31/05/2008

Obituario trastempado

Pasei a derradeira semana de abril, o mes máis cruel que mestura memoria e desexo, nun non-lugar do Sur Global. Entre outras ignorancias, o silencio informativo imposto pola ausencia de xornais, radios ou tv entendíbeis ou unha internet accesíbel impediume saber á súa hora da morte de Charles Tilly.

Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.

Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.

30/05/2008

Distopía: o e-Leviathan

Internet crea redes que dan liberdade pero tamén pode armar un tramado para abafarnos. Na enxeñaría da seguridade nacional e na xestión dos medos cidadáns todo o que cae na rede é peixe, é dicir, un pretexto (s)útil para fanar liberdades.

Mike Davis reflexiona sobre os novos vixiantes virtuais: «O control real sobre os movementos da xente non precisa tanto de muros, canto de tecnoloxía. É esa unha esfera na que creo que os EEUU están máis avanzados a punto a crear unha sociedade de vixilancia total. Perry, o gobernador de Texas, autorizou a instalación de cámaras en áreas fronteirizas de tránsito habitual, as súas filmacións poden verse en directo desde Internet. Así, creou vixiantes virtuais. [...] Internet convértese nunha ameaza para a liberdade, porque pode contribuír a que todos nos convertamos en vixiantes, en opresores, en cárcere dos outros: todos somos agora carceleiros que ollan os movementos dos demais.»

Un mundo de malpocados irmanciños controlados polo Grande Irmán é terríbel. Un mundo de irmanciños que gastan a súa liberdade vixiando a liberdade doutros irmanciños en substitución do Gran Irmán é dobremente aterrador. A vella sentenza «Homo homini lupus» reeditada por un ameazante e-Leviatán é a máxima desta renovada distopía.

Brevidades

En Servabo. Memoria de final de século, Luigi Pintor ofrécenos poucas e afinadas letras para reconstruír unha biografía callada de firmes compromisos e décadas de mesta historia. Considerado por Berlinguer como a pluma «máis brillante e aguda» de Italia, Pintor traballou, entre 1945 e 1965, en L’Unita e foi fundador, en 1969, de Il Manifesto do que será director en diferentes etapas.

Un post de Brétemas sobre a lectura en pantallas e as sabidas recomendacións de acoutar os textos a esas mínimas e máxicas duascentas palabras faime lembrar a testemuña minimalista de Pintor: «Durante anos apliquei á escritura as técnicas meticulosas que se usan nun teclado. Recortaba e limaba os meus escritos publicados no xornal: interminábeis resumos de discursos alleos e tímidas probaturas personais, descubrindo que de tres liñas sempre hai unha que sobra e chegando á conclusión de que dúas páxinas (como aínda sosteño) son suficientes para esgotar calquera argumento. Agora penso que practiquei unha profesión e un tipo de existencia moi diferente do que me propuxera. Dúas páxinas acumuladas cada día no curso dos anos, como os novelescos peixiños de ouro colombianos, forman unha pila dunha altura semellante a 12.000 follas de calendario, un longo fragmento de vida.»

28/05/2008

Burke ou Lecter?

A canibalización do líder é a estratexia dominante no debate do Partido Popular. É fundamental paparlle apoios ao único candidato proclamado para ocupar a súa presidencia. Roer até deixar só os ósos limpos de Mariano. O retruque do obamaniano «Si, podemos» por un esmagador «Con Mariano non hai maneira» alenta as achegas deconstrutivas de Aguirre, Elorriaga e outros correlexionarios de afiados dentes e fames atrasadas.

Cada trabada mingua o futuro político de Rajoy que en mala hora se propuxo deixar de ser un «continuísta sen complexos» do aznarismo para recuperar o PP como proxecto de centro-reformista. Liquidar o catastrofismo como materia do labor opositor e a anatemización do diálogo cos nacionalistas como marco de imposíbeis alianzas estratéxicas representa un programa de reformismo (demasiado) forte que é agremente cualificado como liquidacionismo polos canibalizadores.

Ao PP, entregado aos apetitos desbocados de Hannibal Lecter, iríalle mellor se atendese á recomendación de Edmund Burke: «Ningún grupo pode actuar con eficacia se falta o concerto; ningún grupo pode actuar en concerto se falta a confianza; ningún grupo pode actuar con confianza se non se atopa ligado por opinións comúns, afectos comúns, intereses comúns.» Xa, pero ese fígado sanguento de Mariano resulta tan apetitoso... Ñam, ñam.