estruturas; que a democracia esixe nos seus fundamentos unha ética; que a democracia prospera cando o discurso público sobre os seus fins se desenvolve sen hipocrisías, sen manipulacións e sen concesións; que a democracia persegue fins que aspiran tamén a mellora do individuo segundo as súas preferencias expresadas, discutidas, contrastadas, redefinidas. E, así, para rematar, engadirei que a democracia, lonxe de ser un réxime político caracterizado pola impotencia, repregado sobre si mesmo e privado de engado, é, polo contrario, un réxime político capaz de renovarse e adaptarse, esixente cos seus cidadáns e cos seus gobernantes.

Mágoa que non sexa de Núñez Feijóo senón de Gianfranco Pasquino.


Deus.
Asomouse Deus no discurso da man do Deus Fratesque Gallaecia, unha das máis exitosas invencións literarias de Benito Vicetto que o fabulou como lema dos revoltados irmandiños. Precioso pero falso como acreditan os estudos de Carlos Barros. Deus e os irmáns de Galiza: dose de providencialismo divino que Feijóo amalgamou con democracia, autonomía e confianza nas propias posibilidades. Para enfrontarnos a crise o máis certeiro será encomendarse ao autogoberno, mellor confiar na providencia laica e democrática e nas capacidades de seu xa que Deus está moi ocupado con tantas outras cousas.


Dimensións.
O Discurso de investidura nas súas magnitudes básicas: 100 minutos de exposición. 505 parágrafos. 47 páxinas. 13.603 palabras. 72.806 carácteres.

Esquecementos. Sen dúbida, o máis monumental foi o da Cidade da Cultura; silencio táctico para gañar tempo e para non incomodar nun día tan sinalado ao todopoderoso dono da Corporación Voz. O esquecemento máis histórico: non mencionar a delongadísima experiencia de gobernación do Partido Popular no noso país. O esquecemento máis terapéutico: a oferta de amnesia selectiva: esquecerse das razóns do fracaso da reforma do Estatuto na pasada lexislatura xa que un debate sobre as causas «só contribuiría a dificultar» o novo intento reformador. Fagamos coma se todos non soubésemos que quen fixo valer o seu veto foi o Partido Popular.

Familia. A palabra tótem do neoconservadurismo non podía faltar. Feijóo fala de cidadanía cando activa o rexistro político e de familia cando toca o social. En poucas palabras, os dereitos políticos exércense como cidadáns; os dereitos sociais correspóndenlle ás familias. Con toda solemnidade, Feijóo entende que «as políticas sociais deben estar dirixidas a apoiar integralmente á todas as familias».

Esa centralidade da familia nas políticas de benestar exprésase con reiteración tamén cando enumera os axentes referenciais das políticas económicas: «as familias e as empresas galegas», xa que a crise financeira «está poñendo en moi graves dificultades ás familias, aos emprendedores, ás Pemes e ao noso sector empresarial e produtivo en xeral.» Os destinatarios das políticas de alivio fiscal, facilidade de crédito ou protección fronte ao endebedamento son as familias.

Cómpre non enganarse, esta centralidade da familia non é consecuencia dunha anacrónica consideración dos stakeholders das políticas de benestar; moi ao contrario, é unha formulación de vangarda que recoñece na familia o no de solidariedade de proximidade, a peza fundamental que permite xustificar a transferencia de recursos públicos da solidariedade dos estraños –o Estado– cara os xestores da solidariedade do propios –familias, grupos de autoapoio...–.


Galeguismo.
Cando se postulou como candidato á presidencia do Partido Popular de Galicia, en 2005, Feijóo ofreceuse como director dun proxecto «galeguista», «reformista» e «centrista». Das tres marcas de identidade do seu proxecto partidario no discurso só mencionou unha, o reformismo. O centrismo hai tempo que foi arrumbado no curruncho das denominacións de orixe inservíbeis e no parrafeo de investidura o galeguismo unicamente apareceu vencellado ao agradecemento do labor dos galeguistas que loitaron pola «identificación da Galicia intelectual coa Galicia popular, xunto cos dereitos políticos do noso pobo».

