05/01/2009

O lector estrábico

Jorge Herralde afirmou nalgures que «o editor é un animal estrábico, cun ollo forzosamente no negocio e outro forzosamente na cultura.» Descoñezo cales son os puntos focais dos ollos dos editores de xornais pero hai días en que contribúen a facernos a todos tortos cando non cegos. Pero quizais a única maneira de sobrevivir sexa converternos todos en animais estrábicos. Para atender de xeito equilibrado á realidade política do noso turbulento Estado houbo un tempo en que os lectores máis esixentes confrontaban as olladas que El País e El Mundo ofrecían nas súas edicións sobre calquera feito de interese xeral. As súas descricións e interpretacións semellaban responder a universos (mundos/países) paralelos.

Esa ollada forzada, diverxente e dual na actualidade ten que atender a outros focos. O contraste agora é ofrecido cada vez con maior frecuencia por El País e Público que acoutan a realidade informativa segundo máis lles reina. Hoxe rotulan «Sarkozy acusa a Hamás de acciones “irresponsables e imperdonables”» e «Sarkozy, a favor de “un alto el fuego lo antes posible”». El Mundo achegaba un titular virtuosamente expandido: «Sarkozy pide un alto el fuego 'pronto' en Gaza y Hamas le acusa de apoyar el “holocausto”» que completaba ademais cun par de subtítulos: «El presidente francés tacha de “irresponsables” a los islamistas» e «Asegura que la UE está trabajando para acabar con el enfrentamiento».


Público
tira a información de EFE,
El Mundo de Reuters e AFP, El País de axencias indeterminadas. Todas fan referencia ao mesmo feito informativo pero non é un problema de fontes, nin do que editorialmente se quere interesadamente subliñar, o problema, ben se sabe, é que a realidade tamén é estrábica e a condenada sempre nos devolve máis dunha ollada.

3 comentários:

Carlos Callón disse...

Interesante reflexión, aínda que en Galiza o estrabismo ten en conta cando menos outro medio. Ou sen "cando menos".

A miña lectura, non sei se estrábica ou perdida, fíxome determe na ligazón (que leva a outra, e esa a outras) sobre os universos paralelos. Cando un le eses artigos non pode deixar de preguntarse en que universo paralelo non pasou aquilo que tanto doeu e con que maquiniña se pode chegar a el. Porén, como dis, os universos paralelos xa existen unha vez que hai percepcións tan diferentes dunha "mesma" "realidade".

miriño disse...

E cal é a visión correcta? Onde está a verdade de toda esta enleada monumental?


E cal é a visión que ten vostede?

Ian disse...

Carlos: Teño para min que o sistema da prensa en Galiza máis que estrábico é ciclópeo. Un sistema cun ollo único que ademáis ten algo de hipnótico. Ao cíclope gustarialle que os demais xornais fosen como as ovellas que, segundo os clásicos, el gardaba. Non van de ovellas, pero tampouco se encabuxan demasiado cos desmandos dun cíclope cada vez máis pitoño.

Miriño: a súa pregunta me excede... A verdade da enleada? Pois non lle sei, en calquera caso non atoparemos na simplicísima explicación que sinala que a orixe do problema son as provocacións de Hamas. Informativamente, os dous titulares son certos. Sarkozy na rolda de prensa dixo tanto unha cousa como outra. Os títulares de cada un sinalan o marco explicativo do «problema» que máis interesa focalizar; uns sinalar a Hamas como axente provocador; outros salientar a necesidade dun alto o fogo inmediato. Un crea xustificacións para lexitimar o uso da forza desmedida en Gaza e o outro aleita razóns para deter a intervención militar. Voume explicando?