27/05/2009

Fútbol

Sequitur edita Bajo la Mole. Fragmentos de civilización, onde se recompila unha boa mostra do labor xornalístico do primeiro Gramsci. Francisco Ochoa de Michelena escolmoulles e traduciu máis de oitenta artigos que Antonio Gramsci escribiu para Avanti! entre xaneiro de 1916 e outono de 1920. Tras o remate dos seus estudos universitarios, o sardo incorporouse a finais de 1915 á redacción turinesa do xornal socialista para compor unha sección de seu, «Sotto la Mole», onde fai repaso da actualidade local e dos grandes temas dos anos da Gran Guerra e a primeira onda revolucionaria do século XX.

As pezas xornalísticas ofrecen a imaxe dun Gramsci en formación, instalado na literatura de combate e nun marxismo aínda máis acartonado que imaxinativo. Cun estilo confrontativo, irónico e humorado ás veces, entrégase á polémica e á batalla de ideas. O catálogo temático é amplísimo: os xornais-mercadoría, a publicística católica e a censura; a política tributaria e o proteccionismo industrial; os ecos da revolución bolxevique e a crítica do fascio emerxente; a educación e relixiosidade popular, a cocaína e o tabaco... E o fútbol, tema único do día de hoxe.

No xornal do 26 de agosto de 1918 Gramsci publica «O fútbol e a escoba». No artigo quéixase da pouca querenza dos italianos polo deporte e o exercicio ao ar libre e da súa desmedida paixón polos xogos de naipes na clausura da baiuca. A peza sérvelle para enxalzar cun prosa futurista os valores que presiden un partido de fútbol
.
Observen un partido de fútbol: é un modelo da sociedade individualista: exércese a iniciativa, pero esta está definida pola lei, as personalidades distínguense xerarquicamente, e a distinción dáse non por antigüidade senón por méritos específicos; hai movemento, competición, loita, pero todo está regulado por unha lei non escrita que se chama «lealdade» e que un árbitro se encarga de recordar [...] Paisaxe aberta, libre circulación do ar, pulmóns sans, músculos fortes, sempre dispostos á acción.
E a narración dunha tenebrista partida de escoba:
Clausura, fume, luz artificial, berros, puñadas na mesa e a miúdo na cara do adversario... ou do cómplice. Perverso empeñarse o cerebro (¡!). Desconfianza mutua; diplomacia secreta; cartas marcadas; estratexia das pernas e das puntas do pé. Unha lei? Cal é a lei que hai que respectar? Esa lei cambia segundo o lugar, ten distintas tradicións e sobran as ocasións para contestala, pelexarse por ela.
Distráese cun materialismo de patacón e medio para relacionar a infraestrutura económica coa superestrutura do goce do lecer e afirmar que «o deporte é unha actividade habitual nas sociedades onde o individualismo económico do réxime capitalista transformou os costumes», mentres que «a escoba é a forma do deporte das sociedades económica, política e espiritualmente atrasadas». Matizábel pero divertida explicación.

Tamén hai unha constatación dos usos da época que vale para ver o moito que cambiou o mundo do fútbol nos cen anos que case suma a tinta do artigo. Anota Gramsci: «A partida de escoba a miúdo remata cun cadáver ou un cranio fendido. Nunca se leu que un partido de fútbol acabase así.» Que hoxe sexa como Gramsci dicía ser. E que gañemos nós. Non hai dúbida que Gramsci estaría cos de Guardiola berrando Avanti!

26/05/2009

Trilos: Horticultura política

«O goberno é un secante de brotes verdes», dixo o político que mellor se menea en asuntos climáticos. Este home doutro tempo adoece por sacarlle tallada electoral á ruína dos abrollos. Canto peor, mellor. Segundo unha predicción bolsística-electoral do Financial Times, o agoreiro non lle vai tirar proveito a súa estratexia de catastrofismo interesado. Calquera se confía despois do que pasou na herdade do noroeste.

Brotes verdes, pardos e negros

Brotes verdes? «Entre os nacionalistas, CiU é o peor parado. Perde dúas décimas e, aínda que pequena, a caída arrastra á federación catalana ao seu peor resultado do ano. O BNG, pola contra, é o máis beneficiado. Tras o descalabro que acompañou á súa derrota nas galegas, sigue subindo pouco a pouco. ERC e PNV a penas se moven. Os republicanos repiten resultado e os vascos perden unha décima. As catro forzas nacionalistas repiten resultados case idénticos a xaneiro deste ano».

Brotes pardos. Incapaces de atopar unha partida orzamentaria para construír un hospital pero como inquisidores sanitarios son magníficos.
Pilar Farjas, sempre na vangarda, anuncia que vai estudar cancelar a gratuidade da pilula poscoital.

Brotes negros.
Outro na «Contra» de La Vanguardia, Santiago Niño Becerra, autor do bestseller económico El crash del 2010, domesticándonos o animal spirit con previsións megaoptimistas outra volta reiteradas: «A mediados do 2010 é cando verdadeiramente empezará a crise, cando vexamos que as medidas que se están tomando non funcionan [...] [En 2011,] en España, un país moi dependente, a crise será durísima pola estrutura do PIB baseado no ladrillo, o turismo, o automóbil e en infraestruturas baratas xa insustentábeis. Ou hai un cambio do modelo produtivo capaz de absorber a toda esa poboación ou imos a unha taxa de paro do 30%».

25/05/2009

Nove deputacións

Para acougar os ánimos Núñez Feijóo decidiu celebrar Consello en Pontevedra e, autoemendándose, xibarizou as competencias da Superdelegación de Vigo. Bretemas xa deu conta da singular política de trasacordos que practicou o novo presidente no seu primeiro mes de gloria.

En «Disparando aos reloxos» reflexiono sobre o artefacto político malparido polo think thank de Núñez Feijóo para evidenciar que o seu problema non é só a pésima e extravagante xestión local(ista) da creación das superdelegacións, senón a función política que, de modo contrabandeado, se lles asigna: ser, por unha banda, instrumentos de reforzamento político das deputacións gobernadas polo Partido Popular, e, por outra, funcionar como centros de contrapoder fronte ás deputacións cogobernadas polo PSdeG e o BNG. O primeiro «logro» que pode apuntarse o PPdeG é que Galiza teña, na práctica, 9 deputacións.

Din que o peixe principia a empodrecer pola cabeza e a rexeneración pollítica do novo goberno faino polas superdelegacións, novo reino da discrecionalidade na asignación de recursos e bens públicos cara aos concellos amigos; unha nova axencia de políticas clientelares que unicamente será controlada polo capricho do presidente e, como se remata de ver, polas satrapías do seu partido. «Delegacións á carta» e a «política de amiguitos da alma o que vós queirades» son a innovadora fórmula de racionalización da Administración galega comprometida polo presidente Feijóo.


22/05/2009

Trilos: A Voz

Camiño da (outra) Voz, da voz da amizade e a da liberdade, das voces das que sempre coida Marcos.

Trilos: Lecer real

El-Rei na conserveira de Jealsa: «Alégrome de ver a tanta xente traballando». Faltoulle dicir: «Cousa que eu nunca fixen».

Trilos: Filósofos contemporáneos (1)

Eric Cantona: «Trato de rirme de min mesmo, rirse dun é unha arma valiosa.»

Trilos: Memoria

A favor dos dereitos de autor e contra os excesos apoloxéticos, Camilo reivindícase e reivindica a boa memoria.

20/05/2009

Noticias de ningures, outra volta

Recupero as miñas «Noticias de ningures» en Tempos Novos.

O cemento da hexemonía conservadora

Na súa investidura Núñez Feijóo acompañouse dalgunhas das palabras-totem do conservadorismo. Ademais dunha colateral e histórica mención a Deus, eloxiou a auctoritas e o protagonismo da familia nas políticas de benestar. Non é novidade que a dereita ve na familia e na relixión os piares indispensábeis dunha sociedade decente; mais cómpre non enganarse, a prometida acción de goberno familiarista non é un tributo a unha política trastempada, senón unha agresiva estratexia para afianzar a súa hexemonía no presente e no futuro.

Feijóo tirou dos datos do Instituto de Política Familiar (IPF) para salientar o débil compromiso do Estado español coas políticas de apoio á familia ao destinarlles apenas o 0,8 por cento do PIB, moi por baixo da media do 2,2 por cento do PIB da UE dos 27. Sen asumir ningún dos compromisos orzamentario sinalados polo IPF (superar o 1 por cento do PIB en 2009 e acadar o 2,2 por cento antes de 2013), o líder do PPdeG anunciou unha Lei de Apoio ás Familias Galegas para mobilizar todas as posibilidades de axuda que desde a Administración se poden facilitar as familias.

Certo é que no Sur de Europa as políticas pública desatenderon tradicionalmente a achega das familias que asumiron funcións de protección sen cobertura do Estado (atención no fogar de xoves con idades de emancipación cada vez máis serodias, coidado de persoas idosas, acollemento de mulleres sen recursos e con menores ao seu cargo...). A prioridade dada á familia na escala de valores ten aí unha das súas razóns de ser xa que o benestar dos seus membros reside máis das capacidades das propias familias que nos servizos públicos.

Feijóo comprometeuse cunha nova política de familia como contrarreforma implícita do modelo de benestar igualitarista do goberno bipartito e a súa aposta por focalizar na responsabilidade pública a creación das infraestruturas e o mantemento e dotación das prestacións e dos servizos de benestar de proximidade. Silandeiramente, aspirase a promover, coas políticas de apoio integral ás familias, unha emenda á totalidade, non expresa, da nova Lei de Servizos Sociais que se sinala como obxectivo a desmercantilización e a universalización do acceso aos servizos do benestar como garantía da extensión dos dereitos sociais de cidadanía.

O programa social do novo goberno renunciará as formulacións liberais –non intervencionistas– e abrazará unha sorte de neokeynesianismo conservador que ten a súa inspiración nas políticas pronatalistas de Francia ou no modelo familiarista alemán no que o goberno asume, parcialmente, a responsabilidade da asistencia familiar ao tempo que aposta por un modelo tradicional de familia esteado no papel do pai-traballador como principal proveedor económico do fogar.

Con esta política familiarista procurase mudar o peso das tres pedras angulares da arquitectura do benestar: o Estado, o mercado e a familia. Feijóo quere facer da Xunta o principal fornecedor de axudas dinerarias coas que as familias poderán acceder ao bens e servizos ofertados no mercado polas empresas do chamado sector cuaternario dos servizos de coidado das persoas. O de sempre? Non, axiña certificaremos unha substancial diferenza coas políticas do fraguismo que facían das empresas privadas os beneficiarios directos da transferencia de recursos sociais públicos e as familias os seus beneficiarios indirectos.

O neokeynesianismo conservador de Feijóo aspira a alterar a orde de factores e a mudar tamén o produto final. Na situación de crise, recoñécese na familia o principal axente da seguridade e o benestar, unha institución non mercantil que lle achega un plus de lexitimidade á política de «externalización» dos recursos públicos da solidariedade. Indubidabelmente beneficiarase o sector privado pero sobre todo reforzarase o papel da familia que non só é, como a definiu Feijóo, «a última rede de seguridade das persoas», senón tamén a instancia primeira da socialización da obediencia e, como indican todas as sondaxes sobre comportamento electoral, un espazo determinante para a fixación das preferencias políticas. Saben ben que as políticas amigábeis coas familias son o cemento da súa hexemonía futura.

Tempos Novos 144

Trilos: Be-yak-os

Os maiores be-yak-os aínda non foron condenados. Xustiza vesga.

19/05/2009

Lingua sen siglas

Na acordanza do Día das Nosas Letras matino en «Disparando aos reloxos» sobre a amigábel relación que ten o presidente Feijóo coa lingua galega e reparo na súa oferta dun galeguismo tan imaxinario como inédito. Cando aínda ecoa na Quintana a esperanzada proclama de don Avelino, conclúo confiado en que Galiza e a lingua de seu han de sobrevivir ao desbordado patriotismo do noso Quinto Presidente.