Noutrora, o deputado e aspirante presidencial non tiña reparo en proclamar que «o galeguismo é o nacionalismo non excluínte» nin que o seu era un «galeguismo reformista». No que cualificou como o momento máis importante da súa vida Núñez Feijóo esqueceuse de tan esperanzadoras definicións e etiquetas.

Galicia. Nas palabras de Feijóo Galicia faise suxeito como «o noso país, «un gran país» ou na súa condición de «sociedade moderna». É un «espazo único, como unha grande cidade única» que ha ser obxecto dun desenvolvemento harmónico e racional para garantir a súa sostenibilidade. Galicia é unha herdanza –«Galicia é o que é grazas ao traballo e ao esforzo dos nosos maiores»–, somos ademais un «país eminentemente marítimo» e debemos ser unha «unidade de destino turístico».

No seu momento de maior intensidade lírica, Galiza é «esta esquina de Occidente», «hoxe unha terra fértil para a liberdade» e nalgunha pasaxe administrativista somos «Comunidade Autónoma» pero, en ningún momento do seu parlamento, chegamos a ser nomeados como «nacionalidade histórica». Nas palabras de Feijóo non se nos recoñece nin tan sequera como o que a súa sacrosanta Constitución e o vixente Estatuto di que que somos.


Impresionismo.
Parece case obrigado que un discurso de investidura se entregue ás materias graves, rotundas, profundas e mestas da gobernabilidade futura do país. Non houbo tal, Feijóo recorreu á descrición impresionista, mesmo epidérmica, dos problemas centrais da nosa economía e autogoberno. Opción pola lixeireza e a indefinición que se corresponde, en gran medida, co seu descoñecemento efectivo da situación real en termos orzamentarios e de concreción dos programas de acción do anterior executivo.

Sen caer na frivolidade, Feijóo coqueteou abondo coa superficialidade e extensos parrafeos do seu discurso presentáronse como o temario dunha oposición a gobernante, máis como cuestións obrigadas que terá que preparar en fondura e das que se vai ter que examinarse e non tanto como formulación primeira de ideas de avance e solución dos problemas identificados.


Partido.
Prometeu un «goberno sen siglas» e case consigue proscribilas no discurso de investidura. Unha mención ao partido ao que pertence como forza reformista, outra para salientar o compromiso que «vén de longo» do PPdeG coa sanidade pública e dúas iniciais para dar conta do Partido Popular como subscritor dun contrato electoral cos cidadáns nos pasados comicios do 1-M e para agradecer, en nome do Grupo Parlamentario Popular, a confianza electoral recolleitada. Tan limitado «orgullo de partido» é, sen dúbida, cousa de ser atendida por un especialista.

Pasado. Notábel o esforzo de Núñez Feijóo para librarse das hipotecas gobernamentais do pasado. Contundente corte do cordón umbilical que o une co fraguismo –«Nós non vimos restaurar ningún pasado»–; a acción política pretérita unicamente lle serve para identificar o compromiso coa sanidade pública e co desenvolvemento e consolidación do Estatuto de Autonomía. A suposta ausencia de vontade restauradora viuse liquidada de vez cando minutos máis tarde sinalou como marco da súa política de infraestruturas o «Plan Galicia», unha das máis acabadas e fraudulentas obras virtuais da era Fraga.

Presidentes.
Un deputado candidato a presidente (Feijóo), tres referencias nominais –Fernández Albor, González Laxe e Fraga Iribarne– e unha mención de respecto para Pérez Touriño «pola súa entrega e o seu traballo»; recoñecemento serodio a un presidente a quen durante a pasada lexislatura se fartaron de chamar «o deputado Emilio Pérez Touriño».


Próximas entregas


Se hai saúde, tempo e a paciencia non se creba, tocaralle, entre outros artefactos, a: Aplausos; Autonomismo; Benestar; Crise; Cultura; Demolición; Estatuto; Goberno; Lingua; Ortopedia; Plans; Reformismo; Rexeneracionismo e Tempos.

