12/04/2008

No nome das ideas

ZP-169 fixo público o WW do Goberno de España. Ofrece novidades na composición, estrutura, equilibrios e nomes. Presenza maioritaria de ministras (9 sobre 17) ou simple paridade se contamos ao presidente; novos binomios/trinomios para acción gobernamental (Educación, Política Social e Deporte; Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño; Ciencia e Innovación; Traballo e Inmigración) algúns con vocación de política estratéxica e outros como socorridos caixóns de xastre; visibilización do poder das filiais que suman votos (PSC, PSA...); e nomes para dar corpo a continuidades sabidas (De la Vega, Solbes...), agardadas (Rubalcaba, Moratinos, Cabrera), inquietantes (Álvarez, Salgado, Bermejo) ou insubstanciais (Soria, Molina). Tamén meteóricos ascensos (Chacón, Espinosa), campo novo para apostas (Garmendia, Corbacho, Aído, Corredor); un premio especial á lealdade (Sebastián que ademais suma dúas ministras da súa confianza) e dúas ausencias: unha abraiante (Caldera) e outra coñecida con notábel antelación para non ferir xerarquías nin sensibilidades (Blanco), ambos os dous, segundo os rexoubes capitalinos, aspirantes ao ministerio de Fomento.

Caldera, vítima exquisita de Lakoff


Non é doado determinar se no equipo de Zapatero –segundo os saberes de Ignacio Bao– pesan máis os rainmakers que os starsmakers ou viceversa; pero non por iso deixa de ser rechamante que a saída de Jesús Caldera sexa explicada pola súa notábel capacidade para coordinar grandes equipos. Alén diso, o novo destino de Caldera é un bo indicador de que Zapatero se tomou moi en serio as recomendacións de George Lakoff e que no PSOE é unha prioridade a ideación e o deseño de novos proxectos para o partido e para o goberno.


Na encomenda de crear unha Gran Fundación para estar na vangarda das ideas e na innovación das propostas políticas ecoan as chamadas de atención feitas en Non penses nun elefante:
  1. «Non é casual que os conservadores vaian gañando alí onde enmarcaron con éxito as cuestións máis importantes para eles. Lévannos entre trinta e corenta anos de vantaxe. E máis de dous millóns de dólares de investimentos en think tanks. E seguen pensando a longo prazo. Os progresistas, non. Os progresistas séntense tan amolados polos conservadores que só poden pensar nunha defensa inmediata. [...] Teñen que responder cada día ás iniciativas conservadoras. Sempre é igual: «Que podemos facer hoxe para quitárnolos de enriba? O que conduce a políticas reactivas, non proactivas.»
  2. Á diferenza da dereita, a esquerda non pensa estratexicamente. Nós pensamos cada cuestión por separado. En xeral, non tratamos de averiguar que cambio mínimo podemos promulgar para que produza efectos sobre varias ou moitas cuestións.»
  3. «Os progresistas teñen que considerar tamén a integración das cuestións importantes. Isto é algo no que a dereita é moi pero que moi astuta. Saben moito de iniciativas estratéxicas Unha iniciativa estratéxica é un plan no que un cambio nunha área de cuestións ben elixidas produce efectos automáticos en moitísimas outras áreas.»
  4. «A dereita sabe falar de valores. Nós temos que falar de valores.»
O panel de intelectuais que reuniu con grande éxito mediática para abeirar programaticamente a campaña electoral de Zapatero identifica o adn básico da Gran Fundación, o libro de Lakoff é un sinxelo manual de instrucións de por onde empezar a pensar. Jesús Caldera dedicará o próximo ano e medio a crear o novo enmarcamento ideolóxico do PSOE para tentar evitar que unha boa parte da cidadanía siga pensando en clave FAES, e exercerá, na sombra, como ministro de Fomento de Ideas. Débello case tanto a George Lakoff como ao seu amigo José Luís Rodríguez Zapatero.

11/04/2008

Talento e cazatalentos

Pasou pola XXV Semana de Filosofía pero non tiven tregua para poder ir escoitalo. Jorge Riechmann nacido en Madrid en 1964. Poeta, tradutor, filósofo, matemático e politólogo, pensador e activista ecosocialista da tribo de Manuel Sacristán e Francisco Fernández Buey.

