Mostrar mensagens com a etiqueta Lingua. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Lingua. Mostrar todas as mensagens

30/11/2009

Minaretes e outros medos

Os cidadáns da culta, próspera e neutral Suíza foron chamados para decidir, en referendo, sobre a prohibición de construír minaretes e a favor de rematar coa exportación de armas. Non se poderán construír novos minaretes pero poderase seguir exportando armas e munición.

Era a terceira vez que os suízos votaban para procurar a suspensión da exportación de material de guerra e o seu en tránsito polo país. A iniciativa para rematar co «comercio da morte» foi derrotada en 1972 –votou a favor o 49,7%–, en 1997 –colleitou só o 22,5% das papeletas–, e desta volta tivo unicamente o 32% dos votos. Razóns económicas pesaron máis que as motivacións humanitarias. Os datos: estaban en xogo ao redor de 5 mil empregos nun sector que a penas representa o 0,4% das exportación suízas, unha facturación de 772 millóns de francos, o 0,11% do PIB. A fin das exportacións non suporía a ruína de Palmira pero puido máis o medo.

Na mesma tirada, e á iniciativa do ultradereitista Partido do Pobo Suízo-Unión de Centro Democrático, un 57,5% dos votantes helvéticos santificaron que se prohiba a construción de minaretes en novas mesquitas. Gañou novamente o medo, esta vez na primeira volta. Os voceiros do Partido do Pobo Suízo-Unión de Centro Democrático non cansaron de repetir a mesma mensaxe: os minaretes abren a porta á lei coránica en Suíza. Os minaretes tornáronse no símbolo da islamización de Suíza e, por extensión, de Europa. Durante a campaña gastaron de tanto repetilo un verso do escritor turco Ziya Gökalp: «Os minaretes serán as nosas baionetas».

Algúns datos para nortearse: en Suíza viven 400.000 musulmáns, na súa maioría de orixe bosnia, macedonia e turca, o 5 % da poboación; e no país do reloxo do cuco hai tan só 4 minaretes. Aínda que a poesía é unha arma cargade de futuro, cómpre dicir tamén que Gökalp morreu en 1924, así que sería cousa de prestarlle máis oído ás palabras de Jean Commerson, outro poeta morto hai tamén bastantes anos: «O medo é un microscopio que aumenta o perigo.»

Mais para poesía, a do cartel co que se pedía apoio á prohibición, auténtico lirismo gráfico. En primeiro plano, unha muller enmascarada co burka, como pano de fondo un feixe de minaretes, representados como mísiles, sobre unha abatida bandeira suíza. O Partido do Pobo Suízo sabe o medo que traballa: os minaretes son a expresión ameazadora do poder do Islam. Auténtica propaganda de guerra: Comézase polos minaretes, remátase co burka!

Zygmunt Bauman advertiunos de que vivimos en tempos de medos líquidos. Líquidos, sólidos e gasosos a xulgar pola deriva que apunta o duplo referendo suízo. No seu último libro, A deleiba do mundo, Amin Maalouf acendeu as luces de alarmas ante a tolemiada marcha da humanidade e fai un chamado democrático para retrucar con esperanza a unha tripla tentación: a do precipicio, a da parede e a do cumio.

Para o escritor libanés a humanidade ten que sobreporse á tentación do precipicio: o ánimo suicida dos oprimidos e excluídos decididos a arruinar unha festa (a do benestar) á que non están convidados. Hai que enfrontar tamén á tentación da parede: a pretensión dos países máis ricos de fortificarse diante das inseguridades até que pase o trebón das moitas crises. Hai que vencer, por cabo, a tentación do cume, esa que repousa na crenza compracente da fin da historia e do inevitábel choque das civilizacións; é dicir, que non hai outra saída que a dunha humanidade dividida na afirmación teimosa de identidades que negan as identidades dos outros.