04/09/2008

Import/export

Fernando Scornik Gerstein lembra en Público a manda que Rodríguez Zapatero lle fixo a Jesús Caldera para que se ocupase de «exportar o pensamento progresista». Onte no mesmo «Dominio Público», Pedro Chaves Giraldo vaticinaba o advenimento dun período posneoliberal, de xeito que a factoría de ideas de Caldera poderá dispoñer (teoricamente) dun amplo mercado mundial no que colocar os seus produtos progresistas nas mentes e corazóns de millóns de cidadáns. Hai fame de cambio ideolóxico e o think tank de JC pode colmar o baleiro deixado pola creba imaxinativa da socialdemocracia alemana, primeiro, e despois da Terceira Vía de Blair, cualificada acedamente por Chaves como unha proposta «de subordinación indecorosa da esquerda socialdemócrata ás esixencias do neoliberalismo».

Na súa achega Scornik Gerstein emprégase a fondo para identificar moitas das ideas practicadas polo PSOE que o seu novo xerente ideolóxico non debera exportar malia que moitos dirixentes socialistas as consideren progresistas. O ben norteado artigo de Scornik, con todo, comparte xornada informativa coas reveladoras declaracións de Celestino Corbacho, sucesor ministerial parcial de Caldera, quen considera que non é razoábel que se siga recorrendo á contratación en orixe; é dicir, de inmigrantes. Este luminoso anuncio asume con toda crueza, como diría o bendito Lakoff, o marco interpretativo da ultradereita que identifica aos «inmigrantes» como desalmados usurpadores dos postos de traballo dos «nacionais».


El País ofrece unha curiosa interpretación das palabras do novo ministro de Traballo: «En contra das aparencias, as declaracións de Corbacho non implican, de momento, un cambio na política desenvolvida polo Executivo durante a pasada lexislatura. Pero si supoñen un xiro de cento oitenta graos respecto ao discurso do seu antecesor, Jesús Caldera, quen adoitaba incidir no aspecto solidario das decisións do Gabinete sobre os estranxeiros.» Dísenos en poucas palabras que Corbacho cambia de discurso, adoptando o da dereita ultramontana, pero aínda así non mudará a súa práctica política. O noso paisano, Tomás Bárbulo, sabido en ambigüidades, documenta a súa explicación con dúas declaracións de anónimos altos cargos do ministerio: [1] «É posible facer a mesma política cun discurso distinto»; e [2] «O discurso do novo ministro é máis cómodo para nós. Permitiranos seguir traballando sen necesidade de estar permanentemente á defensiva fronte ao PP» (ao parecer amólanlle menos estar á defensiva perante outras forzas). Ás dúas sentenzas sóbralles cinismo e fáltalles vergoña.

Un dito africano afirma sensatamente que «a faba non debe crecer no camiño da vaca ou da cabra». As posibilidades de prosperar da faba son as mesmas que as dunha política progresista que se pretenda arroupar na verborrea ultraconservadora. Entregado o PSOE á súa indecorosa subordinación discursiva respecto da paleodereita, Caldera vai ter que reconverter rapidamente a súa empresa de exportación ideolóxica e montar urxentemente unha importadora de ideas para a nova dereita progresista que Celestino Corbacho acaba de presentar en sociedade.

30/07/2008

Na senda dos elefantes

David Alandete asina unha información en El País sobre a política fiscal do senador e candidato demócrata sob o título «Obama propón un alivio fiscal para a clase media». Alivio fiscal é unha marca-idea rexistrada polos republicanos, un dos «enmarcados» máis exitosos do cerebro de Bush, Karl Rove.

En Non penses nun elefante, Lakoff debulla interpretativamente ese enmarcado: «Cando á palabra fiscal se engade alivio, o resultado é unha metáfora: os impostos son unha desgraza, a persoa que os suprime é un heroe, e quenqueira que intente fréalo é un mal tipo.» Lakoff comprobou abraiado que a iniciativa de Bush-Rove resultou tan esmagadora que, finalmente, até os demócratas remataron por aceptar como propio o marco conservador. Hai así un enmarque interpretativo, hexemónico, que se multiplica e contamina todos os demais discursos sexan dos opositores ou dos mediadores sociais.

