31/12/2006

Cabo

Extraviado na escrita dos últimos parágrafos de 2006, son incapaz de facer o balanzo do ano. Decídome finalmente a pechalo coa escolla dun poema de Nas páxinas da ferida de John Berger.
Contadores de historias

Escribindo
anicados a carón da morte
somos os seus secretarios

lendo á luz da vida
contemplamos o seu libro maior

onde termina ela,
colegas meus,
comezamos nós, a ambos os dous lados do cadáver,

e cando a citamos
facémolo
sabendo que a historia está a piques de acabar.

30/12/2006

Na terra

No día do malfadado anuncio da fin da tregua, deitamos o corpo do meu pai no camposanto de Pereiró. Para todos os que no seu adeus trouxeron agarimos e aos que nos acompañaron coa súa solidariedade, han saber que teñen, de todo corazón, a nosa infinda gratitude.

Fin

Falsamente nos convencemos de que é mellor unha rápida fin que non unha longa e sufrinte agonía. É un fráxil pero necesario engano para alivar as derradeiras horas. O pasamento de meu pai dános a medida exacta das primeiras palabras contadas de Camilo Franco: «A especie está afeita á morte pero os individuos non.» A tribo e o noso pequeno clan tampouco. Tan só somos un menos pero o baleiro é infinito.

24/12/2006

Noiteboa

No serán da Noiteboa, Pedro herdarnos as historias da súa vida, alegrías e fatigas. Nunha paréntese que regala a doenza repasa as infancias da ilusionante República; os primeiros salarios coas cargas dos aserradoiros de Outes; o trienio miliciano na friaxe do cuartel compostelán do Hórreo e na fronteira do Pireneo aragonés; o matrimonio tras un sexenio de noivado; as xiras polas feiras das terras de Noia e Muros transportando do pouco que había nos anos da fame; a procura dun futuro nas canteiras de Baruta na Venezuela farturenta de mediados do século pasado; e, tras o retorno da emigración, os días de oficio no traficado balbordo do progreso e medre de Vigo como metrópole atlántica. Non perdo pormenor do relato último da súa digna vida.

22/12/2006

Na calma central

Paso con meu pai os seus derradeiros días. Para afrontar a súa dor, levanto un valado con letras insomnes. Cando fina o ano que lle rendemos á Memoria, comezo a ler con inmerecido atraso Os libros arden mal. Levado pola arte da lavandeira descifradora das marcas da auga, procuro nos ollos vencidos de Pedro oitenta e tres anos de esforzada vida. Entre a xeira de padecementos unha tregua. Como unha ladaíña leo a sabedoría fonda dun arpoador:
Non hai que fiar da calma, dixo de improviso. É ao que máis medo lle teño. Á calma. Sabes o lugar onde nada pasa, o da calma absoluta, onde a mar está como un prato?
Curtis negou coa cabeza.
No centro do furacán! É o que chaman a calma central. Non esquezas isto. Na calma central, ponte en vilo, en estado de urxencia.
Deitado na calma central da súa dor, Pedro dorme. As palabras de Rivas trazan un plan de fuga perfecto e céibanme das miñas angustias e da súa agonía. Con todo, non hai lugar para o engano, ben sei que estamos en estado de urxencia. Aínda así, teño unha débeda co narrador da nosa Mohicania: toda unha noite de paz acougada. Impagábel.

05/12/2006

RG # 4: Pinochet

Pinochet na súa condición de doente imaxinario ocupa as primeiras horas da mañá. Comparte protagonismo co esmagador triunfo petroelectoral de Chavez e o quero-pero-non-podo da suba do recibo da luz.

Os terminais devalos aos que está sometida a saúde do matachín e ditador chileno causan abraio entre demócratas e galenos; cada que vez que o idoso terrorista pisa a liña da morte recibe unha mellora xudicial que lle devolve á vida. Agora coa extremaunción dáselle tamén a liberdade baixo fianza; un xeneroso beneficio do Estado de Dereito que el combatiu asañadamente.

Dicir que Pinochet é merecente de ocupar unha das páxinas máis sórdidas da historia da infamia do século XX non é dicir demasiado pero case que o di todo. Pinochet fixo realidade con toda a súa crueza aquela sentenza coa que nos amenazaba Leon Tolstoi: «Sen hipocrisía, mentiras, castigos, cárceres, fortalezas e crimes non pode xurdir ningún novo poder nin sosterse o que existe.» Agás a democracia habería que matizar.

Augusto Pinochet decidiu brutalmente sobre vidas e facendas, violou todos dereitos e corruptamente amasou unha inmensa fortuna; na súa soberbia tentou ademais que o seu mandato de terror fose dalgún modo plebiscitado favorabelmente e, para ben, foi democraticamente derrotado. Pasa os últimos anos da súa vida asediado pola memoria das súas vítimas e sería de xustiza que un tribunal penase os seus crimes, aínda que só sexa para que non se converta na icona dunha brutal impunidade.

Actualización 10/12/2006: A historia gasta en crueis ironías. Finou o Día Internacional dos Dereitos Humanos. O vademecum da liberdade e a dignidade e o seu contrario absoluto na mesma folla do calendario.

02/12/2006

O día da marmota

Acudo á cita asemblearia temendo ter que vivir un novo día da marmota. Hai algunha sinal esperanzadora que indica que o día de mañá pode ser distinto ao de hoxe. O pedido xa está feito.