En Galiza sabemos ben como funciona esa endemoñada enxeñaría dos medos líquidos, sólidos e gasosos. Con gran habelencia bélica converteuse a normalización da lingua galega nunha expresión ameazadora do poder do nacionalismo galego. E os enxenñeiros do medo triunfaron o 1-M. O «medo á imposición do galego», que non «a imposición» da lingua galega que non se produciu por ningures co goberno bipartito, serviu ao Partido Popular como catalizador dunha estratexia que agora ameaza por levarse por diante a identidade dun pobo coa liquidación da súa lingua e cultura.


Hai unhas semanas o Consello da Cultura Galega tendeulle ao Goberno galego do PPdeG unha ponte para a recuperación do consenso ao redor da lingua galega. O presidente Núñez Feijóo debería aconsellarse de sensatez, abandonar a explotación electoral do medo e, antes que tarde, cruzar esa ponte do acordo pola lingua. Estamos sabidos de que a democracia non durará moito se vencen aqueles que teiman por confundila co tiranía do medo en Galiza, en Suíza ou en calquera curruncho do mundo.

14/11/2009

Lingua de liberdade


«Paréceme completamente anómalo renunciar á lingua nai. E entendo que só pode facerse por dúas razóns: unha aversión de orixe emotiva, política, por así dicilo, ou por un rexeitamento que provén dos límites que a lingua pode impoñer á liberdade e a imaxinación do escritor.» Quen así fala é Ismail Kadare, escritor dun país tan miúdo coma o noso.


Hoxe, no Teatro Principal, un quiñón plural da sociedade galega denunciou as estratexias de renuncia da lingua propia que promove o Partido Popular e o seu desgoberno na Xunta de Galicia. Unha denuncia do seu programa de aborrecemento político da lingua galega que fende o consenso traballosamente trabado durante dúas décadas ao redor da normalización do idioma e a cultura propia de Galiza.

Homes e mulleres de saberes, profesións, idades, condicións sociais e experiencias políticas ben distintas axuntaron palabras para salientar que o prexuízo político é a causa primeira da abdicación do mandato normalizador que promove o goberno de Núñez Feijóo crebando un dos fíos condutores da historia do noso autogoberno.

Voces moitas que deixaron en claro que non hai ningunha razón de liberdade que xustifique ás políticas de descoñecemento dos dereitos fundamentais da lingua galega que o Partido Popular teima en materializar subvertendo a idea mesma de cidadanía, un desvarío autoritario que nos conduce cara a ningures.

Cando a liberdade existía unicamente na terra dos soños, o galego foi a lingua da oposición á ditadura, como logo serviu para dar voz propia á democracia e o noso autogoberno; por iso, todos os parlamentos evidenciaron que a lingua galega non impón límite ningún nin a liberdade nin a imaxinación democrática dos galegos.


Un belicoso clásico anotou: «Poñan a felicidade na liberdade e a liberdade na bravura.» Hoxe Galego Patrimonio da Humanidade convocounos a un acto cívico feliz e bravo. Unha manifestación pluralista de dignidade. Unha nota de atención para gobernantes extraviados: nunca chegará o día da capitulación da nosa loita en favor da lingua das liberdades de Galiza. Desengánense.

19/10/2009

Ver, medir, mentir


Está fin de semana estivo marcada pola celebración de manifestacións de cantidade e por contrastadas interpretacións da súa calidade. Aínda que sexa fuxidizamente as políticas das multitudes roubaron os titulares á política convencional. Donosti, Madrid e Santiago de Compostela concentraron a milleiros de cidadáns e é asunto editorial de primeira orde dar conta das súas magnitudes e calidades.


A sabatina convocatoria contra a nova regulamentación do dereito ao aborto bendiciuse cun rexistro millonario de asistentes que desafia as leis da física e mesmo as da metafísica. Máis dun millón de asistentes segundo o xúbilo dos convocadores que os menos entusiasmados econometrizan nunhas 50.000 persoas. Pola contra, a variábel cuantitativa no chamamento vasco, malia o engrosado da convocatoria, non tivo maior relevancia para un sistema de medios que teima en converter en marxinal calquera acto político do nacionalismo agás aqueles que sirvan para fabular a súa culpábel complicidade con ETA. Tanto ten que en Donosti fosen media ducia ou un millón.


No caso da mobilización de «Queremos galego» hai contraste contábel pero só os moi necios tentan agachar que nunca antes houbo unha concentración cívica máis numerosa en defensa da lingua galega. Multitude que, simbolicamente, se emparenta coas masivas marchas cidadás do 4 de Nadal de 1979 a prol dun maior autogoberno para Galiza, e as mobilizacións da dignidade promovidas por Nunca Máis o 1 de decembro de 2002 e o 23 de febreiro de 2003 en Compostela e Madrid, respectivamente.

Cingamos á comparanza á megamanifestación anti-abortista de Madrid e á convocatoria en defensa do idioma galego compostelá xa que en ambas as dúas se involucra decididamente o Partido Popular, nun caso como activo axente opositor e noutro como suxeito pasivo de goberno, serviranos outra volta para saber como a inmensa maioría dos medios xestionan o que, en La mirada social, Alain Touraine chamou o Discurso Interpretativo Dominante (DID).


Os faladoiros e comentarios do DID insisten no supremo valor da multitude convocada polas organización anti-abortistas. Sérvense da comparanza histórica para evidenciar a hipocrisía do presidente Zapatero que, cando as manifestacións contra a intervención na guerra de Iraq, enxalzaba a voz dos desconformes mobilizados e agora ignora de xeito prepotente «a voz da rúa».


A que segue é unha das reseñas menos extremistas desta liña argumentativa do DID: «Máis lle valería a Zapatero fuxir da provocación e o radicalismo. Tras a marea humana de onte, debe ouvir o clamor da rúa e tentar buscar acordos para que un maior número de cidadáns senta máis próximo ao texto lexislativo.» Altofalante moderado do presidente do Partido Cínico, Mariano Rajoy, quen sentenciou que Zapatero debería deixar a soberbia e escoitar á xente porque esa é a súa obrigación. Exercicios de estilo á marxe, a mesma orientación ecoa nos medios de querenzas e intereses paleo ou neoconservadores: un goberno que non escoita a voz da rúa é un mal goberno.

Convocatoria de «Queremos galego»; resumo dun medio nuclear do DID: «Animadas polo nacionalismo e a esquerda, milleiros de persoas manifestáronse onte no centro de Santiago de Compostela para denunciar a política lingüística do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, unha de cuxas primeiras medidas foi acabar coa envelenada "inmersión" promovida polo anterior Executivo rexional e apostar por un bilingüismo que respecte o uso do castelán.»

Aquí xa non estamos perante a voz da rúa, non hai marea humana que ordene o bo goberno nin clamor que deba ser escoitado e atendido polo presidente Feijóo, providencial cancelador da envelenada inmersión lingüística imposta polo goberno dos nacionalistas e a esquerda que agora, vencidos, animan a manifestarse en contra dun bilingüismo que respecta o uso da lingua castelá.


O DID autóctono ten outra expresión suprema no intento da Televisión de Galicia de facer a crónica do acontecido cunha panorámica desertizada da praza da Quintana, unha vez finalizada a manifestación. A bufonada fala da pouca honestidade dos directivos do medio público de comunicación e moito do seu abaixamento da profesionalidade para atender os caprichos dos novos gobernantes. Unha estarrecedora lembranza do maltrato informativo dispensado ás protestas cidadás cando a catástrofe do Prestige; Unha imaxe vale por mil palabras e serve mellor á mentira: na Quintana estaban coma quen di catro ninguéns que ían para ningures.


Cómpre non asañarse, se a cousa funciona ben así que interese pode haber en cambiala; é a lei natural e caprichosa do paso da cantidade á calidade, materia fundamental do oficio milenario dos cínicos para ver, medir e mentir en favor dos poderosos. Os vellos manuais de materialismo dialéctico ilustráronnos sisudamente sobre a importancia e transcendencia do paso da cantidade á calidade nas ciencias da natureza e nas da sociedade. O DID xestiona con equidade exquisita a alquimia do tránsito da cantidade á calidade: Zapatero ten que ser todo ouvidos e Feijóo pode seguir ensimesmado na súa xordeira, a fin de contas en Madrid eran máis dun millón e en Compostela eramos uns ninguéns, tan poucos que case que non eramos.

