30/05/2008

Distopía: o e-Leviathan

Internet crea redes que dan liberdade pero tamén pode armar un tramado para abafarnos. Na enxeñaría da seguridade nacional e na xestión dos medos cidadáns todo o que cae na rede é peixe, é dicir, un pretexto (s)útil para fanar liberdades.

Mike Davis reflexiona sobre os novos vixiantes virtuais: «O control real sobre os movementos da xente non precisa tanto de muros, canto de tecnoloxía. É esa unha esfera na que creo que os EEUU están máis avanzados a punto a crear unha sociedade de vixilancia total. Perry, o gobernador de Texas, autorizou a instalación de cámaras en áreas fronteirizas de tránsito habitual, as súas filmacións poden verse en directo desde Internet. Así, creou vixiantes virtuais. [...] Internet convértese nunha ameaza para a liberdade, porque pode contribuír a que todos nos convertamos en vixiantes, en opresores, en cárcere dos outros: todos somos agora carceleiros que ollan os movementos dos demais.»

Un mundo de malpocados irmanciños controlados polo Grande Irmán é terríbel. Un mundo de irmanciños que gastan a súa liberdade vixiando a liberdade doutros irmanciños en substitución do Gran Irmán é dobremente aterrador. A vella sentenza «Homo homini lupus» reeditada por un ameazante e-Leviatán é a máxima desta renovada distopía.

1 comentário:

Anónimo disse...

Hai dous ou tres argumentos a ter en conta: o Grande Irmán non ten capacidade de procesar toda esa información. É o mesmo que sucede coas cámaras de vixilancia policiais nas estacións ou nos supermercados? Vense todas? Non. Só se ven se pasa algo.

A teoría da conspiración e do Grande Irmán vixilante deberían ter presentes os límites físicos e computacionais, e saber que a realidade fode a utopía e a CSI.

Por outra parte, o que si é preocupante é esa exaltación da delación. Non tanto que haxa un que nos vixíe, senón que nós nos ergamos, todos e cada un de nós, en garantes da lei e da xustiza. Non a policización do estado, senón a policización dos cidadáns. Aí si está o problema.