En Canciones allende lo humano Riechmann formulou un principio ético fundamental: hai que tratar aos demais como un fin en si mesmo e non como medios para os nosos propios fins. Outro principio que lle gusta lembrar apóiase nunha luminosa cita de John Berger e Nella Bielski: «Un debe chamar polo seu nome a todo o que ve. Nunca se deben ignorar as consecuencias. Esa é a única posibilidade de enfrontarse á barbarie. Ver as consecuencias». As persoas como fin en si, e as persoas como elas mesmas e as súas consecuencias. Sobre esas consideracións constrúese un esixente código ético e de conduta emancipatoria.


Riechmann non lle ten medo ás palabras fortes e exprésase con claridade: «Creo que un socialismo do século XXI debe seguir ancorándose nos valores básicos de sempre: igualdade, liberdade, democracia en canto autogoberno, e engadir o valor básico de sustentabilidade ecolóxica.» Outra declaración súa que é toda unha declaración de guerra: «O capitalismo é unha orde social caníbal, e eu aspiro a deixar de devorar aos meus semellantes.»


A Riechmann préstalle vitalmente unha máxima que atopou nunha carta que Giner de los Ríos enviou en 1906 a José Castillejos: «Esperar ben pouco e traballar coma se esperásemos moito».


Cazatalentos


Ten 42 anos. Declarase liberal e católico. Casado e con dous fillos. É un dos cazatalentos de maior sona mundial. Chámase Ignacio Bao e naceu en Vigo. Ama os riscos e non lle escapa ao perigo. Ten afeccións inalcanzábeis para a maioría dos mortais: cazar feras e conducir automóbeis de custes millonarios. Como todo headhunter trafica coas capacidades e habelencias doutros.

Unha nómina de 260 présas en trece anos de oficio ao servizo de financeiros, avogados e consultores acreditan un grao de excelencia dificilmente discutíbel. A intelixencia operativa cotiza, sábeo ben, Bao calcula os seus beneficios cunha simple fórmula: a empresa que ficha ao talento págalle unha cantidade equivalente a un terzo da primeira retribución completa anual do talento, cun teito de 250.000 euros. Certificando o que cobran as pezas capturadas –«Pechei operacións nas que o talento foi fichado por un millón e medio de euros anuais»– seguro que é doado atopar milleiros e milleiros de présas dispostas a participar neste tentador safari mercantil.

Bao vive atento ás novas necesidades do mercado: «O clásico era buscar rainmakers, pero agora cotízanse máis os starmakers: o primeiro é quen logra que sucedan cousas, o segundo é quen sabe crear equipos brillantes.» Facedores de chuvia (de cartos?) ou de estrelas (de ouro?), Bao ten as ideas ben claras: «Por suposto que a xeración de negocio segue sendo vital pero o que importa agora é a capacidade de dar servizo continuo ao cliente no tempo a través do desenvolvemento do talento entre as persoas do equipo, non máis xogadores individuais que se anoten os éxitos. O que importa é que a xente este motivada por traballar para alguén que teñan como maior ambición desenvolver ao seu equipo, é dicir capaz de desenvolver estrelas, un xenuino starmaker».

Canto de proveitoso sería un debate entre Reichmann e Bao...

06/04/2008

Cazadores de cogumelos

Son moitos os que cren que a visualización da soidade do presidente Zapatero no cumio da OTAN xustifica un despido inmediato dos seus asesores de imaxe e do seu xefe de protocolo.

A fotografía é demoledora pero o vídeo aínda o é moito máis. Préstanse a un uso fácil polos adversarios e non é doado retrucar positivamente o horror vacui que coroa a súa expresión grave, desvalida e orfa de cariño.



O illacionismo foi a fórmula dos gobernantes norteamericanos para conducir a súa política exterior até a Grande Guerra. Nun mundo turbulento isolarse era un bendición para a Republica Continental dos Estados Unidos. Na actualidade, se es un Estado mínimo e de consecuencias intrascendentes, podes ficar pracidamente á marxe de todo e mesmo autoproclamarte un dos derradeiros paraísos; pero na era da globalización, a centralidade nas alianzas e facerse nodo nas redes é vital para calquera Estado e máis aínda se te andas chufando no mercado interior das autoestimas como oitava potencia mundial.

