03/06/2009
Solucións
Boas prácticas. Revela Cebrián que o presidente Aznar chamou aos xefes de PRISA esixindo o silencio de Inaki Gabilondo na SER e de Eduardo Haro Tecglen en El País. A saber cantas chamadas terán feitas os novos mandaríns. Se non funciona a NPI sempre se pode botar man da solución Ripoll.
Honorábeis. A reiterada devoción campista de Rajoy e Oreja é democraticamente mórbida. Solución: pechar filas para non deixar saír o cheiro a podre.
Solucións? Hai unha obra magnífica para explicar semellantes comportamentos políticos. Imposíbel non acordarse da advertencia de Albert Camus: «A estupidez insiste sempre.»
02/06/2009
Acordar da crise
O «Convivio» de Letras libres do mes de maio, A derradeira cea do capitalismo, axunta seis lecturas moi proveitosas sobre a crise económica que nos abanea de xeito inmisericordioso. Aquí cómpre lembrar a sabia cita coa que Jorge Suárez-Velez inicia a súa achega: «Din que unha crise non termina até que se aprende dela.» Unha convivencia de ideas de interese para saber da crise, as súas explicacións e o deseño de alternativas. Lecturas para acordar da crise e iniciar novos soños.Clásicos. Na idea de contribuír á creación dun mundo económico máis decente, o Nobel de Economía de 1998, Amartya Sen, fai revisión desacomplexada dalgúns clásicos (Smith. Keyness, Cecil Pigou...) e desanobela algunhas reflexións ao redor de tres preguntas chave: 1) Necesitamos de verdade un «novo capitalismo»?; 2) Que nos di a crise actual sobre as institucións económicas e as prioridades debemos atender?; e 3) Como saír da crise co menor dano posíbel?
Evasivas. Ramón Cota Meza, comentador político de El Universal, destrama as evasivas que os publicistas neoliberais tecen ao redor da responsabilidade da crise e que Amartya Sen resumiu con precisión: «Algúns defensores do capitalismo salvaxe que se resisten a cambiar están convencidos de que o capitalismo está a ser culpado en exceso por problemas económicos a curto prazo, problemas que atribúen ao mal goberno (por exemplo por parte da administración Bush) e ao mal comportamento dalgúns individuos.» Cota non acredita nas brétemas esculpatorias e conclúe que «a crise foi provocada por mecanismos de mercado, máis que por interferencia política» e anima a asumir a que considera unha decisión inevitábel: «nacionalizar os grandes bancos, sanealos e vendelos».
Retranca. Hans Magnus Enzensberger compón un irónico alfabeto da crise que é un feliz antídoto fronte á verborrea estupefaciente do mundo financeiro. E, entre outras, ofrece un enxeñosa definición para a alternativa sinalada por Cota Meza. «Nacionalización: ideal dos partidos comunistas que os grandes bancos anhelan con fervor».
Razóns. O analista económico da CNN, Jorge Suárez-Velez, debuxa a crise como unha tormenta perfecta na que confluíron cinco malfadadas circunstancias: 1) que a economía mundial viñese dun período de crecemento económico enganoso pola súa delongada duración. 2) A gradual perda de blindaxe da fronteira entre a banca de depósito e a banca de investimento, o que favoreceu que os bancos comerciais se sumasen a unha carreira de máis risco. 3) A incorporación de China á economía mundial que xerou incontábeis mitos e expectativas fantásticas. 4) A capacidade de resistencia que o mercado inmobiliario demostrara con anterioridade cando o estoupido da burbulla das puntocom no cambio do século. 5) A arrogante certeza desenvolvida polas autoridades e Wall Street de que se contaba con ferramentas infalíbeis para manexar o risco.
Distopía. Seguindo as pegadas de John Gray, David Rieff salienta a migración do pensamento utópico desde a esquerda á dereita. No pasado, os relatos de progreso ocupaban o centro do socialismo; tras a revolución neoconservadora de Ronald Reagan foi a dereita a que se convenceu da utopía (mellor dicir distopía) dun capitalismo desregulado, onde o Estado permitía con gran (neo)liberalidade que os mercados financeiros establecesen as súas propias normas de xogo. Rieff sacódelle o po ao «credo Kudlow», denominado así por Larry Kudlow, o influente presentador da CNBC, que comezaba o seu programa coa seguinte ladaíña: «Cremos que o capitalismo de libre mercado é o mellor camiño cara á prosperidade.» Rieff remata apuntando que nos centros neurálxicos del neoliberalismo engorda unha crise cultural desatada polo colapso financeiro e que da súa man «o socialismo está de regreso», ao tempo que tamén retorna «o fascismo como desgraciadamente pode comprobar quen invista máis de cinco minutos en Fox News».
