30/12/2008

Na xungla de papel

Nestes días de andaina iniciática dun novo xornal de Galicia, vénseme á cabeza, como retrouso, Los demasiados libros, un título imprecindíbel no que o poeta e ensaista mexicano Gabriel Zaid reflexionou sobre a sobreprodución de títulos e os futuros posíbeis da industria editorial. Galiza agarda por un ensaio de razóns semellantes, que ben se podería titular Os demasiados medios, para explicar cabalmente a proliferación de cabeceiras informativas (reais, irreais e virtuais) que inzan os quioscos e a rede dun país de poucos lectores pero de abondosas axudas públicas (directas ou indirectas) ás empresas de comunicación. As razóns son sabidas pero tamén son pudorosamente obviadas.

De modo xenérico, para facer cartos cun xornal hai tres instrumentos: a publicidade, as promocións e a venda do papel impreso ou da visita virtual. No que D. C. Hallin e P. Mancini denominaron sistema político-mediático mediterráneo habería que sumarlles as subvencións e axudas públicas, auténtico cuarto piar do negocio da comunicación nos países latinos.

Neste ecosistema mediático, o equilibrio de ingresos é altamente inestábel e calquera novo produto pode provocar turbulencias con graves impactos no balance de resultados, máis aínda en tempos de crise global dos media; por iso a algúns (poucos) gustaríalles que a xestión das axudas e as publicidades das administracións públicas aténdese escrupulosamente ao efecto Mateo segundo o cal «ao que máis ten, máis se lle dará; e ao que menos teña, aínda o pouco que teña se lle quitará»; de aí a carraxe provocada porque a directriz bíblica se aplique de xeito imperfecto e que non se impuxese (aínda) a expropiación do pouco que reciben os menos podentes.

Non é ningún segredo que, en Galiza, o medio de comunicación que máis ten é tamén o que máis recibe e que este feito contábel non impide ao seu dono autoproclamarse «o último editor independiente de España» ou aparecer como o denunciador da falta de librecompetencia mediática («A competencia non está nos medios, senón que vén do mundo político, dun fondo de réptiles empresarial, de nacemento espúreo»).

Coraxe manda: «Non edito ni falo para que me queiran, senón porque quero a Galicia.» Esta a súa divisa non foi garantía suficiente para que non deformase grotescamente un medio de comunicación até convertelo nun medio de obsesión. A axenda obsesiva enfía a Cidade da Cultura, a Feira da Habana, a competencia xornalística e as tentacións de San José, o negocio eólico e outras moitas paixóns e odios máis ou menos fabulados. Unha axenda que tapa os méritos de quen lle discute a súa predominancia e arrogancia mediática, fabrica éxitos artificiais para quen se lle entrega mansamente, e afoga a todos os demais na indiferenza.

A posición herdada no mercado mediático galego alenta sobradas prepotencias e sabe que se pode facer e dicir o que queira porque só se escoitará alto e claro unicamente o que el desexe; e que a onde non cheguen as súas palabras de orde chegarán as súas ordes de silencio. E así se seguirá até que os lectores rescindan a súa lealdade ou un mal paso na xestión aboque á grande empresa á creba.

Falamos moito de que a nosa democracia está mediatizada e de que, como afirma Salvador Cardús, «os medios se converteron no escenario da política», mais en verdade a algúns aínda lles parece que a política está pouco mediatizada e aspiran a que os «homes de empresa» do cuarto poder sexan quen determinen as grandes decisións, cando menos, do primeiro e segundo poder. Esa caricatura mesiánica dos grupos mediáticos como auténticos demiurgos da cousa pública empata moi ben cun modelo de política patricia que despreza as representacións plebeas e cun entendemento oligárquico do que é autogoberno democrático.

O Galicia

Con semellante pano de fondo, releo Castelao na luz e na sombra, onde Valentín Paz Andrade rememora a fundación do xornal Galicia en 1922. Unha aventura cunha liña editorial esteada na independencia, no liberalismo e na galeguidade.

Paz Andrade, como director, entendía innovadoramente a caricatura e o editorial como «dúas pezas claves para gañar lectores» e por iso privilexiou o humor gráfico da man de Castelao e institucionalizou na prensa galega o editorial xa que, na súa idea, a «quen lee, gústalle recibir preformada unha opinión idónea a soster sobre os acontecementos ao ritmo que van sucedendo». Valores, posición editorial e humor son compoñentes imprescindíbeis de todo bo xornal e o Galicia foi naqueles tempos un excelente xornal.

Don Valentín fai tamén memoria da recepción do novo xornal: «O diario en aquele dia lanzado [25 de xullo de 1922] foi acollido como nos agardabamos. Con quentura e ledicia no pobo e nas crases media e culta. E con receio no estamento dominante da sociedade. Con receio, mais sin xenreira.» É ben posíbel que a ollada que nos ofrece sobre o acollemento do Galicia estea cangada de candidez e dunha nostalxia optimista, pero de todo é certo que se o xornal de Paz Andrade saise a rúa hoxe atoparíase con toda a quentura da xenreira e con todos os receos imaxinábeis xa que, tal como está o mercado mediático, os que máis teñen unicamente son quen de imaxinar dúas políticas: o exterminismo ou o canibalismo.

2 comentários:

Nygard disse...

Como dicimos na nosa terra "mallado", Ian, "mallado".

O problema agora é que vai resultar de todo isto.

- Resistirán os intrusos?
- De que grado é o temblor nas placas tectónicas na que se asentan os poderes fácticos galegos? Hai sequera temblor?
- Como vai afectar isto o 3 de marzo?

Anónimo disse...

Parabéns por este retrato clarividente deste émulo de Pedro J. Ramírez, aínda que moito máis resentido e egocéntrico.