Hai mesmo quen di que o poder máis importante dos Estados é hoxe en día o seu poder relacional, moito máis relevante que as súas capacidades decisionais e executivas. Nas canchas de fútbol ese principio foi revelado xa hai tempo polo estratega Valdano que nos obrigou a pensar o xogo en termos de asociación. Un xogador é mellor canto maior é a súa capacidade de asociarse a outros. Dos actores internacionais dísenos que lle ocorre outro tanto. A política como partenariado ou a capacidade relacional do Estados é un valor en alza e non só na construción das politicas sociais e do benestar.

Como lle gusta sinalar a G. Búster, Rodríguez Zapatero prefire a xestión en frío, ou o que é o mesmo, é excelente nas xogadas a balón parado, pero as súas prestacións no xogo colaborativo son infinitamente menores.

Na truculenta política interior salvouse grazas ao talento dos industriais da imaxe que nos venderon canto poideron o seu talante dialogante, conciliador e aperturista. Tras o 11-M, a lembranza negra do Aznarato e a autocondena do Partido Popular ao ostracismo facilitaron espectacularmente o éxito da mercadotecnia do talante, mais a ruptura da tregua e a voadura da T-4 levouse por diante o bambismo como imaxe da nova política. Cando se trata de sumar, Zapatero non rende tanto.

O PSOE gañou as eleccións do 9-M e, aínda que o novo escenario non se rematou de montar, todo parece indicar que persiste esa fraxilidade estratéxica para chegar a acordos reais cos outros. Ás dificultades para sumar apoios na formación da mesa do Congreso e na elección do Bono, engadíronse as negativas para desconxestionar o Grupo Mixto. Os negociadores bateron cun PSOE inaccesíbel, convencido de que pactar é dar mostras de debilidade e que está obsesionado por non ceder fronte aos nacionalistas nin a outra esquerda un plano de visibilización política.

Enrocados nunha maioría absoluta imaxinaria están convencidos de que poden aguantar a turrada confiando unicamente nos seus apoios parlamentarios. A ficcionada maioría constrúese sobre a imposibilidade das demais forzas políticas para pechar acordos co Partido Popular. O PSOE prómetese unha lexistura feliz como resultados da correlación de debilidades e imposibilidades que ancora ás demais forzas políticas.

Os estrategos máis elásticos de Ferraz cren que neste momento toca firmeza e despois transacción, que no debate dos orzamentos de 2009 haberá que facer abondosas concesións e que por iso agora hai que blindar o cofre e pechar o micro aos que están chamados a ser futuros socios.

Os máis ríxidos cren que frear a espiral reivindicativa dos nacionalistas é o único vieiro practicábel para lograr dentro de catro anos a maioría absoluta: hai que gobernar con amplísima autonomía, transferir os custes dos posíbeis votos de castigo ás forzas que sumen os seus votos ao Partido Popular e seguir achicándolles espazos ás forzas minoritarias escenificando grandes consensos co PP. Na súa opinión o grande éxito das eleccións foi impoñer o imaxinario bipartidista e crebar a capacidade condicional de Euscadi e Cataluña na gobernabilidade do Estado. Crése en Ferraz que coidar dese logro e non dar marcha atrás é o principal activo do PSOE.

Os comunicadores filosocialistas insisten en que o acontecido no Cumio da OTAN foi simplemente un espellismo. Un dito dos ashanti advírtenos que non se debe preguntar ao cazador que tal lle foi se o ves regresar con cogumelos. Zapatero volveu de Bucarest con cogumelos e agárdanlle moitos máis cogumelos no Congreso dos Deputados.

Quizais en política exterior Zapatero non estea tan só como aparenta, pero non deberan extraviarse, na política interior está moito máis só do que os dirixentes do PSOE realmente cren. E deberían coidarse de tanta soidade estratéxica. É unha excelente ocasión para que Valdano se pase pola Moncloa e poida expoñer a súa doutrina da asociación. Iso ou a seguir cazando máis cogumelos.

05/04/2008

Leoas e cordeiros

Casa grande é sempre mala de gobernar. A estas alturas Mariano Rajoy debe estar batendo coa mesma conclusión á que chegou o shérif Ed Tom Bell: «Gobernar aos bos custa moi pouco. Pouquísimo. E aos malos non hai modo de gobernalos. Ao menos que eu saiba.» Rajoy debe demoler unha idea solidamente asentada –o PP non é un partido para os cambios– e recuperar o espírito reformista do XIII Congreso do Partido Popular de 1999, pero ambas as dúas operacións nin son doadas nin garanten, de entrada, mellores réditos electorais.

