30/06/2008

Libros, búmerangs e patinadores

Sergio Ramírez decidiuse a encadernar as entradas do blog que aniña en boomeran(g). A edición de Alfaguara compila desde o posteado inaugural de xaneiro de 2007 até os de xaneiro do presente 2008, pouco máis dun ano de creación dixital na que se suman 228 pezas. A papelización do blog ofrécenos un «libro duplicado», como tería a ben cualificalo Calidonia, sen maiores engadidos que un prefacio onde Ramírez repara nos vellos e novos instrumentos da escritura e o transcendental cambio –cultural, crítico e democrático– que significa poder tirar libremente botellas ao mar dixital que inventou Internet.

A preguiza editorial podería ter sido vencida para achegarnos (aínda que só fose) un índice onomástico e temático para facilitar outras lecturas e procuras diferentes da simple sucesión cronolóxica dos textos. Elixiuse unha económica e simple transposición de contidos cara outro soporte; con todo, ademais de ser «outra obra de arte xenerosamente agasallada aos editores para a súa [proveitosa] comercialización», Cuando todos hablamos é tamén unha sorte de libro búmerang e a traxectoria da súa lectura condúcenos inevitabelmente ao punto de partida xa que quen guste do libro procurará a ligazón case diaria co blog e a web do escritor de Masatepe.

Do blog ao libro e do libro ao blog; xogo de pantalla-papel-pantalla que serve para fidelizar lectores e para ampliar o seu número, pero sobre todo para subliñar que, cada vez máis, o labor do editor orixinal repousa fundamentalmente no coidado do contido e non na natureza formal do soporte, de xeito que a súa tarefa nuclear é a busca de contidos que poidan ser conxugados en diferentes formatos, facilitando o seu nomadeo dun medio a outro e lograr deste xeito unha distribución cada vez máis porosa, capilar e estendida.

Na actualidade, a tea de araña que tecen autores, axentes literarios e editores vese obrigada a ter unha estrutura multimedia. Son precisos diferentes ganapáns para atrapar distintos graos de atención literaria: puntuais, seriados, compactos, volateis, liquidos ou solidamente fidelizados. Máis preto de nós, a edición en triplo soporte –papel-prensa, xornal dixital e libro– de Os grouchos de Manuel Rivas abonda intelixentemente nesta estratexia relacional e multimediática. Os que gustamos do grouchos de Rivas temos así numerosas baiucas editoriais onde catalos.

Necesítanse soportes, diferentes e complementarios, para sumar á audiencia a novos lectores cada vez máis sometidos aos rigores dunha atención parcial continua que se impón como consecuencia da cultura dixital. Como salienta Vicente Verdú, «os nativos da era dixital compoñen un grupo diferente de consumos e coñecementos, tamén de acelerado consumo do coñecemento [...] Os suxeitos da era dixital non son máis parvos pero si máis superficiais, animais patinadores. As novas tecnoloxías formáronlles un cerebro tendente a gañar axilidade e recordar menos, a viaxar moito sen afondar en ningures». Canto máis se multipliquen as formas de presenza dun contido máis doado que entre no campo de atención do animal patinador e máis posibilidades haberá de que deteña a súa veloz marcha para entregarse a súa lectura ou botar un groucho.

Sem comentários: