03/07/2008

Palabra sen dono

Na súa comparecencia forzosa para render contas da súa política fronte á crise económica, Rodríguez Zapatero deixou pasar unha inmellorábel ocasión para ser recoñecido como «o dono das palabras». Ese dominio verbal absoluto que permite atribuirlle ás palabras un significado cambiante, tuneado de acordo coas preferencias e caprichos, era un dos comportamentos políticos e mediáticos que máis engaiolaban ao finado Manuel Vázquez Montalbán.

Humpty-Dumpty


O texto fundacional desta estratexia comunicacional, como lle gustaba recordar a Montalbán, é o diálogo entre Alicia e Humpty-Dumpty recollido en Alicia a través do espello:
—Cando uso unha palabra –insistiu Humpty-Dumpty cun ton de voz máis ben desdeñoso– quere dicir o que eu quero que diga..., nin máis nin menos.

—A cuestión –insistiu Alicia– é se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.

—A cuestión –sentenciou de vez Humpty-Dumpty– é saber quen é o que manda..., iso é todo.
Agocharse das palabras

Onte ZP non se atreveu a exercer como Humpty-Dumpty para apropiarse da palabra «crise» e atribuirlle o significado que mellor lle petase nesta ocasión. Como xa fixo nun cínico adianto dominical en El País, negou a maior e proscribiu do seu vocabulario a palabra maldita. Se non a nomeas non existe. A mediados de xaneiro deste ano Rodríguez Zapatero sentenciou que falar de crise é «unha falacia, puro catastrofismo» e a súa actuación de onte escenificou, con menor credibilidade e capacidade de convicción, esa mesma mensaxe.

A psiquiatra Lydie Salvayre documentou entre os poboadores novos das banlieues parisienses o que é unha manifestación extrema de impotencia cognitiva: «O que máis me conmove dos mozos é que non teñen palabras, é terríbel; non saben poñer palabras ao seu desamparo.»


Para desconsolo do Presidente Zapatero a xente do común é perfectamente capaz de dar cunha palabra que identifica a situación económica que comeza a padecer. A palabra é crise.


Nin palabras, nin ideas


O que unha inmensa maioría dos cidadáns percibe, denomina e comeza a vivir como unha aguda crise das súas economías familiares converteuse onte grazas á impotencia cognitiva do Presidente Zapatero nun «axuste severo», nunha «tendencia á baixa», en «serias dificultades», nun «deterioro» ou «empeoramento», en «tempos difíciles e complicados»...


A comparecencia presidencial foi moito máis que un triunfo esmagador do eufemismo. George Lakoff, un dos actuais pensadores de maior crédito no PSOE, escribiu: «Cando pensas que o único que te falta son palabras, o que realmente te faltan son ideas.» A cruel lección é que Rodríguez Zapatero non foi quen de pronunciar a palabra crise porque carece de ideas para enfrontar a crise. Humpty-Dumpty seguro que sería moito máis audaz, falaría de crise que sería definida como «unha molestia livián, transitoria e necesaria para acadar maiores cotas de prosperidade, benestar e riqueza». Nin máis, nin menos.

4 comentários:

Anónimo disse...

Zapatero revela o que non ten dentro e, daquela, pon proa cara ao neoconservadurismo e as súas receitas. Ignorante, diría eu.

E dentro do BNG, cales son os pensadores con maior crédito?

Luís Emilio disse...

Ten razón no de Zapatero. Pero iso non é nada novo. Ningún político de calquera lugar do mundo, sen excepcións, recoñece algo se non lle convén. Os exemplos podían ser infinitos.

A min tamén me gustaría coñecer a resposta á pregunta do anterior intervinte.

L&M disse...

pois em quanto chegue á casa vou aplicar o Humpty-Dumpty...

Reformar Baño disse...

empresa de reformas en madrid

precio y ofertas de reformas

empresa de reformas

reformar cocina en madrid

reformas

presupuesto reformas

reformar local comercial en madrid

reformar baño en madrid

reformar casa en madrid

reformar cocina

reformar baño

reformar casa

reformar local comercial

reformar piso en madrid

empresa de reformas

reformar piso en madrid