A noticia que nos achega David Alandete non fai logo referencia ningunha, en palabras de Obama, ao alivio fiscal, pero o enunciado do problema que se adianta no titular resposta paulovianamente ao marco conservador republicano. Sabedor deses perigos, Lakoff non deixa de insistir en que «os xornalistas teñen a obrigación especial de estudar o enmarcado e de aprender a ver a través de marcos motivados politicamente, mesmo cando eses marcos chegaron a ser aceptados como algo cotiá e como un lugar común.»

Hai lugar para o abraio? Son moitos cren que a obrigación especial dos xornalistas non é, en ningún caso, estudar os enmarcados senón simplemente reproducilos notarialmente. Por iso a recomendación de Lakoff repousa pracidamente no fondo das papeleiras da maioría das redaccións xornalísticas. Hai tempo que en moitos xornais se deixou de pensar no elefante para pasar a pensar como un elefante.
A senda dos elefantes é ancha e non é doado frear a marcha dos paquidermos.

05/06/2008

O no do aforcado


En A gaiola aberta, Roger Bartra identifica os tres lastres que pexan as tentativas modernizadoras da dereita en México: o integrismo católico; o enxalzamento dunha identidade nacional deformada; e os vencellos cos sectores máis tradicionais da economía. Diagnose tamén aplicábel a outras dereitas máis próximas xa que como subliña Bartra «hai moitos que cren que a definición mesma de dereita baséase neste nó de tradicións, e que se se desata estragarase a posibilidade de definir este espazo político na idea de que «unha “dereita moderna”, libre destas ataduras, sería un absurdo».

Integrismo católico, uniformismo españolizante e inmobilismo especulativo nos mercados son os tres cabos que forman tamén o nó de aforcado que encora ao Partido Popular. O seguidismo do programa COPE, a sacralización do unitarismo estatal e Pizarro como homo oeconomicus son a fórmula fracasada o 9-M. Mariano pode gañar o Congreso pero resulta moito máis dubidoso que a dereita sociolóxica se alivie significativamente deses tres compoñentes ultraconservadores nos que macera desde o 2000. O cisma entre o PP-liña Rajoy e unha parte do seu zócolo socioelectoral é o prezo por purgarse do «faescismo». Economía de risco: perder agora para gañar máis tarde. Aí mídese a viabilidade política do marianismo.

05/04/2008

Leoas e cordeiros

Casa grande é sempre mala de gobernar. A estas alturas Mariano Rajoy debe estar batendo coa mesma conclusión á que chegou o shérif Ed Tom Bell: «Gobernar aos bos custa moi pouco. Pouquísimo. E aos malos non hai modo de gobernalos. Ao menos que eu saiba.» Rajoy debe demoler unha idea solidamente asentada –o PP non é un partido para os cambios– e recuperar o espírito reformista do XIII Congreso do Partido Popular de 1999, pero ambas as dúas operacións nin son doadas nin garanten, de entrada, mellores réditos electorais.

O noso paisano saldou as contas maiores co pasado e, se noutrora non tivo pena ningunha para presentarse como un continuísta sen complexos, agora non lle queda máis remedio que sumarse ás teses dun conservadorismo dinámico para introducir cambios no seu partido e no seu discurso.
Rajoy sabe que desta volta non poderá zafar cunha dose de transformismo gatopardiano e que terá que facer algo máis. Non basta con atender á melodía que a orquestra do Titanic sigue tocando en pleno naufraxio, pero outros cantos de serea achegan tamén poucas certezas e esperanzas.

Ao público e aos medios encántanlle os audaces fracasados que sempre atesouran mellores epitafios que os grises xestores das rutinas posibilistas; pero fracasar brillantemente non é o obxectivo político-vital de Mariano Rajoy, xa que para iso xa tería atendido a demanda de Elvira no balcón da derrota.


