05/04/2008

Leoas e cordeiros

Casa grande é sempre mala de gobernar. A estas alturas Mariano Rajoy debe estar batendo coa mesma conclusión á que chegou o shérif Ed Tom Bell: «Gobernar aos bos custa moi pouco. Pouquísimo. E aos malos non hai modo de gobernalos. Ao menos que eu saiba.» Rajoy debe demoler unha idea solidamente asentada –o PP non é un partido para os cambios– e recuperar o espírito reformista do XIII Congreso do Partido Popular de 1999, pero ambas as dúas operacións nin son doadas nin garanten, de entrada, mellores réditos electorais.

O noso paisano saldou as contas maiores co pasado e, se noutrora non tivo pena ningunha para presentarse como un continuísta sen complexos, agora non lle queda máis remedio que sumarse ás teses dun conservadorismo dinámico para introducir cambios no seu partido e no seu discurso.
Rajoy sabe que desta volta non poderá zafar cunha dose de transformismo gatopardiano e que terá que facer algo máis. Non basta con atender á melodía que a orquestra do Titanic sigue tocando en pleno naufraxio, pero outros cantos de serea achegan tamén poucas certezas e esperanzas.

Ao público e aos medios encántanlle os audaces fracasados que sempre atesouran mellores epitafios que os grises xestores das rutinas posibilistas; pero fracasar brillantemente non é o obxectivo político-vital de Mariano Rajoy, xa que para iso xa tería atendido a demanda de Elvira no balcón da derrota.


En A actitude conservadora, Michael Oakeshott tira algunhas conclusións respecto da disposición das persoas conservadoras fronte aos cambios que son inevitábeis:
  1. A innovación implica unha perda segura e unha ganancia probábel.
  2. Mentres máis se pareza a innovación ao crecemento menos posibilidades haberá de que acabe predominando a perda.
  3. A innovación que vén corrixir un defecto puntal e se deseña para compensar algún desaxuste específico é máis desexábel que a alentada por unha noción de melloramento xeral ou por unha visión de perfección.
  4. Preferirá as pequenas e limitadas innovacións ás grandes e incertas e o ritmo lento ao rápido, para poder así deterse a observar os efectos que se producen e axustar o que proceda.
  5. Estimará que a ocasión máis favorábel para a innovación é aquela na na que o cambio proxectado terá máis probabilidades de axustarse ao que pretende e menos de rematar corrompido polas consecuencias non buscadas e non controlábeis.
A guía de navegación de Oakeshott non está mal, pero tamén neste caso todo depende do estado da mar, da tripulación, do ben estivada que estea a carga reformista e do volume de lastres necesarios para dar estabilidade identitaria á nave. Segundo as certezas de todas as nais do mundo, o máis peor de todo son as malas compañías. E a Mariano non lle faltan malos, peores e pésimos compañeiros de viaxe. Polo de pronto, Rajoy a diferenza de Ulises non pediu que o atasen ao mastro, aliviouse de ataduras anteriores e parece decidido a pilotar os cambios.

Con todo, podemos adiantar unha primeira conclusión para o tránsito do Partido Popular cara ao seu XVI Congreso atendendo ao aforismo de Woody Allen: «A leoa e o cordeiro durmirán xuntos, pero o cordeiro durmirá ben pouco».

Sem comentários: