Nas páxinas salmóns de El País axuntan artigos dando conta das dificultades de Repsol-Ypf en Bolivia por causa da intervención do goberno de Evo Morales. Avisan afoutadamente que «Repsol non vai tirar a toalla en Bolivia» e poñen cifras ao sacrificio que fai a petroleira: Repsol investiu 1.000 millóns de euros en Bolivia e só repatriu 30 millóns. Altruismo en estado puro, Repsol é unha auténtica ONG.
Algúns datos para explicar tanto altruismo
A finais del 2002, Repsol YPF poseía en Bolivia dereitos mineiros sobre 38 bloques: 13 bloques de exploración, cunha superficie neta total de 13.670 quilómetros cadrados e 25 bloques de explotación cunha área total neta de 1.770 quilómetros cadrados.
A producción neta en 2002 foi de 6,9 millones de barrís de petróleo, incluíndo condensados e líquidos separados do gas natural, e 88,5 billóns de gas natural. As reservas probadas netas de petróleo e gas natural a fin dese año estimábanse en 1.293 millones de barrís.
Repsol posúe o 30% das reservas de hidrocarburos bolivianos e, a través del grupo Andina, controla o 25,7% das reservas de gas natural, uns 49 trillóns de pés cúbicos que significan perto do 1% das reservas mundiales. Repsol, British Gas, a francesa Total e Petrobras controlan o 70% del gas boliviano.
A produción neta do ano 2002 foi de 6,9 millones de barrís de petróleo, incluíndo condensados e líquidos separados do gas natural, e 88,5 billóns de gas natural.
O custe promedio para a produción dun barril equivalente de petróleo é de 5,6 dólares a nivel mundial, pero en Bolivia o custe redúcese no caso de Repsol-Ypf a tan só 1 dólar. As transnacionais que operan en Bolivia teñen así os custes máis baixos na busca e obtención dun barril equivalente de petróleo, que é de 8,58 dólares a nivel mundial e de 5,66 dólares na media latinoamericana. O custe de Repsol-Ypf é de 0,40 dólares por barril equivalente de petróleo, isto é, 20 veces máis baixo que o promedio internacional e 14 veces máis baixo que o latinoamericano.
A taxa de éxito para atopar gas e petróleo en Bolivia é unha das máis baixas do mundo, xa que chega ao 50%, na maioría dos paises produtores sitúase no 20%. Isto significa que 8 de cada 10 intentos por encontrar gas e petróleo están condenados ao fracaso, mentres que en Bolivia cinco de cada dez culmínanse con éxito.
As petroleras estranxeiras que explotan os recursos naturais non renovabeis de Bolivia pagan moi poucos impostos. Entre 1998 e 2002, Repsol-ypf pagou apenas 4,3 millóns de dólares como promedio anual.
Coda
Publicidade de Repsol en Perú, aínda que tamén podería ser en Bolivia: "Repsol ofrece cousas moito máis difíciles de obter que o petróleo: experiencia, tecnoloxía e compromiso... Compromiso de crear produtos e servizos de óptima calidade e seguridade, con rigoroso respecto ao medio ambiente."
Sei polo papel de don Santiago que ANF está doído porque o goberno do PsdeG e o BNG queren trasladarlle á cidadanía que o PPdeG «non quere a reforma estatutaria». O duro Alberto anunciou, perante os micrófonos de Radio 5, que fracasarían na súa estratexia. A derrota da operación mediática do bipartito é ben doada: basta con que o PPdeG presente as bases do seu proxecto de reforma. Algo di que teremos que seguir agardando pola tan desexada proposta, pero iso non é agora o importante. Quedan algunhas declaracións engaiolantes: AFN quere un Estatuto «poida gobernar o centro, o socialismo ou o nacionalismo». Da dereita nin rastro. Un novo caso para Jack Malone e tropa. Así, grazas á virtual instalación do PPdeG no «centro», temos o único parlamento democrático do mundo no que non se senta a dereita —sexa a nova ou a vella—, e iso é grande e inédito mérito. A nova cartografía política sería ilusionante se non fose porque realmente non só temos entre nós a dereita máis conservadora, senón tamén unha das esquerdas máis conservadoras e a un nacionalismo bastante hipnotizado co seu novo estatus gobernamental que ameaza con conservadurizarse. Con todo, AFN acepta felizmente a tese de Manuel Rivas segundo a cal Galiza é o conservador país onde case non existen os conservadores, e isto si que é un gran progreso. Despois de semellante salto adiante, ben podemos agardar un par de meses para saber que reforma estatutaria (non) queren os centristas do PPdeG.
O anuncio do cesamento do fogo da ETA é, sen dúbida, a mellor noticia do que levamos andado no século XXI. Coméntase e analízase moito e moi cautelosamente. Oportunidade histórica, responsabilidade, e apertura dun diálogo para-que-si. Do lido, entre o mellor, o artigo de Sergi Pamies en El País. Pamies repara no impacto e o tratamento televisivo da esperanzadora nova e na conclusión recupera unha declaración de LisaSimpson, emitida simultaneamente á de ETA en Antena 3. «Sigo defendendo as miñas crenzas, pero non podo defender como o fixen.» Unha axustada sentenza necesaria para rematar de vez cos anos de medo e chumbo. Quilómetro 0 para a paz e a soberanía democrática de Euscadi.
Entre libros vellos vou dar con Antolín Faraldo, un ensaio histórico de Francisco Fernández del Riego que se imprentou en Vigo no ano 1978 grazas ao mecenazgo do Banco del Noroeste. O exemplar está siglado —leva o número 3.463– e aínda conserva entre as súas páxinas a tarxeta de presentación de José Souto Villar, director do desaparecida entidade bancaria. A peza facía parte dunha serie que titularon «Hombres que hicieron Galicia»; un limiar de Domingo Garcia-Sabell antecede ás 92 páxinas de miúda letra que escribiu don Paco e a unha manchea de textos do propio Faraldo. A presentación que do xornalista betanceiro fai Del Riego non pode ser máis desmitificadora: «Non poseía, quezáis, unha formación intelectual rigorosa, nin coherencia firme no planteamento das súas ideas, nin siquera unha doutrina programática ben definida»; aínda así ficas apegado ás letras pousadas de don Paco que te van levando polo tempo, país e ideas de Faraldo. Vinte anos despois daquela edición, Xerais levou á imprenta Antolín Faraldo. O gran soñador unha nova entrega de Del Riego dedicado ao ideólogo do provincialismo. Con vagar habería que facer a lectura en paralelo de ambas as dúas obras para comprobar canto madureceu, como un bo viño, a figura de Antolín Faraldo na obra de Del Riego, ilustrado colleteiro da memoria do país.
Regreso ás aulas da USC para falar de proxectos de cooperación e a súa avaliación. Todo é ir e abrirse a caixa das lembranzas. Sinto unha señerdade fonda e o desexo irresistíbel de coller un avión para logo deixarme abafar pola quentura imposíbel de Managua ou a encorante altura de La Paz. Váleme tamén a fritanga ruidosa en Matagalpa ou unha noite caída en Illa Zapatera. Estou disposto a transaccionar e darme por contento cun paseo polas herdades baldías de Irupana coa ollada posta nas súas courelizadas montañas. Porén agora mesmo non enxergo nada máis que as rúas molladas de SCQ e, malia a súa maxia, o cambio de paisaxe é abismalmente decepcionante.
Deixou o sardo no seu caderno carcelario unha nota sobre o comportamento dos castores. Ao parecer durante séculos foron cazados para poder extraer dos seus testículos unha substancia usada con fins medicinais. Sabedores diso, cando caían nunha trampa, os castores arrincábanse a dentadas os testículos coa esperanza de, aínda eivados, poder salvar a vida. Estes días castores universitarios, acurralados por necesidades estratéxicas, decidiron facer o propio e, convencidos por un reitor entregado a comenencias familiares, acordaron amputarse algunhas das súas partes máis valiosas. Un alto prezo en credibilidade o que van pagar por acariñar o poder universitario. Próeme unha tristeza infinita.
Son amador do xénero epistolar, ese antecedente ilustre e ilustrado do posteo virtual, de aí que viole reincidentemente o correo privado de sonadas personalidades. Gusto moi especialmente da Correspondencia de Manuel Antonio e das Cartas desde o cárcere de Antonio Gramsci. Hoxe comecei o asalto ao voluminoso epistolario que Ricardo Carballo Calero compuxo, entre 1932 e 1984, para Francisco Fernández del Riego. Avancei tan só nas cartas escritas até 1933 pero nelas descúbrese unha xeración de mozos que, de non fallarlle a época (coma faldadamente ocorreu), estaban dispostos a paparse o mundo. Nas letras enxérgase un hiperactivo Carballo Calero, mergullado paixonalmente na acción político-cultural do galeguismo ferrolán, publicista incansábel e estudante por libre que (abusivamente) recorre aos servizos do correspondente del Riego para conseguir apuntamentos e programas académicos cos que enfrontarse aos exames. Mandados de servizo que un xenerosísimo Paco atende sen maiores demoras malia ter que sufrir pouco amigábeis observacións sobre o uso de palabros como cordileira, atafeigado ou ser reprendido por descoñecer o significado do verbo aturar. Aturar si que lle aturou unhas cantas o bo de don Francisco a un terríbel Ricardo que naqueles efervescentes anos gastaba mesmo palabras acedas para o home a quen en 2006 dedicamos o Día das Letras cando lle espetaba a del Riego: «Quen fixo a barbaridade de conceder 500 pesetas para un cursillo dado polo ignorantón de Lugrís?» Son as cousas que ten poñer as cartas boca arriba.