22/09/2009

A deleiba de Gloria Lago

Hai anos recrimináronlle a un vedraño editor de esquerdas que publicase unha prosas infames debidas a un parente dun poderoso cargo político da Xunta de Manuel Fraga. Cinicamente sacudiuse as críticas dicindo que o fixera para que todo o mundo soubese das súas bobadas, falta de gusto e ridícula estética.

Hoxe lendo o café de redacción de Xornal de Galicia con Gloria Lago convencinme de que o seu director decidira, tamén, sacrificar tres planas co único obxectivo de darnos a saber as ignorancias destemidas da presidenta da Galicia Bilingüe.

Cribadas as ignorancias de Lago, hai varias afirmación doutrinarias que fican subliñadas nas súas palabras e que marcan a estratexia de guerra lingüística de Galicia Bilingüe na que queren contar como forza principal ao goberno de Núñez Feijóo:
  1. Galiza bilingüe non aposta polo bilingüismo, senón pola libre elección dos galegos entre monolingüismo e bilingüismo (asimétrico, habería que precisar); sen reviravoltas, a súa opción preferente é o monolingüismo en castelán.
  2. A pesar de que Galicia é un territorio con dúas linguas» non cren que haxa que necesidade de establecer a equiparación xurídica entre galego e castelán xa que «non debería existir a obriga de coñecer ningunha lingua».
  3. Con todo, «o importante é que se recolla que hai dúas linguas oficiais», entendendo que a oficialidade do galego e o mandato normalizador pasa por unha promoción light da lingua galega, á imaxe e semellanza do decreto do galego no ensino de 2004 xa que, segundo afirma a presidenta de GB, « todos sabiamos o que pasaba nos centros de ensino, que non se cumpría o decreto».
  4. O que activou Galicia Bilingüe é a pretensión do goberno bipartito de facer efectivo un decreto normalizador no ensino.
  5. A derrogación do decreto do galego no ensino non universitario do Bipartito é o programa mínimo, a modificación da Lei de Normalización Lingüística é o seu obxectivo estratéxico, Gloria Lago di que estaría «encantada de que se cambiase».
  6. En termos de repostería política o Bipartito «quería todo o pastel» e «quedaron sen nada». A mesma mensaxe vai dirixida a quen quere educación en galego para o seus fillos: «Non vai haber unha milagre, non vai haber cen por cen galego, é mellor que baixen o discurso e se sumen, porque se non van quedar sen nada». Rematamos como comezamos: o modelo é dunha lingua en posición dominante (castelán) e outra subordinada (galego) ou como as pretensións normalizadoras aspiren a moito máis, imporase simplemente o monolingüismo en castelán.
O informe Maalouf

Para compensar tanto maltrato da intelixencia, hoxe Prolingua divulgou entre nós Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas podería contribuír á consolidación de Europa, o informe que Amin Maalouf redactou para a Comisión Europea despois de reflexionar cun grupo de intelectuais sobre o diálogo intercultural e a comprensión mutua entre os cidadáns da Unión Europea. É unha peza de moi recomendábel lectura, reproduzo unicamente tres retallos que valen como vacina fronte ao virus exterminista que propaga o discurso de Gloria Lago e Galicia Bilingüe.

