Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.
Sem comentários:
Enviar um comentário