Os aforismos de Neuman destilan ironía («Escribide mal e chamaranvos rupturistas»); felices paradoxos («A antítese sálvalle a vida á tese»); burlas brancas («Ciencias ou letras? Eu pensaría no ou») e pretas («Ao finar o pescador porá boca de peixe»); xunto con variadas formas do saber («A imaxinación completa a verdade»); utilitarios consellos («Puntúo como respiro; respiro como puntúo») ou certificacións demoledoras («Rematar unha obra é unha proeza. A única maior é comézala»).
El equilibrista é unha excelente mostra da idea que Neuman ten da literatura: «Hai cando menos dúas formas de concibir a literatura: como se fose unha porta (un van que cruzar) ou como un cuarto (un lugar de residencia) [...] Máis que ser un lugar habitábel, para min a literatura cumpre a función das portas. Mesmo existen portas tan amplas que poden inventar cuartos.»
Sabemos ben que unha cousa é abrir unha porta e outra cousa distinta convidar a entrar. Neuman convida a entrar e mesmo a afincarnos pracenteiramente na súa breve literatura.
Sem comentários:
Enviar um comentário