En A actitude conservadora, Michael Oakeshott tira algunhas conclusións respecto da disposición das persoas conservadoras fronte aos cambios que son inevitábeis:
  1. A innovación implica unha perda segura e unha ganancia probábel.
  2. Mentres máis se pareza a innovación ao crecemento menos posibilidades haberá de que acabe predominando a perda.
  3. A innovación que vén corrixir un defecto puntal e se deseña para compensar algún desaxuste específico é máis desexábel que a alentada por unha noción de melloramento xeral ou por unha visión de perfección.
  4. Preferirá as pequenas e limitadas innovacións ás grandes e incertas e o ritmo lento ao rápido, para poder así deterse a observar os efectos que se producen e axustar o que proceda.
  5. Estimará que a ocasión máis favorábel para a innovación é aquela na na que o cambio proxectado terá máis probabilidades de axustarse ao que pretende e menos de rematar corrompido polas consecuencias non buscadas e non controlábeis.
A guía de navegación de Oakeshott non está mal, pero tamén neste caso todo depende do estado da mar, da tripulación, do ben estivada que estea a carga reformista e do volume de lastres necesarios para dar estabilidade identitaria á nave. Segundo as certezas de todas as nais do mundo, o máis peor de todo son as malas compañías. E a Mariano non lle faltan malos, peores e pésimos compañeiros de viaxe. Polo de pronto, Rajoy a diferenza de Ulises non pediu que o atasen ao mastro, aliviouse de ataduras anteriores e parece decidido a pilotar os cambios.

Con todo, podemos adiantar unha primeira conclusión para o tránsito do Partido Popular cara ao seu XVI Congreso atendendo ao aforismo de Woody Allen: «A leoa e o cordeiro durmirán xuntos, pero o cordeiro durmirá ben pouco».

16/03/2008

Lideratos glaciares

A autopsia da malfadada noite electoral de Mariano Rajoy, que hoxe publica Jaime E. Cúe en El País, finaliza co anuncio que Ernest Shackleton supostamente publicou nos xornais británicos solicitando voluntarios para a súa expedición antártica. Un desesperanzado aviso de recrutamento que vale para quen decida acompañar a Mariano Rajoy na súa viaxe cara ao centro-reformista. «Procúranse homes para unha viaxe perigosa. Soldo baixo. Frío extremo. Longos meses de absoluta escuridade. Perigo constante. Non é certo volver con vida. Honra e recoñecemento en caso de éxito.»

A expedición cara ao sur antártico do Endurance que capitaneaba Shackleton converteuno nun modelo de liderado para situacións de imposíbeis supervivencias. Bloqueado preto da costa antártica na baía de Vahsel, entalado na banquisa, tras 281 días a presión do xeo rematou por esnaquizar o seu navío, obrigando aos 28 membros da expedición a realizar unha épica viaxe en zorra polo xeado mar de Weddell e logo en bote até a illa Elefante, no arquipélago das Shetland do Sur, e desde alí á illa Xeorgia do Sur. Shackleton non perdeu nin un só home nos tres anos que durou a súa expedición. Un prodixio de iniciativa, intelixencia, resistencia e teimosía.

Existe unha abondosa literatura que, a partir da experiencia da expedición trasantártica de Shackleton, tira proveitosa leccións para a dirección empresarial ou política; Dennis Perkins, por exemplo, resumiu as dez estratexias de Shalckleton:
  1. Nunca perda de vista a última meta e concentre a súa enerxía en obxectivos a curto prazo.
  2. Dea exemplo persoal con símbolos e condutas visíbeis e fáciles de recordar.
  3. Inspire optimismo e autoconfianza, pero aférrese á realidade.
  4. Coide de si mesmo: manteña a súa resistencia e déixese de complexos de culpa.
  5. Reforce constantemente a mensaxe de grupo: somos un e viviremos ou morreremos xuntos.
  6. Minimice as diferenzas de status e insista na cortesía e o respecto mutuo.
  7. Domine o conflito. Manexe o enfado en doses pequenas; atraia aos disidentes e impida loitas de poder innecesarias.
  8. Atope algo que celebrar e algún motivo co que rir.
  9. Estea disposto a asumir o Gran Risco.
  10. Nunca abandone, sempre hai outro movemento.
Non sei se Rajoy, mesmo atendendo todas e cada unha das recomendacións de Shackleton, será quen de levar a bo porto a Gran Transformación do Partido Popular. En calquera caso, xa deu un gran paso adiante ao seguir o sabio consello de Winston Churchill: «O éxito non é definitivo, o fracaso non é fatídico. O que conta é o valor para continuar». O que lle queda.

