27/08/2009

Prioridades

A política como ensaio de prioridades obriga a elixir o futuro desexábel ao que se lle quere dar materialidade no presente. Vitor Hugo sostiña que saber exactamente que parte do futuro pode ser introducida no presente era o segredo de todo bo goberno. Para subliñar a súa autoridade suprema, Mariano Rajoy aproveitou (extensamente) os micrófonos da Radio Galega para avaliar se Alberto Núñez Feijóo estaba facendo ben os seus deberes gobernamentais. Aprobouno con nota.

Como todo dirixente ten que ter prioridades, don Mariano sinalou os novos deberes ao presidente galego: «A prioridade é a crise nun momento tan delicado e a outra prioridade a medio ou longo prazo é a educación.» Tamén apuntou unha parte de futuro que non debe ser introducida no presente: o Novo Estatuto de Galiza. Sentenciou: «Eu non me opoño, pero non é a prioridade hoxe, a prioridade é a crise.» Non hai perigo, Feijóo é un firme partidario de adialo até que o Tribunal Constitucional santifique co seu cuño que é tolerábel no Estatut. Sobre o padrón catalán, mais cun par de tallas menos, deseñarase o autogoberno de Galiza, cando toque e deus mediante.

Seguido ao autor de Os miserábeis pode concluírse que a clave dun mal goberno é o seu empeño en impoñer no presente as solucións caducadas do pasado. Nesa onda traballa o TC e con esa intencionalidade presentou o Partido Popular o seu recurso de inconstitucionalidade. Á transposición de pasado como solución de futuro dedica unha boa parte dos seus esforzos o consello de administración que preside Núñez Feijóo.

Para os heraldos conservadores pedir un «adianto de futuro» é sairse da orde natural.

Se o futuro é a perdición, a salvación ha de estar nas orixes, non é de estrañar, logo, que para o Partido Popular, como escribiu Karl Krauss, «a orixe é a meta». Non por iso produce menos abraio albiscar cal é a orixe que revindica unha facción da dereita mediática coa que se entende Rajoy. Hai pasados e pasados ben pasados e, se non me cren, activen o seu arrepío ante a futurista visión política que abandeira Agapito Maestro:
O proceso de desintegración [de España], que comezou coa aprobación dunha das Constitucións máis perversas que deu a historia de Europa, a do 78 español, terminou o mesmo día que se aprobou o Estatuto de Cataluña.
ou perante a renovada mestría do capataz dos peóns negros, Luis del Pino:
Todo o golpe de réxime que estamos a sufrir pivota ao redor do Estatuto catalán, para aprobar o cal se están incumprindo até as normas máis elementais de procedemento.
Con estes arrolos mediáticos, Rajoy elixe futuro e fixa prioridades, entrementres Feijóo toma nota.

Sem comentários: