Non estamos ante unha sociedade débil, prostrada e disposta a asistir impasíbel ao abaixamento da súa dignidade. [...] Ninguén que coñeza Cataluña porá en dúbida que o recoñecemento da identidade, a mellora do autogoberno, a obtención dun financiamento xusto e un salto cualitativo na xestión das infraestruturas son e seguirán sendo reclamacións tenazmente expostas cun amplísimo apoio político e social. Se é necesario, a solidariedade catalá volverá articular a lexítima resposta dunha sociedade responsable.
A reacción de El Mundo fronte á iniciativa dos xornais de Cataluña é sobradamente ilustrativa daqueles que cren que só existe un espazo de decisión política real (a do Estado), unha única canle para representar intereses cidadáns ou políticos (os partidos), un xeito de xestionar a cousa pública (o bipartidismo) e unha norma pechada, inmóbil, para determinar o que é lexítimo, procedente, obrigatorio, xusto, necesario e deber de salvación (A Constitución de 1978). En termos informativos, políticos e empresariais, P.J. Ramírez está (xenerosamente) disposto a aceptar a confrontación de intereses e proxectos co Grupo PRISA, pero resúltalle intolerábel a aparición de ningún outro axente mediático que intente intervir de xeito decisivo na conformación da opinión pública, sinalar outra axenda e incentivar calquera outro debate.
É innegábel que o bipartidismo aleita unha sorte de solidariedade antagonista, necesítase do outro axente contraditor para ser un mesmo, para que se valoricen as accións propias, para converterse nun instrumento fundamental do sistema de poder. A irrupción como unha única soa voz dos xornais cataláns obriga por iso a P.J. Ramírez a afirmar a norma básica da democracia bipartidista: na repartición de poderes e influencias non hai lugar para un terceiro convidado. Aos demais, fóra dos dous grandes, quédalle a política banal e os poderes de tramoia e cartón pedra.
A dereita mediática, como a dereita política, xudicial, económica, cre que Cataluña (e aos seus medios de comunicación) unicamente está capacitada para ser protagonista de políticas sen consecuencias, para ser actor trivial nun xogo que Laureano X. Vidal, un arroutado dirixente do PRI, definiu con brutal clareza: «A política é deixar que a xente loite para quedarse como estaba.» Cataluña pode pelexar polo que queira pero vai quedarse tal como estaba.
Vidal tamén deixou este outro luminoso aforismo: «Un louco secuéstrate para curar dunhas feridas inexistentes. Boa definición da política, non si?» O Tribunal Constitucional, P.J. Ramírez, o seu odiado/amado Mariano Rajoy e todos os partidarios do inmobilismo constitucional están decididos a curar a Cataluña das feridas imaxinarias que parece ser que lle produciu o Estatut. Eles son os vixiantes das nosas (inconscientes) liberdades.















Sei polo
O filósofo italiano
No proceso de propedéutico, memorialistico e reelaborador da opinión pública española respecto do Nou Estatut, a enxeñaría paixonal do black block conservador logrou callar o debate de angustias cismáticas, catastrofismo civil e inseguranzas apocalípticas. Retornaron do pasado todos os medos e pavores xerados polo espectro da «España rota» e mesmo un acalado ruído de sables nos cuarteis. Acebes, sempre tan preciso, bautizou o Nou Estatut como «o Estatuto da ruptura e a insolidariedade». O escenario da desputa foi ocupado pola paixón negra. O banco de cerebros do PSOE non foi quen de centrar a axenda do debate no seu proxecto de «España plural» e de pouco valeron as proveitosas lecturas de ZP sobre a «outra idea de España» e o seu discurso republicano civilista. Ao final, chapodouse o Nou Estatut atendendo de esguello ao patrón paixonal mobilizado polo Partido Popular e, outro tanto, reparando no barómetro electoral sondeado silandeiramente polo CIS. O resultado é decepcionante polo que ten de rebaixamento da España plural prometida e, realmente, e porque inviabiliza calquera avance substancial na construción da España plurinacional a partir dunha lectura avanzada da actual orde constitucional. Con todo, os beneficios da redución de expectativas non son marxinais para o PSOE: atemperou as tensións internas co bonovazquismo, ampliou a marxe da súa política de alianzas cara a CiU, minimalizou a dependencia dos excesos independentistas de ERC e obriga ao PP a revisar a súa estratexia de acoso e derrubo. O PSOE acomoudouse na paixón grisallenta e sacrificou calquera tentación paixonal vermella. É mellor o Nou Estatut que o Antic Estatut e por iso semella que hai que darse por contentos. Das expectativas de cambios profundos, a esperanza dunha solución de futuro e o sentido dunha solidariedade realmente esixente no combate contra as desigualdades pouco queda. Como veñen rulando as cousas, no debate do Novo Estatuto de Galiza poderemos falar do que queiramos e nos termos que queiramos, pero escoller o que se di escoller, sospeito que nos van deixar elixir entre paixóns negras ou grises. De nós depende que se amplien as cores da paleta que tintará o futuro do noso autogoberno. De momento, todo aínda está en branco, tan branco como a skyline que pecha, tras a nevoada, a paisaxe de Galiza desta fin de semana.