12/05/2009
Trilos: Preguiza
A máis rancia dereita apúntase ás teses do socialista máis engaiolante. Xa o di Isaac Rosa: traballar cansa.
Trilos: Cousas que pasan
Manuel Portas: crónica dunha fichaxe anunciada. Si, pero tamén crónica dunha desafección máis, algo no que todos temos algo no que remoer.
Trilos: Coartada incendiaria
A autoinculpación como grandeza moral: mellor puteros que incendiarios.
Trilos: Xeografía imaxinarias
Rodriguez Miranda, novo voceiro do PP, sentenza que «xa non hai división territorial». E pon en práctica o remexemento provincial: «O presidente, que naceu en Os Peares, pertecente a catro provincias, ten unha visión conxunta de Galicia». Pobre Fontán, tanto traballo para nada.
11/05/2009
Trilos: Pitonisa
A primeira muller no ranking dos mellores economistas do mundo e a única entre os cen primeiros (segundo a Universidade de Connecticut) prognostica que a recuperación económica non tardará. Acouga Jose Mari que a crise xa se acaba.
08/05/2009
As laranxas máis laranxas
Outro día máis Ignacio Escolar borda a súa estratexia oblícua en Público. O malabarismo con laranxas sírvelle para evidenciar a estratexia á que se debe o presidente Zapatero no próximo debate do Estado. En comunicación política, como no xogo malabar, as dificultades –e posibilidades de fracaso– medran exponencialmente canto maior é o número de proposta-laranxa que se lanzan ao aire. Por iso é máis doado, e prudente, executar o exercicio cunha soa laranxa, cunha única, feliz e impactante laranxa, de gorentoso consumo por parte dunha ampla maioría cidadá, para que produza unha inmediata recompensa electoral. É o que lle toca tentar a Rodríguez Zapatero.A metáfora do xogo cítrico faime matinar sobre cal é, ou debe ser, o exercicio malabar das forzas políticas acantoadas na oposición e lémbrame unha pasaxe dos Cadernos do Cárcere de Antonio Gramsci.
Chaparradas vs. orballo
As estratexias opositoras «todistas», concibidas como unha pormenorizada emenda de totalidade da acción do goberno, son como o orballo, esixen de moito tempo para ser quen de calar no corpo electoral. É un exercicio global e extensivo de incertos resultados, facilmente caricaturizábel («Son os do non») e perigosamente proclive ao esvaecemento. Non enchoupa de raiz, tan rápido como molla, seca.
Outra alternativa é a que practicou con éxito o Partido Popular de Galicia. A diferenza do xogo de Zapatero, o malabar hai que ensaialo con catro ou cinco ideas-laranxas. Hai que adestrarse teimudamente no dominio de catro ou cinco ideas que, co tempo, se converterán (se están ben escollidas) en imbatíbeis evidencias. Goberno divido; goberno ineficaz; goberno desbaldador; goberno propagandista; goberno que non está a altura das circunstancias e do que Galiza precisa. Ese foi o adn narrativo da oposición parlamentaria do PPdeG durante tres anos e medio. Nada de pacientoso orballar, cinco ou seis ballóns torrenciais en cada período de sesións. Chuvia de alta intensidade que converxen logo na enxurrada de ataque no momento electoral. Funcionoulles.Laranxas, ovos e pan con manteiga
No seu día Felipe González popularizou a estratexia de «iso mesmo e un ovo». Ofrecer as alternativas comúns e achegarlle un plus cativo. Ese é un dilema do que o BNG debe zafarse con intelixencia. Non lle bastará con ofrecer o mesmo que a outra oposición e un ovo adicional con xema identitaria. Nun dos seus cadernos carcelarios, Gramsci anotou unha anécdota tirada de Holanda, un libro de viaxes de Edmundo De Amicis. Aí temos tamén unha proveitosa contraestratexia parlamentaria para derrotar a oferta das laranxas máxicas presidenciais e para ofrecer algo máis que un ovo.
De Amicis narra o encontro entre un xeneral español e un campesiño holandés. Fachendoso o militar móstralle unha laranxa e gábase de que no seu país se producen laranxas dúas veces ao ano. O labrego amosándolle un pan con manteiga retrúcalle: «No meu país prodúcese este froito dúas veces ao día.»Para a miña idea, os esforzos do BNG e do PSdeG debería focalizarse na busca e presentación de alternativas concretas con beneficios dobrados para Galiza e os seu cidadáns. Cómprelles non aceptarse como partidos de oposición, senón como alternativas de goberno (temporeiramente) na oposición. Mellor a chaparrada que o orballo, mellor con cinco laxanxas que con unha, e un ovo máis se se quere, pero sobre todo ofrecer pan con manteiga dúas veces ao día.