O noso paisano saldou as contas maiores co pasado e, se noutrora non tivo pena ningunha para presentarse como un continuísta sen complexos, agora non lle queda máis remedio que sumarse ás teses dun conservadorismo dinámico para introducir cambios no seu partido e no seu discurso.
Rajoy sabe que desta volta non poderá zafar cunha dose de transformismo gatopardiano e que terá que facer algo máis. Non basta con atender á melodía que a orquestra do Titanic sigue tocando en pleno naufraxio, pero outros cantos de serea achegan tamén poucas certezas e esperanzas.

Ao público e aos medios encántanlle os audaces fracasados que sempre atesouran mellores epitafios que os grises xestores das rutinas posibilistas; pero fracasar brillantemente non é o obxectivo político-vital de Mariano Rajoy, xa que para iso xa tería atendido a demanda de Elvira no balcón da derrota.


En A actitude conservadora, Michael Oakeshott tira algunhas conclusións respecto da disposición das persoas conservadoras fronte aos cambios que son inevitábeis:
  1. A innovación implica unha perda segura e unha ganancia probábel.
  2. Mentres máis se pareza a innovación ao crecemento menos posibilidades haberá de que acabe predominando a perda.
  3. A innovación que vén corrixir un defecto puntal e se deseña para compensar algún desaxuste específico é máis desexábel que a alentada por unha noción de melloramento xeral ou por unha visión de perfección.
  4. Preferirá as pequenas e limitadas innovacións ás grandes e incertas e o ritmo lento ao rápido, para poder así deterse a observar os efectos que se producen e axustar o que proceda.
  5. Estimará que a ocasión máis favorábel para a innovación é aquela na na que o cambio proxectado terá máis probabilidades de axustarse ao que pretende e menos de rematar corrompido polas consecuencias non buscadas e non controlábeis.
A guía de navegación de Oakeshott non está mal, pero tamén neste caso todo depende do estado da mar, da tripulación, do ben estivada que estea a carga reformista e do volume de lastres necesarios para dar estabilidade identitaria á nave. Segundo as certezas de todas as nais do mundo, o máis peor de todo son as malas compañías. E a Mariano non lle faltan malos, peores e pésimos compañeiros de viaxe. Polo de pronto, Rajoy a diferenza de Ulises non pediu que o atasen ao mastro, aliviouse de ataduras anteriores e parece decidido a pilotar os cambios.

Con todo, podemos adiantar unha primeira conclusión para o tránsito do Partido Popular cara ao seu XVI Congreso atendendo ao aforismo de Woody Allen: «A leoa e o cordeiro durmirán xuntos, pero o cordeiro durmirá ben pouco».

04/04/2008

Nanoliteratura

Andrés Neuman nunha substanciosa achega –El equilibrista– reúne unha presada de brillantes sentenzas e agudos microensaios. O autor valida que, tamén no que lle toca ao rexistro literario e filosófico, levaba razón E. F. Schumacher. O pequeno, á maiores de ser fermoso, pode ser dobremente intelixente.

Os aforismos de Neuman destilan ironía («Escribide mal e chamaranvos rupturistas»); felices paradoxos («A antítese sálvalle a vida á tese»); burlas brancas («Ciencias ou letras? Eu pensaría no ou») e pretas («Ao finar o pescador porá boca de peixe»); xunto con variadas formas do saber («A imaxinación completa a verdade»); utilitarios consellos («Puntúo como respiro; respiro como puntúo») ou certificacións demoledoras («Rematar unha obra é unha proeza. A única maior é comézala»).


El equilibrista
é unha excelente mostra da idea que Neuman ten da literatura: «Hai cando menos dúas formas de concibir a literatura: como se fose unha porta (un van que cruzar) ou como un cuarto (un lugar de residencia) [...] Máis que ser un lugar habitábel, para min a literatura cumpre a función das portas. Mesmo existen portas tan amplas que poden inventar cuartos.»

Sabemos ben que unha cousa é abrir unha porta e outra cousa distinta convidar a entrar. Neuman convida a entrar e mesmo a afincarnos pracenteiramente na súa breve literatura.