Previsións. O talentoso Geoff Mulgan, presidente da Young Foundation, interrógase tamén sobre o que virá, ou podería vir, tras o capitalismo. A sonada frase de Marx –«Todo o que é sólido esvaécese no ar»– cobra unha renovada actualidade tras o crash e a creba dos padróns do neoliberalismo. Para a súa idea, no futuro «o capitalismo non dominará a sociedade e a cultura no mesmo grao en que o fai hoxe» e suxire que «o capitalismo pode converterse nun servente e non nun amo» e que a nova orde económica estara modelada decisivamente pola tripla presión da ecoloxía, a globalización e a demografía. Recomenda a urxente lectura dos traballos da economista venezolana Carlota Pérez sobre os padróns a longo prazo do cambio tecnolóxico e estima que a crise está abrindo un grande espazo político que, de xeito inmediato, «se encherá de ira, medo e confusión» e que a longo prazo poida que «se preencha cunha nova visión do capitalismo e as súas relacións coa sociedade e a ecoloxía, unha visión que será máis clara no referido a canto queremos medrar e canto non».
01/06/2009
Irrealpolitik
A Irrealpolitk baséase na irresponsabilidade corporativa e na crenza de que o custe electoral das promesas incumpridas é nulo ou próximo a cero. Houbo un tempo en que se enxalzou a Realpolitik para descualificar como literatura utópica calquera vontade emancipatoria ou transformadora do noso mundo. A Realpolitik é na actualidade desprazada por unha Irrealpolitk que fai da falsidade, a fraude e a mentira medios de relación coa cidadanía. As revelacións de Blanco son a antítese da coraxe democrática e un exercicio de cinismo autoesculpatorio do que me (pre)ocupo na entrega semanal de Disparando aos reloxos.27/05/2009
Fútbol
As pezas xornalísticas ofrecen a imaxe dun Gramsci en formación, instalado na literatura de combate e nun marxismo aínda máis acartonado que imaxinativo. Cun estilo confrontativo, irónico e humorado ás veces, entrégase á polémica e á batalla de ideas. O catálogo temático é amplísimo: os xornais-mercadoría, a publicística católica e a censura; a política tributaria e o proteccionismo industrial; os ecos da revolución bolxevique e a crítica do fascio emerxente; a educación e relixiosidade popular, a cocaína e o tabaco... E o fútbol, tema único do día de hoxe.No xornal do 26 de agosto de 1918 Gramsci publica «O fútbol e a escoba». No artigo quéixase da pouca querenza dos italianos polo deporte e o exercicio ao ar libre e da súa desmedida paixón polos xogos de naipes na clausura da baiuca. A peza sérvelle para enxalzar cun prosa futurista os valores que presiden un partido de fútbol.
Observen un partido de fútbol: é un modelo da sociedade individualista: exércese a iniciativa, pero esta está definida pola lei, as personalidades distínguense xerarquicamente, e a distinción dáse non por antigüidade senón por méritos específicos; hai movemento, competición, loita, pero todo está regulado por unha lei non escrita que se chama «lealdade» e que un árbitro se encarga de recordar [...] Paisaxe aberta, libre circulación do ar, pulmóns sans, músculos fortes, sempre dispostos á acción.E a narración dunha tenebrista partida de escoba:
Clausura, fume, luz artificial, berros, puñadas na mesa e a miúdo na cara do adversario... ou do cómplice. Perverso empeñarse o cerebro (¡!). Desconfianza mutua; diplomacia secreta; cartas marcadas; estratexia das pernas e das puntas do pé. Unha lei? Cal é a lei que hai que respectar? Esa lei cambia segundo o lugar, ten distintas tradicións e sobran as ocasións para contestala, pelexarse por ela.Distráese cun materialismo de patacón e medio para relacionar a infraestrutura económica coa superestrutura do goce do lecer e afirmar que «o deporte é unha actividade habitual nas sociedades onde o individualismo económico do réxime capitalista transformou os costumes», mentres que «a escoba é a forma do deporte das sociedades económica, política e espiritualmente atrasadas». Matizábel pero divertida explicación.
Tamén hai unha constatación dos usos da época que vale para ver o moito que cambiou o mundo do fútbol nos cen anos que case suma a tinta do artigo. Anota Gramsci: «A partida de escoba a miúdo remata cun cadáver ou un cranio fendido. Nunca se leu que un partido de fútbol acabase así.» Que hoxe sexa como Gramsci dicía ser. E que gañemos nós. Non hai dúbida que Gramsci estaría cos de Guardiola berrando Avanti!