07/05/2009
O método polonés
Queixábase, retranqueiro, Nikita Jruschov de que «os políticos [burgueses?] prometen construír unha ponte aínda que non haxa río». Entre as soberbías realizacións do «socialismo (ir)realmente existente» salienta, coma ningunha outra, fomentar a existencia dun humor tan fino como negro que era unha protección contra tanto desmando. No corazón da Guerra Fría circulaba por Polonia un chiste que narraba o encontro dun membro da nomenklatura polonesa con outro da rusa.O mandatario da URSS recibe ao seu colega nunha grandiosa mansión con vistas a un engaiolante val. A xornada discorre entre luxos extraordinarios. Cando se van despedir, o polonés pregúntalle como é posíbel ter aquela mansión e todo aquel confort. O soviético sinálalle unha ponte no fondo do val. «Ves a ponte? Pois o aceiro ten cinco centímetros menos de grosor que o que sinala o orzamento, o asfalto é dez centímetros máis estreito, a baranda non é de pedra senón de latón, hai puntos de luz nunha única beirarrúa... Aforrando así constuínme esta casa.»A pouco que se sacuden os expedientes de obras descúbrese que o Partido Popular abonouse tanto ao «sistema sovíetico» como ao «método polonés» para xerar riqueza entre os propios. Dous destacadísimos membros da nomenklatura do Goberno galego ( que vai rematar coa corrupción, o desbaldo, o clientelismo e o nepotismo) certificaron obras que non se realizaron segundo as sospeitas da xustiza e, nalgún caso, atendendo á evidencia dos ollos mesmo daqueles máis pitoños. O superconselleiro Agustín Hernández e o superdelegado de Ourense, Rogelio Martínez, cóntanse entre os innovadores xestores do método polonés. Hai tempo prometíase e non se facía; agora prométese e non se fai, pero certifícase fraudulentamente.
Ao cabo duns anos, o ruso devolve a visita. O polonés acólleo nunha masión extraordinaria, dez veces máis grande e luxosa que a súa. O soviético, intrigado, pregúntalle ao seu colega: «Como podes ter esta mansión?». O polonés sinálalle o val e dille: «Ves a ponte?» Abraiado o ruso di: «Non hai ningunha ponte». «Pois así fíxenme esta casa», retrúcalle o polonés.
Núñez Feijóo, o incorruptíbel, ten nas súas mans dúas solucións: cesalos de inmediato ou intentar convencernos de que as obras rematadas están aí. De momento, o presidente esfórzase na defensa de pontes, estradas, plantas de biomasa e calquera outra infraestrutura imaxinaria pero, iso si, fielmente certificada.
06/05/2009
New Look
Feijóo comeza a ensimismarse no seu proxecto de ortopedia e adelgazamento administrativo argumentado como política de austeridade en tempos de crise. Con todo, é xa ben discutíbel a eficiencia dun goberno que despois de dúas semanas de andaina aínda ten sen completar o seu cadro de mando e o tempo dirá se, ao longo prazo e tras os aforros do chocolate do loro, o máis barato non sae finalmente moito máis caro. Despois do subidón inicial, Núñez Feijóo semella máis proclive a seguir dialogando co pasado que coa axenda política presente e, de momento, as iniciativas políticas máis salientábeis do novo presidente foron para quentarlle a orella aos hooligáns da Galicia Bilingüe e aos seus multiplicadores mediáticos; dedicación igualmente ensimismada que constitúe unha emenda á totalidade da súa declarada vontade de diálogo e da súa proposta de gobernar en coalición cos cidadáns.
Nos primeiros lances, o New Look de Nuñez Feijóo responde a un mesmo principio reactivo: non facer o mesmo que os presidentes que o precederon. Esta semana, en «Disparando aos reloxos», reflexiono sobre ese New Look e de como a solidez e atractivo desa Nova Aparencia se medirá na súa resposta á crise e nas súas relacións coa oposición parlamentaria e co goberno de Madrid.