A lingua fundamento lexítimo de identidade cultural:
Todas as linguas son o produto dunha experiencia histórica única, cada unha é a expresión dunha memoria, un patrimonio literario ou unha habilidade específica e constitúe un fundamento lexítimo de identidade cultural. As linguas non son intercambiábeis, ningunha é imprescindíbel pero ningunha é superflua. Preservar todas as linguas do noso patrimonio, incluídas as linguas ancestrais como o latín e o grego antigo, e favorecer a súa expansión no resto do continente, mesmo no caso das linguas máis minoritarias, son aspectos intrínsecos da propia idea dunha Europa de paz, cultura, universalidade e prosperidade.
O plurilingüismo e a multiculturalidade elementos constitutivos da identidade europea:
Perante tal diversidade, é grande a tentación de aceptar unha situación de feito na que unha soa lingua, o inglés, ocuparía un lugar preponderante no traballo das institucións europeas e outras dúas ou tres linguas poderían manter durante algún tempo unha presenza que se iría reducindo cada vez máis, mentres que a grande maioría das nosas linguas só terían un estatuto simbólico [...] Cremos que unha evolución deste tipo non é desexábel [...] Respectar a nosa diversidade lingüística non significa unicamente ter en conta unha realidade cultural produto da historia, senón que constitúe o fundamento mesmo da idea europea.
A aposta pola institucionalización da «lingua persoal adoptiva»:
Animaríase a todos e cada un dos cidadáns europeos a elixiren libremente unha lingua distintiva, diferente tanto da súa lingua identitaria como da lingua internacional de comunicación. [...] A lingua persoal adoptiva non sería unha segunda lingua estranxeira, senón máis ben unha segunda lingua materna.

Aprendida en profundidade, falada e escrita con frecuencia, integraríase no traxecto escolar e universitario de todo cidadán europeo, así como no currículo profesional de cada un.

A súa aprendizaxe iría acompañada dunha familiarización cos países nos que e fale esta lingua, coa literatura, a cultura, a sociedade e a historia vencelladas a esta lingua e os seu falantes.
Coda

Mal que lle pese a Gloria Lago, vale dicir que somos moitos os galegos que temos no castelán a nosa lingua persoal adoptiva e que queremos, sen contradición ningunha, a máis plena normalización para o galego como a nosa lingua materna. Esta é tamén a razón democrática que nos convoca na defensa do galego.

O informe Maalouf é un gorentoso convite para abordar unha «xestión prudente e imaxinativa da diversidade lingüística» co que pular pola construción dunha nova cidadanía europea e contribuír ao diálogo entre culturas. Unha reflexión do noso tempo que aspira a crear novas oportunidades para unha Europa pluricultural e plurilingüe. Galicia Bilingüe e o goberno do PPdeG inauguraron un camiño en sentido contrario que conduce á deleiba da lingua de Galiza; sumar unha maioría social para impedila, ese é o noso reto máis proveitoso.

30/08/2009

Prognóstico 2000

Peneirando en Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, dou cun prognóstico que Xesús Alonso Montero recupera de entre os apéndices de Os anos escuros de Xosé Luís Franco Grande. Cronometra case catro décadas, titúlase «Proxecto de constitución dunha editorial galega» e vaticina:
Se se quer que a nosa lingua –e todo o que con ela vai– non desapareza para o ano 2000, é indispensable establecer un circuíto co tipo de poboación que vai predominar decontado: o vilego (cidadán) de «clase media», ou «obreiro consciente», xa pouco ligado ao agro, con estudos de «formación xeral básica», con sensibilidade para os temas socio-políticos, atento ás modas e prestixios. A experiencia ata agora [é] que este tipo de home desertou en masa do galego. Se non se conquire evitar isto en diante, a causa da lingua galega­ –e o que con iso vai­– é unha causa perdida.
Esta previsión evoca outras como a de John Berger sobre a desaparición do campesiñado en Europa por volta do ano 2005; o calendario non as certifica pero para todos é unha evidencia de que en ambos os dous casos estamos vivindo unha xenerosa prórroga e que galegofalantes e campesiños compartimos a mesma condición de sobreviventes. Zafamos da data terminal de 2000, certo, pero aquí seguimos case coa mesma formulación dese noso maldito problema e moitísimo menos tempo de reacción.

05/08/2009

Enquisa macguffi

Fermín Bouza debullou a razón dos números da Consulta Feijóo, Bragado reflexionou mesuradamente sobre os efectos directos e colaterais negativos da ruptura do consenso de fomento do galego no ámbito educativo, Cesare destilou unha paixonal catarse á súa costa, e, cos seus calcetíns, Rubén Ruibal revelou o sentido último da Consulta Feijóo. A min todo o caso, cada día que pasa, imítame máis a un macguffi da escola Hitchcock. Un caricaturesco macguffin xa que as grandes decisións de política lingüística do novo goberno e do Partido Popular fixáronse con moita anterioridade á realización de tan grandiosa consulta democrática.

