28/05/2008

Burke ou Lecter?

A canibalización do líder é a estratexia dominante no debate do Partido Popular. É fundamental paparlle apoios ao único candidato proclamado para ocupar a súa presidencia. Roer até deixar só os ósos limpos de Mariano. O retruque do obamaniano «Si, podemos» por un esmagador «Con Mariano non hai maneira» alenta as achegas deconstrutivas de Aguirre, Elorriaga e outros correlexionarios de afiados dentes e fames atrasadas.

Cada trabada mingua o futuro político de Rajoy que en mala hora se propuxo deixar de ser un «continuísta sen complexos» do aznarismo para recuperar o PP como proxecto de centro-reformista. Liquidar o catastrofismo como materia do labor opositor e a anatemización do diálogo cos nacionalistas como marco de imposíbeis alianzas estratéxicas representa un programa de reformismo (demasiado) forte que é agremente cualificado como liquidacionismo polos canibalizadores.

Ao PP, entregado aos apetitos desbocados de Hannibal Lecter, iríalle mellor se atendese á recomendación de Edmund Burke: «Ningún grupo pode actuar con eficacia se falta o concerto; ningún grupo pode actuar en concerto se falta a confianza; ningún grupo pode actuar con confianza se non se atopa ligado por opinións comúns, afectos comúns, intereses comúns.» Xa, pero ese fígado sanguento de Mariano resulta tan apetitoso... Ñam, ñam.