Etiquetas:
Disparando aos reloxos,
Feijóo,
Partido Popular
05/05/2009
A recomendación Bradley
No tránsito ao século XX, tempos incertos, o filósofo galés Francis H. Bradley formulou un (aparente) desatino: «Cando todo vai mal, non debe ser tan malo probar o peor.» A elección do peor en canto do malo define, na cerna da crise económica e social, un comportamento electoral abraiante pero, en absoluto, inédito. Sen ir máis lonxe, o pasado 1 de marzo un significativo quiñón dos electores galegos, progresistas e galeguistas, fixeron caso (consciente ou inconscientemente pouco importa) da disparatada recomendación Bradley.
A crise económica castiga aos partidos gobernantes –sen importar a cor ideolóxica– e a oposición tórnase nun beneficiario indirecto da falta de perspectivas ou das malas perspectivas económicas. A crise social engorda de xeito populista á oposición por máis que esta dedique todo o seu tempo e enerxías a engrandecer os problemas e non faga o menor amago para achegar calquera caste de solución. As sondaxes certifican que, en termos electorais, do malo, o mellor é o peor.
Aproveitando esta corrente de fondo, a estratexia do Partido Popular sinálase unha secuencia clara: 1) Debate de política xeral do Estado [12-13 de maio]: intensificar o desgaste do goberno. 2) Eleccións europeas [7 de xuño] que, coa máis que previsíbel derrota electoral do PSOE, abrirá unha fase de erosión aguda da credibilidade e de denuncia da falta de lexitimidade dun goberno que non ten a confianza da maioría cidadá. 3) Presentación de moción de censura ao goberno Zapatero para completar o labor de corrosión do crédito político do PSOE e presentar a Mariano Rajoy como novo presidente ás portas da Moncloa. Por máis que a moción de censura sexa derrotada, o obxectivo estará cumprido: o PSOE non será a opción favorita nas vindeiras eleccións xerais, celébrense estas cando se celebren.
Toca convencerse de que a vitoria do Partido Popular non é inevitábel, pero contemos con que a batalla para deixar sen efecto a recomendación Bradley vai ser dura e dolorosa.
02/05/2009
A fin da fronteira
A comezos de abril, compartimos con Bouzafría e familia uns días feirados nas terras da Paradanta. A casa familiar acubilla unha biblioteca que foi arrebatada ao trapeiro e que semella suspensa no tempo da transición política. Máis de dous centos de volumes de editoriais, coleccións e revistas nas que fixen unha boa parte das miñas lecturas de adolescencia: Argos Vergara, Ruedo Ibérico, a colección «Reno» de Plaza y Janés, Grijalbo, Galaxia e, como non, Bruguera. Non podían faltar tampouco exemplares de Tiempo de historia e Historia 16. Literatura, clásicos e outros novísimos que xa nesta hora son clásicos, historía divulgativa, xornalísmo de investigación, memorias e obras de pensamento político. Alí descansan en ordenada anarquía Jack Kerouac e León Trotsky, Risco, Llorenç Villalonga e Sven Hassel, acaroados, entre outros, a Curzio Malaparte ou Harold Wilson.A ollada detívoseme en Cabos sueltos de Enrique Tierno Galván, unha edición de Bruguera-Zeta de 1981. Unhas memorias que o vello profesor renuncia a etiquetar como tales para outorgarlles, en cambio, a modesta condición de ser fíos de lembranzas desnobelados sen maiores pretensións. As súas letras comezan co golpe militar contra a República e ponlles fin cunha cea compartida con Felipe González na que se decidiu a converxencia do PSP co PSOE en 1978.
Don Enrique tivo unha vida intensa e hai un mundo de cousas en Cabos sueltos que poderíamos reseñar. No capítulo 30 détense a comentar a aparición de El País que cualifica como «un xornal liberal, discreto e equilibrado» e do que salienta que se converteu «en certo modo, no orientador da clase dirixente en canto ao descubrimento do camiño máis sensato e moderado» e nun «espello de equilibrio e xuízo». O vello profesor non economiza gabanzas: «El País representaba o liberalismo permanente, e aínda, malia todo, representa se non o liberalismo permanente, si cando menos a crítica obxectiva e neutral fronte ás posicións que se exceden do tolerábel».