14/03/2008

O compás ideolóxico do votante medio

O actual código de circulación electoral semella prohibir calquera xiro á esquerda. Moitos dos analistas do 9-M subliñan que o electorado esvarou de modo xeneralizado cara a posicións máis moderadas e votou opcións situadas á dereita das súas preferencias políticas. Entre antigos electores de IU ou ERC, o voto útil ao PSOE verifica o seu desprazamento pragmático cara a postulados ideoloxicamente máis mornos, algo que acontece tamén nos segmentos máis radicais da esquerda volátil acantoados noutrora na abstención. Votantes propios do PSOE tamén exerceron o seu voto aceptando esa deriva dereitizante xa que o programa de Zapatero 2.0 está moito máis centrado que o de Zapatero 1.0.

Pola súa parte, a estratexia do Partido Popular renunciou hai tempo ao centrismo reformista que abandeirou en 1996-1999 e procurou a fidelización dunha base electoral que, ao longo de catro anos, macerou regresivamente nun caldo ultraconservador. Presentouse e obtivo os seus votos argumentándose como unha dereita alén da dereita.

O desprazamento electoral de votantes de EA ao PNV ou do PNV cara ao PSE, ou de ERC cara a CiU obedeceu tamén a un estímulo político de moderación. A única excepción serían os electores de Unión Progreso y Democracia, apegados a transversalidade do novo españolismo, que proviñan do PP, xa que os que votaron ao PSOE en 2004 tamén xiraron nas súas preferencias cara á dereita.

O termómetro do CIS

Os CIS gasta abondosos esforzos demoscópicos para fixar a temperatura ideolóxica do votante estándar do Estado español determinando o seu autoposicionamento nunha regra do 0 ao 10, onde 0 é a posición de máxima esquerda e o 10 a da dereita máis extrema.


Desde 1996 a 2008 é posíbel identificar seis fases.

[1] 1996-2000: Xiro acusado á dereita. Prodúcese unha crecente dereitización do votante medio pasando dun 4,79 ao 5,1 en xaneiro de 2000. Durante o goberno, en minoría parlamentaria, do Partido Popular, a autolocalización ideolóxica do votante estándar virou do centro-esquerda ao centro-dereita sobardando a divisoria do 5.

[2] 2000-2003: Moderación centrista. Sinálase un retorno ao valores medios de principios de 1996 –4,79–, un aggiornamento moderado como consecuencia da instalación do PP nunha cómoda maioría.

[3] Xiro moderado á dereita. De xaneiro de 2003 a finais do verán de 2004 documéntase unha etapa de moderada dereitización que leva ao votante estándar a achegarse aos valores promediais do período 2001-2003 ao redor de 4,9.

[4] Outono 2003–marzo 2004: xiro acusado á esquerda. O votante medio xira decididamente cara ás posicións de centro-esquerda. Son os tempos que van desde o Nunca Máis ás mobilización contra a guerra de Iraq e as mentiras do 11-M. O votante autositúase no verán de 2004 nun 4,60, desde 1996 o votante medio nunca foi máis de centro-esquerda que neste momento.

[5] Marzo 2004–verán 2006: Reequilibrio cara ao centro-dereita. Desde a toma de posesión de Rodríguez como presidente vaise producir unha moderada dereitización que nunca acadará os valores dos periodos anteriores, cifrándose sempre por debaixo do 4,8 con oscilacións cara ao centro-esquerda que nunca caen por debaixo do 4,65.

[6] Outono 2006–xaneiro 2008: xiro á dereita. Desde o outono de 2006 apúntase unha tendencia xeral á dereitización pasando dun rexistro de 4,65 en outubro de 2006 a un de 4,80 en xaneiro de 2008, unha tendencia que cabalga co fracaso do proceso de paz en Euscadi e que se activa intensamente a partir da voadura da T-4 en decembro de 2006.

Haberá que agardar a que o CIS nos entregue os datos do último trimestre para saber se o triunfo do PSOE se produciu co compás ideolóxico do votante medio mirando cara á dereita (cara ao centro-dereita) ou virando cara á esquerda (cara ao centro-esquerda).

