26/06/2008
Simplicissimus
Wu Ming preséntanos as catro regras basicas do País Simple (e simplificado). Primeira Regra: Eliminar a dúbida. O País Simple é un país a priori. Segunda Regra: Reducir o mundo á verdade necesaria. X é sempre igual a X. O País Simple admite unha única identidade. Terceira Regra: Eliminar as minorías. No País Simple a democracia vai da man da maioría. Cuarta Regra: Eliminar a información. O País Simple só admite a tautoloxía.
Unha das consecuencias do proxecto ZP 2.0 quere ser a simplificación de España, o tránsito da España Plural á España Simple e a mudanza da esquerda plural na esquerda simple; ambas as súas simplificación son requerimentos necesarios para resolver a máis complexa alquimia política: pasar de ser maioría minoritaria a ser maioría absoluta.
Corremos o perigo de simplificar, pero as catro regras semella que están a tornarse nos piares comunicacionais do goberno do PSOE. [1] Non dubidaban cando afirmaban (hai tres meses) que non había crise nin agora cando se sostén que a cousa pinta fea e ben fea ou simplemente e cinicamente que é opinábel. [2] Teiman en reducir todas as alternativas á verdade necesaria: Eles gañaron as eleccións e o premio é gobernar, os demais non as gañaron (ou as perderon) e non poden condicionar a gobernalidade de ningunha maneira. Toda crítica é enterrada na lodeira da demagoxía. [3] O gasto en tensión bipartidista realizado na campaña electoral prosegue á procura da máxima simplificación e do descarte de forzas participantes nas decisións: hai unha maioría [minoritaria] e sobra cunha única minoría [a poder ser moi minorizada], as outras minorías [nacionalistas] non poden ser tomadas en conta. [4] Hai que adelgazar a información até deixala liofilizada cunha machacona repetición da mesma idea expresada en formas diferentes; eis é o cuarto esforzo supremo destes primeiros meses da nova andaina gobernamental. A idea é simple: eles son a forza do cambio, todo o demais é involución.
En medio de tanta simplicidade comeza abrirse paso unha evidencia: só cambiarán de estratexia se son forzados ao cambio. Sobra unilateralismo e falta concertación de políticas. A catálise innovadora do goberno de ZP e do PSOE está esgotada e as eleccións do 9-M non abriron un novo ciclo de reformismo forte, ao contrario, cancelaron o talante, o diálogo e a construción dunha maioría plural para a trasformación democrática do Estado e o avance político e social dos dereitos dos cidadáns. Camiño dos cen días non é que o programa sexa pobre, simplemente non hai balance. O único cambio é o triunfo dun transformismo baldeiro que conduce a ningures.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Todas esas características que encontra no PSOE, sen dúbida certas, tamén son predicables para todas, absolutamente todas as forzas políticas. Sen excepción. E tamén, cando un ten unha filiación política concreta, tende a ver no veciño todos os vicios e nun mesmo todas as virtudes. Igualmente sen excepción. Só desde a distancia se pode analizar distanciadamente (o que non quere dicir que se acerte, que ese é outro cantar).
Un saúdo e parabéns por un blog tan intelixente.
Enviar um comentário