Will Kymlicka, un dos máis afamados analistas do multiculturalismo, escribiu que «recoñecer unha lingua implica máis que a súa mera utilización. Simboliza o respecto polas persoas que a falan, a súa cultura e inclusión total na sociedade.» Esta feliz cita e outras pertinentes reflexións poden lerse en «As razóns da lingua galega», unha
achega de Xaime Subiela que saíu no Grial 179. A refutación da barbarie de Subiela publícase á carón doutra do actual secretario xeral de Política Lingüística na que avoga por «afortalar o prestixio social da lingua galega e dos grupos sociais galegófonos: é dicir, avanzar no empoderamento (ing. empowerment) da lingua galega.» Poder a el agora non lle falta, agardamos a ver para que o usa.

Trilos: Progreso

Escoitado nun Mac Donald. «Tío imaxinas que non houbese progreso? Xa non digo o dos ordenadores, senón todo o que fixo o tipo ese que inventou a electricidade. Que pasada!»

18/05/2009

Benedetti, horizontes e liberdades

Remato o día como o principiei: lendo necrolóxicas agarimosas sobre Mario Benedetti. Todos choran a morte a persoa digna que soubo ser, sempre ao lado dos que tiñan fame de pan, libertades ou xustiza. Son máis os que choran o pasamento do poeta, algúns, poucos menos, os que lamentan a marcha do narrador.

Teño que recoñecer que a min cativoume como lector o Benedetti ensaísta. O meu atume primero coa súa obra foron El escritor latinoamericano y la revolución posible, El ejercicio del criterio e, sobre todo, El recurso del supremo patriarca, libros dos que coidou a editorial Nueva Imagen na segunda metade dos oitenta. Nos seus ensaios de crítica cómplice descubrín letras e escritores impensábeis como Fernández Retamar, Paco Urondo ou Haroldo Conti, e tamén ao Benedetti poeta e narrador.

Hoxe procuro aqueles amartelados libros e repaso os parágrafos subliñados hai máis de dúas décadas. Copio dous. Un como reivindicación do humor popular como medio subversivo:
En América Latina, é difícil sobrevivir ao ridículo, máxime cando o xuízo demoledor é ejercido desde a razón e a xustiza. O chiste que parte da clase dominante pode facer rir, pero ten vida breve: en cambio, a burla que arrinca do pobo, no camiño vaise enriqueciendo e depurando. Pode comenzar como un conto e rematar nun ataque ao Pazo.
E este outro que el fixo cerna da súa vida:
Cada oficio ensina un modo de ver o horizonte e tamén unha variante de ser libre.
Foise despois de anchear coas súas letras moitos horizontes e tras aleitar as nosas máis firmes libertades.

15/05/2009

Trilos: Tabula rasa

Chaman da UCI para dicir que o Mac Book volve: retorna como tabula rasa.

14/05/2009

Trilos: Porca miseria

O meu único medio de produción está na UCI. Co seu crash vaise o quiñón maior da miña memoria e varios traballos que estaban adiantados, entre eles as encomendas de Ro e Nygard. Van ter que contentarse coas primeiras notas. Alguén pode adiantar o calendario e facer que remate esta malfadada primavera?

13/05/2009

Trilos: Mercado de primavera

O mercado de primavera está revolto, uns polas formas e outros pola ameaza da nova competencia, de xeito que a fichaxe de Portas terá que agardar a que alivien os furores e remitan os ciumes. Dura primavera.

Trilos: Preguiza (2)

Retruca que se fose un preguiceiro non tería tan altas responsabilidades. Se aguilloado coma min por Arume dos Piñeiros, lese a Pavese podería dicir: «Traballar non paga a pena. E saír á lúa, / se ninguén o agarda, tampouco paga a pena.»

12/05/2009

Trilos: Preguiza

A máis rancia dereita apúntase ás teses do socialista máis engaiolante. Xa o di Isaac Rosa: traballar cansa.

Trilos: Cousas que pasan

Manuel Portas: crónica dunha fichaxe anunciada. Si, pero tamén crónica dunha desafección máis, algo no que todos temos algo no que remoer.

Trilos: Coartada incendiaria

A autoinculpación como grandeza moral: mellor puteros que incendiarios.