O eloxio ten moito máis mérito xa que Tierno Galván non deixa tamén de consignar a súa queixa amigábel: «Ao PSP, El País nunca lle foi propicio [...] Ao chegar as eleccións, o xornal inclinouse abertamente polo PSOE, como partido socialista maioritario, e contribuíu a que se debilitara o noso partido. Pensaría, creo eu, o elenco político do diario, que os partidos menores facían máis dano que ben á política nacional.» Hai unha última afirmación do vello profesor que ten un valor engadido nestes días: «El País presentouse ponderado na exposición e correcto canto á delimitación das fronteiras do permitido moralmente e do non permitido.»
Dáse por certo que o xornal madrileño negouse a publicar, o pasado xoves, unha columna dun dos seus máis brillantes xornalistas, Enric González, que contiña a seguinte afirmación: «Calquera día, en calquera empresa, van rebaixar o soldo aos obreiros para financiar a ludopatía bolsista dos donos. Xa sei que esaxero, que esas cousas non pasan».
Entristece saber que esas cousas pasan e produce arrepío comprobar a susceptibilidade dos donos de PRISA. Pero o que máis dano fai é verificar que as fronteiras entre o que está moralmente permitido e o que non semellan estar, a estas alturas, esvaecidas cando non borradas de vez nese medio que, noutrora, foi un espello de equilibrio e xuízo. Triste de asombrar. Como para deixar de ir ao quiosco.
01/05/2009
Piñeiro e nós
Nos dez últimos días roubeille ao sono algunhas horas para a lectura dun lote de libros sobre Ramón Piñeiro cos que poder compoñer unha reseña crítica para o buitrón literario de Ana e Aurelio. Tamén reparei nun atado de artigos de Manuel Rivas, Suso de Toro e de Antón Baamonde que foron salpicándose nos últimos meses en El País.No premiado «A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick», Rivas revela unha ecuación simple:
Piñeirismo = democracia + autonomía + europeísmo.De Toro gravura un epitafio magoante para o dono terminal da mesa de braseiro máis famosa de Galiza:
E, con todo, faltándolle días nada máis, sabendo que todo concluíra, penso que sabía que non era comprendido. Maiormente non era comprendido polo mundo ao que pertencía, o galeguismo, que pasara de ser o seu galeguismo cultural a un nacionalismo dunhas esquerdas que non podía comprender, nin sequera eran unhas esquerdas parecidas ás que el coñecera na República e na clandestinidade.E nunha peza enchuoupada de provocadora (auto)crítica, Baamonde sostén:
Aínda que tamén podería un inquirir se acertaron os nacionalistas que, no período crítico da Transición, no canto de encabezar a loita pola Autonomía se embarraron nun radicalismo xestual que hipotecaba a súa capacidade de influír. As oportunidades píntanas calvas e caben poucas dúbidas acerca do moito que se equivocou nas súas opcións estratéxicas o nacionalismo contemporáneo. Poderiamos imaxinar que sucedese de contar Galicia cun gran partido nacionalista á maneira catalá ou vasca.Piñeiro é hoxe reivindicado por case todos. Andivo na boca de Núñez Feijóo na investidura e na súa toma de posesión como presidente; e Pachi Vázquez, sentindo que lle roubaban a un propio, quixo deixar claro que
Todo o mundo reclámase galeguista, pero este é só o triunfo póstumo de Ramón Piñeiro, unha das moitas cousas que teremos que agradecerlle. E Ramón Piñeiro onde estivo sentado foi nas bancadas do Partido Socialista.Onde hai problemas é co case, por máis verosímil que resulte a incómoda conclusión que Baamonde lle ofreceu a Daniel Salgado:
Hai que recoñecer que o nacionalismo moderno, retórico e culturalista, non é tan diferente do piñeirista.De certo que hai unha morea de matizacións e retruques que facerlle pero ao fío destas lecturas non deixo de pensar nun enxeñoso experimento politolóxico que se realizou nos Estados Unidos, se non lembro mal, a finais do anos setenta. Organizouse unha ampla enquisa na que se lle presentaba un retallo dun discurso de George Washington e dábaselle unha relación de posíbeis autorías. En tempos de emerxencia da onda conservadora, a inmensa maioría das persoas entrevistadas dixeron que aquelas palabras eran un fragmento do Manifesto Comunista que asinaron Carlos Marx e Federico Engels.