25/03/2007

No fondo do búnquer

Acobadado na barra dun bar, un paisano repara nas imaxes das manifestacións do Partido Popular que pasan pola televisión. As caras máis populares dos populares entre flamexantes bandeiras e acendidas proclamas sobre a fin de España e do Estado de Dereito da dereita. Tórcelle a cara a pantalla, abandona o quinto de cervexa e comparte con quen quera oír a súa sentenza editorial: «Coma non gañen as próximas eleccións, mátannos a todos.»

A guerra fría civil, que o Partido Popular cataliza, lévao á periferia arrabaldizada do sistema democrático: en apenas un quinquenio pasou de ser un partido fundamental do bipartidismo constitucionalista a converterse nunha sorte dunha forza de extramuros, aqueixada dun revisionismo reaccionario que a torna nunha alternativa ultraconservadora e posconstitucional.

O paisano editorializante intúe que unha nova derrota nas vindeiras eleccións xerais entregaría ao Partido Popular a estratexias aínda máis feroces e cainitas. Entre a esquerda ben pensante confíase en que un novo revés provoque unha catarse, a depuración dos elementos ultradereitistas e unha reorientación estratéxica cara á moderación e ao sentido común.


Se o Partido Popular se inmola, sen que haxa unha disidencia significativa, na súa estratexia guerracivilista e se esta se salda cunha nova derrota electoral, a súa bunquerización será (case) inevitábel e a corrección estratéxica moi improbable e, en todo caso, moi lenta xa que haberá que purgar a toda unha camada de dirixentes sen que se teña visualizado previamente o seu relevo político e xeracional.


A unamidade búlgara, que xa reinou no Partido Popular para decidir a participación na guerra de Iraq ou a defensa da fraude informativa e política do 11-M, pexará decisivamente e doutra volta a súa capacidade de rexeneración e cambio. O pensamento único do partido da dereita realmente existente despluraliza e esteriliza as súas opcións de futuro.

Por iso resulta tan incómoda a interpelación á disidencia que realizou Jesús de Polanco na xunta de accionistas de PRISA: «Opino que puidesemos nós, o Grupo PRISA, colaborar para que en España houbese un partido de dereitas moderno, laico, con ganas de conservar o que hai que conservar, e transformar o que hai que transformar, os apoiariamos.» Incómoda e disolvente.


En resposta, a cúpula do Partido Popular xuramentouse e decidiu suicidarse toda ela en irmandade unánime no seu búnquer da rúa Xénova e para saúdar a ruptura de pontes co principio de realidade anunciaron o boicot ás empresas de PRISA. Un exercicio de illacionismo mediático e un desventurado desprezo á liberdade informativa que evidencia que a dereita posconstitucionalista está entregada aos máis desenfocados despropósitos.


Sería hixiénico que no Partido Popular algúns dixeran o que moitos pensan, que abriran a porta e sairán de semellante casa de tolos á procura dun espazo político para unha dereita centrista e reformista. É difícil crer que á sombra da FAES e do triunvirato de Rajoy, Acebes e Zaplana xermole calquera outra caste de dereita que non sexa esa mestura de autoritarismo, nostalxía franquista, centralismo imperial, confesionalismo católico e resentemento revanchista.

Sacodida a colmea da dereita, nada parece indicar que esta vaia deitar doce mel. Ha sobrar, de certo, fel, moita fel. A aguilloada de Polanco, lonxe de alindala cara á senda constitucionalista, embocouna cara ao seu máis odioso e temíbel pasado reaccionario. Leva media razón o paisano, se perden mátannos... A outra metade di que se ganan, máis nos matarán. Derrotémolos e fagámoslle un favor á dereita intelixente.

10/03/2007

Mad World

No vídeoclip Mad World de Gary Jules, con ollos de paxaro, as persoas que ocupan a beirarrúa adquiren diversas formas: unha cara, un monicreque que camiña, unha casa, a ondada do mar, un barco dacabalo das augas... Os moitos que hoxe marcharon por Madrid compoñen unha imaxe bastante menos amigábel que nos alerta sobre os numerosísimos coidadores que teñen os ovos da serpe.