Malia a discreción do recrutamento, había poucas dúbidas respecto de que caste de goberno compoñería Núñez Feijóo. No discurso de investidura propagandeou un único goberno e un único liderado que deixaba nula marxe a un executivo tecno-pop, cun delicado equilibrio entre tecnócratas e populares, mestura dos que noutrora se etiquetaron como «birretes» e «boinas». Revelada a nómina, ofrécese un goberno tecno sen ningunha incrustación pop.
Feijóo cumpriu cos requirimentos que el mesmo se fixou de inicio: xestores máis que políticos, proximidade xeracional e apoucados certificados penais de fraguismo. Pero o resultado final é un executivo cun perfil político máis abaixado e menos integrador do que se fachendeou por causa das negativas de moitos dos primeiros elixidos e que foron debidas tanto a razóns personais como ás gravosas cotizacións dos xestores no mundo da empresa. O engado deu para poucas fichaxes extramuros do Partido Popular e para un discutíbel axuste ao requerimentos legais de paridade.
Ao novo presidente pódelle o modelo estadounidense que se referencia máis a administracións que a gobernos. Feijóo máis que decisores políticos experimentados designou administradores xerais da Xunta de Galicia cuns poderes perfectamente xerarquizados: no vértice de maior autoridade, un presidente incuestionábel. Na cerna do xogo gobernamental, un rombo de catro megaconsellerías, en mans de Rueda, Hernández, Guerra e Mato, que abranguen as políticas claves para enfrontar a crise e as súas consecuencias sociais. E, por cabo, un sexteto de xestores auxiliares. Cadro de mando que se completa co nomeamento de cinco superdelegados do presidente, que cun perfil acusadamente político serán, na práctica, unha sorte de subpresidentes, con fío directo con Feijóo, e representarán, coordinarán e encaixarán, territorialmente e de xeito integrado, todas as políticas da Xunta de Galicia.
Na gobernación de Feijóo albíscanse, cando menos, tres liñas de alta tensión política.
A primeira: verificar a funcionalidade das megaconsellerías e a súa capacidade para vencer as inercias das estruturas administrativas mastodónticas que herdan, condición imprescindíbel para poder desenvolver de xeito áxil e eficiente as políticas estratéxicas e de choque comprometidas polo presidente.
A segunda pasa polas dificultades para harmonizar as decisións das diferentes consellerías e a súa operativización no territorio a través dos subpresidentes, experiencia inédita que pode derivar en roces competenciais e conflitos de protagonismo político que implicará nun triángulo maldito a conselleiros, aos superdelegados, e aos alcaldes e presidentes das Deputacións de obediencia conservadora.
E unha última derivada da maior ou menor accesibilidade do sector pop á segunda liña de mando das consellerías, garantía de estabilidade e paz interna entre as familias do Partido Popular de Galicia, que habelas, hailas.
Do correcto tratamento destas liñas de tensión dependerá, en gran medida, a eficacia, a cohesión e o impacto das políticas do novo executivo galego. Que o feliz lema non extravie ao presidente Feijóo: a día de hoxe non ten un goberno 10, ten unha administración 1.0.
23/04/2009
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário