27/05/2006

Fútbol é fútbol...

Despexadas as brétemas sobre Sal e confirmado o non, o ruxe ruxe apunta que a alternativa será a Candidatura S.D. Ás nosas letras iralles mellor grazas ao sentidiño que aplaude o amigo Jaureguizar (descúlpeme poideronme máis as paixóns políticas que as literarias). Sospeito que ás tres letras non lle ha de ir tan ben. Agora só resta prepararse para un partido moito máis desigual no campo do Fragoso e no campo de Granada. Que a forza e a fortuna de San Lázaro acompañen ao novo capitán. Remato esta nota sen saber como titulala: Fóra de xogo? Golpe franco directo? Fútbol é fútbol...

26/05/2006

Problemas

Hai un días fíxose efectiva a suspensión da peaxe na ponte de Rande, matino sobre a historía desta épica reinvindicación e gasto un tempo en lecturas sobre o ciclo de vida dun problema, sobre que fases ideais atravesa unha problemática antes de ser asumida como asunto prioritario da axenda política para a procura de solucións por parte dos gobernos. Algunhas das variábeis para caracterizar as diferentes etapas son o seu nivel de exposición á opinión pública, a natureza –e agregación– dos emisores, e as instancias que participan na elaboración da resposta-solución. Ao final consigo enxergar unha secuencia coas seguintes fases: 1) Invisibilidade; 2) Emerxencia; 3) Difusión; 4) Enraizamento; 5) Intervención; 6) Remisión; e 7) Solución. Quen tivese un mes para dedicarse a encaixar a loita contra a peaxe neste esquema explicativo...

O ciclo dos problemas


A fase de invisibilización caracterízase porque o problema e as súas consecuencias soamente son percibidos polos colectivos de damnificados. As vítimas ou perxudicados e o problema mantéñense nunha situación de marxinalidade tanto informativa como social. Durante a emerxencia os problemas adoitan a quebrar teito do espazo local, e ben por causa da autoorganización dos afectados ou como consecuencia da intervención de axentes foráneos comezan a artellarse as primeiras redes supralocais e amplíase a audiencia pero faino aínda en proporcións cativeiras. Para dar paso a etapa de difusión é preciso o concurso dos medios de comunicación de masas e/ou de mobilización masivas, o problema convértese así en materia non só da información senón tamén da opinión, constrúese unha grande audiencia: medios, creadores de opinión e celebridades tecen unha rede de apoios ou de cuestionamentos. Nestas fases iniciais o problema existe como demanda, como identificación dos damnificados e dos responsábeis ou culpábeis.

O tránsito da difusión cara ao enraizamento sinala o momento máis crítico da expresión do problema: formúlase o seu enunciado, técense as alianzas entre damnificados, axentes de apoio e medios de comunicación, e prodúcese a súa asunción xeral como un tema relevante da axenda política que agarda unha resposta institucional para a súa resolución. É o tempo tamén no que pasan a primeiro plano a formulación das alternativas, a negociación e a transacción entre a parte civil que representa os suxeitos do problema e a instancia política que xestiona as competencias e recursos necesarios que deben ser aplicados na súa solución. A definición, compartida ou unilateral, de políticas públicas para erradicar ou paliar o problema abre a etapa da intervención. Da eficacia, eficiencia e impacto das acción dependen os avances na remisión do problema e a sustentabilidade desas políticas é a garante, por cabo, a súa solución.

Cando os problemas se cronifican

En non poucas ocasións o problema non enmadurece, permanece en situación de invisibilidade ou eivase a súa emerxencia pola fraxilidade das redes de apoio; noutros non acada un umbral significativo na súa difusión ao bater con insalvábeis resistencias no ámbito médiatico ou a resistencia dos responsábeis gobernamentais o que impide a súa inclusión na axenda política. Desatendidos os problemas prodúcese a súa cronificación. Fóra da atención das políticas e a opinión pública, un problema non é un problema.