26/05/2009
Trilos: Horticultura política
Brotes verdes, pardos e negros
Brotes verdes? «Entre os nacionalistas, CiU é o peor parado. Perde dúas décimas e, aínda que pequena, a caída arrastra á federación catalana ao seu peor resultado do ano. O BNG, pola contra, é o máis beneficiado. Tras o descalabro que acompañou á súa derrota nas galegas, sigue subindo pouco a pouco. ERC e PNV a penas se moven. Os republicanos repiten resultado e os vascos perden unha décima. As catro forzas nacionalistas repiten resultados case idénticos a xaneiro deste ano».Brotes pardos. Incapaces de atopar unha partida orzamentaria para construír un hospital pero como inquisidores sanitarios son magníficos. Pilar Farjas, sempre na vangarda, anuncia que vai estudar cancelar a gratuidade da pilula poscoital.
Brotes negros. Outro na «Contra» de La Vanguardia, Santiago Niño Becerra, autor do bestseller económico El crash del 2010, domesticándonos o animal spirit con previsións megaoptimistas outra volta reiteradas: «A mediados do 2010 é cando verdadeiramente empezará a crise, cando vexamos que as medidas que se están tomando non funcionan [...] [En 2011,] en España, un país moi dependente, a crise será durísima pola estrutura do PIB baseado no ladrillo, o turismo, o automóbil e en infraestruturas baratas xa insustentábeis. Ou hai un cambio do modelo produtivo capaz de absorber a toda esa poboación ou imos a unha taxa de paro do 30%».
25/05/2009
Nove deputacións
En «Disparando aos reloxos» reflexiono sobre o artefacto político malparido polo think thank de Núñez Feijóo para evidenciar que o seu problema non é só a pésima e extravagante xestión local(ista) da creación das superdelegacións, senón a función política que, de modo contrabandeado, se lles asigna: ser, por unha banda, instrumentos de reforzamento político das deputacións gobernadas polo Partido Popular, e, por outra, funcionar como centros de contrapoder fronte ás deputacións cogobernadas polo PSdeG e o BNG. O primeiro «logro» que pode apuntarse o PPdeG é que Galiza teña, na práctica, 9 deputacións.Din que o peixe principia a empodrecer pola cabeza e a rexeneración pollítica do novo goberno faino polas superdelegacións, novo reino da discrecionalidade na asignación de recursos e bens públicos cara aos concellos amigos; unha nova axencia de políticas clientelares que unicamente será controlada polo capricho do presidente e, como se remata de ver, polas satrapías do seu partido. «Delegacións á carta» e a «política de amiguitos da alma o que vós queirades» son a innovadora fórmula de racionalización da Administración galega comprometida polo presidente Feijóo.
22/05/2009
Trilos: A Voz
Trilos: Lecer real
Trilos: Memoria
20/05/2009
Noticias de ningures, outra volta
O cemento da hexemonía conservadora
Na súa investidura Núñez Feijóo acompañouse dalgunhas das palabras-totem do conservadorismo. Ademais dunha colateral e histórica mención a Deus, eloxiou a auctoritas e o protagonismo da familia nas políticas de benestar. Non é novidade que a dereita ve na familia e na relixión os piares indispensábeis dunha sociedade decente; mais cómpre non enganarse, a prometida acción de goberno familiarista non é un tributo a unha política trastempada, senón unha agresiva estratexia para afianzar a súa hexemonía no presente e no futuro.
Feijóo tirou dos datos do Instituto de Política Familiar (IPF) para salientar o débil compromiso do Estado español coas políticas de apoio á familia ao destinarlles apenas o 0,8 por cento do PIB, moi por baixo da media do 2,2 por cento do PIB da UE dos 27. Sen asumir ningún dos compromisos orzamentario sinalados polo IPF (superar o 1 por cento do PIB en 2009 e acadar o 2,2 por cento antes de 2013), o líder do PPdeG anunciou unha Lei de Apoio ás Familias Galegas para mobilizar todas as posibilidades de axuda que desde a Administración se poden facilitar as familias.
Feijóo comprometeuse cunha nova política de familia como contrarreforma implícita do modelo de benestar igualitarista do goberno bipartito e a súa aposta por focalizar na responsabilidade pública a creación das infraestruturas e o mantemento e dotación das prestacións e dos servizos de benestar de proximidade. Silandeiramente, aspirase a promover, coas políticas de apoio integral ás familias, unha emenda á totalidade, non expresa, da nova Lei de Servizos Sociais que se sinala como obxectivo a desmercantilización e a universalización do acceso aos servizos do benestar como garantía da extensión dos dereitos sociais de cidadanía.
