02/09/2007

Revolucións culturais pendentes

«A radio tamén é un soporte literario. Digámolo doutra maneira, noutras xeografías, noutras culturas, ensaístas, dramaturgos, narradoras, poetas escriben para a radio. O medio xera corpus ensaísticos e creativos propios, específicos. Obras que logo subsisten autónomas e libres do soporte e do contexto para o que naceron.» Quen escribe é Ana Romani, condutora do «Diario Cultural» da Radio Galega, e faino a propósito da edición de Clío nas ondas onde Ramón Villares recompilou as súas colaboracións radiofónicas. Tras esa feliz iniciativa editorial, agora Laiovento achéganos –non menos felizmente– Caderno da Revolución Cultural de Xavier Queipo que reúne textos radiados no mesmo programa entre setembro de 2005 e outubro de 2006.

Son 53 chamados de atención sobre a urxente necesidade de dar inicio a unha Revolución Cultural en Galiza. Interpeladores, incómodos, intelixentes, agudos, sempre críticos e, non poucas veces, desesperanzados pero cheos de razóns e mobilizados pola paixón. Ás menos veces, entendo, que non atinan plenamente na destinataria da crítica, pero agradécense igualmente por ser un eficaz antídoto fronte á autocompracencia.


Queipo aproveitou cumpridamente ese envexábel o oco libertario que aniña no «Diario Cultural» e que a súa directora describe así: «un espazo no que desde o respecto á liberdade de opinión se convida a persoas representativas da cultura do país a expresar as súas visións sobre o acontecer social e cultural, unha plataforma de expresión de diversidade que os autores convidados exercen sen mediación ningunha e con liberdade e responsabilidade». Que non nos falte nunca.


Repaso de actualidade que vai alén da inmediatez e do curto prazo, os textos de Queipo emprázannos con teimosía a desencadear unha Revolución Cultural no noso pequeno País sen Estado. Unha revolución cultural ben diferente da que revoltou a China nos anos sesenta, pero igualmente concibida como un gran salto adiante que nos permita ser máis felices, libres e diferentes como persoas e como nación.
Unha revolución cultural que ten ten múltiples substancias, e todas necesarias. Nunha volta, para mudar o xeito de abordar as ideas, os enfoques e os problemas; noutra xeira para «espantar os medos e abrir portas a unha liberdade sen cadeas, sen silencios cómplices, sen calumnias».

Cambio copernicano imprescindíbel «para pensar ao medio prazo, para adoptar unha praxe de goberno e non meramente de xestión administrativa», un espazo novo onde «para poder gobernar haxa que demostrar que se está para servir e non para servirse, contas claras e auditorías voluntarias»; impostergábel tamén para desprazar «o culto aos resultados ao curto prazo pola sensibilidade e o respecto ás máis dignas reivindicacións dos administrados: estar seguros de que as decisións se toman logo dunha reflexión demorada onde se consideren con ponderación todos os elementos da situación». Unha arte de gobernar ben distinta.


Unha revolución cultural que é tan necesaria como global para desamortizar, en definitiva, «a leira que temos na cabeza»; un desafío cru, nada asequíbel, de solución graves e máis doadamente practicábeis se atendemos as cousas pequenas, aos espazos de decisións próximos, en definitiva, á cotidianeidade que nos reclama xustiza e maiores felicidades.


Co fío bramante da Revolución Cultural, Queipo encadernou, entre outros obxectos de reflexión, películas, libros, exposicións, candidaturas ao Nobel, ecocabreos, problemas malditos, blogs, poesía, causas da nosa lingua, e a Galiza e o mundo que el soña baixo o alento de que «é precisa unha Revolución Cultural. Aquí no noso pequeno País sen Estado e no mundo. Para iso é necesaria unha batalla das ideas, un gran chimpo adiante, unha recuperación da dignidade e do exercicio da palabra. Da palabra viva e do diálogo. Da palabra viva e o libro. Da palabra viva e as imaxes.»


Palabras vivas, diálogos, dignidade, razóns críticas, imaxes emancipadoras e un desexo continuado para que sexamos «libres e diferentes, galegos de nación e diferentes, solidarios e diferentes, felices e diferentes». Certo é que esa Revolución Cultural é unha tarefa mancomunada que aínda temos pendente e á que non poucas veces o escritor recoñece como unha prédica no deserto.

Recoméndolles a lectura –ou a escoita (acompáñase cun CD coas gravacións do programa)– de Caderno da Revolución Cultural, un libro feliz, libre e diferente; un pequeno paso que sirve para prepararnos (auto)criticamente para un gran salto adiante.

3 comentários:

Clara Flor disse...

Lino e concordo con todo o que di. Noraboa, por este comentario, e polo resto.

torredebabel disse...

Pois apuntoo porque interésame moitísimo! Tiven ocasión de falar tres verbas con Queipo e quedei fascinada. O libro de Villares estouno lendo neste momento e ten vostede toda a razón: é unha moi feliz iniciativa non deixar que o aire se leve esas palabras tan lúcidas.

tangaranho disse...

Pois haverá que botar-lhe umha vista de olhos como mínimo, a ver...confesso que quando lim o título do post e vim a imagem dixem, a ver se o que pretendem estes som multitudinários actos de autocrítica no estádio de Balaídos...