Na era Fraga botouse man dunha poderosa enxeñaría de consensos obrigados, pasividade social e resignación civil que tivo como consecuencia a cronificación de numerosas problemáticas socioeconómicas. O catálogo de problemas cronificados é abultado se reparamos nos padecementos dos gandeiros, na situación de abandono da frota galega, no declive fatalista de Ferrolterra, na desertización do interior do país ou nas moitas ameazas que penden sobre o litoral marítimo e as nosas rías. Moitos apenas se visualizaron polo de agora, caso do abandono institucional do idosos ou a nova emigración. O rol dos que están enraizados institucionalmente pero agardan por solucións efectivas tampouco é pequeno, sinalemos a construción das infraestruturas de comunicación en primeiro plano ou a necesidade de novos modelos de desenvolvemento urbano. Algúns non sen resistencias encamiñanse cara a súa solución como a Celulosa pontevedresa.

Rosalía como síntoma


Dicía De Quincey, e gustáballe lembralo a Borges, que «ter descuberto un problema non é menos admirábel (e fecundo) que ter descuberto unha solución». As forzas do bipartito dedicaron décadas a descuberta dos problemas do país, agora cando se encamiñan cara ao primeiro cabodano da súa vitoria, comeza a facerse urxente a visualización das solucións. Hai un días a nada influente Rosalía Mera declaraba: «Este novo goberno leva case un ano e debe formular os temas con máis rapidez ou cando menos con máis claridade. Se non se pode facer algo, hai que dicilo. Pero o que non se pode é gastar un ano desde o silencio. E menos desde un goberno que quere ser progresista e o goberno do cambio. Por iso, en certos sectores obsérvanse malestares ante algúns atrasos. Hai pouca claridade sobre que se vai facer e as empresas e as ONG necesitan saber a que aterse, porque un ano para elas é una barbaridade. Quizá por iso os galegos e as galegas temos que estar algo preocupados.» Os de Rande tiveron que agardar desde 1998, pero a Rosalía amólalle a espera dun ano. Con todo iso non é o problema, nin que o diga «a muller máis rica de España», o realmente problemático e preocupante é pensar que a podente empresaria sexa tan só a punta do iceberg da perda de credibilidade e confianza cidadá.

Medos fluídos

A sabedoría vella di que «o medo é libre», Zygmunt Bauman actualiza a idea: o medo é líquido. «Os medos de hoxe, a diferenza de antes, son fluídos, pouco definidos. Ignoramos as causas e ademais sentímonos impotentes para facer nada. É unha combinación tóxica.» Os temores teñen, pois, unha natureza líquida, pero con solidas e poderosas causas que fan que se propaguen coa vertixinosa velocidade dos gases. A inmigración masiva ocupa un lugar relevante entre os medos que abanean as seguridades das sociedades opulentas de Europa Occidental.

Remesas: a vía (latinoamericana e africana) ao desenvolvemento

O mesmo exemplar de La Vanguardia, onde se recollen as declaracións de Bauman, bota luz sobre as causas motrices dos fluxos migratorios: as remesas dos emigrantes constitúen a principal fonte de financiamento exterior dos países en vías de desenvolvemento. Paul Wolfowitz, presidente do Banco Mundial, afirma que «a emigración segue sendo unha forza importante na loita contra a pobreza». É moito máis que iso, para unha parte fundamental da poboación de África é a única forma de loita contra a pobreza. A idea de codesenvolvemento é aínda primeiriza e fráxil no que lle toca ás prioridades do Banco Mundial.

As contas

A contabilidade non engana: os envíos de cartos dos emigrantes no mundo sumaron 117.000 millóns de euros; a Axuda Oficial ao Desenvolvemento mobilizou 61.700 millóns. Atendendo ás contías, aínda hoxe a estratexia principal de loita contra a pobreza pasa basicamente pola súa «privatización» –asumindo os individuos e non os estados ou as axencias internacionais o custes das estratexias para paliala ou erradicar a pauperización–. A «solución» personalizada –vía emigración e outras– e non a dotación de recursos para a execución de políticas globais que enfronten as causas reais xeradoras da pobreza no Sur seguen a ser o paradigma dominante.