Se realizásemos en Galiza unha proba semellante, no arro da ofensiva contra a lingua galega que promoven os hooligans de Gloria Lago e executa o novo presidente, a que corrente política cremos que a inmensa maioría ía asignarlle o copyright destas manifestacións:
Este prexuízo sociolóxico antigalego –de tan remota orixe, de tan persistente acción e de tan graves resultados– debe ser o obxectivo máis urxente dos nosos esforzos de promoción de Galiza. Só así poderemos liberar ao noso pobo do sentimento colectivo de inferioridade e dese dobre servilismo da resignación vencida ou da fuxida mimética. Temos que lle devolver o sentimento da propia dignidade e, como consecuencia, a confianza solidaria en si mesmo, xa que este é o punto de partida necesario para levar a cabo a mobilización das enerxías colectivas na procura do progreso económico, social e cultural que nos demandan os tempos.
29/04/2009
Calco
A construción da opinión pública atópase, nestes momentos, moito máis dominada polos feitos que polas conviccións ou os valores. E por un tipo de feitos epidérmicos e accidentais que case nunca, e en ningures, da chegado a fundamentar conviccións. Baixo estas circunstancias, unha actividade política con vontade transformadora non pode pretender desenvolverse só dentro do marco reservado das institucións e os medios de comunicación convencionais; isto é máis ben a expresión habitual da súa infrutuosidade. Para ser significativa, a eficacia dunha política só pode xurdir do rigoroso intercambio entre acción e valores; ten que plasmar, a través das redes sociais virtuais e presenciais e con intervencións de proximidade, modestas alternativas de cambios posíbeis, de resistencias necesarias e de disensos autenticamente críticos que se corresponden mellor coa súa vontade de mobilización e construción de comunidades cidadás activas que a pretensiosa xestualización das políticas institucionalizadas en partidos, gobernos e parlamentos. Só unha política cidadá, plebea, próxima e apegada ao concreto pode revelar unha eficacia operativa axeitada ao momento actual do nacionalismo e/ou dos socialistas galegos [Calco].
28/04/2009
Por terra, mar e aire
Nun recompilatorio de ignorancias e saídas enxeñosas de alumnos portugueses rexistraban esta pregunta: «Como chegou a peste negra a Portugal en 1348?» e súa espelida resposta: «Por terra, mar e aire.» Respecto da gripe porcina, a Organización Mundial da Saúde ofrece respostas igualmente vagas pero menos ocorrentes. Na procura de explicacións centos de milleiros de internautas fixeron ferver a rede. Para rematar un día, que non debería ter constado no almanaque, dos montes e moreas de arquivos dispoñíbeis escollo dúas pezas: a provocadora columna «Ya sólo falta el meteorito» de Isaac Rosa, en Público, e «La gripe porcina y el monstruoso poder de la gran industria pecuaria», un artigo de Mike Davis aparecido en The Guardian e que está facendo rular entre nós a revista Sin Permiso. A primeira permite rebaixar, con agudeza, os tons apocalípticos e milenaristas de moitas das informacións coas que nos atordoamos. A segunda ofrece, como pouco, unha explicación do fracaso da estratexia de constrainsurxencia viral impulsada pola OMS e unha denuncia do poder incontrolado dos grandes conglomerados empresariais avícolas e gandeiros.
Xornalismo intelixente de loito
Cumprín as miñas rutinas mañanceiras, entre elas, ler a columna de Javier Ortiz en Público. Agora sei que será a derradeira. Russell Baker escribiu que neste tempos «ninguén chama ás redaccións agardando atopar un héroe». Héroes, non lle sei, pero un segue querendo dar con xornalistas intelixentes, tuzaróns, retranqueiros, valentes e tan dignos como Ortiz. Maldito mes de abril.27/04/2009
Disparando aos reloxos
A significación da estampa abanea entre a tentativa de deter o tempo e a intención de inaugurar un tempo diferente. Para Walter Benjamin esa imaxe representaba un máximo da conciencia histórica –«a consciencia que fai estourar o continuo da historia»–, a acción e o saber reflexivo que dá comezo a un novo tempo. É a procura da fin do tempo baleiro, do tempo mecánico, automático, cuantitativo. Do tempo do reloxo da civilización industrial e do capitalismo. A fin dun tempo entregado.