Hitchcock ideou o «macguffin» como un elemento para alentar o suspense e facer progresar a trama narrativa das súas películas, non era máis que unha escusa argumental que propiciaba o desenvolvemento dunha historia pero que carecía de toda relevancia por si mesmo. A Consulta Feijóo revélase como un grotesco macguffin válido unicamente para facer avanzar o argumento lingüístico do Partido Popular que non é substancialmente diferente do que contrabandea Galicia Bilingüe para formatear Galiza como unha comunidade monolingüe en castelán.

Sobre o asunto escribo en «Disparando aos reloxos» coa intención de salientar que a Segunda Modernización de Galiza que abandeira Alberto Núñez Feijóo, en termos de normalización lingüística tradúcese na cancelación do mandato normalizador das nosas institucións de autogoberno, encomenda asumida noutros tempos mesmo pola banda dereita do noso país. A novidade radical da política de Feijóo é a renuncia da Xunta a xogar ningún papel activo como garante fundamental da igualdade de condicións de uso da lingua galega.

Pierre Manent, un liberal dos de verdade, definiu a democracia como o movemento político e social cara a unha igualdade de condicións sempre maior. A consulta e a estratexia que a abeira é unha fraude (anti)democrática absoluta, nin garantirá liberdade ningunha de elección lingüística nin asegurará a igualdade de trato xurídico nin de oportunidades de uso para a lingua galega.

Enfrontámonos a un poderoso movemento antidemocrático e nestas condicións de desnormalización non hai marxe de esperanza ningunha para soñar unha igualdade de resultados entre as dúas linguas existentes na nosa comunidade. A estratexia de bilingüismo formal do Partido Popular encamíñanos cara a un monolingüismo castelán de xeito irremediábel, esa é a solución final á que aspira o black block que lidera Gloria Lago.

Unha lectura cándida das intencións do Partido Popular insiste en que a consulta é un instrumento máis nunha «estratexia de bordo do abismo» destinada a disuadir aos máis fervorosos partidarios da normalización do galego facendo visíbel a potencia dos sectores cidadáns abducidos polo monolingüismo en castelán. O virtuoso termo medio que quere para si Núñez Feijóo é o cancelamento da presenza paritaria de galego e castelán no ensino non universitario, un abaixamento normalizador para tranquilizar á barra brava de Galicia Bilingüe.

Asomados ao bordo do precipicio monolingüe castelán, ao Partido Popular antóllaselle que aos sectores galeguistas máis mornos non lle quedará máis que a mansa acomodación a un agónico «pouco é máis que nada». É posíbel que á voz solista de Anxo Lorenzo axiña se una unha coral polifónica de medidos posibilismos. Sospeito que poucos logros saíran dos seus esforzos vocais. Perante a estratexia do bordo do abismo que anima Feijóo e Vázquez, cómpre lembrar o consello de Michel de Montaigne: «Á beira dun precipicio só hai unha maneira de andar para ao fronte; dar un paso atrás.» A súa estratexia non é invencíbel pero non será aquela caste de posibilismo acomodado quen os faga recuar.

21/07/2009

Plebiscitos de contrabando

Walter Benjamin foi un dos primeiros en decatarse de que «o público é un examinador, pero un examinador distraído». A atención descontinua e a distracción dos grandes públicos é un dos requirimentos de éxito dos magos da comunicación política. Moitos, como Feijóo, explotan os extravíos da nosa sociedade como examinadora distraída pero moi poucos son tan hábiles coma el para multiplicar un estado confusión xeral que permita materializar, con rebaixados controis cidadáns, as súas políticas contrarreformistas.

En canto nos distraemos, Núñez Feijóo converte as pasadas eleccións do 1-M nun plebiscito no que, segundo di, os cidadáns avalaron de xeito esmagador as súas políticas presentes e futuras, fosen explicitadas en campaña ou ficasen na súa axenda oculta. Esta trampeada política plebiscitaria cancela de vez a oferta que Feijóo fixo, no debate de investidura, para gobernar en «coalición cos cidadáns» e construír novos consensos ao redor do autogoberno galego.