Vivir na pobreza para saír da miseria

A nada radical Susan F. Martin, directora, Instituto para o Estudo da Migración Internacional da Universidade Georgetown, non se deixa enganar polo espellismo e conclúe que «os residentes máis pobres de Estados Unidos e doutros países ricos cargan coa maior parte do peso de axudar á xente nos países en desenvolvemento. En xeral os inmigrantes latinoamericanos teñen ingresos baios, a miúdo viven na pobreza e, non obstante, remiten milleiros de millóns de dólares aos seus países.» Moitos emigrantes fuxen así da pobreza maís extrema para vivir en condicións de pobreza severa e aforrar o suficiente para aliviar as hiperpauperizadas condicións de vida dos seus. Unha situación que realmente si mete medo. Medo líquido, solido e gasoso.

25/05/2006

Sal en bretemas

Ao tempo que bretemas madura a decisión sobre a súa candidatura á reitoría de Sal, vai medrando unha vaga de ilusionante esperanza; sería cousa boa que el aceptase para rachar de vez co embiguismo partidario que encora a política local da cidade atlántica. Para ter éxito, o BNG debería poñer as súas siglas ao servizo dunha candidatura cidadá e deixar a Manuel unha amplísima autonomía para facer o seu equipo e renovar ideas e formas. Un ensaio de frontismo cívico sentarialle ben ao BNG e a Vigo, para pasar páxina, para explorar novas posibilidades e para crear así as condicións necesarias para a derrotar á dereita amábel na principal cidade de Galiza. Estou certo de que Manuel sabería facelo. Estou menos certo de que llo deixen facer. Bragado en empresas políticas e culturais en tempos difíciles e espiñentos, pouco se lle pode aconsellar. Leva moitos anos á sombra dun trevo de catro follas e a sorte non lle ha de ser esquiva. Toca agardar pola súa decisión que en calquera caso será positiva: sinalará un tempo novo para facer política en Sal, ou indicará o moito que falta para que chegue ese tempo novo.

04/05/2006

Antes e agora

Así eran as cousas en Bolivia antes. As opinións que seguen foron recollidas nun libriño de poucas pero esclarecedoras páxinas. O dereito á palabra. Os pobres fronte á política e a cidadanía. Natasha Loayza e Hugo José Suárez percorreron aldeas, arrabaldes e mercados para atender voces poucas veces escoitadas. Estas son algunhas.
«A política é para beneficio de eles, dos máis grandes. A política é así, é para aproveitarse do pobre.» Ela é vendedora no mercado de Montero.
Moitos comparten o seu desengaño no mercado de La Ramada: «Todo político, todos son iguais. Non se pode crer xa, son pura promesa e non cumpren o que prometen, esquécense de todo cando xa están na cadeira...».
Máis lonxe, en Urubichá, unha muller mastica a súa desesperanza: «A política non nos serve de nada. Os políticos berran nas súas campañas, berran e chámannos, dánnos só gorras, dánnos de beber, fannos empenecar e máis nada.»
Afastado moitos quilómetros, pero moi apegado nas crenzas, un comerciante comunica a súa descrida sentenza: «Os partidos políticos veñen aquí só para ofrecer as cousas, pero non se cumpren. Poñen outras leis, para nós non hai nada, non hai xustiza.»
Esta muller sabe do calado da Débeda Externa: «Iso está difícil, e sabes por qué? Porque desde hai moito tempo os gobernos veñen roubando, estamos vendidos aos estadounidenses agora, debemos bastante prata. Os gobernos anteriores fixeron empréstimos a nome de todos os bolivianos, e se agora eu entro no goberno, é un dicir, teño que cargar coas contas. Outros que entren, igual teñen que cargar coas contas! Por iso estou vendo que nunca se vai compoñer a vida aquí en Bolivia.»
Moitos non entende o mundo distorsionado polos caprichos do todopoderoso mercado: «Falando de política, por exemplo o gas. O gas é noso, pero custa cara aquí; se o gas é unha cousa que produce en Bolivia, como vai custar caro?»
Outros resumen ben a paradoxal situación do país que perdeu o mar e que parece condenado a perder o futuro. «Non hai dedicación para ver un futuro no país, non hai organización para alcanzar o futuro. Eu vexo un país rico, temos recursos naturais, temos xacementos, pero se mal non me equivoco, a última acción do goberno foi vender as riquezas de Bolivia».
Así eran as cousas en Bolivia en 2002. Agora son distintas.