09/01/2009

A saída de Monteira

Cando a Félix Monteira lle endosaron a posta en marcha de El País Galicia, Manolo Rico agasallounos cunha das súas brillantes e incendiarias sentenzas: «Gaña Galiza, perde Madrid.» O tempo encargouse de ratificar o seu parecer dun modo rotundo. Tras dous anos e pico de logros na factoría galega, o anuncio do seu retorno á sede central brindoulle ao equipo directivo do xornal unha excelente ocasión para emendar erros pasados e aproveitar con intelixencia toda a experiencia e bo facer de Monteira, membro fundacional de El País.

O desenlace do retorno é ben cabrón: a intelixencia foi derrotada e non lle souberon atopar sitio a Monteira no novo periodismo que apadriña Moreno coa beizón de Cebrián e Polanco. Tras 33 anos nesa casa editorial Monteira marcha e con esta saída agora quen perde esmagadoramente é El País e, en consecuencia, os seus lectores.

Confío en que ninguén se entregue á estupidez e nos intente facer crer que é unha esixencia da renovación e modernización do proxecto xornalístico de El País, xa saben aquilo de que as vella glorias fundacionais do periódico teñen que deixar sitio ás futuras glorias. A experiencia de El País Galicia indica que a veteranía de Monteira foi decisiva para crear un espazo de comunicación influente para o protagonismo de novos e non tan novos xornalistas como Xosé Hermida, Fernando Varela ou Daniel Salgado por citar tres de variada caste.

Antón Baamonde xa fixo eloxio dalgúns dos seus méritos e non é cousa de repetirse para que ninguén nos zorregue por falar ben dun «poderoso»; con todo, teño que dicir que Monteira é unha proba incuestionábel de que os bos xornalistas, ao xeito de Lou Grant, non son un produto de ficción; son escasos, si, pero existen. Existen e agora, un deles anda á procura de traballo. De puta pena. Que grande oportunidade para que o fiche a competencia!

4 comentários:

Anónimo disse...

http://www.escolar.net/MT/archives/2009/01/publico-cambia-de-director.html

Dpaso marca tendencias!!

cneirac disse...

Haberá edición galaica?

bouzafria disse...

Como augur non ten prezo. Parabéns pola precisión, e cando teña a ben adiánteme os numeriños do euromillón.

Ian disse...

Calidonia, tal e como está o negocio da info en gz, sospeito que a edición galega aínda lle vai tardar un chisco
Bouzafría: abandone calquera esperanza, os numeriños do euromillón non os enxerga nin aramís fúster, se soubese eu a combinación da primitiva cre que ía andar eu de perito da política?