O programa social do novo goberno renunciará as formulacións liberais –non intervencionistas– e abrazará unha sorte de neokeynesianismo conservador que ten a súa inspiración nas políticas pronatalistas de Francia ou no modelo familiarista alemán no que o goberno asume, parcialmente, a responsabilidade da asistencia familiar ao tempo que aposta por un modelo tradicional de familia esteado no papel do pai-traballador como principal proveedor económico do fogar.
Con esta política familiarista procurase mudar o peso das tres pedras angulares da arquitectura do benestar: o Estado, o mercado e a familia. Feijóo quere facer da Xunta o principal fornecedor de axudas dinerarias coas que as familias poderán acceder ao bens e servizos ofertados no mercado polas empresas do chamado sector cuaternario dos servizos de coidado das persoas. O de sempre? Non, axiña certificaremos unha substancial diferenza coas políticas do fraguismo que facían das empresas privadas os beneficiarios directos da transferencia de recursos sociais públicos e as familias os seus beneficiarios indirectos.
O neokeynesianismo conservador de Feijóo aspira a alterar a orde de factores e a mudar tamén o produto final. Na situación de crise, recoñécese na familia o principal axente da seguridade e o benestar, unha institución non mercantil que lle achega un plus de lexitimidade á política de «externalización» dos recursos públicos da solidariedade. Indubidabelmente beneficiarase o sector privado pero sobre todo reforzarase o papel da familia que non só é, como a definiu Feijóo, «a última rede de seguridade das persoas», senón tamén a instancia primeira da socialización da obediencia e, como indican todas as sondaxes sobre comportamento electoral, un espazo determinante para a fixación das preferencias políticas. Saben ben que as políticas amigábeis coas familias son o cemento da súa hexemonía futura.
Tempos Novos 144
19/05/2009
Lingua sen siglas
Na acordanza do Día das Nosas Letras matino en «Disparando aos reloxos» sobre a amigábel relación que ten o presidente Feijóo coa lingua galega e reparo na súa oferta dun galeguismo tan imaxinario como inédito. Cando aínda ecoa na Quintana a esperanzada proclama de don Avelino, conclúo confiado en que Galiza e a lingua de seu han de sobrevivir ao desbordado patriotismo do noso Quinto Presidente.Will Kymlicka, un dos máis afamados analistas do multiculturalismo, escribiu que «recoñecer unha lingua implica máis que a súa mera utilización. Simboliza o respecto polas persoas que a falan, a súa cultura e inclusión total na sociedade.» Esta feliz cita e outras pertinentes reflexións poden lerse en «As razóns da lingua galega», unha achega de Xaime Subiela que saíu no Grial 179. A refutación da barbarie de Subiela publícase á carón doutra do actual secretario xeral de Política Lingüística na que avoga por «afortalar o prestixio social da lingua galega e dos grupos sociais galegófonos: é dicir, avanzar no empoderamento (ing. empowerment) da lingua galega.» Poder a el agora non lle falta, agardamos a ver para que o usa.
Trilos: Progreso
18/05/2009
Benedetti, horizontes e liberdades
Teño que recoñecer que a min cativoume como lector o Benedetti ensaísta. O meu atume primero coa súa obra foron El escritor latinoamericano y la revolución posible, El ejercicio del criterio e, sobre todo, El recurso del supremo patriarca, libros dos que coidou a editorial Nueva Imagen na segunda metade dos oitenta. Nos seus ensaios de crítica cómplice descubrín letras e escritores impensábeis como Fernández Retamar, Paco Urondo ou Haroldo Conti, e tamén ao Benedetti poeta e narrador.Hoxe procuro aqueles amartelados libros e repaso os parágrafos subliñados hai máis de dúas décadas. Copio dous. Un como reivindicación do humor popular como medio subversivo:
En América Latina, é difícil sobrevivir ao ridículo, máxime cando o xuízo demoledor é ejercido desde a razón e a xustiza. O chiste que parte da clase dominante pode facer rir, pero ten vida breve: en cambio, a burla que arrinca do pobo, no camiño vaise enriqueciendo e depurando. Pode comenzar como un conto e rematar nun ataque ao Pazo.E este outro que el fixo cerna da súa vida:
Cada oficio ensina un modo de ver o horizonte e tamén unha variante de ser libre.Foise despois de anchear coas súas letras moitos horizontes e tras aleitar as nosas máis firmes libertades.