Executando un mandato do presidente, a Consellaría de Educación decidiuse a organizar unha consulta sobre as preferencias lingüísticas no ensino que en nada se acordou coa comunidade educativa nin con representante político ou social ningún. Unha consulta lingüística que debería realizarse, segundo o desexo presidencial, sen máis información que a oficial, sen debates e intercambio de pareceres, sen expresión libre, consonte ao ideal conservador dunha democracia pasiva.

Unha idea da participación concibida como antítese da promesa fundadora da democracia que John Berger lembrou en Páxinas da ferida: «A súa promesa é que as decisións políticas se tomarán despois e á luz da consulta cos gobernados. Isto depende de que se informe adecuadamente aos gobernados dos asuntos en cuestión, e de que quen toman as decisións teñan a posibilidade ou a vontade de escoitar ou tomar en conta o que escoitaron. Non debe confundirse a democracia coa “liberdade” de escoller de maneira binaria, nin coa publicación das enquisas nin co abafamento das persoas a mans dos datos estatísticos.»

As decisións do PPdeG sobre a lingua galega no ensino tomáronse moito antes da celebración da Consulta Feijóo e non ofrecen ningunha dúbida canto aos seus obxectivos: lexitimar a derrogación do actual decreto de uso do galego no ensino non universitario e retrotraer o compromiso das nosas institucións de autogoberno coa normalización do noso idioma aos tempos da pre-Autonomía. Na práctica, un referendo agochado sobre o status do galego como lingua propia de Galiza; cos seus resultados aspírase a fender de vez os consensos callados no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2005 e na Lei de normalización lingüística de 1983.

A Consulta Feijóo inaugura así a que será posibelmente a confrontación democrática máis importante da oitava lexislatura, o seu campo de batalla principal será a sociedade civil e non o Parlamento, e do seu desenlace dependerá decisivamente a consolidación ou o debilitamento do Partido Popular como alternativa de goberno neste país. Será a primeira dunha longa xeira de enfrontamentos que cristalizarán ao redor dunha mesma liña de tensión: o compromiso (ou o abandono de responsabilidades) do noso autogoberno coa garantía da igualdade de condicións. Agora trátase da garantía real da igualdade de condicións da aprendizaxe e uso do galego e mais do español en Galiza, no futuro versarán sobre a igualdade das condicións de acceso a servizos públicos básicos, a un basal mínimo de benestar ou a un contrato laboral dignamente remunerado e de calidade.

A garantía de éxito do plebiscito de contrabando de Núñez Feijóo depende de que, outra volta, a cidadanía faga unha lectura lixeira e distraída da súa intencionalidade; a saber, crer que se trata dunha consulta intranscendente e non determinante. A realidade é ben outra, da consulta e o uso dos seus resultados derivaranse consecuencias decisivas para o futuro da lingua galega no ensino e non só no ensino. Á súa sombra decídese se as nosas institución deben ser un axente de normalización da nosa cultura e se é misión do noso autogoberno ser garante da igualdade de condicións de uso da lingua de Galiza. Como para distraerse...


22/05/2009

Trilos: Memoria

A favor dos dereitos de autor e contra os excesos apoloxéticos, Camilo reivindícase e reivindica a boa memoria.

19/05/2009

Lingua sen siglas

Na acordanza do Día das Nosas Letras matino en «Disparando aos reloxos» sobre a amigábel relación que ten o presidente Feijóo coa lingua galega e reparo na súa oferta dun galeguismo tan imaxinario como inédito. Cando aínda ecoa na Quintana a esperanzada proclama de don Avelino, conclúo confiado en que Galiza e a lingua de seu han de sobrevivir ao desbordado patriotismo do noso Quinto Presidente.