Os resultados do 1-M representaron a detención brusca e traumática dun tempo de cambios en Galiza. E tamén o arrinque dun tempo político novo ao que cómpre non someterse resignada e mecanicamente. Moito tributo é o tempo dunha xeración ou máis. Por iso é recomendábel disparar aos reloxos que marcan os tempos da nova dereita no goberno de Galiza. Para anotar críticas, rupturas, discontinuidades e disensos, o pasado venres comecei as miñas prácticas de tiro en Galicia Diario cun cartucho que xa se cortou aquí. Seguiremos disparando aos reloxos con nova munición.
24/04/2009
Cegos no labirinto
Novo rexistro histórico da contabilidade negra. Segundo a EPA, no primeiro trimestre do ano, a taxa de desemprego subiu até o 17,36% e o número de desempregados sobardou os catro millóns. Galiza suma case 163.000 parados, a taxa de desemprego colocouse xa no 12,2%. Coa estatística no xornal acudín ao Servizo Galego de Colocación para inscribirme como demandante de emprego, as cámaras da TVG estaban alí para poñerlle imaxes aos datos da EPA coa mesma afouteza coa que Dorothea Lange retratou a Gran Depresión.A V2 e ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, anímanos dicindo que os datos son malos e mesmo peores que os esperados pero que, a partir de abril, as cousas van mellorar. Tras as palabras de V2, e co certeiras que adoitan ser as previsións económicas do goberno, as marcas da nosa esperanza caeron as súas cotas máis baixas. Hai un días, en The Guardian, o vello Eric Hobsbawm escribiu un artigo que titulou «Se o socialismo fracasou e o capitalismo está agora en bancarrota: que vén despois?». Nel deita unha análise crúa e pouco optimista:
Somos libres de volver á economía mixta. A vella caixa de ferramentas do laborismo está dispoñíbel de novo –calquera cousa até a nacionalización– así que vaiamos e usemos as ferramentas unha vez máis, que o laborismo nunca debería telas gardado. Pero iso supón que sabemos que facer con elas. Non o sabemos. Por unha banda, non sabemos como superar a crise actual. Ningún goberno do mundo, bancos centrais ou institucións financeiras internacionais sábeo: son todos como un cego que trata de saír dun labirinto tocando as paredes con distintos paus coa esperanza de atopar a saída.E onte mesmo en La Vanguardia, Enric Juliana destripaba as ilusións de V2. Ao seu entender, a saída de Solbes do executivo traducirase nun aumento acelerado de gasto público e, consecuentemente, nunha escalada do déficit que podería chegar ao límite do consentido polo Tratado de Maastricht –o 60% do PIB–, o que posibilitará a mobilización duns 200.000 millóns de euros para medidas de urxencia ou rescate económico.
Esta inxección de capital público, xunto con outras medidas en marcha nas que se investiron xa 11.000 millones de euros, deberían provocar, segundo as previsións do Goberno, unha melloría dos indicadores económicos e o entalamento da crecida do desemprego. Sospeita Juliana que se isto ocorre non sexa máis que o típico rebote do gato morto do que falan en Wall Street: unha melloría artificial que dá paso a un afundimento económico aínda máis acusado.Así pintan as cousas no labirinto da economía, movémonos entre paus de cego e rebotes de gatos mortos, agonizantes ou en pésimo estado de saúde. Menos mal que o Goberno 10 de Núñez Feijóo dixo que remataba coa crise nun abrir e pechar de ollos. Agardamos o seu plan de choque. Cegamente.
Interese minguante
Para Gide o xornalismo é «todo o que interesará mañá menos que hoxe». Os gobernos tamén padecen de interese minguante. Feijóo dunha sentada nomeou o 70% das secretarías e das direccións xerais e deixou para a semana que vén a designación dos cinco superdelegados, seica para darse un tempo no que precisar as súas funcións. A demora ten un valor adicional: manterá a expectación ao redor da formación plena do goberno. As primeiras entrevistas aos conselleiros de Economía e Industria, Educación, e Cultura e Turismo non alentan entusiasmo. Ideas propias poucas e algunhas ben perxuizosas. Non hai pauta que non sexa as ordes do presidente. Valor engadido cero. A auctoritas de Feijóo está perfectamente custodiada. Xa se sabe que un goberno decente é un goberno obediente.
23/04/2009
Goberno 10? Non, Administración 1.0
Malia a discreción do recrutamento, había poucas dúbidas respecto de que caste de goberno compoñería Núñez Feijóo. No discurso de investidura propagandeou un único goberno e un único liderado que deixaba nula marxe a un executivo tecno-pop, cun delicado equilibrio entre tecnócratas e populares, mestura dos que noutrora se etiquetaron como «birretes» e «boinas». Revelada a nómina, ofrécese un goberno tecno sen ningunha incrustación pop.Feijóo cumpriu cos requirimentos que el mesmo se fixou de inicio: xestores máis que políticos, proximidade xeracional e apoucados certificados penais de fraguismo. Pero o resultado final é un executivo cun perfil político máis abaixado e menos integrador do que se fachendeou por causa das negativas de moitos dos primeiros elixidos e que foron debidas tanto a razóns personais como ás gravosas cotizacións dos xestores no mundo da empresa. O engado deu para poucas fichaxes extramuros do Partido Popular e para un discutíbel axuste ao requerimentos legais de paridade.
Ao novo presidente pódelle o modelo estadounidense que se referencia máis a administracións que a gobernos. Feijóo máis que decisores políticos experimentados designou administradores xerais da Xunta de Galicia cuns poderes perfectamente xerarquizados: no vértice de maior autoridade, un presidente incuestionábel. Na cerna do xogo gobernamental, un rombo de catro megaconsellerías, en mans de Rueda, Hernández, Guerra e Mato, que abranguen as políticas claves para enfrontar a crise e as súas consecuencias sociais. E, por cabo, un sexteto de xestores auxiliares. Cadro de mando que se completa co nomeamento de cinco superdelegados do presidente, que cun perfil acusadamente político serán, na práctica, unha sorte de subpresidentes, con fío directo con Feijóo, e representarán, coordinarán e encaixarán, territorialmente e de xeito integrado, todas as políticas da Xunta de Galicia.
Na gobernación de Feijóo albíscanse, cando menos, tres liñas de alta tensión política.
A primeira: verificar a funcionalidade das megaconsellerías e a súa capacidade para vencer as inercias das estruturas administrativas mastodónticas que herdan, condición imprescindíbel para poder desenvolver de xeito áxil e eficiente as políticas estratéxicas e de choque comprometidas polo presidente.
A segunda pasa polas dificultades para harmonizar as decisións das diferentes consellerías e a súa operativización no territorio a través dos subpresidentes, experiencia inédita que pode derivar en roces competenciais e conflitos de protagonismo político que implicará nun triángulo maldito a conselleiros, aos superdelegados, e aos alcaldes e presidentes das Deputacións de obediencia conservadora.
E unha última derivada da maior ou menor accesibilidade do sector pop á segunda liña de mando das consellerías, garantía de estabilidade e paz interna entre as familias do Partido Popular de Galicia, que habelas, hailas.
Do correcto tratamento destas liñas de tensión dependerá, en gran medida, a eficacia, a cohesión e o impacto das políticas do novo executivo galego. Que o feliz lema non extravie ao presidente Feijóo: a día de hoxe non ten un goberno 10, ten unha administración 1.0.
Compromisos (1)
Sesión de investidura, martes 14 de abril, Parlamento de Galicia, fala o líder do Partido Popular e aspirante á presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo:
Na toma de posesión dos conselleiros, o presidente Feijóo proclamou solemnemente:
O Goberno que eu hei de presidir respectará as leis.A composición dese Goberno incumpre a disposición transitoria cuarta de la Lei de Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia.
Na toma de posesión dos conselleiros, o presidente Feijóo proclamou solemnemente:
Nós non somos infalibles. Equivocarémonos. Teremos que rectificar.Rectificación do discurso de investitura do actual presidente:
O Goberno que eu hei de presidir respectará as leis... e as trampas.
20/04/2009
Modos de ver
Difunde Calidonia unha infografía coa que Manuel Rivas clasifica diferentes olladas poéticas. Reparo que eses dous enfoques valen tamén para toda organización estea a busca de nova estratexia política e de novos ollares do mundo nas que quere facelas efectivas. Á parte de cegueiras notábeis, nas asembleas da fin de semana amosouse tamén, con abondoso contraste, o diferente modo de ver das águias e das arceas. Había unha única especie de águia e unha extensa pluralidade nas bandadas das arceas. O resultado, con todo, non desvelou de vez se hai máis águias ou máis arceas no niño do nacionalismo galego. Teño para min que ao BNG, máis agora na súa condición de presa, faríalle moito máis ben un amplo acordo entre as arceas.
Subscrever:
Mensagens (Atom)