Will Kymlicka, un dos máis afamados analistas do multiculturalismo, escribiu que «recoñecer unha lingua implica máis que a súa mera utilización. Simboliza o respecto polas persoas que a falan, a súa cultura e inclusión total na sociedade.» Esta feliz cita e outras pertinentes reflexións poden lerse en «As razóns da lingua galega», unha
achega de Xaime Subiela que saíu no Grial 179. A refutación da barbarie de Subiela publícase á carón doutra do actual secretario xeral de Política Lingüística na que avoga por «afortalar o prestixio social da lingua galega e dos grupos sociais galegófonos: é dicir, avanzar no empoderamento (ing. empowerment) da lingua galega.» Poder a el agora non lle falta, agardamos a ver para que o usa.

25/08/2008

O lapis

George Steiner suma unha influente produción cultural, acompañada de numerosos premios e recoñecementos, e consta con todo merecemento no top ten dos pensadores actuais. Por iso resultan aínda máis rechamantes as súas (des)consideracións sobre a lingua galega na entrevista que concedeu a Juan Arias. Unha magoante mestura de mala información, prexuízo e descoñecemento que empata ben mal con outras reflexións súas feitas con moita maior lucidez: «Non hai linguas “pequenas”. Non existe unha sintaxe “primitiva”. Cada lingua, sabémolo de certo, procrea e articula unha visión do mundo, un relato do destino da humanidade, unha estrutura de fórmulas de futuro para a que non existe facsímile noutra. A morte dunha lingua, até naquela apenas rumoreada por unha manchea de persoas nun anaco de terra maldito, é a morte do mundo. Cada día que pasa, o número de fórmulas de que dispomos para dicir “esperanza” diminúe.» Di tamén Steiner que «un intelectual é un ser humano que cando le un libro ten un lapis na man.» Iso, si, pero tamén máis: é alguén que mobiliza a curiosidade e a intelixencia fronte ao descoñecemento, a discriminación e o prexuízo. Certamente, Steiner desta volta non foi o lapis máis agudo do plumier. Infinita tristura.

04/01/2007

Memoria da lingua

Este nadal, a xenerosidade ilustrada dos Couceiro agasalla aos seus clientes coa edición facsimilar de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional de Antón Vilar Ponte. Ao opúsculo achégalle Antón Capelán unha introdución na que debulla o labor xornalístico de Vilar Ponte en defensa da lingua galega e presenta algúns dos debates lingüísticos das primeiras décadas do século XX que foron pano de fondo dos seus esforzos normalizadores.

A edición da obra de Vilar Ponte é unha inicativa feliz pola recuperación dun texto referencial do proxecto normalizador da lingua galega pero tamén polo que ten de afirmación nacional na idea de que «os problemas galegos han de formularse e resolverse Galiza, dando as costas a Madrid». Esa suficiencia decisional e a vontade de ser donos de seus aínda é hoxe materia política minorizada nun país que abdica de responsabilidades e que se comprace en crer que tanto problemas como solucións son produtos foráneos que hai que agardar con resignación e entrega suicida.

Na interpelación propagandística de Vilar Ponte subliño tres retallos. [1] A súa interrogación sobre a tentación suicida do país: «En que tratado de histoloxía social pode sinalarse, nin como excepción, o caso de organismos con células suicidas que atenten contra o seu propio ser, fóra da nosa terra?». [2] A súa sabida afirmación da lingua como escudo identitario: «O escudo da autonomía espiritual, máis forte que as armas, é a lingua.» [3] A cita de autoridade de Teófilo Braga coa que pecha a súa exposición: «A Galliza perde a sua existencia política, e por tal acto apaga-se sua cultura.»

Proscribir a tentación e a deixación liquidacionista do país respecto da súa cultura; activar o autogerno como instumento político da cidadanía e a nación galega; e valorizar a lingua como un dos nosos capitais intanxíbeis máis valiosos para sermos un nó vivo no mundo-rede seguen a ser, malia o moito que se avanzou, persistentes capítulos da axenda política galega do século XXI.

Quizais unha forma de contemplar máis optimistamente o noso futuro colectivo pase por relativizar o desexo coa medida da memoria e así tomar consciencia de que de saber da nosa insatisfactoria situación actual, ao afoutado Vilar Ponte, cos ollos de 1916, habíalle de parecer unha inalcanzábel e feliz utopía.